Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 05 de xullo de 1995 Páx. 5.330

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 21 xuño de 1995 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia (Fundehsga).

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia (Fundehsga).

SUPOSTOS DE FEITO

Primeiro.-Con data do 15 de marzo de 1995 solicitouse o recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, da Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia (Fundehsga) por medio de escrito presentado por José Mª Pérez Bazús.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública outorgada o 13 de marzo de 1995 ante o notario da Coruña José Antonio Montero Pardo, co número 337 do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada por tódolos membros da comisión integrada por tódolos secretarios xerais, elevou ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-asistencial da Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia (Fundehsga), dado o seu obxecto, polo que, cumpridos os requisitos recollidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e segundo se dispón no Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a execución das facultades inherentes a aquel á Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Cuarto.-Á vista da proposta da Comisión de Secretarios pola Orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 6 de abril de 1995 (DOG do 3 de maio de 1995), clasificouse como benéfico-asistencial a Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia (Fundehsga) tendo en conta o disposto no artigo 32.2º c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos é obxecto e finalidade da fundación, entre outros, o aproveitamento e potenciación dos recursos humanos da comunidade galega, a atención e promoción da familia e dos movementos familiares (escolas de pais); a promoción da infancia, da xuventude e das persoas maiores; o fomento da igualdade de oportunidades, en especial dos grupos máis desfavorecidos; o asesoramento e potenciación das comunidades educativas (pais, profesores, alumnos ...).

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, nos estatutos e na demais documentación que figura no expediente constan, entre outros, os seguintes extremos:

Acreditación da personalidade do fundador, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta o obxecto, o órgano de goberno e réxime de adopción de acordos, sendo a denominación «Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia» (Fundehsga).

O padroado da fundación está integrado polos seguintes membros: José María Pérez Bazús, José Eduardo López Pereira, Agustín Dosil Maceira e Luis Rios Tallón.

Sétimo.-A Secretaría Xeral da Consellería de Familia, Muller e Xuventude solicitou informe da Asesoría Xurídica, conforme co disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funciónamento do protectorado das fundacións de interese galego, que aquela emitiu con data do 22 de maio de 1995.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, o Decreto 287/1993, do 10 de decembro, sobre a estructura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como a demais normativa de desenvolvemento da mesma e a de xeral aplicación.

FUNDAMENTOS DE DEREITO

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de

autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como co artigo 1 do Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia (Fundehsga) dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, a realización da finalidade fundaciónal débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.- A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dálle nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data do remate do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, Sección da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 11 e 18 da devandita Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5, e 33 do Decreto 248/1992.

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia (Fundehsga).

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de darlle publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a render contas

anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do derradeiro mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

4772