Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 05 de xullo de 1995 Páx. 5.315

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 8 maio de 1995 pola que se convocan axudas para cursar estudios de formación profesional en ramas con escasa demanda por parte do alumnado durante o curso 1995-96.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia plena no regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

O Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, ó amparo das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma funcións e servicios da Administración do Estado en materia de educación.

O Decreto 232/1994, do 14 de xullo, atribúelle á Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, o establecemento das normas e orientacións precisas para a efectividade das ensinanzas de formación profesional.

A escasa participación dos mozos e as mozas en certas profesións e especialidades das ensinanzas regradas de formación profesional, fai que en moitos casos a demanda laboral de titulados de certas ramas non sexa atendida.

Co obxecto de corrixir esta desviación e propiciar que os mozos e as mozas coñezan e asuman as tendencias actuais do mundo laboral, é polo que se convocan axudas que estimulen a elección de opcións mediante as cales poderán incorporarse con máis facilidade ó primeiro emprego. Por outra banda trátase de propicia-la incorporación da muller a sectores laborais con posibilidades de emprego inmediato.

Esta formulación está en consonancia coas directrices emanadas do Plan para a Igualdade de Oportunidades das Mulleres Galegas e co Plan de Emprego Xuvenil da Xunta de Galicia e entra dentro das accións de orientación propostas no Programa Operativo de Galicia FSE 1994-1999.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.-Convocanse axudas, para alumnos e alumnas que desexen iniciar, durante o curso académico 1995-96, estudios de formación profesional de primeiro e segundo grao nas profesións ou especialidades das ramas: agraria, construccións e obras, e moda e confección.

Así mesmo poderán optar a estas axudas os alumnos e alumnas matriculados por primeira vez nos módulos profesionais de nivel 2 e 3 e ciclos formativos de grao medio e superior relacionados coas citadas ramas que se impartan na Comunidade Autónoma.

Segundo.-Serán condicións para solicitar estas axudas ó estudio as seguintes:

1. Estar matriculado, por primeira vez, no primeiro curso de FP1, primeiro curso de FP2, módulos profesionais ou ciclos formativos, en centros de formación profesional, públicos o privados concertados, dependentes desta Comunidade Autónoma e nas ramas indicadas no artigo primeiro.

2. Ter aprobadas tódalas disciplinas cursadas no ano académico 1994-1995 ou, no seu defecto, do último curso realizado.

Terceiro.-As axudas serán concedidas con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322H.481.00 da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, por un importe máximo de 14.000.000 de ptas. Deste importe un 60% destinarase para iniciar estudios de formación profesional de primeiro grao e o 40% restante para inicia-los estudios de formación profesional de segundo grao. Para estes efectos, as axudas solicitadas para cursar módulos profesionais de nivel 2 ou ciclos formativos de grao medio serán computadas dentro das destinadas para iniciar estudios de FP1, e as solicitadas para cursa-los módulos profesionais de nivel 3 ou ciclos formativos de grao superior computaranse dentro das destinadas para iniciar estudios de FP2.

Se unha vez concedidas tódalas axudas solicitadas nun dos niveis de estudios citados quedase crédito, o saldo resultante destinarase á adxudicación de axudas no outro nivel.

O número de axudas concedidas estará condicionado, en cada caso, polo importe das mesmas e a dispoñibilidade orzamentaria, non sendo renovables nos cursos sucesivos para o mesmo curso que xa se desfrutou.

Cuarto.-O tipo e contía das axudas serán as seguintes:

Tipo A: axudas para inicia-los estudios de formación profesional de primeiro grao, módulos profesionais de nivel 2 e ciclos formativos de grao medio, por importe único de 40.000 pesetas.

Tipo B: axudas para inicia-los estudios de formación profesional de segundo grao, módulos profesionais de nivel 3 ou ciclos formativos de grao superior, que o seu importe poderá comprende-los seguintes conceptos:

b.1: axuda para gastos determinados por razón da distancia entre o domicilio familiar do beneficiario e o centro de FP no que realice os estudios. A contía máxima adxudicada por este concepto será de 80.000 pesetas.

b.2: axuda para gastos de material escolar necesario para os estudios. A contía única adxudicada por este concepto será de 30.000 pesetas.

Quinto.-Para ter dereito á axuda por razón de distancia será condición indispensable estar matriculado no centro de formación profesional, dependente da Comunidade Autónoma, máis próximo ó domicilio habitual do solicitante, que imparta a especialidade para a que se solicita.

Sexto.-A contía da axuda será igual á suma de conceptos a que teña dereito cada alumno segundo as normas contidas nos artigos seguintes.

Sétimo.-A contía por razón de distancia en transporte calcularase de acordo con:

DISTANCIA CONTÍA

De 5 a 10 Km25.000 pesetas

de más de 10 a 30 Km35.000 pesetas

de más de 30 a 50 Km55.000 pesetas

de más de 50 Km80.000 pesetas

Oitavo.- No suposto de que houbese máis peticionarios con dereito a axuda que crédito dispoñible, farase unha selección de aspirantes en función da puntuación total acadada ó aplica-los baremos dos apartados décimo e décimo primeiro desta orde. A dita puntuación será a suma das obtidas por renda familiar per cápita e por rendemento académico. No caso de igualdade de puntuación total considerarase preferente a condición de ser muller.

Noveno.-A renda familiar per cápita calcularase dividindo o rendemento neto da unidade familiar declarado no imposto sobre a renda das persoas físicas no ano 1994 (ingresos menos gastos), polo número de membros da unidade familiar que figuren con dereito a deducción na propia declaración.

No suposto de que os cónxuxes fixesen a declaración da renda individualmente, o rendemento neto da unidade familiar obterase sumando o rendemento neto resultante en cada unha delas.

Décimo.-A puntuación que se adxudicará ós solicitantes por renda familiar per cápita será a seguinte:

Ata 600.000 pesetas10 puntos

de 600.001 a 850.000 pesetas8 puntos

de 850.001 a 1.100.000 pesetas6 puntos

de 1.100.001 a 1.500.000 pesetas4 puntos

de 1.500.001 a 2.000.000 pesetas2 puntos

máis de 2.000.000 pesetas0 puntos

Décimo primeiro.-A puntuación por rendemento académico será a media resultante de aplica-los seguintes valores ás cualificacións do último curso

sobresaliente10 puntos

notable8 puntos

ben6 puntos

suficiente5 puntos

Décimo segundo.-1. As solicitudes de axuda ó estudio presentaranse entre o 1 de xullo e o 15 de outubro de 1995, segundo modelo que se recolle no anexo I desta orde, ó que acompañará:

-Fotocopia compulsada da declaración da renda do ano 1994.

-Certificación académica dos estudios realizados no curso 94-95 ou, no seu defecto, do último curso realizado.

-Certificación de empadroamento no concello de residencia do solicitante.

Os solicitantes con seus pais que non están obrigados a efectuar declaración por ter ingresos inferiores ó mínimo exento, presentarán na secretaría do centro unha declaración xurada do pai ou da nai que recolla tal circunstancia, á que se acompañarán os datos recollidos no anexo II desta orde.

2. As ditas solicitudes presentaranse no centro de FP onde os solicitantes vaian cursa-los seus estudios.

3. As secretarías dos ditos centros remitirán á Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, San Lázaro 107, Santiago de Compostela, dentro dos 10 días seguintes ós de finalización do prazo, as solicitudes de axudas, ás que acompañarán certificación de que o alumno quedou matriculado no curso para o que solicita axuda, e de que os datos académicos e administrativos son certos.

Décimo terceiro.-A selección das peticións levarase a efecto por unha comisión integrada por:

-O director xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

-O xefe de Servicio de Ensinanzas Profesionais.

-Un membro dos servicios da Inspección.

-Dous directores de centros de FP.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir asistencias, axudas para gastos e locomoción, por concorrer ás sesións conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 xuño).

Décimo cuarto.-A comisión, vistas as solicitudes presentadas e o crédito dispoñible, fará a correspondente proposta de adxudicación de axudas á Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, que dictará a oportuna resolución.

Décimo quinto.-A Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, antes do 20 de novembro comunicara ós interesados a concesión ou denegación da axuda, abríndose un prazo de reclamación de 15 días. As reclamacións serán resoltas no prazo de un mes pola Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

Décimo sexto.-Resoltas as reclamacións formuladas, as adxudicacións terán carácter definitivo. Contra esta resolución cabe o recurso ordinario previsto na Lei 30/1992 do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo séptimo.-As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo de tres meses desde a finalización do prazo de presentación daquelas.

Décimo octavo.-As axudas efectuaranse nun so pago, a través de conta ou libreta de aforro abertas

a nome dos beneficiarios ou da persoa que ostente a súa representación legal.

O pagamento da axuda require a aceptación previa por parte do beneficiario.

Décimo noveno.-O desfrute destas axudas é compatible con outras de carácter xeral a cargo de fondos públicos.

Vixésimo.-A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento no que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos do solicitante e, en consecuencia, a devolución total da cantidade percibida, sen prexuízo doutras responsa

bilidades a que houbera lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

Vigésimo primeiro.-Autorizase a Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos a desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos

95-04497