Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Martes, 08 de agosto de 1995 Páx. 6.299

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 28 xullo de 1995 pola que se desenvolve o Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas.

De acordo co Decreto 228/1994, do 14 de xullo, que regula a actividade das federacións deportivas galegas, é necesario desenvolve-la normativa para a súa execución e aplicación, sen prexuízo da competencia normal das propias federacións para establecer, dentro do marco legal, os seus propios regulamentos e en virtude das facultades que me outorga a disposición final primeira do referido decreto, ordeno:

Capítulo I

Constitución das federacións deportivas galegas

Sección 1

Creación e constitución

Artigo1º

A constitución dunha nova federación deportiva galega producirase:

a) Pola súa creación «ex novo».

b) Por segregación doutra federación.

c) Por fusión de dúas ou varias preexistentes.

Artigo 2º

2.1.-A creación e constitución dunha federación deportiva galega requirirá o cumprimento das seguintes condicións:

a) Existencia dunha modalidade deportiva oficialmente recoñecida pola Secretaría Xeral para o Deporte, logo de informe da Escola Galega do Deporte.

b) Xustificación da inexistencia dunha federación deportiva galega correspondente á modalidade deportiva de que se trate, ou da necesidade de segregarse dunha federación xa existente.

c) Outorgamento ante notario da acta fundacional subscrita como mínimo por 15 clubes deportivos da mesma, dos cales a actividade e domicilio radiquen polo menos en 3 provincias da Comunidade Autónoma galega.

d) Documentación acreditativa de que se conta co apoio de máis do 50% dos clubes desa modalidade inscritos no Rexistro de Clubes, Federacións e Entidades Deportivas de Galicia.

e) Proxecto de estatutos, axustados á normativa autonómica vixente, que consideren a posibilidade de integra-las persoas enumeradas no artigo 1 do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas.

f) Resolución da Secretaría Xeral para o Deporte na que se autoriza a constitución e inscrición da federación e se aproben os seus estatutos.

g) Inscrición no Rexistro de Clubes, Federacións e Entidades Deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte.

2.2.-No suposto de incorporación dunha nova especialidade deportiva será necesario ademais do acordo favorable da asemblea xeral da federación deportiva galega orixinaria, a súa ratificación pola Secretaría Xeral para o Deporte.

2.3.-Cando non se cumpran os requisitos do artigo 2.1º da presente orde, poderanse constituír asociacións de clubes de ámbito autonómico co obxecto de desenvolver actividades deportivas naquelas modalidades ou especialidades non previstas polas federacións deportivas galegas.

Artigo 3º

Para a autorización ou denegación da constitución dunha federación deportiva galega teranse en conta os seguintes criterios:

a) O interese deportivo autonómico, nacional ou internacional da modalidade.

b) A implantación real da modalidade deportiva no territorio da Comunidade Autónoma galega, así como a súa extensión.

c) Existencia dunha federación nacional ou internacional da modalidade en cuestión, recoñecida ou non polo Comité Olímpico Internacional (COI).

Artigo 4º

4.1.-As federacións deportivas galegas, unha vez recoñecidas oficialmente pola Secretaría Xeral para o Deporte, ostentarán a representación galega dese deporte.

Os clubes deportivos federados quedarán obrigados a facilitar á federación respectiva a asistencia dos seus deportistas ás convocatorias que teñan lugar para a preparación e participación nas competicións oficiais programadas das seleccións galegas.

4.2.-As federacións non poderán solicitar, comprometer ou organizar actividades ou competicións oficiais de carácter nacional ou internacional sen a previa consulta á Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 5º

5.1.-No caso de que desaparecesen as condicións que deron lugar ó recoñecemento dunha federación deportiva galega, ou a Secretaría Xeral para o Deporte considere que se incumpren os obxectivos para os que foi creada, instruirase un procedemento no que será oída a federación afectada, dirixido á revogación do seu recoñecemento.

A Secretaría Xeral para o Deporte resolverá motivadamente sobre tal revogación.

5.2.-A revogación levará aparellada a desinscrición da federación no Rexistro de Clubes, Federacións e Entidades Deportivas de Galicia.

5.3.-Contra as resolucións da Secretaría Xeral para o Deporte sobre o recoñecemento, inscrición e revogación das federacións deportivas galegas, poderase interpoñer recurso ordinario ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 6º

As federacións deportivas galegas extínguense polas seguintes causas:

a) Polas previstas non seus propios estatutos.

b) Pola revogación do seu recoñecemento.

c) Por resolución xudicial.

d) Por integración noutras federacións.

e) Polas demais causas previstas no ordenamento xurídico xeral.

Capítulo II

Estatutos

Artigo 7º

Os estatutos das federacións deportivas galegas deberán regular, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Denominación da federación.

b) O domicilio, que deberá fixarse dentro do territorio de Galicia.

c) Modalidade ou, se é o caso, especialidades deportivas de promoción e desenvolvemento específico que atenden, así como a súa representación na asemblea xeral.

d) Requisitos para ser membro da federación. Dereitos e deberes deles.

e) Estructura territorial.

f) Órganos de representación, goberno e administración: composición, sistema de elección, funcionamento, competencias e responsabilidade dos seus membros.

g) Causas de cesamento dos titulares dos órganos federativos de goberno e representación entre os que se incluirá a moción de censura ó presidente. A moción de censura será constructiva.

h) Réxime de funcionamento en xeral e, en particular, a adopción de acordos dos seus órganos colexiados e a súa impugnación, que deberá de axustarse ós principios democráticos.

i) Réxime económico-financeiro e patrimonial que deberá precisa-lo carácter, procedencia, administración e destino de tódolos seus recursos.

j) Réxime documental da federación, que incluirá como mínimo libro de actas dos órganos de goberno e representación, libros de contabilidade, libro ou rexistro dos clubes e asociacións afiliadas, e libro-inventario dos bens mobles e inmobles, todos eles debidamente dilixenciados.

k) Réxime disciplinario.

l) Procedemento para a aprobación e reforma dos seus estatutos e regulamentos.

m) As cuestións que os seus propios usos e costumes introduciran regularmente.

n) Causas de extinción e disolución da federación.

Artigo 8º

Os estatutos das federacións deportivas galegas e as súas modificacións publicaranse no prazo máximo de dous meses a partir da súa aprobación pola Secretaría Xeral para o Deporte, no Diario Oficial de Galicia.

As demais normas regulamentarias depositaranse na Secretaría Xeral para o Deporte.

Capítulo III

Órganos de goberno e representación

Sección 1

Normas xerais

Artigo 9º

a) Son órganos de goberno e representación das federacións deportivas galegas, con carácter necesario, a asemblea xeral e o presidente.

No seo da asemblea xeral deberá constituírse unha comisión delegada, de asistencia á mesma.

b) Os estatutos preverán necesariamente, como órgano complementario dos de goberno e representación, un secretario da federación.

c) Os estatutos poderán prever como órganos complementarios dos de goberno e representación unha xunta directiva e un tesoureiro, para asisti-lo presidente.

d) Serán órganos electivos o presidente, a asemblea xeral e a súa comisión delegada. Os membros dos demais órganos serán designados e revogados libremente polo presidente.

Artigo 10º

O nomeamento ou a renovación dos membros dos órganos de goberno e representación, dos órganos complementarios e dos comités que puideran crearse dentro das federacións deportivas galegas, deberán ser comunicados a tódolos membros da asemblea xeral e á Secretaría Xeral para o Deporte nun prazo máximo de 15 días a partir da data do nomeamento.

Sección 2

Asemblea xeral

Artigo 11º

A asemblea xeral é o órgano superior das federacións deportivas galegas, no que estarán representados os seguintes estamentos:

a) Deportistas.

b) Entidades deportivas inscritas na federación, e no Rexistro de Clubes, Federacións e Entidades Deportivas.

c) Xuíces e árbitros.

d) Técnicos.

e) Outros colectivos, segundo o previsto no artigo 1 apartado 1, do decreto regulador das federacións deportivas galegas.

Artigo 12º

1.-Na asemblea xeral terán a consideración de electores e elexibles en representación dos estamentos recollidos no artigo anterior:

a) Os deportistas maiores de idade e en pleno exercicio dos seus dereitos civís, que teñan licencia en vigor, expedida ata o momento da convocatoria das eleccións e a tiveran durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades da correspondente modalidade deportiva de carácter oficial. Naquelas modalidades onde non exista competición ou actividade do dito carácter bastará estar en posesión da licencia federativa e os requisitos de capacidade mencionados.

b) As entidades deportivas inscritas na respectiva federación, nas mesmas circunstancias que as sinaladas no apartado anterior.

c) Os técnicos con titulación oficialmente recoñecida, xuíces e árbitros, e outros colectivos interesados, así mesmo en idénticas circunstancias ás sinaladas no así mesmo citado parágrafo a).

2.-Os membros da asemblea xeral formarán parte dela mentres cumpran os requisitos polos que foron elixidos no seu respectivo estamento. Se se produce unha vacante será cuberta co seguinte candidato máis votado.

Artigo 13º

13.1.-A representación na asemblea xeral dos distintos estamentos, de acordo co establecido no artigo 11º da presente orde, responderá ás seguintes proporcións:

Entidades deportivas inscritas na federación, entre as que se inclúen as sociedades anónimas deportivas, entre un 60% e un 75%.

Deportistas, ata un máximo dun 20%.

Técnicos, ata un máximo dun 5%.

Xuíces e árbitros, ata un máximo dun 5%.

Outros colectivos se os houbera, ata un máximo dun 10%.

13.2.-O número de membros da asemblea xeral fixarase na convocatoria de eleccións á mesma.

Artigo 14º

Corresponde á asemblea xeral, en reunión plenaria, con carácter necesario e independente do asignado nos estatutos:

a) A aprobación do orzamento anual e a súa liquidación.

b) A aprobación do calendario deportivo e das bases e regulamentos que rexerán a competición.

c) A aprobación dos regulamentos.

d) A aprobación e modificación dos seus estatutos.

e) A elección e cesamento do presidente.

Artigo 15º

15.1.-As reunións da asemblea xeral axustaranse ó seguinte réxime:

a) A asemblea xeral reunirase unha vez ó ano, necesariamente antes de comeza-la nova tempada deportiva, en sesión ordinaria para os fins da súa competencia e como mínimo para a aprobación do novo orzamento e liquidación do anterior, aprobación do calendario deportivo, e das bases ou regulamentos que rexerán a competición e para a aprobación da memoria de actividades anuais.

b) As demais reunións terán carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente, ou a proposta dun número de membros da asemblea non inferior ó 25%.

Presentada a solicitude de convocatoria por un número de membros suficiente, o presidente deberá convocala necesariamente no prazo de 10 días naturais. Desde a convocatoria ata a data de celebración da asemblea non poderán transcorrer máis de 20 días naturais.

c) A convocatoria, que deberá conte-la orde do día da reunión, farase pública no taboleiro de anuncios da federación e nas delegacións territoriais con 10 días de antelación á data da celebración. En todo caso notificarase individualmente a cada un dos membros da asemblea, por calquera medio que permita ter constancia da data de recepción da mesma, cunha antelación mínima de 48 horas.

d) No defecto de previsión estatutaria, a asemblea xeral quedará validamente constituída cando concorran na primeira convocatoria a metade máis un dos seus membros, e na segunda convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde, calquera que sexa o número de asistentes.

15.2.-Co fin de garanti-lo cumprimento efectivo das funcións encomendadas ás federacións deportivas galegas, a Secretaría Xeral para o Deporte convocará a asemblea xeral ou a comisión delegada, para o debate e resolución, se procede, de asuntos ou cuestións determinadas, cando aquelas non foran convocadas por quen ten a obriga estatutaria ou legal de facelo no tempo regulamentario.

15.3.-O voto será persoal. Non se admitirá a delegación de voto agás o correspondente ós clubes deportivos que poderá exercelo o seu presidente ou a persoa na que el delegue, sempre que non sexa membro da asemblea da federación, de acordo cos seus propios estatutos con carácter expreso e escrito para cada reunión. Ninguén poderá ostentar máis de unha delegación de voto.

Artigo 16º

16.1.-Os seus membros serán elixidos cada 4 anos, por sufraxio libre, igual, directo e secreto, entre e

polos compoñentes de cada estamento, de acordo coa proporción que se estableza nos estatutos da federación, coincidindo cos anos dos xogos olímpicos de inverno, agás que concorran causas excepcionais que deberán ser autorizadas pola Secretaría Xeral para o Deporte a través da publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente resolución.

16.2.-A asemblea xeral poderase reunir en pleno ou en comisión delegada.

Sección 3

Comisión delegada

Artigo 17º

17.1.-A comisión delegada será elixida entre e pola asemblea xeral mediante sufraxio entre os seus membros. O seu mandato coincidirá co da asemblea xeral.

17.2.-O número de membros da comisión delegada será o 15% dos membros da asemblea xeral. En ningún caso este número será inferior a 5 nin superior a 15.

17.3.-Se se producise algunha vacante cubriríase co seguinte candidato máis votado.

17.4.-O presidente da federación convocará a comisión delegada, que se reunirá, como mínimo cada 4 meses para os fins da súa competencia e polo menos para realiza-lo seguimento da xestión deportiva e económica da federación.

Artigo 18º

Corresponde á comisión delegada da asemblea xeral, con independencia do que poida serlle asignado nos estatutos federativos:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos e dos regulamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da federación.

As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a propia asemblea xeral estableza.

A proposta sobre os temas que se van tratar na comisión corresponde exclusivamente ó presidente ou a dous tercios dos membros da comisión delegada.

Sección 4

O presidente

Artigo 19º

19.1.-O presidente é o órgano executivo das federacións deportivas galegas. Ostenta a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno e representación, e executa os acordos destes.

19.2.-Será elixido cada catro anos por sufraxio libre, igual, directo e secreto, polos membros da asemblea xeral, coincidindo cos anos dos xogos olímpicos de inverno, agás que concorran causas excepcionais que deberán ser autorizadas pola Secretaría Xeral para

o Deporte a través da publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente resolución.

19.3.-Os candidatos, que poderán non ser membros da asemblea xeral, deberán avala-la presentación da súa candidatura, mediante a sinatura de, polo menos o 10% dos membros da asemblea.

19.4.-Será elixido presidente o candidato que obteña a maioría absoluta dos votos emitidos. No caso de que ningún candidato alcance esta maioría procederase a unha segunda votación entre os dous candidatos máis votados, resultando elixido o que obteña a maioría de votos.

19.5.-O presidente gozará de voto de calidade, no caso de empate, naquelas decisións que deban adopta-los órganos que preside.

19.6.-Para poder ser candidato a presidente ou membro da xunta directiva dunha federación deportiva galega haberá que reuni-las condicións seguintes:

a) Te-la condición política de galego segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.

b) Ser maior de idade.

c) Estar en pleno uso dos dereitos civís.

d) Non ter incorrido en ningunha sanción deportiva que o inhabilite.

19.7.-A persoa que resulte elixida como presidente da federación deportiva galega ten que cesar en todo tipo de actividades técnicas e directivas no deporte específico e no ámbito territorial da federación galega correspondente.

Sección 5

Xunta directiva

Artigo 20º

20.1.-A xunta directiva será o órgano colexiado de xestión das federacións deportivas galegas, sendo os seus membros designados e revogados libremente polo presidente, que a presidirá.

20.2.-Formarana un número de membros non inferior a 5 nin superior a 15.

20.3.-Os membros da xunta directiva que non o sexan da asemblea xeral, terán acceso ás sesións da mesma, con dereito a voz pero sen voto.

Artigo 21º

Tódolos cargos son honoríficos e, en caso extraordinario, cando se estableza unha compensación económica xustificada a favor dalgún dos membros da xunta directiva, ten que ser expresamente acordada por maioría absoluta da asemblea xeral e constar de maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a federación.

Sección 6

O secretario e o tesoureiro

Artigo 22º

O presidente da federación deportiva galega nomeará a un secretario, que poderá ser membro da xunta directiva, se así se recolle nos estatutos, o cal exercerá as funcións de fedatario e asesor, e máis especificamente:

a) Levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representación das federacións, con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultado das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

Os votos contrarios ó acordo adoptado ou as abstencións motivadas eximirán das responsabilidades que puideran derivarse, se fora o caso, dos acordos dos órganos colexiados.

b) Expedi-las certificacións oportunas dos acordos dos órganos de goberno e representación.

c) Remitir á Secretaría Xeral para o Deporte as actas das reunións da asemblea xeral e da comisión delegada no prazo de 15 días desde a data da súa celebración.

d) Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da federación ou lle sexan delegadas polo presidente.

Artigo 23º

O tesoureiro da federación é o órgano de administración dela.

Exercerá como funcións propias:

a) Leva-la contabilidade da federación.

b) Exerce-la inspección económica de tódolos órganos da federación.

c) Elaborar e presentar balances á comisión delegada do estado contable da federación.

d) Calquera outra función que lle encomenden os estatutos e regulamentos da federación.

No caso de que nalgunha federación non exista tesoureiro, o presidente da mesma será o responsable de exercer estas funcións, podendo delegalas na persoa que considere oportuno.

Capítulo IV

Comités

Artigo 24º

24.1.-En cada federación deportiva galega poderán constituírse cantos comités se consideren necesarios.

24.2.-Cando os comités atendan ó desenvolvemento dunha especialidade deportiva específica amparada pola federación, a designación dos seus presidentes efectuarase por proposta dos colectivos ou estamentos interesados.

24.3.-Os demais presidentes serán designados polo presidente da federación. Nos regulamentos federativos reflectirase o funcionamento, composición e competencias destes comités.

Artigo 25º

25.1.-No seo da federación deportiva galega constituirase, de maneira obrigatoria, un comité de xuíces ou árbitros; o presidente do mesmo será designado polo presidente da federación.

25.2.-Este comité poderá adopta-la estructura territorial da federación.

Artigo 26º

Serán funcións deste comité:

a) Establece-los niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente, en función de criterios prefixados pola asemblea xeral ós xuíces ou árbitros, propoñendo á xunta directiva a adscrición ás categorías correspondentes. Estas clasificacións comunicaranse á asemblea xeral.

c) Propoñe-los candidatos a xuíces ou árbitros nacionais.

d) Propoñer á xunta directiva as normas administrativas que regulan a arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola asemblea xeral.

e) Designa-los colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos órganos competentes da federación respectiva na formación de xuíces e árbitros.

Capítulo V

Réxime económico

Artigo 27º

27.1.-O orzamento deberá elaborarse anualmente correspondendo a súa aprobación á asemblea xeral.

27.2.-As federacións deportivas galegas non poderán aprobar orzamentos deficitarios, excepcionalmente a Secretaría Xeral para o Deporte poderá autoriza-lo carácter deficitario de tales orzamentos.

Artigo 28º

As federacións deportivas galegas teñen o seu propio réxime de administración e xestión de orzamento e patrimonio, séndolles de aplicación, en todo caso, as seguintes regras:

a) Poden promover e organizar actividades e competicións deportivas dirixidas ó público, debendo aplica-los beneficios económicos, se os houbese, ó desenvolvemento do seu obxecto social.

b) Poden gravar e allea-los seus bens inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, sempre que os ditos negocios xurídicos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da entidade ou do seu obxecto social. En todo caso cando a súa contía sobrepase o 25% do orzamento anual da federación, ademais do acordo da asemblea xeral será

imprescindible informe favorable da Secretaría Xeral para o Deporte.

Cando se trate de bens inmobles que fosen financiados en todo ou en parte, con fondos públicos da Comunidade Autónoma galega, será preceptiva a autorización da Secretaría Xeral para o Deporte para o seu gravame ou alleamento.

c) Poden exercer, complementariamente, actividades de carácter industrial, comercial, profesional ou de servicios e destina-los seus bens e recursos ós mesmos obxectivos deportivos, pero en ningún caso poderán repartir beneficios entre os seus membros.

d) Non poderán comprometer gastos de carácter plurianual, no seu período de mandato , sen autorización previa da Secretaría Xeral para o Deporte, cando o gasto anual comprometido supere o 10% do seu orzamento ou sobrepase o período de mandato do presidente.

Artigo 29º

As federacións deportivas galegas elaborarán unha memoria na que se incluirá a liquidación do orzamento que analizará fielmente a actividade económica da federación, a súa adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proxectos a desenvolver, e informar separadamente como mínimo sobre os seguintes aspectos:

29.1.-Diferenciación dos ingresos e aportacións segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou aportacións privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos para servicios prestados pola federación, permisos, licencias e outros.

f) Ingresos financeiros.

29.2.-Tamén constará o destino da totalidade dos recursos, distinguindo como mínimo os grupos de custo ou investimentos seguintes:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servicios da directiva, incluíndo viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubes e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construccións e outros inmobilizados.

g) Formación de deportistas e técnicos.

h) Deportes de élite e profesional.

i) Árbitros.

j) Órganos xurisdiccionais.

29.3 a) O importe das obrigacións de pagamento que é necesario satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.

b) O importe das garantías e os avais comprometidos.

29.4.-A liquidación do orzamento, que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea anterior.

Artigo 30º

A requirimento da Secretaría Xeral para o Deporte, nas condicións que esta determine, as federacións deportivas galegas deberán someterse á inspección do seu réxime documental establecido no artigo 7º j) da presente orde, así como auditorías financeiras sobre a totalidade dos seus gastos.

Artigo 31º

As contas anuais e os orzamentos teñen que estar no domicilio social da federación cunha antelación mínima de 15 días á celebración da asemblea, á disposición das persoas ou entidades con dereito a voto, as cales poderán pedir copia que se lles entregará antes da celebración da asemblea.

Artigo 32º

En caso de disolución dunha federación deportiva galega, o seu patrimonio neto, se o houbera, aplicarase á realización de actividades análogas, determinándose pola Secretaría Xeral para o Deporte o seu destino concreto.

Capítulo VI

Réxime disciplinario

Artigo 33º

As federacións deportivas galegas en materia de disciplina deportiva teñen potestade sobre tódalas persoas que formen parte da súa estructura orgánica, os clubes deportivos e os seus deportistas, técnicos e directivos, os xuíces e árbitros, e, en xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolvan a actividade deportiva correspondente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 34º

A potestade disciplinaria deberá exercerse no marco do establecido na Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte, e Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva e polas disposicións federativas aprobadas conforme a elas.

Artigo 35º

As federacións deportivas galegas regularán nos seus estatutos a composición e funcionamento dos órganos competentes en materia disciplinaria, que serán:

a) En primeira instancia un comité de competición ou xuíz único.

b) En segunda instancia un comité de apelación.

Artigo 36º

Contra as resolucións definitivas das federacións en materia disciplinaria cabe recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Capítulo VII

Réxime electoral

Artigo 37º

A elección do presidente dunha federación deportiva galega levarase a cabo mediante convocatoria acordada pola asemblea extraordinaria; na orde do día constará o procedemento a seguir para a elección e o nomeamento da xunta electoral, que estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes que se elixirán entre persoas que non sexan candidatos, en elección libre, directa, igual e secreta, de acordo cos estatutos de cada federación, ratificados pola Secretaría Xeral para o Deporte e aprobadas previamente pola asemblea xeral en sesión extraordinaria.

Artigo 38º

38.1.-Os regulamentos electorais das federacións deportivas galegas regularán, cando menos, as seguintes cuestións:

a) Número de membros da asemblea e distribución dos mesmos por estamentos, de acordo co establecido nos estatutos de cada federación.

b) Circunscricións electorais, se é o caso, e número de representantes de cada estamento por cada unha delas.

c) Calendario electoral: prazos, presentación e proclamación de candidatos, así como o sistema de desempate.

d) Censo electoral.

e) Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral.

f) Procedemento de resolución de conflictos e reclamacións, que deberán resolverse sen dilación.

g) Recursos electorais.

h) Composición, competencia e funcionamento das mesas electorais.

i) Elección do presidente, de acordo co previsto no artigo 19º da presente orde.

j) Elección da comisión delegada da asemblea.

38.2.-No momento da apertura do prazo para a presentación de candidaturas á elección de presidente, deberá estar publicada a relación dos membros elixidos para a asemblea xeral. O prazo de presentación de candidaturas para a elección do presidente non poderá ser inferior a dez días naturais.

38.3.-O presidente da federación e os membros da comisión delegada serán elixidos na primeira reunión da nova asemblea xeral.

Artigo 39º

Aprobado o regulamento de elección, as xuntas directivas procederán no prazo sinalado no mesmo, á convocatoria de eleccións da asemblea xeral. A partir dese momento, as ditas xuntas directivas constituiranse en comisións xestoras das súas respectivas federacións deportivas galegas.

O prazo de ratificación pola Secretaría Xeral para o Deporte dos regulamentos electorais fíxase nun mes desde a súa presentación á mesma.

Artigo 40º

A comisión xestora garantirá a máxima difusión e publicidade das convocatorias de elección á asemblea xeral e ó presidente, así como o regulamento de eleccións coas medidas previstas nas disposicións federativas, a través dun medio que permita asegurar a recepción da dita notificación. Deberá expoñerse o regulamento en cada circunscrición electoral o mesmo día da convocatoria.

Artigo 41º

As eleccións serán controladas pola xunta electoral e os interventores designados polos candidatos, que levantarán acta unha vez finalizada a votación e o reconto. A dita acta debidamente certificada remitirase á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo de 3 días.

Artigo 42º

42.1.-No suposto de que se presentara un só candidato, non se efectuará votación e o secretario xeral para o Deporte ou a persoa na que el delegue proclamará presidente a este candidato, á vista da acta da xunta electoral.

42.2.-Se non se presenta ningunha candidatura ou non é válida ningunha das presentadas, a xunta directiva constituída en comisión xestora administrará a federación e convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de 3 meses.

Artigo 43º

Contra as resolucións ou acordos das xuntas electorais de cada federación pódese interpoñer recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para acollerse ós beneficios recollidos na Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral, os libros ós que se refire o artigo 7º j) da presente orde deberán legalizarse no rexistro mercantil da provincia correspondente ó seu domicilio social.

Especial atención deberá terse cos libros de actas que se legalizarán en branco ó igual que o resto dos libros, no caso de levarse a contabilidade manual.

Segunda.-Serán de aplicación os preceptos desta orde ás asociacións de clubes deportivos ás que se refire o artigo 2º.3 da mesma.

Disposicións transitorias

Primeira.-As actuais federacións dispoñen de 4 meses a partir da entrada en vigor da presente orde para solicitar da Secretaría Xeral para o Deporte a aprobación dos seus novos estatutos e a inscrición no rexistro correspondente.

Segunda.-Co fin de adopta-los períodos electorais á presente orde, o actual mandato finalizará o 31 de

decembro do presente, data na que necesariamente estará aprobado o calendario electoral

Terceira.-Procederase de oficio á incoación dun expediente de cancelación da inscrición rexistral das federacións deportivas galegas que dentro dos prazos que prevé a disposición transitoria primeira non efectuaran a súa adaptación ás prescricións desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Ningunha federación poderá introducir nos seus estatutos ou regulamentos cláusulas contrarias ó texto da presente orde.

Segunda.-Queda derrogada a Orde do 9 de setembro de 1983 que desenvolve as normas polas que se regula a constitución, as actividades e o funcionamento das federacións deportivas galegas.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa aprobación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

5458