Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209-Bis Venres, 16 de outubro de 2020 Páx. 40233

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de outubro de 2020 sobre o levantamento das medidas de prevención específicas no concello de Ortigueira como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no devandito concello.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do dito punto sexto, con base no Informe sobre a situación epidemiolóxica da comarca de Ortegal, elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 2 de outubro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 2 de outubro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ortigueira.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto quinto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 3 de outubro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 99/2020, do 5 de outubro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En cumprimento do punto quinto da Orde do 2 de outubro de 2020 citada, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas.

Neste sentido, con base no indicado no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 9 de outubro de 2020, e logo de escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos, pola Orde do 9 de outubro de 2020 dispúxose o mantemento da eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 2 de outubro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ortigueira.

Conforme o punto segundo da orde, as medidas debían continuar sendo obxecto de seguimento e de avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

O mantemento das medidas limitativas de dereitos fundamentais foi ratificado polo Auto 109/2020, do 13 de outubro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En cumprimento do punto segundo da Orde do 9 de outubro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas acordadas. Así, no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 16 de outubro de 2020, indícase que na comarca de Ortegal a incidencia acumulada a 3 e a 7 días amosa unha clara tendencia descendente ao igual que a media da taxa acumulada a 14 días. O número reprodutivo instantáneo está por debaixo do limiar de 1 e o valor da taxa acumulada a 14 días para o total da comarca foi moi inferior ao observado para o conxunto de Galicia. Dentro da comarca, os concellos de Ortigueira e Mañón presentan unhas taxas acumuladas a 14 días claramente inferiores á observada para o global de Galicia e ás reflectidas no informe anterior para estes concellos. Por outro lado, en ningún dos concellos da comarca se detectan casos nos últimos 10 días. Finalmente, os indicadores de risco da comarca, con datos referidos a 14 días, atópanse no nivel de risco baixo. O informe conclúe que o brote pode considerarse controlado, polo que, con base nos datos anteriores, recomenda eliminar as medidas restritivas adicionais vixentes na actualidade para o concello de Ortigueira.

Tendo en conta o indicado no dito informe, e logo de escoitar tamén as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Ortigueira non impón a necesidade de manter as medidas de prevención específicas adoptadas, polo que procede deixar sen efecto as medidas que se viñan aplicando no ámbito territorial do concello citado.

En consecuencia, no dito concello aplicaranse as medidas de prevención xerais vixentes na Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 contidas na redacción vixente do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e a específica contida na Orde do 14 de outubro de 2020 pola que se establece unha medida de prevención específica como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

En atención ao exposto, en aplicación do punto segundo da Orde do 9 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ortigueira, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Levantamento das medidas de prevención específicas no concello de Ortigueira

Quedan sen efecto, no concello de Ortigueira, as medidas de prevención específicas previstas na Orde do 2 de outubro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ortigueira.

Segundo. Medidas de prevención aplicables no concello de Ortigueira

Serán de aplicación, no concello de Ortigueira, as medidas de prevención xerais vixentes na Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 contidas na redacción vixente do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e a específica contida na Orde do 14 de outubro de 2020 pola que se establece unha medida de prevención específica como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 17 de outubro de 2020.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade