Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 05 de xullo de 1995 Páx. 5.320

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE de 9 de xuño de 1995 pola que se dictan instruccións para o acceso ós módulos profesionais e ós ciclos formativos de formación profesional durante o curso 1995-1996.

A Lei Orgánica 1/1990, do 3 de outubro, e o Real decreto 676/1993, de 7 de maio establecen as características da formación profesional específica, organizada en ciclos formativos de grao medio e superior.

O Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo, que modifica e completa o Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de implantación da nova ordenación do sistema educativo, establece que a formación profesional específica de grao medio e grao superior se implantará progresivamente ó longo dese calendario.

O Real decreto 1763/1982, regula o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación.

Sendo criterio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria continua-la implantación anticipada de ciclos formativos, xa comezada no pasado curso, procede dicta-las normas que regulen transitoriamente os distintos aspectos relativos ó acceso a estas ensinanzas durante o curso 1995-1996, como complemento do disposto nas ordes do 6 de abril de 1995, pola que se regula o procedemento para a admisión de alumnos no bacharelato e ciclos formativos de grao medio en centros sostidos con fondos públicos, e do 7 de xuño de 1995 pola que se regula a admisión de alumnos nos ciclos formativos de grao superior.

Por outra parte, ata o momento en que estea rematado o proceso de elaboración das novas titulacións profesionais, procede continua-lo plan de experimentación dos módulos profesionais aprobados polas ordes ministeriais de: 8 de febreiro de 1988 (BOE do 12 de febreiro), 5 de decembro de 1988 (BOE do 20 de decembro), 15 de febreiro de 1990 (BOE do 23 de febreiro), 21 de marzo de 1991 (BOE do 27, 28, 29 e 30 de marzo e 1 de abril), e 31 de xuño de 1991 (BOE do 30 de agosto).

Así pois, visto o Decreto 87/1995, polo que se regula a admisión de alumnos en centros sostidos con fondos públicos de educación infantil, primaria e secundaria, e as ordes anteriormente citadas do 6 de abril e do 7 de xuño, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Condicións de acceso ós ciclos formativos e módulos profesionais.

1.1. Terá acceso directo ós ciclos formativos de grao medio e ós módulos profesionais de nivel 2 quen cumpra algún dos seguintes requisitos:

a) Posuí-lo título de graduado en educación secundaria, ou ter aprobado o primeiro ciclo experimental da REM na súa totalidade.

b) Ter aprobado o 2º curso de BUP na súa totalidade.

c) Posuí-lo título de técnico auxiliar ou equivalente.

1.2. Así mesmo, poderán acceder ós ciclos formativos de grao medio e módulos profesionais de nivel 2 aqueles alumnos que, non reunindo os requisitos especificados no apartado anterior, superen a proba de acceso definida no artigo 32.2º da Lei orgánica 1/1990 e no apartado quinto desta orde.

1.3. Terán acceso directo ós ciclos formativos de grao superior os alumnos que posúan os requisitos indicados no real decreto polo que se establece o correspondente título profesional.

Así mesmo, terán acceso directo ós ciclos formativos de grao superior os alumnos que teñan aprobado o bacharelato experimental establecido na Orde de 20 do maio de 1987 (DOG do 5 de xuño), o curso de orientación universitaria ou a formación profesional de segundo grao ou equivalente e, ademais, reúnan os requisitos complementarios que se especifican, para cada ciclo, no anexo I desta orde.

1.4. Terán acceso directo ós módulos profesionais de nivel 3 os alumnos que posúan as condicións de titulación especificadas no correspondente documento base.

1.5. Quen non reúna as condicións de titulación especificadas nos apartados 1.3º e 1.4º, poderá acceder ós ciclos formativos de grao superior ou ós módulos profesionais de nivel tres se supera a proba de acceso definida no artigo 32.2º da Lei orgánica 1/1990 e no apartado quinto desta orde.

Segundo.-Distribución da oferta.

2.1. Nos centros sostidos con fondos públicos, as prazas dispoñibles para cursar cada ciclo formativo ou módulo profesional distribuiranse da seguinte forma:

2.1.1. Un 80% delas reservaranse para aqueles alumnos que reúnan os requisitos establecidos no apartado primeiro para o acceso directo a estas ensinanzas.

2.1.2. O 20% restante reservaranse para aqueles solicitantes que, non reunindo as condicións aludidas no apartado anterior, acrediten que superaron a proba de acceso definida no artigo 32.2º da Lei orgánica 1/1990 e no apartado quinto desta orde.

2.2. As porcentaxes establecidas no apartado 2.1 son acumulables entre si: se non hai suficientes alumnos para cubri-las prazas de acceso directo, as sobrantes acumúlanse ás previstas para acceso mediante proba; por contra, se non hai suficientes alumnos que poidan acceder mediante proba de acceso (por non completa-la cota dispoñible, ou por non supera-la proba), as prazas sobrantes acumúlanse ás previstas para acceso directo.

2.3. Naqueles centros en que se implante un ciclo formativo en substitución dun módulo profesional, os alumnos que non obteñan avaliación positiva no módulo poderán incorporarse ó ciclo que o substitúa, segundo o anexo II desta orde, nas seguintes condicións:

2.3.1. Se, como consecuencia da avaliación, o alumno debía repeti-lo módulo na súa totalidade, deberá cursa-lo ciclo integramente.

2.3.2. Os alumnos que obteñan avaliación negativa en dúas áreas do módulo cursado como máximo deberán cursa-lo ciclo na súa totalidade, se ben poderán solicitar da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos a validación dalgúns dos módulos do ciclo, en función das áreas superadas anteriormente. Estas solicitudes serán resoltas individualizadamente, logo de informe da inspección educativa; neste informe deberá concretarse en que medida a competencia profesional asociada ó módulo do ciclo foi conseguida na área xa cursada da que solicita a validación.

Estas solicitudes deberán presentarse no momento de formaliza-la matrícula no ciclo.

Terceiro.-Admisión de alumnos en módulos profesionais de nivel 2 e ciclos formativos de grao medio en centros sostidos con fondos públicos.

3.1. As solicitudes para cursar módulos profesionais de nivel 2 ou ciclos formativos de grao medio nos centros públicos, así como o procedemento de admisión de alumnos realizaranse de acordo coa Orde do 6 de abril de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 12 de maio).

3.2. Cando o número de solicitudes para o acceso directo sexa superior ó número de prazas dispoñibles, a selección dos aspirantes realizarase por aplicación dos criterios de baremación indicados no anexo I da Orde do 6 de abril de 1995.

3.3. Cando superen a proba de acceso máis aspirantes que prazas dispoñibles no módulo ou ciclo, a selección dos admitidos realizarase por aplicación dos criterios de baremación indicados no anexo I da Orde do 6 de abril de 1995.

Cuarto.-Admisión de alumnos en ciclos formativos de grao superior e módulos profesionais de nivel 3 en centros sostidos con fondos públicos.

4.1. As solicitudes para cursar ciclos formativos de grao superior ou módulos profesionais de nivel 3 en centros sostidos con fondos públicos, así como o procedemento de admisión de alumnos realizarase de acordo coa Orde do 7 de xuño de 1995.

4.2. Cando o número de demandantes para o acceso directo ás ensinanzas dun ciclo formativo concreto obxecto desta norma sexa superior ó de prazas ofertadas, a selección dos aspirantes realizarase atendendo á seguinte orde de prioridade:

a) Alumnos procedentes do bacharelato LOXSE, que reúnan os requisitos académicos esixidos no real decreto que regula o correspondente título, ou alumnos que teñan superado o segundo ciclo da REM na súa totalidade, e cumpran os requisitos académicos especificados no anexo I.

b) Alumnos que teñan superado o COU ou a formación profesional de segundo grao, e cumpran os requisitos académicos especificados no anexo I.

Dentro de cada un destes grupos, as solicitudes clasifícanse atendendo á maior puntuación que resulte de aplica-lo baremo previsto na Orde de 7 de xuño de 1995.

4.3. Aplicarase igualmente o citado baremo cando superen a proba de acceso máis solicitantes que prazas dispoñibles.

Quinto.-Proba de acceso ós ciclos formativos e módulos profesionais.

5.1. Para poder concorrer á proba de acceso ós ciclos formativos de grao medio ou módulos profesionais de nivel 2, deberase estar nalgunha das seguintes condicións:

a) Acreditar, cando menos, un ano de experiencia laboral ou de inscripción como demandante de emprego no correspondente organismo.

b) Ter superado un programa de garantía social. Neste caso, o alumno poderá solicitar, no momento da inscrición, a exención nalgunha das partes que compoñen a proba de acceso; a solicitude será resolta individualizadamente pola inspección educativa, tomando como base os contidos desenvolvidos no correspondente progama.

c) Ter esgotada a escolaridade na educación secundaria obrigatoria.

d) Posuí-lo certificado de escolaridade de formación profesional de primeiro grao.

e) Ter cursado o primeiro ciclo das ensinanzas experimentais autorizadas polas ordes do 6 de novembro de 1983 e 1 de marzo de 1985.

f) Ter cumpridos 18 anos de idade, ou cumprilos no ano 1995.

5.2. O contido da proba tomará como referencia os vixentes currículos oficiais da educación secundaria obrigatoria, e valorará os coñecementos e habilidades suficientes para cursar con aproveitamento os novos estudios. Esta proba constará de dúas partes:

-Proba de contidos de tipo sociocultural.

-Proba de contidos de carácter científico-tecnolóxico.

5.3. Para poder concorrer á proba de acceso a ciclos formativos de grao superior será preciso ter cumpridos 20 anos de idade.

5.4. Para poder concorrer á proba de acceso ós módulos profesionais de nivel 3 será preciso estar nalgunha das seguintes condicións:

a) Estar en posesión do título de técnico especialista ou titulación técnico-profesional equivalente.

b) Ter superado o curso de orientación universitaria.

c) Ter superada algunha das modalidades do bacharelato previsto na Lei orgánica 1/1990 ou o bacharelato experimental previsto na Orde do 20 de maio de 1987 (DOG do 5 de xuño).

d) Ter cumpridos 20 anos de idade.

5.5. Os contidos da proba de acceso ós ciclos formativos de grao superior e módulos profesionais de nivel 3 adecuaranse ós currículos das correspondentes modalidades de bacharelato previstas na LOXSE. A citada proba constará de dúas partes:

-Parte xeral.

-Parte específica.

A parte xeral acreditará a madurez en relación coas materias comúns e de modalidade do correspondente bacharelato. Desta parte quedará exento quen teña superada algunha das modalidades de bacharelato previstas na LOXSE ou do bacharelato experimental, estea en posesión do título de técnico especialista (FP2) ou titulación técnico-profesional equivalente, ou teña superado o curso de orientación universitaria.

A parte específica pretende avalia-las capacidades de formación profesional de base correspondentes ó campo profesional de que se trate. Desta parte poderá quedar exento quen acredite polo menos un ano de experiencia laboral en sectores que se correspondan cos estudios que se pretenden cursar. A solicitude de exención deberá ser formulada perante o director do centro no momento da inscrición, e irá acompañada da seguinte documentación:

-Certificación da empresa na que se faga constar especificamente a duración do contrato, actividade laboral desenvolvida polo interesado e número de horas adicadas a ela.

-Certificación da Tesorería da Seguridade Social e/ou mutualidade laboral na que estivese afiliado, onde conste a empresa e o período de contratación.

A solicitude, acompañada dun informe ó respecto, seralle enviada polo centro á inspección educativa, que resolverá o que proceda. O contido da resolución incorporarase ó expediente académico do alumno mediante a oportuna dilixencia.

Sexto.-Comisións avaliadoras das probas de acceso

6.1. As probas de acceso ós ciclos formativos e módulos profesionais serán elaboradas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Os delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta da inspección educativa, constituirán comisións avaliadoras que se encargarán da realización e avaliación das probas.

Os delegados provinciais constituirán o número de comisións que se estimen precisas en función do número de aspirantes e características dos ciclos e módulos para os que se realizarán as probas.

Antes do 19 de setembro faranse públicos nos taboleiros de anuncios dos centros nos que se realizaron inscricións o día, hora e lugar no que deberán presentarse os aspirantes para a realización da proba.

6.2. As comisións de escolarización, que serán nomeadas polo delegado provincial, estarán integradas polos seguintes membros:

-Un membro da inspección educativa, ou un director de centro público, que será o presidente.

-Un profesor da área tecnolóxico-práctica por cada unha das familias profesionais á que pertencen os módulos ou ciclos dos que examine a comisión.

-Un profesor da área de Ciencias Aplicadas.

-Un profesor da área Formativa Común.

A comisión avaliadora poderá solicita-los asesoramentos que considere oportunos.

6.3. Cualificación da proba.

A valoración da proba expresarase mediante a cualificación de «apto» ou «non apto». Para obte-la cualificación de «apto» na proba, será preciso supera-las dúas partes de que se compón.

As actas de avaliación quedarán arquivadas no centro público no que se celebren as probas. No caso de centros privados, arquivaranse no centro público ó que estean adscritos. En todo caso, remitirase unha copia autentificada delas á inspección educativa.

6.4. Contra as cualificacións poderase presentar reclamación perante a comisión, no prazo de cinco días a partir da data da súa publicación; esta reclamación deberá ser resolta no prazo de quince días. Contra a resolución definitiva da comisión poderase interpoñe-lo recuso ordinario previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, perante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

6.5. Calendario de celebración das probas.

As probas de acceso celebraranse, con carácter xeral, de acordo co seguinte calendario:

6.5.1. Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e módulos profesionais de nivel 2:

-Día 20 de setembro:

* De 10 a 13 horas: parte científico-tecnolóxica.

* De 16 a 19 horas: parte sociocultural.

6.5.2. Probas de acceso ós módulos 3 e ciclos formativos de grao superior:

-Día 20 de setembro:

* De 9 a 11 horas, parte xeral, exercicio A.

* De 11.30 a 13.30 horas, parte xeral, exercicio B.

* De 16 a 19, parte específica.

Calquera posible variación sobre este calendario requirirá autorización expresa da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

Sétimo.-Inscrición, matrícula e constitución de grupos.

7.1. Ciclos formativos de grao medio e módulos profesionais de nivel 2.

7.1.1. Os alumnos con acceso directo que desexen cursar ciclos formativos de grao medio e módulos pro

fesionais de nivel 2 en centros sostidos con fondos públicos, formalizarán a inscrición e matrícula nos prazos previstos na Orde do 6 de abril de 1995.

7.1.2. No caso de alumnos seleccionados trala superación da proba de acceso, a selección dos mesmos deberá facerse pública antes do 23 de setembro e deberá formalizarse a matrícula antes do día 30 de setembro.

7.2. Ciclos formativos de grao superior e módulos profesionais de nivel 3:

7.2.1. Os alumnos que queiran acceder ós ciclos formativos de grao superior ou módulos profesionais de nivel 3 en centros sostidos con fondos públicos efectuarán unha preinscrición nos prazos previstos na Orde do 7 de xuño de 1995.

7.2.2. Os centros farán públicas as listas de admitidos por acceso directo para cursa-lo ciclo ou módulo entre os días 15 e 19 de setembro nos respectivos taboleiros de anuncios. As documentacións dos alumnos que non obtiveron praza no centro e solicitaban ademais outros estudios serán remitidas á delegación provincial antes do 19 de setembro.

Antes do 23 de setembro faranse públicas, nos centros solicitados, as listas de alumnos da proba de acceso admitidos para cursa-los módulos ou ciclos correspondentes.

7.2.3. Os alumnos admitidos para cursar un determinado ciclo ou módulo, tanto por acceso directo como a través de proba, deberán formaliza-la súa matrícula antes do día 30 de setembro no correspondente centro.

7.3. A matrícula para cursar módulos ou ciclos formativos nos centros privados formalizarase antes do día 30 de setembro.

7.4. A non formalización da matrícula nos prazos estipulados nos apartados, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 1995-1996.

7.5. Para cada ciclo formativo ou módulo profesional constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnos por centro. O número de alumnos de cada grupo dependenderá das características pedagóxico-didácticas e das posibilidades das instalacións e medios de cada ciclo ou módulo e centro en particular, non debendo superar en ningún caso os 35 alumnos. Calquera modificación deste límite requirirá autorización previa e expresa da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos a dictar tódalas normas precisas para o desenvolvemento desta orde, así como para fixar prazos diferentes dos previstos nesta disposición para a admisión de solicitudes e formalización de matrícula nas ensinanzas obxecto da mesma, e para regular ofertas de formación profesional específica para determinados colectivos de poboación con necesidades especiais.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Ordenación Educativa e Centros.

Sr. Director Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos

ANEXO I

Ciclo formativoCondicións para o acceso directo

Producción Acuícola-Ter aprobado o bacharelato experimental de ciencias da natureza.

-Ter aprobada a especialidade de FP2 de «cultivos mariños» ou calquera das especialidades de FP2 das ramas sanitaria, agraria e perruquería e estética.

-Ter aprobado COU, tendo cursadas as materias de «química» e «bioloxía».

Desenvolvemento e aplicación de proxectos de construcción-Ter aprobado o bacharelato experimental técnico-industrial.

-Ter aprobado FP2 en calquera das seguintes ramas: deliñación, construcción, electricidade e electrónica, metal, automoción, madeira, marítimo-pesqueira, agraria, artes gráficas, química.

-Ter aprobado COU, tendo cursada a materia «debuxo técnico»

Administración de sistemas informáticos-Ter aprobado o bacharelato experimental técnico de administración e xestión.

-Ter aprobado FP2 de: rama administrativa; especialidade de equipos informática da rama electrónica; especialidade de administración e xestión de empresas agrarias da rama agraria; especialidade de axencias de viaxe da rama hostelería e turismo.

-Ter aprobado COU, tendo cursado matemáticas en COU e a materia de informatica en BUP.

Desenvolvemento de aplicacións informáticas-Ter aprobado o bacharelato experimental técnico de administración e xestión.

-Ter aprobado FP2 d: rama administrativa; especialidade de administración e xestión de empresas agrarias da rama agraria; especialidade de axencias de viaxe da rama hostelería e turismo.

-Ter aprobado COU, tendo cursado matemáticas en COU, e a materia de informática en BUP.

Comercio internacional-Ter aprobado o bacharelato experimental técnioc de administración e xestión.

-Ter aprobado FP2 de: rama administrativa; especialidade de administración e xestión de empresas agrarias da rama agraria.

-Ter aprobado COU, tendo cursado as matemáticas II.

Administración e finanzas-Ter aprobado o bacharelato experimental técnico de administración e xestión.

-Ter aprobado FP2 de: rama administrativa; especialidade de administración e xestión de empresas agrarias da rama agraria.

-Ter aprobado COU, tendo cursado as matemáticas II.

ANEXO II

Módulo profesionalCiclo formativo que o substitúe

Instalador/matenedor eléctricoEquipos e instalación

electrotécnicas

Operador de máquinas

ferramentas

Mecanizado
Administración e xestiónXestión administrativa
Administación de empresasAdministración e finanzas
Comercio exteriorComercio internacional

4736