Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Mércores, 26 de xullo de 1995 Páx. 5.931

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 16 de marzo de 1995 pola que se adecúan os procedementos administrativos universitarios á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, establece na súa disposición adicional terceira, segundo a redacción dada a esta polo Real decreto-lei 14/1993, do 4 de agosto que se adecuarán a ela as normas reguladoras dos distintos procedementos administrativos, calquera que sexa a súa catergoría, e sinalando expresamente os efectos estimatorios ou desestimatorios que se produzan pola falta de resolución expresa.

A entrada en vigor do mecanismo das resolucións presuntas desde o 28 de agosto de 1994, fai necesario determinar, respecto de cada procedemento, os prazos para resolver e os efectos desestimatorios ou estimatorios que a falta de resolución expresa produce.

Con tal fin e co obxecto de facilitarlles ós administrados un mellor coñecemento dos seus dereitos e de garantirlles unha maior seguridade xurídica, examinados os procedementos administrativos nos que intervén a Universidade de Santiago de Compostela e de acordo coa disposición adicional terceria e co artigo 43.5º da devandita lei, efectúase a adecuación dos procedementos administrativos que se tramitan na Universidade de Santiago de Compostela á Lei 30/1992, do 26 de novembro, nos seguintes térmos:

1.-Prazos para resolver e efectos da falta de resolución expresa.

Os procedementos universitarios que se detallan no anexo deberán ser resoltos no prazo máximo indicado nel.

Transcorrido o prazo máximo para resolve-lo procedemento sen que recaese resolución expresa, poderase entender estimada ou desestimada a solicitude, de acordo co establecido para cada suposto no anexo, requiríndose, para a eficacia das resolucións presuntas, a certificación prevista no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2.-Recursos.

As resolucións do rector e os acordos do Claustro Universitario, da Xunta de Goberno e do Consello Social esgotan a vía administrativa e serán impugnables directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

As resolucións dos restantes órganos universitarios colexiados ou unipersonais non poñerán fin á vía administrativa, sendo susceptibles de recurso ordinario no prazo de un mes ante o rector.

As referencias ó recurso de alzada incluídas en regulamentacións ou acordos da normativa propia da Universidade de Santiago de Compostela, entenderanse feitas ó recurso ordinario. Así mesmo as referencias ó recurso de reposición teranse por non postas, posto que a dita figura non está vixente no ámbito administrativo universitario.

Así mesmo, contra os acordos e resolucións que non esgoten a vía administrativa poderá formularse reclamación administrativa cando a normativa específica así o determine ou cando o esixa a natureza do procedemento e así se indicase ó interesado na notificación do acto administrativo. En defecto de previsión expresa, o prazo para formula-la reclamación será de dez días e para resolvela disporase de trinta días.

3.-Efectos.

Apróbase a relación recollida no anexo a esta resolución dos procedementos administrativos de competencia da Universidade de Santiago de Compostela, nos que a falta de resolución expresa por parte da universidade nos prazos expresamente previstos para cada un deles, produce efectos desestimatorios ou estimatorios.

Nos restantes procedementos en materia de xestión universitaria e de persoal non incluídos no anexo da presente resolución, iniciados en virtude de solicitudes formuladas polos interesados e cando non recaese resolución expresa por parte da universidade no prazo de tres meses sinalado no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, entenderanse aquelas desestimadas.

Disposición transitoria

Os procedementos incluídos no ámbito de aplicación da presente resolución que se iniciaran antes da súa entrada en vigor rexeranse pola normativa anterior.

Ás resolucións dos procedementos incluídos no ámbito de aplicación desta resolución, adoptados con posterioridade á súa entrada en vigor, aplicaráselle-lo sistema de recursos establecido no capítulo II do título VII da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

A presente resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 1995

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

5212