DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Xoves, 24 de outubro de 2024 Páx. 56713

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 15 de outubro de 2024 pola que se amplía o prazo de xustificación da subvención correspondente á anualidade 2024 establecido na Orde do 4 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento IN541A).

O 26 de xaneiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 4 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento IN541A).

O artigo 22.1 das bases reguladoras da dita orde establece que, para cobrar a subvención, os concellos beneficiarios terán ata o 31 de outubro de 2024 para presentar a documentación xustificativa da subvención, para a contía de subvención concedida con cargo á anualidade de 2024.

Tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas e a complexidade da execución de determinados proxectos, o que implica un posible risco de incumprimento do prazo establecido na orde, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación ata o día 15 de novembro de 2024 (incluído) para a execución e xustificación da contía da subvención concedida con cargo á anualidade de 2024, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación do prazo de execución e xustificación

Modifícase o artigo 22.1 das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobada pola Orde do 4 de xaneiro de 2024, no referente ao prazo de execución e xustificación para a contía de subvención concedida con cargo á anualidade de 2024, que se amplía ata o 15 de novembro de 2024 (incluído).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2024

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria