DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Xoves, 24 de outubro de 2024 Páx. 56715

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o Xogo dos Birlos de Galicia.

A Convención da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco), para Salvagardar o Patrimonio Cultural Inmaterial define o patrimonio inmaterial como os usos, as representacións, as expresións, os coñecementos e as técnicas -xunto cos instrumentos, os obxectos, os artefactos e os espazos culturais que son inherentes a eles- que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural, e que se transmite de xeración en xeración, recreado constantemente polas comunidades e grupos en función do seu ambiente, a súa interacción coa natureza e a súa historia, introducindo un sentimento de identidade e continuidade e contribuíndo, deste xeito, ao respeto da diversidade cultural e da creatividade humana.

O Plan nacional de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial afonda na importancia de valorizar o protagonismo das comunidades, os grupos e os individuos, posuidores e titulares das iniciativas e das actuacións encamiñadas á investigación, á documentación, á promoción, á transmisión, á formación e á difusión das manifestacións inmateriais da cultura.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución, e, segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG).

O artigo 1.2 da LPCG establece que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais, que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, o recoñecemento e a identidade da cultura galega a través do tempo, e tamén por aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia nos que concorra algún dos devanditos valores e que se atopen en Galicia, con independencia do lugar no que se creasen.

O artigo 8.2 da LPCG dispón que terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, e inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, despois da incoación e tramitación do expediente, segundo ditamina o título I da LPCG e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural.

O artigo 9.3.a) da LPCG establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, as representacións, as expresións, os coñecementos e as técnicas, xunto cos instrumentos, os obxectos, os artefactos e os espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no punto 4º deste artigo inclúense «as artes do espectáculo, en especial, a danza e a música, as representacións, os xogos e os deportes».

O artigo 70.4 da LPCG dispón que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial requirirá a petición expresa previa das comunidades e as organizacións representativas do ben, que será incorporada ao expediente que se tramite.

O artigo 70.5 da LPCG establece que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial recoñecerá o seu carácter vivo e dinámico.

O artigo 70.6 da LPCG expón que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial recollerá o marco temporal e espacial no que o ben se manifesta, así como as condicións concretas nas que se produce.

O artigo 91 da LPCG indica que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, os bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, os coñecementos, as actividades e as técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

A práctica do xogo dos birlos de Galicia ou bolos celtas ten unha clara compoñente identitaria, fomenta a adhesión ao propio, favorece a sociabilidade e a integración social –a través da convivencia interxeracional e da negociación ante os avatares do xogo–; ten unha compoñente de inclusión –é admitida ao xogo, dentro da correspondente categoría, toda persoa, independentemente da idade, do xénero...–; facilita a adquisición e o desenvolvemento de habilidades como a memoria, o razoamento lóxico, a xestión da frustración, etc., ao tempo que facilita a aprendizaxe de novo vocabulario -as accións do xogo, os elementos deste, etc.-, así como fomenta o compañeirismo e a cooperación -armar ou plantar a caixa ou os birlos, recollida destes e da bóla. E, ademais, é un xogo accesible economicamente a todas as persoas, pois precisa pouco máis que un espazo libre adecuado, uns birlos (que poden ser mesmo botellas de plástico), unha bóla e unha pedra.

A análise do contido da documentación que contén o expediente administrativo, realizada polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, conclúe que o xogo dos birlos de Galicia se configura como unha manifestación inmaterial sobranceira da Comunidade Autónoma de Galicia e, por tanto, é susceptible de ser declarado ben de interese cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.

Tendo en consideración todo o exposto e o contido da documentación do expediente, e por resultar o xogo dos birlos de Galicia unha manifestación sobranceira do patrimonio cultural inmaterial de Galicia, a directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias establecidas no artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en virtude do disposto no título I da LPCG e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural o Xogo dos Birlos de Galicia, como unha manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia, segundo a descrición recollida no anexo I e as medidas de salvagarda establecidas no anexo II desta resolución. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses, contados a partir da data desta resolución. Se transcorrido ese prazo non se emitise resolución expresa, produciríase a caducidade do procedemento administrativo.

Segundo. Inscribir de forma preventiva o Xogo dos Birlos de Galicia como manifestación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicar a resolución ao Inventario Xeral do Patrimonio Cultural Inmaterial do Estado para a súa correspondente anotación preventiva.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Notificar a resolución de incoación á Federación Galega de Bolos.

Quinto. Abrir un período de información pública polo prazo dun mes, contado desde o seguinte día ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para que calquera persoa física ou xurídica poida consultar o expediente e presentar as alegacións e informacións que considere oportunas. O expediente poderase examinar no Servizo de Inventario (Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, bloque, 2º andar, en Santiago de Compostela), con petición de cita previa.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2024

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

O Xogo dos Birlos de Galicia

1. Denominación: o Xogo dos Birlos de Galicia.

Denominación secundaria: o Xogo dos Bolos Celtas.

2. Tipo de manifestación:

As artes do espectáculo, en especial a danza e a música, as representacións, os xogos e os deportes (artigo 9.3.a.4º da LPCG).

3. Descrición:

3.1. Contexto histórico do Xogo dos Birlos de Galicia.

O lanzamento é unha habilidade básica humana, xunto con correr, gabear, saltar e xirar, que, ademais no pasado, era fundamental para cazar. En efecto, os lanzamentos de puntería e precisión teñen un compoñente atávico de supervivencia, dos que ás veces depende a propia vida, pero tamén, ao seren as persoas seres lúdicos, usouse a habilitade do lanzamento tamén para a recreación e o lecer.

Neste sentido, os seres humanos da Idade de Pedra xa practicaban o tiro de seixos, máis ou menos redondos, contra ósos de animais que simulaban birlos e a civilización exipcia xa xogaba aos birlos ou xogos similares aos de hoxe en día. De feito, este xogo aparece na Prehistoria e na Idade Antiga en sitios tan distintos e afastados coma Malasia, Turquía, Exipto, Grecia, Roma, a América precolombina... En definitiva, os primeiros poboadores de Galicia, do mesmo xeito que noutras partes do mundo, usaban a habilidade natural de lanzar para cazar, pero tamén para distraerse e xogar.

En Galicia o xogo dos birlos conservouse e desenvolveuse fundamentalmente no mundo rural, desde onde na Idade Contemporánea se despraza ao ámbito urbano galego, debido ao progresivo asentamento da industria moderna no país, e ao panorama internacional, por mor da importancia do fenómeno emigratorio en Galicia.

Coa chegada da industrialización dos procesos produtivos hai un desprazamento poboacional do rural cara ás cidades, e cambian as localizacións do xogo. Deste xeito, procúrase continuar xogando aos birlos nas tabernas dos arrabaldes e dos barrios dos traballadores. Ademais, os taberneiros sabían que era un encontro social que melloraba o negocio, polo que, en ocasións, habilitaron lugares para xogar na veciñanza da taberna.

A emigración galega espallou o xogo dos birlos naqueles lugares aos que chegaba e, nos países de máis emigración galega, inclusive se crearon asociacións onde se xoga, no día de hoxe aos birlos tradicionais. Para os emigrantes os birlos forman parte da cultura propia, son un trazo identificador e serven para vencer a morriña.

Respecto do bolo celta, existen asociacións na Arxentina e no Uruguai, que, ademais se reúnen nos campionatos intercontinentais. En Bos Aires xógase no Centro Galicia, no círculo Social Valle Miñor e no centro Cangas del Narcea; e en Montevideo practícase o xogo no Centro Social, Cultural e Deportivo de Bolos Valle Miñor. Outros países aos que a emigración galega levou o xogo son Cuba, México ou Chile.

A comezos do século XX é probable que o xogo dos birlos tradicionais se espallase pola totalidade da xeografía galega, ao tratarse dun dos xogos populares e tradicionais máis importantes da historia de Galicia.

En Galicia a práctica do xogo dos birlos comeza a esmorecer na década dos anos 50 do século XX. Co fin de transmitir, impulsar e protexer este xogo, no ano 1988 fúndase a Federación Galega de Bolos, que incorpora, no ano 1992 o xogo do bolo celta ou tradicional.

3.2. A descrición do xogo e as súas modalidades.

A descrición do xogo:

O xogo dos birlos de Galicia, que presenta unha variada gama de modalidades, consiste en lanzar ou facer rodar unha bóla contra unha serie de birlos co obxectivo de derrubalos e desprazalos o máis lonxe posible, conxugando a plasticidade no tiro coa dinámica do exercicio e coas calidades físicas de forza, potencia e coordinación.

Os lugares de xogo estaban instalados tradicionalmente nas prazas das aldeas ou diante das igrexas e as competicións consistían en xogar cordeiros, galos, xerras de viño, etc.

Tamén funcionaba o xogo dos birlos como complemento festivo dos actos profanos da festa da parroquia formando parte das relacións sociais e servindo de punto de encontro nos solpores da primavera ou do verán, cando era típico atopar os homes xogando o vaso de viño na praza da vila.

Para describir o xogo dos birlos de Galicia, hai que referirse a tres tipos de elementos: elementos que xogan, elementos que non xogan e elementos complementarios.

A) Elementos que xogan: como elementos do xogo que xogan hai as bólas e os birlos.

• As bólas: completamente esféricas, son de madeira de buxo (aínda que na actualidade, debido á súa escaseza utilízanse outras, como o quebracho, a samanduba, a oliveira e inclusive poden ser de fibra ou poden ser de poliéster). O seu diámetro oscila entre os 13 e 14,5 centímetros e o seu peso está entre os 1,5 e 2 quilogramos. A madeira debe ser cortada uns dous anos antes da confección da bóla.

• Os birlos: tamén de madeira de buxo, teñen de 15 a 16 centímetros de alto e pesan entre 150 e 200 gramos.

B) Elementos que non xogan: son elementos pasivos necesarios para o xogo, ao estaren relacionados co espazo do xogo, mais que non teñen ningún movemento.

• O tiro: está composto de dúas partes; a zona de apoio ou tiro propiamente dito e a zona de caída ou poza.

• A zona de tiro é de pedra lixeiramente rugosa para que non escorreguen os xogadores cando lanzan, sobre todo, cando chove. Esta zona de tiro está a nivel coa pedra na que se plantan os birlos. Anexa está a poza na que o xogador apoia o pé ao lanzar a bóla. Esta poza ten un desnivel aproximado co tiro entre uns 15 ou 60 centímetros e ten entre dous e seis metros en dirección á pedra ou lousa de colocación dos birlos.

• A pedra ou lousa: de pedra pulida de 1,20 × 0,70 metros con pendente dun 15 % aproximadamente con respecto á pedra de tiro, e outra pendente máis variable en dirección á raia de birle.

• A raia de birle: é tamén coñecida como raia de 10, debido a que suma 10 tantos cada birlo que a sobrepase. Está situada a unha distancia de 21 metros desde o centro da pedra ou lousa de colocación de birlos.

C) Elementos complementarios: son elementos que forman parte da infraestrutura do xogo, importantes na súa preparación e no seu desenvolvemento. É imprescindible un recipiente cheo de auga para poder lavar a bóla. Tamén se pode dispor dunha rede colocada en semicírculo paralelo á raia de birle e a uns dous metros desta, a unha altura entre tres e seis metros, servindo para recuperar rapidamente as bólas e os birlos.

As modalidades do xogo:

A denominación do Xogo dos Birlos de Galicia ou bolos celtas comprende unha gran variedade de modalidades de pasabolo, entre as que destacan as seguintes: bolos do Val Miñor, bolos da Comarca de Viana do Bolo, bolos de Xove, bolos O Canteiro, bolos en liña, bolos do Barbanza e bolos A Cova.

Provincia de Pontevedra:

• O Rosal: modalidade de 13 birlos, tipo birlo O Canteiro e de 7 birlos.

• Oia: modalidade de 9, 7 birlos, e a de 5 birlos e a de 18 birlos en liña ou «resta».

• Tomiño: a modalidade de 5, 7 e 18 birlos en liña ou «resta».

• Gondomar, Baiona e Nigrán: modalidade de 18 birlos en liña ou «resta».

• Redondela, Pazos de Borbén, Soutomaior e Pontevedra: modalidade de birlos A Cova, de 9 bolos separados e lánzase desde un foso de abaixo para arriba.

Provincia de Ourense:

• Viana do Bolo: modalidade de 6 birlos en liña e a modalidade As Rúas sendo 9 birlos tipo birlo O Canteiro.

• A Veiga: modalidade de 6 birlos en liña.

• O Bolo: modalidade de 6 birlos en liña e As Rúas.

• Manzaneda: modalidade de 9 birlos en liña, e os birlos son moi rudos, practicamente cortando o tronco dun toxo escascado e case sen traballar ou calquera outro tipo de madeira resistente ao impacto das bólas.

• Valdeorras e Terra de Trives.

• Parada de Sil: modalidade tipo birlo O Canteiro, con 9 birlos cónicos e outros birlos en liña de 10 puntos denominados «belbas».

Provincia de Lugo:

• Pantón: modalidade de 9 birlos plantados, separados tipo birlo O Canteiro, e todos os birlos derribados valen o mesmo.

• Meira: modalidade de 9 birlos en liña, separados uns 15 cm, en forma de lámpada, con liñas de 10-20 e 40 puntos.

• Castro de Rei: modalidade de 9 birlos en liña, separados uns 10 cm, en forma de lámpada, con liñas de 10-20 e 40 puntos.

• A Pontenova: modalidade do Val Miñor e a modalidade de 9 birlos en liña, na que a forma destes é como un pequeno barril, con liña de 10.

• Riotorto: modalidade de 9 birlos en liña, separados 10 cm e tamén O Canteiro, pero valendo o mesmo todos os birlos e plantan 9 birlos, con liñas de 10-15-20-25-30 e 35 puntos.

• Quiroga: modalidade de 6 birlos, con dúas raias de 10 e 15 puntos, plántanse xuntos e sóltase a bóla preto dos birlos, case tocándoos coa man; son birlos pequenos, similares a outros xogos da provincia de Zamora.

• Xove: modalidade de 10 birlos en liña e a forma do birlo e de pequeno barril de 11,5 cm de altura e con dúas raias de 10 e 20 puntos.

• Ribadeo, Barreiros e Trabada: modalidade de birlo O Canteiro de 9 birlos con forma de pequeno barril e liñas de 10 e 20 puntos.

• Lourenzá e Mondoñedo: modalidade de birlo O Canteiro de 9 birlos e liñas de 10 e 20 puntos.

Provincia da Coruña:

• Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira: modalidade de 12 birlos en liña, tipo lámpada similares ao bolo O Canteiro de Lugo, pero moito máis pequenos. Os campos adoitan estar en pendente e teñen liñas de 10, 25, 50 e 100 e o acabón, que, como indica o seu nome, é o birlo que pasa esa distancia, que pode ser que pase por enriba dun valado, ou dun árboredo e acaba a partida, que acostuma ser a 200 tantos. Son os campos máis longos de todas as nosas modalidades e poden acadar os 100 metros de lonxitude.

• Dodro, Padrón e Rois: modalidade de 9 birlos en círculo e un birlo no medio, tipo birlo O Canteiro, é un xogo similar a outros da provincia de Zamora.

3.3. A comunidade portadora e as formas de transmisión.

Os xogos dos birlos, como práctica tradicional, foron transmitidos de xeración en xeración oralmente e pola práctica mesma do xogo. Dado que a regulación dos birlos era coñecida polo xeral da poboación, non se percibiu a necesidade de fixar as normas por escrito; así como tampouco foi recollido polos medios de comunicación locais nin, agás excepcións, foi plasmado en obras doutro tipo.

Os birlos foron unha das principais formas de ocio no pasado, polo xeral, entre as persoas da mesma comunidade ou máis ou menos próximas, nas máis das ocasións sen participar en ligas. Velaí unha das razóns das variacións que este xogo presenta. Diversidade que se manifesta asemade no vocabulario do xogo, nas características dos materiais fixos e mobles para o seu desenvolvemento, etc.

O proceso de custodia e a transmisión atópase na actualidade nun punto crítico, pois a práctica do xogo e as persoas que gardan o saber están diminuíndo, co risco conseguinte de se perderen as formas propias de cada zona.

Por isto, a importancia da introdución do xogo de birlos nas etapas educativas de Educación Primaria, as modalidades locais e as federadas, para manteren vivos os saberes e as prácticas, transmitindo o seu coñecemento aos máis novos e asegurándolles a pervivencia a estas prácticas idiosincráticas.

A práctica tradicional dos xogos de birlos de Galicia constitúe na súa vertente federada a Federación Española de Bolos, adherida ao Manifesto de Sustentabilidade do Comité Olímpico Español.

3.4. O marco temporal no que se manifesta o Xogo dos Birlos de Galicia.

O xogo de birlos pode ser practicado todo o ano, sen outras limitacións que as laborais e, se é o caso, as condicións meteorolóxicas. Tradicionalmente, na realidade, as partidas tiñan lugar os días festivos, especialmente nas festas patronais; en definitiva, nos tempos de lecer que permitían as obrigas laborais.

Hoxe xógase aos birlos case que durante todo o ano, pois, en casos, foi incorporado á materia de Educación Física nos centros educativos, tanto de Educación Primaria como de Educación Secundaria; ben que a primavera, o verán e o outono son as épocas máis acaídas; respecto a que días se xoga máis, seguen a ser os non laborais.

Moitas veces, os campos de birlos estaban asociados a outros espazos de sociabilidade, como son as tabernas; o que facilitaba a presenza de xogadores potenciais, así como a realización de apostas (ás veces, organizadas polo taberneiro) e facilitaba o mantemento do campo (polo taberneiro polo xeral). Ademais, frecuentemente o xogo ía unido a tomar unha bebida e, ao seu remate, compartir algo de comer, sobre todo, cando se xogaba e se segue xogando entre amigos e por lecer.

3.5. O marco espacial no que se manifesta o Xogo dos Birlos de Galicia.

O Xogo dos Birlos de Galicia está espallado por toda a xeografía galega e, con diferentes graos de actividade. Aparece nas catro provincias de Galicia e, en concreto, con diferentes modalidades, nos seguintes concellos:

• Provincia da Coruña: Boiro, Dodro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira.

• Provincia de Lugo: Barreiros, Castro de Rei, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, A Pontenova, Pantón, Quiroga, Ribadeo, Riotorto, Trabada e Xove.

• Provincia de Ourense: O Bolo, Manzaneda, Parada de Sil, A Veiga e Viana do Bolo.

• Provincia de Pontevedra: Baiona, Gondomar, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior e Tomiño.

No ano 2016 a competición en Galicia estaba organizada en catro ligas: Liga Sur, Liga Boiro, Liga Norte e Liga Ourense, que abarcan as catro provincias.

3.6. A función social.

Por todo o exposto, a práctica deste xogo ten unha clara compoñente identitaria –fomentando a adhesión ao propio–, favorecendo a sociabilidade e a integración social –a través da convivencia interxeracional e da negociación ante os avatares do xogo–; ten tamén unha compoñente de inclusión –é admitida ao xogo toda persoa, dentro da correspondente categoría, independentemente da idade, o xénero...–, facilita a adquisición e o desenvolvemento de habilidades como a memoria, o razoamento, a aprendizase de novo vocabulario -accións do xogo, elementos deste, etc.-, así como fomenta o compañeirismo e a cooperación -armar ou plantar a caixa ou os birlos, recollida desta e da bóla...-. E ademais é un xogo accesible economicamente a todas as persoas, pois precisa pouco máis dun espazo libre adecuado, uns birlos (que poden ser mesmo botellas de plástico) unha bóla e a pedra.

3.7. A compatibilidade coas declaracións xerais dos dereitos humanos de respeto entre as comunidades, os grupos e os individuos ou o desenvolvemento sustentable.

Na actualidade os xogos de birlos tradicionais de Galicia constitúen una práctica deportiva respectuosa cos dereitos humanos e cunha rotunda compoñente integradora, capaz de ser practicada por calquera persoa coas soas limitacións derivadas das exixencias da modalidade concreta ou do lóxico nivel de xogo a que obriga a competición regulada.

Polas características da súa práctica, fomenta os valores do deporte e facilita a interacción entre persoas de extracción social e procedencia diversas, constituíndo os campos de birlos espazos de socialización e de convivencia.

Como práctica tradicional os xogos de birlos de Galicia constitúen unha práctica sustentable e, na súa vertente federada, a Federación Española de Bolos está adherida ao Manifesto de Sustentabilidade do Comité Olímpico Español.

ANEXO II

Medidas de salvagarda

O artigo 1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, ten como obxectivo a protección, a conservación, a difusión e o fomento do patrimonio cultural de Galicia constituído polos bens e as manifestacións inmateriais que, polo seu valor, deban ser considerados como de interese para a cultura galega a través do tempo e, tamén por aqueles bens e manifestacións inmateriais de interese para Galicia nos que concorra algún dos valores sinalados e que se encontren en Galicia, con independencia do lugar no que se creasen.

O artigo 9.3 da devandita lei establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, as representacións, as expresións, os coñecementos e as técnicas, xunto cos instrumentos, os obxectos, os artefactos e os espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, na epígrafe 4 deste artigo inclúense «as artes do espectáculo, en especial, a danza e a música, as representacións, os xogos e os deportes».

Asemade, o artigo 91 dispón que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, os bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, os coñecementos, as actividades e as técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

As medidas xerais de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial comprometen as administracións públicas, dentro das súas competencias e dispoñibilidades orzamentarias, a garantir a súa viabilidade, nomeadamente a súa identificación, a súa documentación, o seu rexistro, a súa investigación, a súa preservación, a súa protección, a súa promoción, a súa valorización, a súa transmisión e a súa revitalización.

En consecuencia, é conveniente proceder ao arquivamento e á sistematización dos documentos relacionados con este patrimonio cultural para poder ter unha comprensión máis eficaz e completa del, e a súa difusión debe ser incorporada ao ensino, tanto o formal como o non regulamentado, e realizar a súa difusión para mellorar a súa transmisión.

A documentación e a recollida de testemuños, material audiovisual e a compilación doutros rexistros de interese debería ser sistematizadas e postas á disposición das persoas interesadas.

Así mesmo, cómpre continuar coa realización do xogo dos birlos de Galicia, promovido polas máis diversas entidades, comprometidas coa tradición e a súa necesaria transmisión como exemplo de cohesión cultural e identidade colectiva.

Do mesmo xeito, cómpre continuar co recoñecemento aos xogadores e ás xogadoras e homenaxear as xeracións transmisoras.