Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198-Bis Mércores, 30 de setembro de 2020 Páx. 38041

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 30 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Sanxenxo e Meis.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do indicado no punto sexto do acordo, atendido o indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública do 23 de setembro de 2020 e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 23 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilagarcía de Arousa.

Tal e como se indicou na orde, as medidas teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En canto á eficacia das medidas, de acordo co punto quinto da orde as medidas tiveron efectos desde as 00.00 horas do 24 de setembro de 2020 ben que debían ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 85/2020, do 25 de setembro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Co mesmo fundamento normativo, tendo en conta o disposto no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 25 de setembro de 2020 e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos, pola Orde do 25 de setembro de 2020 establecéronse determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilanova de Arousa (medidas que son similares ás previstas na Orde do 23 de setembro de 2020 para o concello de Vilagarcía de Arousa). Conforme o punto quinto da orde as ditas medidas tiveron efecto desde as 00.00 horas do 26 de setembro de 2020 e debían ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, no período máximo de sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 90/2020, do 30 de setembro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En cumprimento do disposto no punto quinto da Orde do 23 de setembro de 2020 e da Orde do 25 de setembro de 2020 citadas, procedeuse ao seguimento e a avaliación das medidas. Neste sentido, no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 30 de setembro de 2020, sobre a comarca do Salnés se indica que a taxa acumulada, a 3, 7 e 14 días, no total da comarca foi aumentando nas tres últimas semanas, a expensas fundamentalmente dos casos de Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, que xa teñen medidas de control adoptadas. Os concellos de Meis e Sanxenxo tamén contribúen ao aumento da incidencia na comarca, que é superior ao do conxunto de Galicia. Segundo recolle a investigación epidemiolóxica, os concellos de Vilagarcía e Vilanova de Arousa máis o de Meis teñen casos primarios e secundarios dun abrocho acontecido nunha industria cárnica. No caso de Sanxenxo é a conta de abrochos familiares que levan acumulándose desde finais de agosto. Ademais, todos os indicadores atópanse en risco alto, agás os de porcentaxe de positividade e número de pacientes ingresados que se atopan en risco medio. A situación pode ser controlada se se establecen as medidas adecuadas, polo que o informe recomenda continuar coas restricións vixentes actualmente en Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa e estender estas aos concellos de Meis e Sanxenxo.

De acordo co indicado no informe, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca do Salnés impón, en consecuencia, o mantemento, no concello de Vilagarcía de Arousa, das medidas de prevención previstas na Orde do 23 de setembro de 2020, e no concello de Vilanova de Arousa das medidas de prevención previstas na Orde do 25 de setembro de 2020, así como a aplicación das mesmas medidas tamén nos concellos de Sanxenxo e Meis.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

Na súa virtude, en aplicación do punto quinto da Orde do 23 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilagarcía de Arousa, do punto quinto da Orde do 25 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilanova de Arousa, e do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Sanxenxo e Meis

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca do Salnés, mantense a eficacia, nos concellos de Vilagarcía de Arousa e de Vilanova de Arousa, das medidas de prevención previstas na Orde do 23 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilagarcía de Arousa, e na Orde 25 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilanova de Arousa. Ademais, as mesmas medidas serán tamén de aplicación nos concellos de Sanxenxo e de Meis.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 1 de outubro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén nos concellos de Vilagarcía de Arousa e de Vilanova de Arousa e se estende aos concellos de Sanxenxo e de Meis serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración nos concellos de Sanxenxo e de Meis para os días 1 ao 4 de outubro de 2020, que xa estivesen concertados con carácter previo ao día 30 de setembro, non serán aplicables as limitacións que se recollen no anexo das Ordes do 23 e do 25 de setembro de 2020, ben que deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade, para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade