Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233-Bis Mércores, 18 de novembro de 2020 Páx. 45694

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 18 de novembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión, mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. A dita declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de procedemento administrativo ningún nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na comunidade autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da comunidade autónoma como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Ao abeiro do marco normativo do estado de alarma ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria. Estas medidas, consistentes en limitacións de entrada e saída de persoas de determinados ámbitos territoriais e en limitacións da permanencia de agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto, deben ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica.

Así, con fundamento no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, tendo en conta a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria en Galicia, ditouse a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na dita orde recóllense medidas de prevención específicas para o territorio autonómico sobre a base do indicado no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 4 de novembro de 2020, tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, e con fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En concreto, por un lado, mantivéronse as medidas de prevención específicas que contiña a Orde do 21 de outubro de 2020 para o territorio autonómico, ben que adaptadas, no procedente, ao novo límite numérico das agrupacións de persoas que recolleu o Decreto 179/2020, do 4 de novembro. Estas medidas consisten fundamentalmente no peche de festas, verbenas, outros eventos populares e atraccións de feiras, así como en limitacións de capacidade para determinadas actividades, medidas necesarias tendo en conta a natureza de tales actividades e os riscos asociados a elas, ao se teren revelado, na experiencia acumulada ata o momento na xestión de abrochos, como medidas eficaces de contención e control da transmisión da enfermidade, ao permitir, en especial, evitar aglomeracións e favorecer o cumprimento das medidas de distanciamento interpersoal.

E, por outro lado, a Orde do 4 de novembro de 2020 recolle, nos seus anexos II e III, medidas máis restritivas para certos ámbitos territoriais, tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria máis desfavorable de determinados concellos. Trátase de medidas máis restritivas que teñen mostrado a súa eficacia na xestión de abrochos de especial gravidade e que consisten en limitacións máis estritas da capacidade para o desenvolvemento de certas actividades e no peche temporal de actividades non esenciais. En particular, trátase esta última dunha medida temporal, de carácter localizado, ao afectar só os territorios cunha situación epidemiolóxica e sanitaria máis desfavorable ou con forte interrelación con tales concellos, e limitada a certas actividades non esenciais relacionadas co lecer e con actividades recreativas, que constitúe unha medida adicional a outras como a relativa á limitación de agrupacións ás constituídas só por persoas conviventes, contida no Decreto 179/2020, do 4 de novembro, tendente a restrinxir aínda máis os contactos sociais, ao seren estes unha das principais fontes de contaxio.

Conforme se indica no número 4 do punto segundo da orde, neses ámbitos territoriais serán de aplicación as ditas medidas máis restritivas, contidas nos anexos II e III, e, no que sexa compatible con elas, as previstas no anexo I para todo o territorio autonómico.

Finalmente, respecto da duración das medidas contidas na orde, conforme o seu punto cuarto, a eficacia das medidas estenderase ata as 15.00 horas do 4 de decembro de 2020. Non obstante o anterior, serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas antes do transcurso do período indicado por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

A Orde do 4 de novembro de 2020 foi obxecto de modificación pola Orde do 8 de novembro de 2020 (que deu nova redacción ao último parágrafo do punto III.2.5 do anexo III), pola Orde do 9 de novembro de 2020 (que modificou o número 3.25 do anexo I) e pola Orde do 13 de novembro de 2020, que estendeu a aplicación das medidas máis restritivas dos anexos II e III da Orde do 4 de novembro aos concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso, na comarca de Bergantiños, e ao concello de Ribadavia.

III

Ante a evolución epidemiolóxica e sanitaria desfavorable que se produciu no concello de Sanxenxo, resulta necesario aplicar nel medidas máis restritivas.

Neste sentido, no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 18 de novembro de 2020, sobre a comarca do Salnés, indícase que a incidencia acumulada a 7 días amosa un claro ascenso desde primeiros de novembro para acabar presentando un discreto descenso nos últimos 10 días. A incidencia acumulada a 3 días amosa unha tendencia oscilante onde destacan, na última semana, uns valores (practicamente diarios) por riba dos 50 casos por cada cen mil habitantes. A media da taxa acumulada a 14 días amosa unha tendencia ascendente. O valor do número reprodutivo instantáneo amosa un valor por riba do limiar de 1, o que significa que segue a manterse a transmisión. A taxa acumulada a 14 días na comarca é 1,10 veces maior que a da semana anterior e 1,5 veces maior que nas dúas semanas previas. Destaca o feito de que no Grove e Sanxenxo, nos últimos sete días, se declararon casos a diario e tamén destacan as súas taxas acumuladas a 14 días. Ademais, Sanxenxo é o concello con maior número de casos nos últimos 14 días. Ambos os concellos amosan taxas acumuladas a 3, 7 e 14 días superiores á estimada para o conxunto de Galicia neses mesmos momentos temporais. O grupo de idade coa porcentaxe de positividade máis elevada é o de 20 a 24 anos, que tamén é o grupo de idade coa taxa máis alta. Por outro lado, os indicadores do risco da comarca amosan criterios con valores de alto risco, como a incidencia acumulada a tres días na área e no período estudado ou o número de pacientes que ingresan en unidades de hospitalización; e criterios con valores de risco medio, como porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos. O informe considera que a situación na comarca non está controlada e destaca claramente a situación nos concellos do Grove e Sanxenxo. Por tanto, o informe propón que todos os concellos da comarca do Salnés manteñan as medidas que xa teñan establecidas, salvo no caso do concello de Sanxenxo, para o que se propón adoptar as mesmas medidas restritivas que xa ten O Grove.

Tendo en conta o indicado no dito informe, e tras escoitar as recomendacións clínicas do Comité Clínico reunido para estes efectos, é necesario e urxente estender a aplicación das medidas máis restritivas contidas nos anexos II e III da Orde do 4 de novembro de 2020, na súa redacción vixente, ao concello de Sanxenxo.

Procede, en consecuencia, modificar o número 4 do punto segundo da Orde do 4 de novembro de 2020, co fin de incluír o dito concello entre aqueles aos cales deben aplicarse as medidas máis restritivas dos anexos II e III da orde. O fundamento normativo de tal ampliación atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica e sanitaria existente en determinados concellos.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria do concello de Sanxenxo, amplíase o ámbito territorial de aplicación das medidas máis restritivas dos anexos II e III da Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente, engadindo, na relación de concellos aos cales son de aplicación as ditas medidas contidas no número 4 do punto segundo da orde, unha nova letra k) coa seguinte redacción:

«k) No concello de Sanxenxo».

Segundo. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do día 19 de novembro de 2020.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade