DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 4 de outubro de 2024 Páx. 53364

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 3 de outubro de 2024 pola que se determinan os servizos mínimos da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga parcial os días 7, 9, 11 e 14 de outubro, e indefinida a partir do día 16 de outubro en días alternos: luns, mércores e venres, nos seus centros de traballo.

O Comité Intercentros da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. comunicou unha convocatoria de folga parcial que afecta todos os traballadores e traballadoras da Corporación nos seus centros de traballo: San Marcos (Santiago de Compostela), A Coruña, Vigo, Ourense e Lugo. Esta convocatoria de folga desenvolverase os días 7, 9, 11 e 14 de outubro de 2024, e adquirirá carácter indefinido a partir do día 16 de outubro en días alternos, luns, mércores e venres, cunha duración dunha hora e media na franxa comprendida entre as 11.30 e as 13.00 horas. O día 1 de outubro produciuse a reunión de negociación co Comité de Folga.

O dereito fundamental á folga está suxeito a limitacións e restricións no seu exercicio debido á súa conexión con outras liberdades, dereitos e bens constitucionalmente protexidos. O artigo 28.2 da Constitución española determina que a lei que regule o exercicio do dereito de folga establecerá as garantías precisas para asegurar o mantemento dos servizos esenciais da Comunidade.

O artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, atribúelle á «autoridade gobernativa» a competencia para acordar as medidas necesarias para asegurar o funcionamento deste tipo de servizos. Na Comunidade Autónoma de Galicia, o artigo 3 do Decreto 155/1988, de 9 de xuño, sobre prestación de servizos esenciais no caso de folga do persoal ao servizo da Administración autonómica, faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para determinaren mediante orde o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para fixar o persoal preciso para a súa prestación, logo de convocar o Comité de Folga. Neste sentido, a Corporación RTVG ten encomendada pola Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, a xestión do servizo público de comunicación audiovisual de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. Este servizo ten atribuído pola mencionada norma o carácter de servizo esencial de interese económico xeral e, polo tanto, de recoñecida e inaprazable necesidade, tal como recolle o artigo 1 do citado Decreto 155/1988.

Cómpre, en consecuencia, conciliar o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais, motivo polo cal o sector autonómico público galego, de acordo coa normativa vixente, vén obrigado a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan nesta orde. Os criterios determinantes para a fixación dos servizos mínimos teñen en conta os distintos pronunciamentos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación cos servizos esenciais fixados en anteriores xornadas de folga. Fundamentalmente, estes pronunciamentos consideran necesaria a exteriorización da ponderación dos factores e criterios tidos en conta para determinar as prestacións mínimas que resulta imprescindible garantir. O obxecto desta orde é dar a coñecer xustificadamente estes criterios, en virtude dos cales se identifican os servizos mínimos esenciais e se determinan os efectivos necesarios para aseguralos durante as xornadas de folga.

A fixación dos servizos mínimos adoptados na Corporación RTVG xustifícase en razón das seguintes circunstancias:

1. O carácter esencial que revisten os servizos de comunicación audiovisual, non só pola determinación expresa do lexislador (Lei 9/2011, do 9 de novembro), senón tamén pola súa incidencia no exercicio dos dereitos fundamentais a comunicar e recibir información veraz por calquera medio de difusión (art. 20.1.d) da CE) e en aplicación da Lei 13/2022, do 7 de xullo, xeral da comunicación audiovisual, que reserva por norma o carácter de servizo esencial para o servizo público de comunicación audiovisual. A condición de servizo esencial resérvase na actualidade para o servizo público de comunicación audiovisual (Lei 13/2022), isto é, para aqueles servizos de comunicación audiovisual que son de titularidade pública. En plena concordancia co indicado, a Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, establece que o servizo público de radio e televisión de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia é un servizo esencial para a Comunidade.

Concorren, por tanto, neste caso os presupostos normativos establecidos no artigo 10 do Real decreto lei 17/1977 para aquelas folgas convocadas en empresas encargadas de prestar calquera xénero de servizo público ou de recoñecida e inaprazable necesidade. O feito en que poden imporse medidas limitadoras componse de dous elementos: un, a cualificación do servizo («servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade») e outro, de carácter circunstancial («e concorran circunstancias de especial gravidade). Non abonda así coa cualificación do servizo para xustificar as medidas limitativas, senón que estas, de ser o caso, deben axustarse ás circunstancias, que deben ser non só graves senón de especial gravidade, como a urxencia de non asegurar a emisión e a comunicación informativa relevante cando é o único medio audiovisual de titularidade pública de Galicia.

2. A necesidade de precisar, segundo un criterio o máis estrito posible, aqueles aspectos cuxo mantemento debe considerarse indispensable coa finalidade de asegurar a satisfacción do interese público afectado e aqueles outros aspectos que poden quedar suspendidos temporalmente como consecuencia da folga, sen diminución do interese xeral da comunidade. De modo que a consideración dun servizo como esencial non pode supor a supresión do dereito de folga do persoal que teña que prestalo, senón a necesidade de dispor das medidas precisas para o seu mantemento ou, dito doutro xeito, para asegurar a prestación dos traballos que sexan necesarios para a cobertura mínima dos dereitos, liberdades ou bens que satisfai o dito servizo, sen que exixa acadar o nivel de rendemento habitual nin asegurar o seu funcionamento normal.

A determinación dos servizos mínimos debe obedecer a un criterio de proporcionalidade, elixindo tan só o mínimo esencial para asegurar a emisión das canles de comunicación e a retransmisión da información de carácter esencial. Esta proporcionalidade ponse de manifesto coa propia cuantificación destes efectivos mínimos, pois o persoal con horario habitual de traballo na franxa horaria afectada nun día comparable de programación ordinaria está integrado por uns 520 efectivos e o persoal que atende as tarefas cualificadas como servizos mínimos só acada os 75. Outro dato relacionado coa proporcionalidade é a comparativa entre os efectivos convocados en servizos mínimos na quenda de mañá noutras xornadas de folga a xornada completa, que son sobre 90, e os convocados nesta, que son 75. Esta diminución vén motivada por non coincidir na franxa de paro ningún programa considerado de información esencial.

De acordo cos anteriores fundamentos, considérase necesario:

I. Garantir a produción e emisión dos programas informativos que son considerados imprescindibles para o mantemento dos servizos públicos esenciais de información á comunidade. A «programación informativa» que sexa establecida co dito carácter de servizo esencial exixirá que queden debidamente expresadas ou identificadas as seguintes circunstancias ou datos, de xeito que demostren na dita «programación informativa» o cumprimento destas dúas exixencias que seguen:

1ª. Por unha banda, a súa «necesidade» para garantir, no mínimo que resulta exixible, os dereitos fundamentais de liberdade de expresión e de información do artigo 20 da Constitución; neste sentido, os efectivos que se presentan nesta resolución fan referencia aos mínimos indispensables para asegurar a emisión, produción e continuidade dos espazos considerados de contido informativo esencial. En servizos mínimos encóntranse os efectivos precisos para a emisión das noticias esenciais, de relevancia, ou que precisen inmediatez e con valor informativo. O número de efectivos determínase para unha duración inferior á habitual destes espazos informativos, polo que, no caso de asistencia á folga da totalidade do cadro de persoal, se garanta, cando menos, esta duración reducida como información esencial.

En concreto, e con carácter xeral, na programación actual dos medios de comunicación que conforman a Corporación considéranse imprescindibles para manter os servizos públicos esenciais de información á comunidade os seguintes programas informativos:

• Na Televisión de Galicia:

Bos días, espazo informativo matinal diario. Trátase dun espazo que é o primeiro avance do día de noticias á cidadanía galega.

Galicia Noticias, informativo de proximidade comarcal e local que ten unha importancia estrutural con atención informativa diferenciada e a referencia no ámbito comarcal.

Telexornal 1, espazo informativo de referencia en Galicia no que atinxe á actualidade galega, española e mundial.

Telexornal 2, espazo informativo de actualidade que actualiza e repasa a información da xornada.

• Na Radio Galega:

Galicia por diante, espazo matinal radiofónico no cal se tratan contidos informativos e de actualidade.

A Crónica 1, espazo informativo do mediodía.

A Crónica 2, espazo informativo de noite.

– Os boletíns horarios, que se concretan en pequenos espazos duns 3/4 minutos que se producen dentro da programación ordinaria nas franxas horarias, que ao longo do día actualizan a información máis relevante da xornada.

A convocatoria de servizos mínimos permite elaborar os espazos informativos na TVG e na Radio Galega que se emiten a continuación da franxa horaria de folga parcial (Galicia Noticias, Telexornal 1, boletíns informativos e A Crónica 1). A súa duración será determinada polo seguimento da folga por parte do persoal.

• Na canle G2: a redifusión, como é habitual, dos espazos informativos mínimos da primeira canle con posterioridade á súa emisión, para a cal só se necesita fixar servizos mínimos para asegurar esta.

• Nas canles dixitais: disporase dun mínimo para actualizar a información de carácter esencial na xornada, en canto que actualmente é o modo de acceso á información preferido de parte importante da poboación máis nova.

• Os programas non informativos, directos ou gravados non se dotan de servizos mínimos, como tampouco están en servizos mínimos as informacións de deportes ou do tempo. Aínda que a información meteorolóxica podería adquirir a consideración de servizo esencial á comunidade en caso de que na xornada de folga se torne nunha información relevante en función das circunstancias climáticas. Cando non sexa posible a emisión dun espazo polo seguimento da folga, emitirase en redifusión un programa xa emitido con anterioridade.

2ª. Por outro, a súa «proporcionalidade». É dicir, a actividade informativa mantida como servizo mínimo comporta unha diminución, non só da total actividade televisiva ou radiofónica de calquera clase de contido que se desenvolva en circunstancias de normalidade, senón tamén da actividade audiovisual realizada nesas mesmas circunstancias de normalidade. A afectación da folga será máis ou menos visible en función do seguimento por parte do persoal.

Con estas dúas consideracións, no caso de seguimento maioritario da folga, a redución dos programas informativos mencionados e a supresión doutros de carácter eminentemente informativo e de actualidade durante as xornadas de folga convocadas producirá unha diminución da actividade informativa habitual, que proporcionará unha visibilidade notable do seguimento da folga e producirá unha variación total da programación habitual diaria no caso de alto seguimento.

Nesta convocatoria concreta, ao ser un paro de 1 hora e 30 minutos ao longo da mañá, non existe concorrencia horaria entre o paro e programas informativos en mínimos, agás os boletíns horarios da Radio Galega e a información por medios dixitais. Pero gran parte do contido informativo audiovisual prepárase e prodúcese ao longo da mañá, polo que, para asegurar os programas informativos en mínimos, se precisa o traballo de parte do persoal durante esta franxa.

Como norma xeral, en canto ao número concreto de efectivos en cada unha das unidades orgánicas que conforman a Corporación, convócase en servizos mínimos un efectivo por categoría profesional para executar as tarefas que fan posible a emisión, soporte e a creación informativa. De forma excepcional, en determinadas categorías profesionais pode ser necesaria a convocatoria de máis dun profesional para garantir a cobertura informativa esencial e técnica, tendo en conta a súa relevancia para os servizos informativos ou para as tarefas específicas que se van desenvolver, que deben ser as habituais sen vulnerar o dereito á folga doutros traballadores/as. As excepcións son:

1. Informadores de TVG en San Marcos: inclúe persoal das categorías profesionais de redactores, locutores de TVG e RG e auxiliares de redacción necesarios para sacar adiante a información de carácter esencial nas xornadas de folga. En concreto:

a. Galicia Noticias: a comunicación de proximidade e, en concreto, a que emprega a comarca como unidade de referencia, ten unha importancia estrutural en Galicia. Trátase dun telexornal líder na súa franxa na Comunidade Autónoma. Por ser o único en Galicia que transmite esta información fronte ao ámbito máis xeneralista dos outros formatos, Galicia Noticias ten un interese real e expreso en apartarse do partidismo e propiciar a participación cidadá centrándose no ámbito social e informativo da comunidade.

b. Telexornal 1: o espazo de referencia informativa en Galicia para desenvolver a información esencial de carácter prioritaria para a comunidade.

c. En cada un dos centros de traballo convócase en servizos mínimos un informador para garantir a cobertura básica informativa de cada unha das áreas xeográficas: Lugo, Ourense, A Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo.

Ademais, os informadores van acompañados para as coberturas por reporteiros gráficos que toman a imaxe e son co fin de elaborar as pezas informativas para alimentar estes programas. Para cubrir estas informacións, traballando en conxunto cos informadores, son precisos seis (6) reporteiros gráficos no centro de traballo de San Marcos e un en cada delegación (A Coruña, Vigo, Ourense e Lugo).

A parte de documentación e arquivamento resulta imprescindible para poder ilustrar a información esencial que poida cubrirse na xornada de folga. O persoal convocado ten que cubrir o horario de atención e produción dos informativos para garantir as validacións e peticións dos redactores sobre o sistema de xestión do arquivo (Tedial). Considérase preciso convocar dous (2) documentalistas para cubrir a franxa horaria de produción e emisión dos espazos informativos.

2. Informadores da Radio Galega en San Marcos: os redactores, locutores de radio ou auxiliares de redacción precisos para sacar adiante os programas informativos de carácter esencial afectados son:

a. Boletíns horarios informativos: é preciso convocar un informador para poder preparar e locutar os boletíns informativos para garantir a peza emitida, que inclúe a información básica de servizo público.

b. A Crónica 1: é o programa informativo do mediodía na Radio Galega, que precisa para a súa emisión convocar persoa coordinadora e presentadora e unha informadora para a elaborar as noticias.

c. En cada unha das delegacións convócase en servizos mínimos unha persoa informadora para garantir a cobertura básica de cada unha das áreas xeográficas: Lugo, Ourense, A Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo.

3. Na TVG resulta necesario convocar en servizos mínimos con carácter xeral un efectivo de cada unha das categorías profesionais de ámbito técnico na franxa afectada, a excepción do que se explica a continuación. Nesta convocatoria de servizos mínimos, os medios técnicos necesarios para asegurar a emisión dos informativos vense reducidos, de forma que se prescinde de certos profesionais que achegan calidade e profesionalidade ao formato, tendo en conta que se prevé que os formatos poidan chegar a ser máis sinxelos e básicos.

A execución dos servizos informativos mínimos establecidos require dispoñer de determinados efectivos por categoría profesional para asegurar a produción das noticias, a realización e demais parte técnica de produción informativa. Os casos concretos de colectivos que exixen convocar máis dun efectivo e as razóns que a motivan son:

A área de grafismo exixe dispoñer do persoal necesario para o cumprimento das directrices legais en día de folga e non modificar as funcións habituais de cada traballador/a. Estes/as traballadores/as teñen a encomenda de facer o traballo de grafismo e deseño para os programas informativos en servizos mínimos. Convócanse dous (2) efectivos desta unidade, habitualmente un deseñador gráfico e un/unha grafista.

A área de produción necesita ter persoal convocado en servizos mínimos para realizar os labores de produción esenciais para a emisión dos programas informativos, como vías, sinais, permisos, descargas, escaleta de produción, coordinación de saídas de reporteiros gráficos, etc.

O mesmo ocorre co colectivo dos realizadores e axudantes de realización. Cada programa emitido ten 5 efectivos de axudantes de realización para as tarefas de rexedor, mesturador, axudante do realizador, operador da pantalla de watch-out e outro axudante para facer de nexo entre os programas informativos que se realizan no plató da pantalla e o control. Durante o paro é precisa a convocatoria de 6 efectivos entre realizadores e axudantes (2 axudantes e un realizador por cada un dos programas informativos en servizos mínimos) para asegurar a preparación dos programas informativos, durante esa hora e media prescíndese do efectivo de mesa central.

O colectivo dos operadores montadores de vídeo especializouse tras o proceso de dixitalización da TVG. Os operadores de PAM son os que atenden especificamente os sinais e directos que se gravan para os informativos. É habitual que entren ata 7-8 sinais en simultáneo, polo que son precisos dous operadores de PAM para o control e envío, dada a duración excepcional desta folga de hora e media, convocarase tan só un. Os operadores de MAM traballan co departamento de documentación preparando o material que lles solicita informativos e facendo a inxesta de materiais externos. Durante a franxa é necesario polo menos un efectivo para atender as pezas dos informativos. Os operadores de media son os xestores do sistema de produción de entradas e envío a controis das pezas dos informativos e é necesaria durante a franxa un efectivo para poder manter os fluxos de produción. Ademais, precísase un operador de posprodución e, ao entenderse a curta duración da convocatoria, prescindirase do traballo nas delegacións.

II. Asegurar a continuidade das emisións radiofónicas e televisivas, co obxecto de que, por razóns de máxima urxencia e necesidade, deba cubrirse algún acontecemento de actualidade que, pola súa premura, obrigue á súa cobertura coa maior axilidade posible. Tal garantía exixe fixar servizos mínimos na parte técnica de emisións e continuidade, co obxecto de poder cubrir unha eventual incidencia de calquera ámbito. Neste sentido, o soporte e mantementos das emisións inclúe efectivos dos departamentos de:

– Continuidade: nesta área crítica para a retransmisión televisiva establécense tres (3) operadores/as de continuidade de xeito permanente, necesarios para poder axustar as redifusións e programas da TVG, tanto os previstos como as variacións que se teñan que facer durante o día por posibles efectos do seguimento da folga, incluídas as da canle G2.

– Emisións: é preciso un mínimo de tres (3) traballadores/as durante a xornada, xa que cada un deles ten asignado o control da emisión de cada unha das canles en que se retransmite o contido informativo esencial, como responsables da elaboración do minutado, a segmentación e a comprobación técnica da grella para emitir sen incidencia.

– Soporte tecnolóxico de medios: na Radio Galega, a parte técnica dos informativos realízaa a categoría profesional dos técnicos de control, e é imprescindible dispoñer dun técnico de Control Central que garanta a emisión e a correcta xestión dos sinais. Ademais, un técnico de estudio que garanta a realización dos informativos en servizos mínimos e boletíns horarios sen modificar as tarefas habituais de cada traballador/a.

Por tanto, nos días de semana, dentro da franxa horaria de referencia, precísase convocar dous (2) efectivos da categoría profesional técnico de control para ter cubertas estas tarefas durante a folga parcial.

– Operacións, emisións e mantemento técnico: na parte do control central, o núcleo onde se fai o control dos sinais, é preciso ter un efectivo técnico para cubrir as franxas de emisión dos programas informativos de información esencial. Na área de explotación, que é a de operacións técnicas, é imprescindible a presenza de dous técnicos, xa que teñen que atender dúas salas de traballo diferentes para manter as máquinas en uso e poder dar soporte ás consolas de mestura nos controis e os dispositivos electrónicos (a de operacións técnicas e a sala RAC).

Existen ademais outras áreas de servizos xerais que son precisas de cara a dar soporte en caso de incidencias a cada un dos departamentos:

– Servizo de sistemas: onde é fundamental dar un soporte informático ao persoal. Despois do proceso de dixitalización acontecido na TVG a finais do ano 2018, todos os fluxos de traballo e ferramentas mudaron para adaptar o traballo ao novo sistema. Este traballo de dar soporte é clave neste momento, xa que a plataforma de dixitalización aínda se está a estabilizar nalgunhas das súas funcións e melloras e é preciso un servizo de apoio aos profesionais ante calquera incidencia técnica que lles impida realizar as súas tarefas.

– O Grupo Soporte é unha unidade dependente do Servizo de Sistemas que dá soporte tecnolóxico á plataforma dixital da TVG e que resolve as incidencias que poden afectar a correcta emisión televisiva. É unha unidade de soporte crítica que resolve as incidencias da redacción de informativos. Pola mañá son precisos dous (2) efectivos de cara a poder garantir a resolución en tempo das casuísticas técnicas habituais da plataforma dixital na CRTVG.

– Instalacións e almacéns: necesítase dispoñer dun almacenista para poder abrir os almacéns de cámaras e material técnico para poder subministrar os equipamentos precisos para desenvolver o seu traballo ao resto de profesionais en servizos mínimos.

– Mantemento: o persoal deste departamento, entre outras tarefas, atende incidencias relacionadas coa electricidade, xa que o mantemento da instalación eléctrica de alta e baixa tensión da CRTVG é imprescindible para garantir a emisión en caso de incidencia.

III. A consideración da extensión xeográfica e temporal da convocatoria de folga afecta a xestión dos servizos públicos esenciais de radiodifusión sonora e televisión. Na adopción de tales medidas que garantan o mantemento dos servizos débese ponderar a extensión territorial e persoal, a duración prevista e as demais circunstancias concorrentes na folga, así como as concretas necesidades do servizo e a natureza dos dereitos ou bens constitucionalmente protexidos sobre os que aquela repercute.

A CRTVG é o único medio de comunicación audiovisual de carácter público con cobertura autonómica, polo tanto, o único medio coa obriga e posibilidade de asegurar este servizo informativo esencial.

A duración temporal da convocatoria da folga afecta todo o persoal durante a quenda de mañá na franxa afectada. A convocatoria en servizos mínimos efectúase de xeito que non supoña cambio de horario, de funcións, tarefas habituais e outras circunstancias do persoal. Podería darse a circunstancia de que, por cuestións organizativas ou por ausencias xustificadas do persoal, o persoal asignado en servizos mínimos non coincida exactamente coa categoría profesional asignada ou substitúa a función esencial descrita dunha ausencia xustificada.

Na súa virtude, de acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, vistas as propostas das consellerías e en virtude das facultades que me confire o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, oído o Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. A convocatoria de folga parcial desenvolverase os días 7, 9, 11 e 14 de outubro de 2024 e adquirirá carácter indefinido a partir do día 16 de outubro en días alternos, luns, mércores e venres, cunha duración dunha hora e media na franxa comprendida entre as 11.30 e as 13.00 horas.

2. Terán a consideración de servizos mínimos os que se relacionan no anexo a esta orde.

Artigo 2

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación suficiente. A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada polos empregadores e notificada ao persoal designado.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Efectivos mínimos convocados a partir do 7 de outubro de 2024, luns, mércores e venres, de maneira indefinida

I. Informativos:

I.I. Documentación e arquivo:

2 documentalistas de mañá.

I.II. Redacción da Radio Galega (redactores/as, locutores/as e auxiliares de redacción):

3 informadores/as en San Marcos.

1 informador/a na Delegación da Coruña.

1 informador/a na Delegación de Lugo.

1 informador/a na Delegación de Ourense.

1 informador/a na Delegación de Vigo.

I.III. Redacción da Televisión de Galicia (redactores/as, locutores/as e auxiliares de redacción):

11 informadores/as en San Marcos.

1 informador/a na Delegación da Coruña.

1 informador/a na Delegación de Ourense.

1 informador/a na Delegación de Vigo.

1 informador/a na Delegación de Lugo.

I.IV. Reporteiros/as gráficos/as:

6 reporteiros/as gráficos/as en San Marcos.

1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación da Coruña.

1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación de Vigo.

1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación de Ourense.

1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación de Lugo.

I.V. Tempo real:

1 informador/a.

I.VI. Medios de produción:

I.VI.I. Grafismo:

1 deseñador/a gráfico/a.

1 grafista-titulador/a.

I.VI.II. Maquillaxe:

1 maquillador/a.

I.VI.III. Produción:

2 persoal de produción.

I.VI.IV. Realización:

2 realizadores/as.

4 axudantes/as de realización.

I.VI.V. Operadores/as de vídeo:

1 operador/a posprodución ou operador/a montador de vídeo.

1 operador/a montador/a de vídeo de inxesta PAM.

1 operador/a montador/a de vídeo de inxesta MAM.

1 operador/a montador/a de vídeo de media.

II. Soporte e mantemento das emisións:

II.I. Soporte e mantemento das emisións:

II.I.I. Continuidade:

3 operadores/as de continuidade.

II.I.II. Emisións:

3 persoal de emisións.

II.II. Grupo soporte:

2 operadores/as de soporte.

II.III. Medios RG:

2 técnicos/as de control.

II.IV. Operacións, emisións e mantemento técnico:

3 técnicos/as electrónicos/as de primeira ou técnicos/as electrónicos/as.

II.V. Instalacións:

1 electricista.

I.VI. Mantemento:

1 axudante de mantemento.

II.VII. Almacén de cámaras:

1 almacenista.

II.VIII. Servizo de sistemas:

1 analista-programador/a ou técnico de sistemas.