Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198-Bis Mércores, 30 de setembro de 2020 Páx. 38046

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 30 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Pontevedra, Poio, Vilaboa e Marín.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do devandito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, unha vez atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca de Pontevedra, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 9 de setembro de 2020 e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto quinto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 10 de setembro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas restritivas de dereitos fundamentais contidas na orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto número 70/2020, do 11 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra.

Por outra banda, de acordo co informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca de Pontevedra, do 11 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, tendo en conta a situación dos concellos de Poio e de Vilaboa e a interrelación destes concellos entre eles e co concello de Pontevedra, ditouse a Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa, en que se acordou estender a aplicación das medidas de prevención previstas na Orde do 9 de setembro de 2020, antes citada, a estes dous concellos, e engadir, ademais, medidas específicas respecto das praias destes concellos.

Neste caso, no que atinxe á eficacia das medidas, no punto segundo da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 12 de setembro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do 12 de setembro de 2020, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Pontevedra, respecto do concello de Poio, e polo Auto do 13 de setembro de 2020, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Cangas, respecto do concello de Vilaboa.

En cumprimento do disposto no punto quinto da Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra, e no punto segundo da Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente. Tendo en conta o indicado nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 16 de setembro de 2020, sobre as comarcas de Pontevedra e do Morrazo, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, na Orde do 16 de setembro de 2020 dispúxose, unha vez atendida a situación epidemiolóxica e sanitaria, o mantemento das medidas de prevención nos termos previstos nas ordes do 9 e do 11 de setembro de 2020 nos concellos de Pontevedra, Poio e Vilaboa, e a extensión da aplicación das mesmas medidas ao concello de Marín.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra, no Auto número 103/2020, do 18 de setembro, pronunciouse sobre a ratificación das medidas restritivas de dereitos fundamentais.

De conformidade co punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas adoptadas para adecualas á evolución epidemiolóxica. Así, tendo en conta o disposto no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 23 de setembro de 2020 e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, por Orde do 23 de setembro de 2020 dispúxose o mantemento, nos concellos de Pontevedra, Poio, Vilaboa e Marín, das medidas de prevención previstas nas ordes do 9 e do 11 de setembro de 2020.

Conforme o punto segundo da orde, as medidas debían seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

De conformidade co punto segundo da Orde do 23 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas adoptadas para adecualas á evolución epidemiolóxica e sanitaria. Así, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, sobre a comarca de Pontevedra do 30 de setembro de 2020, indícase que destacan as taxas a 14 días de Pontevedra e Poio, que son os concellos que amosan o maior número de casos e nos cales as taxas acumuladas a 7 e 14 días amosan valores moito máis altos ca os acadados no conxunto de Galicia. O de Vilaboa presentou unha baixada importante no número de casos. Os grupos de idade de 20 a 24 anos e de 25 a 29 anos son os que amosan as taxas de peticións de probas PCR máis elevadas, a porcentaxe de positividade máis elevada e os grupos coas maiores taxas. Este brote segue a ter algunha característica de alto risco, como son a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado, que implica que segue a manterse a transmisión, o número de contactos con PCR positiva relacionados cun caso e a porcentaxe de probas PCR positivas na área e no período de investigación do brote. Por iso, dado que as taxas a 7 e 14 días de Pontevedra e Poio, que son os concellos que amosan o maior número de casos da comarca, teñen valores moito máis altos ca os acadados no conxunto de Galicia, o informe recomenda manter as medidas xa establecidas nos devanditos concellos. Así mesmo, dada a súa evolución, o informe recomenda deixar sen efecto as medidas de restrición establecidas no concello de Vilaboa.

Tendo en conta o indicado nos devanditos informes e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria impón, como consecuencia, por unha banda, o mantemento, nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín, das medidas de prevención previstas nas ordes do 9 e do 11 de setembro de 2020 e, por outra banda, o levantamento no concello de Vilaboa das medidas de prevención específicas que se veñen aplicando nese concello. En consecuencia, neste último concello aplicaranse as medidas de prevención xerais vixentes na Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 contidas na redacción vixente do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para transición cara a unha nova normalidade.

En atención ao exposto, en aplicación do punto segundo da Orde do 23 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Pontevedra, Poio, Vilaboa e Marín, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Mantemento de medidas de prevención específicas nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín

Unha vez atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, mantense, nos concellos de Pontevedra e Poio, a eficacia das medidas previstas na Orde do 9 de setembro de 2020, pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra, e na Orde do 11 de setembro de 2020, sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa, así como a eficacia das mesmas medidas no concello de Marín.

Segundo. Levantamento das medidas de prevención específicas no concello de Vilaboa e aplicación neste concello das medidas de prevención establecidas con carácter xeral

1. Quedan sen efecto no concello de Vilaboa as medidas de prevención específicas previstas na na Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra e na Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa.

2. Serán de aplicación, no concello de Vilaboa, as medidas de prevención que con carácter xeral se establecen no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Terceiro. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 1 de outubro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade