Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200-Bis Venres, 2 de outubro de 2020 Páx. 38302

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 2 de outubro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Cambados.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do devandito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de xeito puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do indicado no punto sexto do acordo, unha vez atendido o indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública do 23 de setembro de 2020 e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 23 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilagarcía de Arousa.

Tal e como se indicou na orde, as medidas teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En canto á eficacia das medidas, de acordo co punto quinto da orde, as medidas tiveron efectos desde as 00.00 horas do 24 de setembro de 2020, ben que debían ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial mediante o Auto 85/2020, do 25 de setembro, da Sala do Contencioso-administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Co mesmo fundamento normativo, tendo en conta o disposto no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 25 de setembro de 2020 e logo de escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 25 de setembro de 2020 establecéronse determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilanova de Arousa (medidas que son similares ás previstas na Orde do 23 de setembro de 2020 para o concello de Vilagarcía de Arousa). Conforme o punto quinto da orde, as ditas medidas tiveron efecto desde as 00.00 horas do 26 de setembro de 2020 e debían ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, no período máximo de sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial mediante o Auto 90/2020, do 30 de setembro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

E en cumprimento do disposto no punto quinto da Orde do 23 de setembro de 2020 e da Orde do 25 de setembro de 2020 citadas, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas. De acordo co indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 30 de setembro de 2020, sobre a comarca do Salnés, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 30 de setembro de 2020 dispúxose o mantemento, no concello de Vilagarcía de Arousa, das medidas de prevención previstas na Orde do 23 de setembro de 2020, e no concello de Vilanova de Arousa, das medidas de prevención previstas na Orde do 25 de setembro de 2020, así como a aplicación das mesmas medidas tamén nos concellos de Sanxenxo e Meis.

De acordo co informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca do Salnés, do 2 de outubro de 2020, a taxa acumulada a 14 días da comarca do Salnés supón 1,10 veces o valor da taxa acumulada a 14 días para Galicia. Destacan as taxas acumuladas a 14 días de Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, Meis e Sanxenxo, que xa teñen medidas de control recomendadas. A estes concellos súmase agora o de Cambados, que amosa taxas acumuladas a 3,7 e 14 días superiores ás observadas no conxunto de Galicia para eses mesmos intervalos temporais. Ademais, os indicadores de risco na comarca amosan algúns parámetros de risco alto, como a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado na área e no período de investigación do abrocho; e de risco medio, como a porcentaxe de probas PCR positivas na área e no período de investigación do abrocho. En consecuencia, no informe recoméndase, para poder controlar a situación, estender as mesmas medidas que se están aplicando en Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Meis e Sanxenxo ao concello de Cambados.

Así, unha vez atendido o disposto no devandito informe e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, resulta necesaria, en consecuencia, a adopción, con urxencia, de medidas de prevención específicas no concello de Cambados para facer fronte aos abrochos e ás cadeas de transmisión existentes e garantir a súa contención, prevendo unhas medidas para o ámbito territorial indicado conectadas cos factores de maior risco de transmisión. En concreto, trátase de aplicar, como se acaba de indicar, as mesmas medidas de prevención específicas que se están aplicando actualmente noutros concellos da comarca do Salnés, co mesmo fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En particular, considérase que as medidas tendentes a limitar os grupos de persoas para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, nos espazos de uso público ou espazos privados e as limitacións para festas, verbenas e outros eventos populares e multitudinarios deben adoptarse para todo o ámbito do concello de Cambados, tendo en conta a natureza destas actividades, os riscos asociados a elas e a idade da poboación que está sendo afectada de forma predominante polo virus neste momento.

En todo caso, as medidas serán reavaliadas nun período non superior a sete días naturais desde a publicación desta orde en función da evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención específicas no concello de Cambados

Unha vez atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca do Salnés, serán de aplicación, no concello de Cambados, as mesmas medidas de prevención específicas que actualmente se están aplicando nos concellos de Vilagarcía de Arousa, de Vilanova de Arousa, de Sanxenxo e de Meis, contidas na Orde do 23 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilagarcía de Arousa, e na Orde do 25 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilanova de Arousa.

Segundo. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 3 de outubro de 2020. Non obstante, as medidas cuxa aplicación se estende ao concello de Cambados serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello.

Para estes efectos poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración no concello de Cambados para os días 3 e 4 de outubro que xa estivesen concertados con carácter previo ao día 2 de outubro, non serán aplicables as limitacións que se recollen no anexo das ordes citadas no punto primeiro da presente orde, ben que deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade, para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade