Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193-Bis Mércores, 23 de setembro de 2020 Páx. 37123

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 23 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ourense.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ourense, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 2 de setembro de 2020 e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ourense.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 3 de setembro de 2020, e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 54/2020, do 14 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense.

En cumprimento do disposto no punto sexto da Orde do 2 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas previstas nela co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Ourense. En virtude da Orde do 9 de setembro de 2020 acordouse, sobre a base do sinalado no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da mesma data e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, o mantemento das medidas de prevención e das recomendacións existentes no concello de Ourense, ben que, respecto das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración, se fixou no setenta e cinco por cento a limitación da capacidade e se suprimiu, como medida específica, a relativa ao uso de máscara no caso de actividade física ou deportiva en ximnasios ou espazos pechados, ao ser aplicable, en relación con este último aspecto, a modificación operada no número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 pola orde da mesma data do 9 de setembro de 2020.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 55/2020, do 14 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense.

En cumprimento do disposto no punto terceiro da Orde do 9 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente no concello de Ourense. Atendido o disposto no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 16 de setembro de 2020, sobre a comarca de Ourense, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 16 de setembro de 2020 dispúxose o mantemento, no concello de Ourense, das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 2 de setembro de 2020, na súa redacción vixente, é dicir, tendo en conta as modificacións introducidas pola Orde do 9 de setembro de 2020.

Polo demais, as medidas debían seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da dita orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

De acordo co informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca de Ourense, do 18 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria determinou a adopción, mediante a Orde do 18 de setembro de 2020, de medidas de prevención máis restritivas para as rúas Antonio Puga, Doutor Fleming, Xesús Soria e avenida de Portugal, desde o cruzamento coa rúa Ervedelo ao cruzamento coa rúa Irmáns Xesta, da cidade de Ourense, as cales, conforme o punto quinto da dita orde, debían ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde.

En cumprimento do disposto no punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020 e do punto quinto da Orde do 18 de setembro de 2020, citadas, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas.

No informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 23 de setembro de 2020, sobre a comarca de Ourense, indícase que a taxa de incidencia na comarca segue en aumento especialmente a 7 días. Este aumento da taxa é especialmente destacable no concello de Ourense, xa que os casos diarios seguen a aparecer de xeito continuo, feito que non acontece noutros concellos da área. Esta taxa de incidencia a 7 días duplica a taxa do conxunto de Galicia calculada para estes mesmos 7 días. A estimación puntual do número reprodutivo instantáneo amosa un valor por riba do 1, o que indica que existe unha transmisión que pode ser relevante. O brote neste concello non está a evolucionar claramente no sentido positivo. No momento actual, o concello de Ourense está suxeito a restricións e dentro deste delimitábanse zonas da cidade onde se detectaba una maior agrupación dos casos, zonas en que se establecían medidas aínda máis restritivas. Nos datos máis recentes da investigación epidemiolóxica obsérvase que a distribución dos casos dentro do concello segue a non ser uniforme, detectándose agrupacións de casos en determinadas zonas da cidade que se amplían respecto ao informe anterior. O informe considera que este brote segue a ter características de alto risco, como son a taxa de incidencia nos últimos 3 días, que aumentou respecto ao informe anterior; a porcentaxe de positividade de probas PCR realizadas na zona do brote, que sitúa este indicador no nivel de risco alto, e a porcentaxe de positividade das probas PCR realizadas aos contactos dos casos detectados, que sitúa este indicador no nivel de risco medio. O informe recomenda, polo tanto, manter as restricións no concello de Ourense e, ademais, ampliar as zonas da cidade onde se aplican medidas máis restritivas por teren unha maior concentración de casos.

Tendo en conta o indicado no informe, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Ourense impón, en consecuencia, o mantemento, no concello de Ourense, das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 2 de setembro de 2020, na súa redacción vixente, é dicir, tendo en conta as modificacións introducidas pola Orde do 9 de setembro de 2020, así como o mantemento das medidas máis restritivas previstas na Orde do 18 de setembro de 2020 nas zonas da cidade de Ourense en que se están a aplicar e a súa extensión a outras zonas do mesmo concello especialmente afectadas.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ourense, e do punto quinto da Orde do 18 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 en determinadas rúas do concello de Ourense, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención no concello de Ourense

1. Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Ourense, mantense a eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ourense, na súa redacción vixente, agás nas zonas previstas no número seguinte, en que será de aplicación o disposto no dito número.

2. As medidas previstas na Orde do 18 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 en determinadas rúas do concello de Ourense seguirán sendo de aplicación nas rúas Antonio Puga, Doutor Fleming, Xesús Soria e avenida de Portugal, desde o cruzamento coa rúa Ervedelo ao cruzamento coa rúa Irmáns Xesta, da cidade de Ourense. Ademais, as ditas medidas serán tamén de aplicación na zona delimitada pola rúa Progreso (desde a Ponte Romana ata o cruzamento coa rúa Praza de Abastos), rúa Irmáns Xesta, avenida de Portugal (ata cruzamento coa rúa Irmáns Xesta), Camiño Lobisome, rúa Salto do Can, rúa Carballo, rúa Sobreira, nacional 525 (desde o cruzamento coa rúa Sobreira ata o cruzamento coa avenida Ribeira Sacra), e avenida Ribeira Sacra ata a Ponte Romana, incluídas estas rúas nos tramos sinalados, da cidade de Ourense.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 24 de setembro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén e se estende serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración nas zonas da cidade de Ourense a que a presente orde estende a aplicación das medidas previstas na Orde do 18 de decembro de 2020 para os días 24 a 27 de setembro, que xa estivesen concertados con carácter previo ao día 23 de setembro, non serán aplicables as limitacións que se recollen no anexo da Orde do 18 de decembro de 2020, ben que deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade, para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade