Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193-Bis Mércores, 23 de setembro de 2020 Páx. 37135

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 23 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca de Santiago.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Santiago de Compostela, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 2 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Santiago de Compostela.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 3 de setembro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial mediante o Auto 73/2020, do 4 de setembro de 2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela.

En cumprimento do disposto no punto sexto da Orde do 2 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas previstas nela co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria de Santiago de Compostela. En virtude da Orde do 9 de setembro de 2020 acordouse, sobre a base do sinalado no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da mesma data e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, o mantemento das medidas de prevención e das recomendacións existentes no concello de Santiago de Compostela, ben que, respecto das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración, se fixou no setenta e cinco por cento a limitación da capacidade e suprimiuse, como medida específica, a relativa ao uso de máscara no caso de actividade física ou deportiva en ximnasios ou espazos pechados, ao ser aplicable, en relación con este último punto, a modificación operada no número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 por orde da mesma data do 9 de setembro de 2020.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial mediante o Auto 145/2020, do 11 de setembro de 2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela.

En cumprimento do disposto no punto terceiro da Orde do 9 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente no concello de Santiago de Compostela. Así, atendido o disposto no informe da Dirección Xeral de Saúde pública, do 16 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 16 de setembro de 2020 dispúxose o mantemento, no concello de Santiago de Compostela, das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 2 de setembro de 2020, na súa redacción vixente, é dicir, tendo en conta as modificacións introducidas pola Orde do 9 de setembro de 2020.

Conforme o punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020 as medidas debían ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria.

As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron ratificadas polo Auto número 88/2020, do 17 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela.

En cumprimento do previsto no punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020 procedeuse ao seguimento e a avaliación das medidas.

Neste sentido, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 23 de setembro de 2020, sobre a comarca de Santiago, indícase que no concello de Santiago de Compostela, aínda que se observa un lixeiro descenso na taxa acumulada e na taxa de incidencia global, o número de casos confirmados e as taxas seguen a acadar valores destacables, polo que o brote continúa tendo características de alto/medio risco. Ademais, na comarca de Santiago, o concello de Ames é, xunto co de Santiago de Compostela, o que presenta o maior número de casos, que vai en aumento nos últimos días, destacando en especial a situación do Milladoiro, no concello de Ames, debido fundamentalmente a un evento de gran potencial de expansión da infección, así como porque, atendidos os grupos de idade máis afectados, existe un número importante de infectados asintomáticos ou con síntomas moi leves, o que facilita a transmisión da infección. En consecuencia, no informe recoméndase o mantemento das medidas xa establecidas no concello de Santiago de Compostela e a aplicación das mesmas medidas no lugar do Milladoiro, parroquia de Santa María de Biduído, no concello de Ames.

Atendido o disposto no informe, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca de Santiago impón, como consecuencia, o mantemento, no concello de Santiago de Compostela, das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 2 de setembro de 2020, na súa redacción vixente, é dicir, tendo en conta as modificacións introducidas pola Orde do 9 de setembro de 2020, así como a aplicación das mesmas medidas no lugar do Milladoiro, parroquia de Santa María de Biduído, no concello de Ames.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca de Santiago, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Santiago de Compostela, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención na comarca de Santiago

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca de Santiago, mantense, no concello de Santiago de Compostela, a eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Santiago de Compostela, na súa redacción vixente. Ademais, as ditas medidas serán tamén de aplicación no lugar do Milladoiro, parroquia de Santa María de Biduído, no concello de Ames.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 24 de setembro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén no concello de Santiago de Compostela e se estenden ao lugar do Milladoiro, no concello de Ames, serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca de Santiago.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración para os días 24 a 27 de setembro no lugar do Milladoiro previstos no punto primeiro da presente orde, que xa estivesen concertados con carácter previo ao día 23 de setembro, non serán aplicables as limitacións que se recollen no anexo da Orde do 2 de setembro de 2020, ben que deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade, para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade