Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151-Bis Mércores, 29 de xullo de 2020 Páx. 29924

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 29 de xullo de 2020 sobre medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020. Por sucesivos acordos do Consello da Xunta, do 25 de xuño, do 17 e do 24 de xullo de 2020, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.

Ademais, mediante a Orde do 30 de xuño de 2020, demorouse o restablecemento das actividades dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, e das festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras, nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 e sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 4 de xullo de 2020, ditouse a Orde do 5 de xullo de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19. Na orde recolléronse medidas de prevención específicas de aplicación no ámbito territorial dos devanditos concellos para facer fronte ao abrocho existente do COVID-19 e para garantir a súa contención.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 6 de xullo de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas previstas no punto terceiro da orde, relativas ás restricións á mobilidade e ás agrupacións de persoas para a protección da saúde das persoas ante a existencia dun risco de carácter transmisible, foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 40/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo, do 8 de xullo de 2020.

En cumprimento do disposto no punto sexto da Orde do 5 de xullo de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas previstas nela co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria. Como resultado do dito seguimento, en virtude da Orde do 10 de xullo de 2020, mantivéronse as medidas de prevención contidas na Orde do 5 de xullo de 2020, con efectos desde as 00.00 horas do 11 de xullo de 2020, coa única modificación consistente no levantamento parcial das restricións da mobilidade que se limitaron partindo de dous ámbitos diferentes: por un lado, o concello de Burela, por concentrar a maior incidencia do abrocho, e por outro, un cinto exterior a Burela, formado polos concellos de Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo, ámbito cunhas condicións epidemiolóxicas similares e diferentes das do resto do ámbito territorial, polo número de casos confirmados e de contactos estreitos deles. As restricións á mobilidade no resto dos concellos incluídos no ámbito territorial a que se estenden as medidas de prevención quedaron levantadas. As ditas restricións á mobilidade, así como o mantemento das restricións ás agrupacións de persoas, foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 66/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo, do 15 de xullo.

Conforme o punto terceiro da Orde do 10 de xullo de 2020, as medidas serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días desde a publicación da dita orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

En aplicación de tal previsión, en virtude da Orde do 15 de xullo de 2020, mantivéronse as medidas de prevención contidas na Orde do 10 de xullo de 2020, con efectos desde as 00.00 horas do 16 de xullo de 2020, agás as relativas ás restricións á mobilidade, que se mantiveron só no concello de Burela, por concentrar a meirande parte dos casos do abrocho. As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 69/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo, do 17 de xullo.

Conforme o punto terceiro da Orde do 15 de xullo de 2020, as medidas serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

En aplicación da previsión indicada, mediante a Orde do 22 de xullo de 2020 mantivéronse, con efectos desde as 00.00 horas do 23 de xullo de 2020, as medidas de prevención existentes en todos os concellos da Mariña, agás as relativas ás restricións á mobilidade en Burela, que foron levantadas. Ademais, dada a evolución positiva da situación, tamén se modificou a restrición establecida respecto do horario de apertura da hostalaría e restauración, que se aumentou nunha hora. Así mesmo, modificáronse determinados números do anexo da Orde do 5 de xullo de 2020, relativos ao uso de máscaras, para adaptalos ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de xullo de 2020, polo que se introducen determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo, do 27 de xullo.

Novamente, na Orde do 22 de xullo de 2020, concretamente no seu punto cuarto, preveuse que as medidas serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria

En aplicación da dita previsión, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria.

Neste sentido, do informe emitido para tal fin dedúcese a boa evolución do abrocho e que este xa está en fase de control, polo que poden levantarse as medidas de prevención específicas, agás as relativas ás restricións ás agrupacións de persoas, ao lecer nocturno e ás festas, verbenas e outros eventos populares, así como ás atraccións de feiras, tendo en conta que aínda existe un número significativo de casos activos e contactos en corentena e que as reunións de moitas persoas e o lecer nocturno son as actividades de maior risco para a transmisión do COVID-19.

Procede, en consecuencia, manter como medidas de prevención específicas aplicables nos concellos da Mariña as relativas ás restricións ás agrupacións de persoas, ao lecer nocturno e ás festas, verbenas e outros eventos populares, así como ás atraccións de feiras, e levantar as demais medidas de prevención específicas que foron adoptadas, de xeito que, agás aquelas medidas específicas, no demais rexerán as medidas de prevención xerais de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, singularmente as contidas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 antes citado.

En atención ao exposto, en aplicación do punto cuarto da Orde do 22 de xullo de 2020 sobre medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é establecer determinadas medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19.

Segundo. Restricións ás agrupacións de persoas para a protección da saúde das persoas ante a existencia dun risco de carácter transmisible

1. Á vista da evolución da situación epidemiolóxica e coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade, de modo temporal, durante o período en que se estenda a eficacia das medidas previstas na presente orde de acordo co seu punto quinto, limítanse os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social, na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de dez persoas, excepto no caso de persoas conviventes, en que non se aplicará esta limitación.

2. O incumprimento da medida prevista neste punto poderá dar lugar á imposición das sancións e a outras responsabilidades previstas no ordenamento xurídico.

3. En particular, para os efectos da execución e control desta medida de prevención, no marco da situación de emerxencia sanitaria declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, solicitarase a colaboración das forzas e corpos de seguridade.

4. Para a execución das medidas previstas neste punto buscarase sempre con preferencia a colaboración voluntaria das persoas destinatarias coas autoridades sanitarias. Non obstante, malia que estas medidas non se individualizan en persoas determinadas dada a súa adopción con carácter xeral, tendo en conta que nos casos de ausencia de colaboración voluntaria a súa execución pode requirir a adopción de actos de imposición coactiva que poden supor restricións de dereitos fundamentais, e para coadxuvar na súa plena efectividade, solicitarase a súa ratificación xudicial, de acordo co previsto no número 6 do artigo 8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Outras medidas

1. Mantense a vixencia da demora no restablecemento das actividades dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, e das festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras, nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19, prevista na Orde do 30 de xuño de 2020, durante o período a que se estenda a eficacia das medidas previstas na presente orde de acordo co seu punto quinto.

2. En todo o non previsto nesta orde, e no que sexa compatible con ela, serán de aplicación, no ámbito territorial previsto no punto primeiro, as medidas que, con carácter xeral, se establecen no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

En particular, respecto das limitacións de capacidade por sectores contidas no número 3 do dito acordo, resultarán aplicables tales limitacións, sen prexuízo da necesidade de respectar, ademais, as restricións ás agrupacións de persoas previstas no punto segundo desta orde, de modo que:

a) Nos establecementos de hostalaría e restauración e nos establecementos e locais de xogos e apostas, a ocupación máxima será de dez persoas por mesa ou agrupación de mesas. Isto mesmo se aplicará nas mesas ou agrupación de mesas das terrazas ao aire libre de discotecas e outros establecementos de lecer nocturno que poidan abrir nos termos previstos na Orde do 30 de xuño de 2020.

b) Nos hoteis e aloxamentos turísticos, as actividades de animación ou clases grupais deberán deseñarse e planificarse cunha capacidade máxima de dez persoas, incluídos os monitores.

c) Nas bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais deberá respectarse o máximo de dez persoas nas actividades culturais de grupos, incluído o monitor ou guía.

d) A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma colectiva, sen contacto físico, ata un máximo de dez persoas de forma simultánea.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata dez persoas, sen contacto físico.

A práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica poderá realizarse de forma colectiva, sen contacto físico, ata un máximo de dez persoas simultaneamente no caso dos adestramentos. Non se aplicará este límite nas competicións onde as regras federativas garantan espazos diferenciados para cada equipo. No caso de realizarse en instalacións deportivas, a práctica axustarase ademais aos termos establecidos no parágrafo anterior.

e) Nas zonas de estadía das piscinas establecerase unha distribución espacial para manter a distancia de seguridade interpersoal entre os usuarios e cun máximo de dez persoas por grupo, excepto no caso de persoas conviventes, en que non se aplicará esta limitación.

f) Poderán realizarse actividades de turismo activo e de natureza, organizadas por empresas habilitadas como empresas de turismo activo, e a actividade de guía turístico, para grupos de ata un máximo de dez persoas.

g) Nos centros de interpretación e de visitantes, aulas da natureza, casetas e puntos de información deberá respectarse o máximo de dez persoas nas actividades de grupos, incluído o monitor ou guía.

h) As actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil deberán realizarse en grupos de ata dez persoas participantes, incluídos os monitores correspondentes, que deberán traballar sen contacto entre os demais grupos.

i) Nas praias deberá respectarse o límite máximo de dez persoas por grupo, excepto no caso de persoas conviventes, en que non se aplicará esta limitación.

j) Nos centros recreativos turísticos, zoolóxicos, acuarios ou similares, as visitas de grupos serán dun máximo de dez persoas, incluído o monitor ou guía.

k) En calquera outro local ou establecemento comercial incluído no número 3.39 do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, as actividades en grupos deberanse realizar ata un máximo de dez persoas participantes, incluídos os monitores, guías ou encargados correspondentes,

No que atinxe ás actividades en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación, así como na actividade formativa xestionada ou financiada pola Administración autonómica en centros e entidades de formación, observarase o disposto nos números 3.9 e 3.10 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Cuarto. Control do cumprimento das medidas e réxime sancionador

1. A vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención que se recollen nesta orde, e a garantía dos dereitos e deberes sanitarios da cidadanía, corresponderán aos concellos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas de acordo co artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e as competencias dos concellos de control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía e dos lugares de convivencia humana, de acordo co artigo 80.3 do mesmo texto legal, así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

2. Así mesmo, os órganos de inspección da Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderán realizar as actividades de inspección e control oportunas para a vixilancia e comprobación do cumprimento das medidas de prevención aplicables.

3. As forzas e corpos de seguridade darán traslado das denuncias que formulen polo incumprimento das medidas de prevención ás autoridades competentes.

Quinto. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 30 de xullo de 2020. Non obstante, as medidas recollidas nela serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade