Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 05 de xullo de 1995 Páx. 5.329

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 14 de xuño pola que se regula o selado de canais en matadoiros autorizados de excepción permanente.

O Real decreto 147/1993, do 29 de xaneiro, polo que se establecen as condicións sanitarias de producción e comercialización de carnes frescas dispón no capítulo XI do anexo I, que as carnes e despoxos destinados ó consumo público irán provistos do marcado de inspección veterinaria.

Así mesmo, o punto 1.6 do artigo 4 do devandito real decreto, establece que os servicios correspondentes das comunidades autónomas velarán para que as carnes frescas procedentes dos establecementos acollidos ó réxime de excepción permanente, é dicir, de pouca capacidade, de acordo coa Orde do 26 de marzo de 1992 do Ministerio de Relaciones coas Cortes e da Secretaría do Goberno, estean marcados cos selos aprobados para tal fin.

Precísase polo tanto regula-lo formato das marcas para que sexa uniforme e sirva de garantía dunha acción sanitaria ante o consumidor.

É por iso que en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada por Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A presente orde establece as normas sobre o marcado de carnes frescas e despoxos destinados ó consumo humano procedentes de animais domésticos nas especies bovina, porcina, ovina e caprina, así coma os solípedos domésticos que fosen sacrificados en matadoiros autorizados de excepción permanente.

Artigo 2º

As carnes procedentes de establecementos de excepción permanente que fosen declaradas conformes ás condicións de hixiene e de inspección sanitaria previstas no Real decreto 147/1993, deberán ir marcadas co selo de inspección veterinaria á que se refire o anexo da presente orde.

O marcado de inspección veterinaria deberá efectuarse baixo a responsabilidade do veterinario oficial, o cal conservará os instrumentos destinados ó marcado e soamente poderá confiarllos ó persoal auxiliar do establecemento no momento de realiza-la dita operación e durante o tempo necesario para ela.

Artigo 3º

As marcas dos canais poderán facerse con tinta ou a lume utilizando un selo que reúna as características establecidas nesta orde.

Os fígados marcaranse a lume con este selo de inspección veterinaria, coa identificación individual dos pertencentes ós bovinos de acordo coa Orde de 16 de setembro de 1994 (BOE 22-11-1994, nº 227).

Os despoxos marcaranse a tinta ou a lume co citado selo de inspección veterinaria.

Artigo 4º

Cando se utilicen tintas, deberán ser indelebles e resisti-la acción do proceso de industrialización e comercialización, recaendo a responsabilidade da súa aplicación e permanencia sobre o establecemento autorizado.

Utilizaranse soamente tintas autorizadas que na súa composición inclúan os seguintes colorantes: marrón HT (E-155) ou unha mestura de azul brillante FCF (E-133) e vermello allura AC (E.129).

Artigo 5º

O selo de inspección veterinaria -anexo desta orde- terá forma rectangular e as súas dimensións serán de 7 centímetros de longo por 4.5 centímetros de alto.

Na lenda do selo figurarán con caracteres lexibles os seguintes datos:

-Na parte superior: M local.

-No centro: número do rexistro sanitario do establecemento.

-Na parte inferior: código do concello.

Os caracteres impresos serán dunha altura de 0,80 cm. para as letras e 1 cm. para os números.

Artigo 6º

Os canais que pesen máis de 65 quilogramos deberán levar selos de inspección veterinaria en cada semicanal, nos seguintes lugares polo menos: cara externa da perna, lombelo, costelar e lombo.

O resto dos canais deberán levar catro sinais de marcado como mínimo, colocados sobre os lombos e sobre a cara externa da perna.

Artigo 7º

A distribución das carnes frescas para o consumo, procedentes dos establecementos de producción limitada, farase exclusivamente dentro do ámbito territorial da zona veterinaria de Saúde Pública que corresponda á localidade onde se encontre situado o establecemento.

Disposición adicional

En todo o non previsto por esta orde será de aplicación o disposto no Real decreto 147/1993, do 24 de xaneiro, polo que se establecen as condicións sanitarias de producción e comercialización de carnes frescas.

Disposición derradeira

Facúltase a Dirección Xeral de Saúde Pública para dicta-las instruccións oportunas para a correcta aplicación da presente normativa.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 1995.

José M. Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

M.LOCAL (1)

10.00000/X (2)

0000 (3)

(1) Matadoiro local.

(2) Número de Rexistro Sanitario/Provincia.

(3) Código do Concello onde se atopa o matadoiro.

4731