DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Luns, 14 de outubro de 2024 Páx. 54343

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 7 de outubro de 2024 pola que se modifica a Orde do 1 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR440D).

A Consellería do Medio Rural publicou o día 13 de agosto de 2024, no Diario Oficial de Galicia número 156, a Orde do 1 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR440D).

No seu articulado regúlase no seu artigo 25 a compatibilidade das axudas, e no seu artigo 26 a comunicación relativa aos anticipos. Co fin de adaptar o contido destes artigos ao establecido nos artigos 80 e 81 do Real decreto 905/2022, polo que se regula a intervención sectorial vitivinícola no marco do Plan estratéxico da política agrícola común, modificado polo Real decreto 147/2023, e que constitúe a normativa básica estatal na materia, procede modificar o texto da orde.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 1 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR440D)

Un. Modifícase o punto 1 do artigo 25 da referida orde, que queda redactado como segue:

«1. Non se financiarán cos fondos da intervención sectorial vitivinícola as medidas que estean recollidas nos programas de desenvolvemento rural ao abeiro do Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, nos plans estratéxicos ou intervencións financiadas a través do Fondo Feader ao abeiro do Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, e as medidas que están recollidas no Regulamento (CE) nº 1040/2002 da Comisión, do 14 de xuño de 2002, polo que se establecen normas particulares de execución das disposicións relativas á asignación dunha participación financeira da Comunidade para a loita fitosanitaria e se derroga o Regulamento (CE) nº 2051/97, nin outras medidas financiadas por instrumentos financeiros da Unión Europea».

Dous. Modifícase o artigo 26 da referida orde, que queda redactado como segue:

Artigo 26. Comunicación relativa aos anticipos

«Para os anticipos concedidos segundo o artigo 18, o beneficiario deberá realizar cada ano ao organismo pagador antes do 15 de febreiro, xunto coa solicitude do pagamento do saldo da anualidade correspondente, unha declaración dos gastos que xustifiquen o uso dos anticipos na anualidade correspondente e a confirmación do saldo restante do anticipo non utilizado.»

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2024

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural