DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 4 de outubro de 2024 Páx. 53378

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 2 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable (código de procedemento PE209P).

O Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo Plus (FSEP), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados, define no artigo 5 os obxectivos políticos aos cales os fondos prestarán o seu apoio, e na letra b) figura unha Europa máis verde, baixa en carbono, en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sustentable.

Así mesmo, o Regulamento (UE) núm. 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 2017/1004, recolle no artigo 3 e dentro do antedito obxectivo político que o FEMPA contribuirá á prioridade 1 da Unión Europea (UE) relativa a fomentar una pesca sustentable e á recuperación e conservación dos recursos biolóxico acuáticos. Dentro desta prioridade regúlase no artigo 14 o obxectivo específico 1.1 de reforzar as actividades pesqueiras que sexan económica, social e ambientalmente sustentables. Incluída neste obxectivo específico está o tipo de actividade 1.1.1-Xestión sustentable dos recursos pesqueiros. Fomentar a pesca sustentable e a recuperación e conservación dos recursos. Ademais, o apoio no marco FEMPA contribuirá á consecución dos obxectivos ambientais e de mitigación do cambio climático.

Mediante a Decisión de execución da Comisión do 29 de novembro de 2022, aprobouse o programa para España do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura para o período 2021-2027, que inclúe as medidas que se desenvolverán para a consecución das prioridades e obxectivos do FEMPA en España mediante investimentos destinados a reforzar as actividades pesqueiras que sexan económica, social e ambientalmente sustentables.

En consonancia co Acordo de asociación de España 2021-2027, é necesario apoiar medidas que manteñan a pesca como actividade produtora sustentable mediante a xestión sustentable dos recursos, a conservación dos ecosistemas mariños e o fomento da remuda xeracional. Neste senso, e no marco da política pesqueira común, buscarase desenvolver actuacións para asegurar a xestión sustentable dos recursos pesqueiros, fortalecendo a aplicación e seguimento dos plans e medidas de xestión, mellorando o coñecememento e avanzando cara ao equilibrio da frota, garantindo a sustentabilidade da actividade e asegurando o cumprimento normativo, fortalecendo o control e a recollida de datos, en colaboración co sector.

A nivel da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, da adopción de medidas de conservación e protección dos recursos mariños vivos e dos seus ecosistemas, así como a inspección e control sobre estes que garantan unha explotación responsable, equilibrada e sustentable, e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora nas condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades, mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.

Os proxectos subvencionados nesta orde financiarán as organizacións colectivas (beneficiario colectivo) sen ánimo de lucro para desenvolver medidas técnicas e de vixilancia de interese colectivo para toda a pesca costeira artesanal, entendida esta tal e como se define no artigo 2.2.14 do Regulamento (UE) núm. 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, que inclúe as actividades pesqueiras practicadas por mariscadores.

As entidades asociativas do sector pesqueiro veñen cobrando importancia na coxestión da pesca costeira artesanal (marisqueo) desde a derradeira década do século pasado, baseada no asesoramento técnico, a vixilancia e a sensibilización ambiental no ámbito da sustentabilidade, e a formación do sector pesqueiro e marisqueiro. Os proxectos financiados teñen o seu ámbito de aplicación na promoción de técnicas de semicultivo con traballos colectivos iniciais, a aplicación da economía azul e da perspectiva ecosistémica no aproveitamento dos recursos pesqueiros e marisqueiros, da man da Directiva marco da estratexia do medio mariño da UE.

A presenza de persoal técnico nas entidades asociativas do sector pesqueiro dota a Galicia dunha rede única e cualificada, estendida por toda a súa costa, para o asesoramento da práctica totalidade de plans de xestión e concienciación do sector e para a recollida e análise dun amplo abano de datos imprescindibles para o aproveitamento sustentable dos recursos pesqueiros, o coñecemento e a protección dos servizos ecosistémicos do litoral, e que proporciona acceso público aos resultados.

Neste marco decídese apoiar o desenvolvemento e vixilancia de medidas técnicas de xestión, de carácter administrativo con integración do sector, mediante axudas que financien proxectos presentados por entidades asociativas do sector pesqueiro e outros operadores do sector, que se centren na mellora da aplicación e do seguimento dos plans de xestión dos recursos pesqueiros. En concreto, os posibles beneficiarios das subvencións serán as entidades coxestoras dos plans de xestión dos recursos mariños, como as organizacións de produtores de base do sector pesqueiro, as corporacións de dereito público de base asociativa e as entidades asociativas representativas do sector pesqueiro, todas de ámbito autonómico.

Este tipo de intervención permitirá reducir os impactos negativos contribuíndo aos impactos positivos sobre o ambiente e contribuír ao bo estado ambiental, sendo a súa finalidade última a mellora da sustentabilidade na explotación dos recursos pesqueiros da frota pesqueira artesanal, garantindo a actividade a longo prazo con medidas de xestión pesqueira baseadas en sistemas de recollida de información sobre o estado dos recursos que melloren o seu coñecemento.

O Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) ten como obxectivo promover a sustentabilidade ambiental no marco da política pesqueira común e da lexislación ambiental da Unión, e inclúe condicións precisas e unha lista de operacións non elixibles para prever operacións prexudiciais. Ademais, mediante a avaliación do programa, sobre a base do punto 5 do artigo 8 do FEMPA, garántese que os tipos de acción descritos no programa sexan coherentes co principio de non causar danos significativos.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2024 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable (código de procedemento PE209P).

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas axudas observarase o disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como as normas seguintes:

• Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados.

• Regulamento (UE) núm. 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 2017/1004.

• Programa FEMPA aprobado pola Decisión da Comisión de aprobación do Programa FEMPA en España (CCI 2021ES14MFPR001) o 29 de novembro de 2022.

• Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión Europea, polo que se modifican os regulamentos (UE) núm. 1296/2013, (UE) núm. 1301/2013, (UE) núm.1303/2013, (UE) núm. 1304/2013, (UE) núm. 1309/2013, (UE) núm. 1316/2013, (UE) núm. 223/2014 e (UE) núm. 283/2014 e a Decisión núm. 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) núm. 966/2012.

• Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

• Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

• Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

• Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

• Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.

• Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

• Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

• Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

• Criterios de selección para a concesión de axudas do Programa do FEMPA (documento consolidado xuño 2023).

• Calquera outra norma da Unión Europea, normativa nacional ou autonómica vixente que poida resultar de aplicación.

Artigo 3. Financiamento

1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de catro millóns setecentos vinte e catro mil euros (4.724.000,00 €) distribuído en dúas anualidades, con cargo ás aplicacións orzamentarias 46.03.723A.770.1 e 46.03.723A.781.0, código de proxecto 2023 00180, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

O detalle da distribución do crédito é o seguinte:

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

Anualidade 2024

Anualidade 2025

Total

46.03.723A.770.1

2023 00180

2.300.000,00

2.350.000,00

4.650.000,00

46.03.723A.781.0

2023 00180

37.000,00

37.000,00

74.000,00

Total

2.337.000,00

2.387.000,00

4.724.000,00

2. Os importes consignados, así como as aplicacións ás cales se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. Así mesmo, se for necesario, poderase redistribuír o crédito entre as aplicacións orzamentarias asignadas á presente convocatoria. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. As axudas contempladas nesta orde están cofinanciadas:

• Nun 30 % por fondos propios da Comunidade Autónoma.

• Nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) dentro da súa prioridade 1: Fomentar a pesca sustentable e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos, obxectivo específico 1.1: Reforzar as actividades pesqueiras que sexan económica, social e ambientalmente sustentables, tipo de actividade 1.1.1-Xestión sustentable dos recursos pesqueiros.

4. Poderán adquirirse compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas as seguintes entidades, sempre que teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Confrarías de pescadores e federacións destas.

b) Organizacións de produtores pesqueiros.

c) Entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector pesqueiro.

d) Entidades sen ánimo de lucro integradas exclusivamente polas sinaladas na letra a).

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) As sinaladas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As persoas incursas nas circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) As que se atopen nalgún dos supostos establecidos no número 1, letras a) e b), e número 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) núm. 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021.

d) As que non cumpran coas obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

3. As entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades (proxecto conxunto). Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse unha entidade representante ou apoderada única da agrupación, que será unha das entidades que a constitúen, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de entidade representante ou apoderada única, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos/as os/as beneficiarios/as integrados/as nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometeron a realizar, ou, solidariamente, cando non for posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

5. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8.3, parágrafo segundo, desta lei.

Artigo 5. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias, ao formalizarse a solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. As entidades beneficiarias deberán:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, co cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria ou demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a súa comprobación documental e material.

b) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades para as que se solicita axuda, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

c) Achegar e actualizar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións concedidas, incluídos os datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa e dar así cumprimento ao artigo 42 do Regulamento (UE) núm. 2021/1030 e ao artigo 46 do Regulamento (UE) núm. 2021/1139, someténdose ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma de Galicia, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

d) Cumprir as condicións de admisión da solicitude establecidas no número 1, letras a) e b), e número 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) núm. 2021/1139, durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco (5) anos despois da realización do pagamento final á entidade beneficiaria.

No caso de incumprimento neste período, recuperarase a axuda concedida de conformidade co artigo 44 do Regulamento (UE) núm. 2021/1139 e o artigo 103 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060.

No caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, recuperarase a axuda concedida de conformidade co Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046.

e) Levar rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, de conformidade co artigo 74.1.a).i) do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados, para o caso de reembolso de custos, consonte o artigo 53, número 1, letra a) (custos reais).

f) Asegurarse de que todos os documentos xustificativos relacionados coas operacións que reciban axuda se conserven a nivel adecuado durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o derradeiro pagamento á entidade beneficiaria. Esta documentación deberá poñerse á disposición do organismo concedente da axuda.

Os rexistros e documentos conservaranse, ben en forma de orixinais, ben en forma de copias de orixinais, ben en soportes de datos comunmente aceptados, entre eles versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes só en versión electrónica. Cando existan versións electrónicas, non serán necesarios orixinais se os ditos documentos compren cos requisitos legais para poder ser considerados equivalentes a orixinais e fiables para os efectos de auditoría.

g) Dar a coñecer a axuda prestada polos fondos á operación, de conformidade co establecido no artigo 50 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060, para o cal:

1º. Se a entidade beneficiaria dispón de web ou contas en redes sociais, realizarán unha breve descrición da operación en relación co nivel de axuda, dos seus obxectivos e resultados, e destacarán a axuda financeira da UE.

2º. Nos documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da operación, destinados ao público ou participantes, incluirán unha declaración que destaque a axuda da UE de maneira visible.

3º. No caso de operacións que teñan un custo total superior a 100.000,00 euros, instalarán placas ou valos publicitarios en lugares ben visibles ao público, en que apareza o emblema da UE, de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do Regulamento (UE) núm. 2021/1061, tan pronto como comece a execución física da operación que implique investimento físico ou na cal se instalen equipamentos adquiridos.

4º. Para operacións non incluídas no número 3, exhibirán nun lugar ben visible para o público un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica con información sobre la operación destacando a axuda do FEMPA. Cando o/a beneficiario/a sexa unha persoa física, na medida do posible, destacará a axuda do FEMPA nun lugar visible para o público ou mediante unha pantalla electrónica.

En calquera actuación, incluirán, así mesmo, o logotipo da Xunta de Galicia.

O emblema da Unión Europea empregarase de conformidade co anexo IX do Regulamento (UE) núm. 2021/1061 cando se realicen actividades de visibilidade, transparencia e comunicación.

h) Facer mención á orixe do financiamento e velar por darlle visibilidade, en particular, cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público en xeral, de conformidade co artigo 60 do Regulamento (UE) núm. 2021/1139.

i) Conservar o rexistro documental e gráfico que avale o cumprimento das obrigas de comunicación e visibilidade, que estará á disposición das autoridades do programa e da Comisión Europa.

j) Non concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades afectadas polas situacións referidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Cumprir coa normativa comunitaria, nacional e rexional vixente segundo a normativa sectorial que resulte de aplicación.

l) Respectar a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea. Ter en conta a promoción e igualdade entre mulleres e homes e a non discriminación. Evitar calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual e ter en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, de ser o caso.

m) Achegar e actualizar a información relativa ao proxecto. Por iso, en consonancia co artigo 47 do Regulamento (UE) núm. 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 2017/1004 (en diante, RFEMPA), as entidades beneficiarias notificarán os valores dos indicadores de resultados pertinentes, unha vez finalizada a operación e, como máis tarde, con ocasión da solicitude do derradeiro pagamento.

n) Colaborar coas distintas autoridades implicadas na xestión e o seguimento do FEMPA.

o) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

p) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se atopan ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

q) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

r) Organizar unha xornada informativa, polo menos, para divulgar o proxecto subvencionado. O lugar e a hora de realización da xornada deberá ser comunicado, cunha antelación mínima dunha semana.

s) Cubrir un cuadrante individual para cada traballador/a e o rexistro horario segundo o modelo R dispoñibe na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/), en relación ás tarefas obxecto desta subvención, onde se especificarán as tarefas concretas desenvolvidas, as horas traballadas efectivamente na xornada, as horas diarias dedicadas a cada tarefa, así como posibles incidencias que puidesen ocorrer na xornada en relación con tarefas subvencionadas. Tal cuadrante deberá estar asinado polo/a traballador/a co visto e prace da persoa responsable da entidade beneficiaria. Estes cuadrantes estarán á disposición das unidades da Consellería do Mar que interveñen na xestión e control destas axudas, que os poderá consultar en calquera momento ou solicitar a súa remisión.

t) Manter, nun formato exportable, un rexistro diario do sistema de posicionamento xeográfico de todos os efectivos de vixilancia subvencionados.

3. De acordo co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente. Se, por razóns técnicas ou doutra índole, estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade con esta orde, as accións colectivas que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable.

Os proxectos que se presenten deben ter coma finalidade mellorar a sustentabilidade na explotación dos recursos pesqueiros, garantindo a actividade a longo prazo con medidas de xestión de pesqueiras.

A citada finalidade deberá acadarse mediante algunha destas actividades:

a) Desenvolvemento e vixilancia de medidas técnicas de xestión, de carácter administrativo e/ou con integración do sector. Inclúense: o desenvolvemento, aplicación e seguimento de plans de xestión e explotación dos recursos, o desenvolvemento tecnolóxico, a dixitalización e a adquisición de sistemas informáticos e equipamentos.

b) O seguimento do estado dos recursos aplicable á xestión de pesqueiras, incluíndo especies comerciais e accesorias.

c) Sistemas de recollida de información do estado dos recursos que mellore o seu coñecemento e a xestión sustentable.

2. As entidades beneficiarias deberán realizar, coma parte do proxecto, labores de asistencia técnica e/ou control, seguimento e vixilancia no ámbito correspondente.

2.1. Labores de asistencia técnica.

Son labores técnicas de estudo, orientación e control no ámbito do proxecto.

O persoal que desempeñe estes labores actuará baixo as directrices da Sección Coordinación Técnica da Consellería do Mar no ámbito territorial correspondente.

A actuacións que se realizarán neste ámbito, coma mínimo, serán as seguintes:

a) Elaboración e seguimento dos plans de coxestión de recursos mariños vivos. Avaliación do estado de conservación da biodiversidade, nos lugares da Rede Natura 2000, nas zonas mariñas protexidas e nos hábitats costeiros de importancia para os organismos mariños.

b) Optimización e seguimento dunha correcta xestión dos recursos biolóxicos mariños. Análise dos descritores definidos na Directiva marco sobre a estratexia mariña. Cartografado dos hábitats e das especies, especialmente das exóticas invasoras. Seguimento e vixilancia dos hábitats e das especies. Cartografado da actividade extractiva realizada polos socios da entidade. Seguimento de indicadores de abundancia, da composición específica das capturas e da súa estrutura de tamaños. Avaliación das poboacións, estrutura de tamaño e indicadores da saúde do stock das principais especies explotadas.

c) Formación dos/das pescadores/as orientada a adquirir novas competencias vinculadas a unha mellor xestión e conservación dos recursos mariños vivos e dos ecosistemas en que viven.

d) Aumento da sensibilización ambiental coa participación directa dos/das pescadores/as, que pode incluír campañas de divulgación, redacción de proxectos de recuperación dos ecosistemas e redacción de proxectos de mellora da produtividade dos bancos marisqueiros.

e) Contribución á vixilancia epidemiolóxica: envío de mostras ao Intecmar para coñecer o estado sanitario das augas e especies marisqueiras.

f) Colaboración cos técnicos da Consellería do Mar nos asuntos directamente relacionados coa xestión dos recursos, restauración dos ecosistemas e mellora da produtividade dos bancos marisqueiros.

g) Comunicación da realización das actuacións que estean recollidas no proxecto. Esta deberá comunicarse, cunha antelación mínima de 48 horas, á Sección de Coordinación Técnica da Consellería do Mar que corresponda ao seu ámbito territorial.

h) Manter actualizada no servidor ftp.intecmar.gal ou plataforma que o substitúa, cunha periodicidade mínima mensual, a documentación técnica xerada con respecto ás actuacións e plans de xestión incluídos no proxecto aprobado.

2.2. Labores de vixilancia.

Son labores de salvagarda do medio mariño e das súas especies que se levarán a cabo establecendo condicións de acceso ás zonas de pesca.

O persoal de control e vixilancia deberá ter a habilitación como garda particular de campo, así como a tarxeta da especialidade de gardapesca marítimo en vigor. Non se admitirán xustificacións de gastos por persoal de vixilancia que teña a tarxeta caducada nos períodos en que prestara os seus servizos, salvo que se achegue xustificación da solicitude de renovación previa á data de caducidade e con achega posterior da tarxeta coa vixencia renovada.

A prestación de servizos por este persoal deberá realizarse baixo a supervisión do Servizo de Gardacostas da Consellería do Mar no ámbito correspondente e en colaboración con este.

Coa finalidade de mellorar a coordinación, a planificación e as condicións de seguridade das actividades de vixilancia e control, cada un dos efectivos de vixilancia levará un sistema portátil de xeolocalización coas características que se detallan no artigo 7.1.c) destas bases reguladoras.

As actuacións que se realizarán, como mínimo, serán as seguintes:

a) Traslado ao Servizo de Gardacostas da programación semanal das actividades de vixilancia e control, que deberá realizarse, cando menos, cunha semana de antelación.

b) Comunicar ao Servizo de Gardacostas, no prazo máximo dunha semana desde que se produza o feito, o inicio, a interrupción ou a finalización da prestación dos servizos.

c) Traslado ao Servizo de Gardacostas dun informe das actividades realizadas.

d) Remisión ao Servizo de Gardacostas dos datos e informes que este lles requira.

3. Non serán obxecto de subvención aqueles proxectos que non sexan técnica ou economicamente viables.

4. Poderanse presentar proxectos de carácter plurianual sen que a súa duración poida exceder os dous exercicios orzamentarios e sempre coas limitacións recollidas no número 2 do artigo 7. As subvencións que neste caso se concedan ateranse aos límites establecidos para os compromisos de gasto plurianuais no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior:

a) Os gastos de persoal imprescindible asociado ao proxecto. O persoal contratado terá que cumprir os seguintes requisitos:

– Dedicar a totalidade da xornada de traballo obxecto de axuda á realización das tarefas definidas no proxecto subvencionado, durante todo o período de execución.

– Non pertencer aos órganos de goberno da entidade.

– Non ter vinculación de parentesco no primeiro grao de consanguinidade ou afinidade con persoas membros dos órganos de goberno, no momento da contratación inicial.

– Non estar contratado para a realización de actividades distintas das que son obxecto desta orde, pola mesma entidade.

O importe subvencionable será:

– A retribución bruta dos efectivos de persoal para os que se conceda axuda (que inclúe impostos e cotizacións a cargo do traballador), unha vez descontados, se é o caso, os conceptos correspondentes á participación en beneficios, prestacións en especie, axudas de custo por viaxe, aloxamento e manutención e demais conceptos que non teñan consideración de custo de persoal.

– As cotas patronais da Seguridade Social derivadas do punto anterior.

Este importe subvencionable terá os seguintes límites:

i. A xornada anual subvencionable de traballo efectivamente realizado por cada traballador a tempo completo será de 1.716 horas.

ii. Non se aboará axuda por xornadas mensuais que excedan as 143 horas por traballador concedido a tempo completo.

iii. O importe máximo da axuda concedida por traballador de vixilancia será de 10,00 €/hora por efectivo.

iv. O importe máximo da axuda concedida por traballador de asistencia técnica será de 15,35 €/hora por efectivo.

As vacacións anuais obrigatorias e retribuídas do persoal contratado laboralmente asimilarase a traballo efectivamente realizado. En caso de tratarse dunha dedicación parcial ao proxecto obxecto de financiamento, as vacacións imputaranse na mesma proporción.

b) Os gastos de contratación de profesionais, empresas ou entidades prestadoras de servizos, incluídos os servizos necesarios para procurar o soporte, seguimento e históricos dos sistemas de posicionamento, seguimento, rexistro e monitoraxe.

Non se subvencionarán os gastos derivados dos servizos de asistencia técnica baixo esta modalidade de contratación, salvo que estes servizos xa viñesen sendo prestados deste xeito con carácter previo á solicitude de axuda.

No caso de que a contratación sexa para o desempeño de accións de vixilancia, a xornada máxima anual subvencionable será a especificada na epígrafe i da letra a), e o importe máximo subvencionable será o establecido na epígrafe iii da mesma letra a), pero só se aboarán as horas facturadas por servizos efectivos prestados (non se inclúen polo tanto vacacións, incapacidades temporais, permisos...).

Nas facturas emitidas polos provedores debe identificarse claramente a parte que corresponde a custos de persoal, no caso de que esta inclúa conceptos adicionais.

c) Equipamentos de posicionamento xeográfico para os traballadores con tarefas de vixilancia, que terán as seguintes características:

– Sistema portátil de seguimento GPS.

– Aplicación móbil e vía web para o seguimento en liña en tempo real.

– Histórico ilimitado de posicionamento/rutas.

– Posibilidade de descarga de datos GPX/kml/xls desde a propia web/app.

En todo caso, estes equipamentos deberán axustarse ao número de traballadores, necesidades e programación das actividades de vixilancia do proxecto. Cada entidade beneficiaria deberá facilitar ás unidades responsables da xestión das axudas o contrasinal dos equipamentos para o acceso á internet.

Non se concederán equipamentos de posicionamento cando xa fosen concedidos nos últimos cinco (5) anos.

d) Equipamento de mostraxe. Deberá ser debidamente xustificada na memoria do proxecto a necesidade e a adecuación dos elementos do equipamento de mostraxe ás actuacións recollidas no proxecto solicitado.

Ningún instrumento ou dispositivo electrónico, informático ou óptico inventariable poderá superar o valor de 3.005,06 € sen IVE; de superalo, unicamente sería subvencionable o custo da amortización deste durante a duración da operación. Neste sentido serán de aplicación as táboas de amortización do Ministerio de Facenda e Función Pública.

Poderá subvencionarse un equipamento de mostraxe por un importe total máximo de 6.000,00 € (sen IVE) por proxecto, que pode estar composto polo seguinte tipo de material:

– Dispositivos ou instrumentos manuais de mostraxe.

– Dispositivos ou instrumentos electrónicos para mostraxe, rexistros ou monitoraxe.

– Equipamentos informáticos portátiles necesarios para a envorcadura dos rexistros de datos dos mostraxes.

– Equipamentos de seguimento electrónico remoto. TV Circuíto pechado (TVCC).

– Dispositivos ou instrumentos ópticos de uso manual ou de control remoto autónomo (RPAS) para cartografado, monitoraxe ou seguimento.

– Accesorios necesarios específicos para o funcionamento dos equipamentos/dispositivos.

– Equipamentos de soporte necesarios específicos para os equipamentos/dispositivos.

No caso de que a manipulación dalgún dos elementos recollidos neste punto precise de certificado habilitante ou licenza para o seu uso, segundo a normativa de aplicación, será necesario que, xunto coa xustificación do gasto, se presente a dita documentación en vigor.

Os importes solicitados deberán garantir que se axustan aos prezos de mercado; por isto, para calquera elemento do equipamento de mostraxe ou de posicionamento xeográfico que supere o importe de 500,00 € sen IVE, deberán presentarse tres orzamentos de diferentes provedores con carácter previo á súa adquisición. Así mesmo, deberá xustificarse a elección a través dunha memoria, cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non se concederán axudas para equipamentos similares aos concedidos nas convocatorias precedentes a ese mesmo solicitante.

2. Os gastos subvencionables serán os custos efectivamente asumidos pola entidade beneficiaria da axuda que se axusten aos seguintes requisitos xerais:

a) Que respondan de maneira indubidable á natureza da operación subvencionada e que se contraesen ao longo da duración da acción que se subvencione, que deberá circunscribirse ao período que media entre o 1 de xullo de 2024 e o 30 de xuño de 2025.

b) Que fosen pagados pola entidade beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación especificado no artigo 26.1. Quedan exceptuados deste prazo límite os importes que se correspondan con gastos de persoal, obrigas tributarias e de Seguridade Social, correspondente aos meses en que non se poidan facer efectivos na data límite de execución, e que se considerarán subvencionables de ser efectivamente pagados non máis tarde do prazo estipulado no artigo 26.1.

c) Que se consignasen no orzamento estimado total do proxecto.

d) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

e) Que sexan identificables e verificables, en particular, que consten na contabilidade da entidade beneficiaria e se inscribisen de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do/da beneficiario/a en materia de gastos.

f) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

g) Que sexan razoables e xustificados, e cumpran co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e á eficiencia.

3. Non se subvencionarán proxectos que concluísen materialmente ou se executasen integramente antes de que a entidade beneficiaria presente a solicitude de axuda.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para os contratos menores no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa xustificación ou, de ser o caso, coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. A entidade beneficiaria poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.

Artigo 8. Operacións e custos non subvencionables

1. Consonte o sinalado no artigo 13 do Regulamento (UE) núm. 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 2017/1004 (RFEMPA) non serán elixibles as seguintes operacións:

a) As operacións que aumenten a capacidade pesqueira dun buque de pesca, salvo disposición en contrario do artigo 19 do RFEMPA.

b) A adquisición de equipos que aumenten a capacidade dun buque de pesca para detectar peixe.

c) A construción e a adquisición de buques de pesca ou a importación de buques de pesca, salvo disposición en contrario do artigo 17 do RFEMPA.

d) A transferencia de buques de pesca a terceiros países ou o seu reabandeiramento con pavillón de terceiros países, incluso a través da creación de empresas conxuntas con socios de terceiros países.

e) A paralización temporal ou definitiva das actividades pesqueiras, salvo disposición en contrario dos artigos 20 e 21 do RFEMPA.

f) A pesca exploratoria.

g) A transferencia da propiedade dunha empresa.

h) A repoboación directa, a menos que estea expresamente prevista coma medida de reintrodución ou outras medidas de conservación nun acto xurídico da Unión Europea ou en caso de repoboación experimental.

i) A construción de novos portos ou lonxas, coa excepción dos novos lugares de desembarque.

j) Os mecanismos de intervención do mercado destinados a retirar do mercado de maneira temporal ou permanente produtos da pesca ou da acuicultura con vistas a reducir a oferta, co fin de evitar a caída de prezos ou de incrementar os prezos, salvo disposición en contra do artigo 26, número 2 do RFEMPA.

k) Os investimentos a bordo de buques pesqueiros necesarios para o cumprimento dos requisitos de dereito da Unión Europea en vigor no momento de presentación da solicitude de axuda, incluídos os requisitos derivados das obrigas asumidas pola Unión Europea no contexto das organizacións rexionais de ordenación pesqueira, salvo disposición en contrario do artigo 22 do RFEMPA.

l) Os investimentos a bordo de buques pesqueiros que levasen a cabo actividades pesqueiras na mar durante menos de sesenta (60) días nos dous (2) anos civís anteriores ao ano de presentación da solicitude da axuda.

m) A substitución ou modernización dun motor principal ou auxiliar nun buque de pesca, salvo disposición en contrario do artigo 18 do RFEMPA.

2. Tampouco serán subvencionables os seguintes custos:

a) Os alugamentos.

b) A adquisición de terreos.

c) A adquisición de material, mobiliario e equipamento, excepto o especificado nas letras c) e d) do artigo 7.1.

d) A adquisición de vestiario e equipamento de persoal.

e) A adquisición de aparellos e materiais de pesca e marisqueo.

f) Os gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.

g) Os gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.

h) O imposto sobre o valor engadido (IVE), excepto cando non sexa recuperable e sexa custeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios que non teñan a condición de suxeito pasivo.

i) A modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipamentos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento cuxo financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco (5) anos inmediatamente anteriores á solicitude.

j) Os custos indirectos.

k) As compras de materiais e equipos usados.

l) O custo dos elementos de transporte que non estean directamente relacionados coa operación.

m) En termos xerais, os gastos orixinados por unha mera reposición dos equipamentos anteriores, salvo que a nova adquisición corresponda a investimentos distintos aos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento. Tampouco serán subvencionables os gastos orixinados por obras que supoñan a substitución de elementos deteriorados, obras de mantemento e reparación, coma, por exemplo, substitución de táboas, recavado do casco ou pintado, calafateado dos buques.

n) Os gastos de constitución e primeiro establecemento dunha sociedade non serán subvencionables.

o) Os gastos en obras non vinculadas co proxecto de investimento: vivendas, comedores, obras de embelecemento, equipamentos de recreo e similares.

p) Os gastos de urbanización, cando esta non estea relacionada coa actividade do proxecto que se pretende financiar.

q) A compra de edificios ou locais, se estes xa foron subvencionados nos últimos dez (10) anos.

r) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 9. Intensidade da axuda

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionable en cada unha das accións, de acordo co previsto na presente orde e segundo o indicado no Regulamento (UE) núm. 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, no seu artigo 41. Non obstante, a intensidade da axuda estará condicionada ás dispoñibilidades orzamentarias. Se o importe das solicitudes presentadas supera o crédito orzamentario asignado a esta convocatoria, a intensidade da axuda poderá axustarse a estas limitacións orzamentarias, respectando, en todo caso, os principios da concorrencia competitiva. A Comisión de Avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

2. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados ás entidades beneficiarias incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse, igualmente, á actividade subvencionada.

3. Manterase a axuda pero minorarase na fase de pagamento se o investimento material realizado é, por causa debidamente motivada, de contía inferior á que se considerou subvencionable, e na mesma proporción.

Artigo 10. Compatibilidade das axudas

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que o mesmo gasto ou investimento non teña financiamento parcial ou total procedente doutro fondo EIE (fondos estruturais e de investimento europeos) ou instrumento financeiro comunitario, nin polo mesmo fondo conforme un programa ou medida diferente e, ademais, que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase, por resolución do órgano concedente, á minoración da axuda concedida.

Artigo 11. Prazos de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes. No caso de que o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 12. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do seguinte formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal): anexo I-Solicitude.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As persoas solicitantes realizarán as seguintes declaracións responsables, empregando para o efecto o formulario do anexo I:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade cos artigos 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que respecta a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea.

g) Que ten en conta e promove a igualdade entre mulleres e homes e a non discriminación.

h) Que evita calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual.

i) Que non se atopa en ningún dos supostos establecidos no número 1, letras a) e b), e número 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) núm. 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, é dicir:

1º. Ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) núm. 1005/2008 do Consello, ou ao artigo 90 do Regulamento (CE) núm. 1224/2009, ou consonte outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC.

2º. Ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDNR da Unión Europea, segundo dispón o artigo 40, número 3, do Regulamento (CE) núm. 1005/2008, ou dalgún buque con pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes segundo se establece no artigo 33 de citado regulamento.

3º. Ter cometido fraude, tal e coma se define no artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371, no contexto do FEMP ou do FEMPA, e así o determinara a autoridade competente.

j) Que, de acordo coa Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, ten ou non ten a condición de poder adxudicador.

k) No caso de que a entidade sexa unha confraría de pescadores de Galicia ou unha federación destas, que cumpre coas obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 e coas obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

3. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante. Se son formuladas por unha agrupación de entidades, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

4. A presentación da solicitude de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores, por calquera medio ou rexistro dispoñible. No caso da declaración de cumprimento do artigo 11 do regulamento FEMPA, a autorización terá validez nos cinco (5) anos posteriores á concesión da axuda.

5. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o interesado non poderá modificar a súa petición de axuda variando o importe do investimento subvencionable, nin modificando os investimentos e conceptos da epígrafe do orzamento para os cales solicita a axuda. Non se considera variación do importe do investimento as diferenzas ou erros materiais que se puidesen dar ao transcribir os importes dos orzamentos ou facturas pro forma.

6. De ser aplicable, o organismo intermedio de xestión (Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro), recollerá información sobre os titulares reais dos perceptores do financiamento da Unión Europea, de conformidade cos datos que figuran no anexo XVII do Regulamento (UE) núm. 2021/1061, con base no establecido no artigo 62.2 de dito regulamento.

De conformidade co artigo 5, número 8, do Regulamento do Rexistro Central de Titularidades Reais, aprobado polo Real decreto 609/2023, do 11 de xullo, a información contida no rexistro será accesible, de forma gratuíta e sen restrición, unicamente para o desenvolvemento das súas misións específicas, ás autoridades e organismos nacionais que xestionen, verifiquen, paguen ou auditen fondos europeos, e cuxas funciones veñan determinadas nun regulamento comunitario no que veña establecido que a información sobre titulares reais do beneficiario dos fondos pode cumprirse empregando os datos almacenados nos rexistros a que se refire o artigo 30 da Directiva (UE) 2015/849; no caso de España, o Rexistro Central de Titularidades Reais.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II: orzamento do proxecto, en que se detallarán as accións propostas e o seu importe sen IVE.

b) Documentación xustificativa dos custos incluídos no anexo II (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).

c) No suposto establecido no artigo 7.4, acreditación da petición de tres (3) ofertas e xustificación da seleccionada.

d) Anexo III da entidade solicitante, en que declarará a aplicación da normativa pertinente en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade.

e) Copia de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas necesarias para levar a cabo o proxecto, segundo o caso. De non dispoñer deles, xustificación de telos solicitado aos organismos correspondentes.

f) Memoria do proxecto técnico ou anteproxecto valorado que permita determinar a viabilidade do proxecto e realizar a súa valoración, conforme os criterios establecidos no artigo 18 desta orde. Esta conterá, polo menos:

f.1) Traxectoria da/das entidade/s dentro do procedemento PE209P (execución do/dos proxecto/s no período 1.7.2023-30.6.2024).

f.2) Relevancia e necesidade do proxecto para a/as entidade/s.

f.3) Concreción dos obxectivos do proxecto para a/as entidade/s.

f.4) Descrición das accións que se pretende acometer.

f.5) Calendario de realización das accións previstas.

f.6) Plano de localización de todas as accións previstas no proxecto coas coordenadas xeográficas dos vértices, utilizando preferentemente o sistema de coordenadas xeográficas UTM (Universal Tranverse Mercator), datum ETRS89, zona 29T.

f.7) Información relativa aos indicadores, conforme o previsto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento e do Consello, do 24 de xuño de 2021, e ao Regulamento de execución (UE) núm. 2022/79 da Comisión, do 19 de xaneiro de 2022.

f.8) Datos complementarios, necesarios para a valoración do proxecto.

Para a realización desta memoria do proxecto deberá utilizarse como modelo o modelo A: Memoria do proxecto, que se pode consultar na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas por separado. En todo caso, cada anualidade deberá constituír unha fase susceptible de producir efectos independentes.

g) Certificación do órgano competente da entidade solicitante, en que se especifique o acordo polo que se lle concede autorización para formular a solicitude ao asinante desta. Se actua en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle esta competencia.

h) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo.

i) Se a entidade solicitante non é unha confraría de pescadores ou federación delas, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o que se presentou.

2. No caso solicitudes para proxectos conxuntos, deberá incluírse a documentación sinalada nas letras g), h) e i) do punto anterior para cada unha das entidades membro da agrupación.

Ademais, engadirase:

a) Acordo de nomeamento da entidade representante ou apoderada única da agrupación para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades que a constitúen.

b) Distribución dos compromisos que corresponda executar a cada unha das entidades membro da agrupación, así como o importe da subvención correspondente a cada unha delas.

c) Anexo III das restantes entidades membro da agrupación, en que declararán a aplicación da normativa pertinente en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade.

d) Anexo IV, no que cada unha das entidades membro da agrupación efectuará unha declaración responsable de non estar incursa en prohibición para obter a condición de beneficiario e autorizará a comprobación de datos.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Concesións de subvencións e axudas.

e) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

f) NIF da entidade solicitante (anexo I).

g) NIF da entidade membro da agrupación (anexo IV).

h) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

i) Antecedentes dos operadores, en relación co estipulado no artigo 11 do Regulamento (UE) núm. 2021/1139, desde o momento da solicitude da axuda e ata os cinco (5) anos seguintes ao último pagamento desta.

j) Rexistro de confrarías de pescadores e das súas federacións creado pola Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado do anexo I ou anexo IV, segundo o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos acreditativos correspondentes.

Artigo 15. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario, poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 5.3, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento, o servizo xestor poderá requirir a entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

3. Se, como consecuencia do establecido con anterioridade, houbese que modificar calquera punto da memoria do proxecto, esta deberá remitirse completa novamente, resaltando a totalidade das modificacións realizadas con respecto á memoria remitida inicialmente.

Artigo 16. Órganos de instrución, xestión e resolución

1. A tramitación, a instrución e a xestión dos expedientes será realizada polo Servizo de Xestión de Proxectos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar.

O órgano instrutor elevará ao órgano concedente as propostas de inadmisión das solicitudes en que:

a) A entidade solicitante non poida ser beneficiaria da axuda, xa sexa por incumprir o sinalado no número 1 do artigo 4 ou por concorrer nela algunha das circunstancias recollidas no número 2 do artigo 4.

b) A totalidade das accións solicitadas non sexan obxecto de subvención conforme o establecido no número 3 do artigo 6.

Estas solicitudes xa non pasarán á fase de avaliación.

Tamén elaborará e presentará á Comisión de Avaliación un informe de cualificación das solicitudes sobre o cumprimento dos requisitos establecidos nas bases reguladoras.

2. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.

Artigo 17. Comisión de Avaliación

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha Comisión de Avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará conforme o indicado no artigo 18, logo de aplicar os criterios que se sinalan nos artigos 19 e 20.

A Comisión de Avaliación poderá propoñer a non concesión ou minoración da axuda cando o custo proposto polo solicitante para os gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado. Para estes efectos, a Comisión de Avaliación poderá requirir a achega da valoración dos investimentos solicitados, efectuada mediante un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, sendo por conta das entidades beneficiarias os gastos que se ocasionen.

O resultado desta avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A Comisión de Avaliación estará formada polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Vogais: dúas persoas do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e unha por cada unha dos departamentos territoriais, designadas pola presidencia.

Un dos vogais da Comisión exercerá a secretaría desta.

No caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da Comisión poderán ser substituídos por quen designe a presidencia.

A Comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.

3. A Comisión de Avaliación terá a condición de órgano colexiado e o seu funcionamento rexerase segundo o recollido no título I, capítulo I, sección 3ª da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 18. Valoración das solicitudes

Conforme o sinalado no documento Criterios de selección para a concesión de axudas do Programa do FEMPA, para a valoración das solicitudes utilizaranse catro categorías de criterios de selección: xerais; horizontais ambientais e sociais; específicos de viabilidade técnica e/ou económicos; e, por último, específicos por tipo de actividade. O peso atribuído a cada categoría de criterios para establecer a orde de prelación e a selección de proxectos será o seguinte:

Categoría dos criterios de selección

Peso

Xerais

30 %

Horizontais ambientais e sociais

20 %

Específicos de viabilidade técnica e/ou económicos

20 %

Específicos do tipo de actividade

30 %

A fórmula para o cálculo do valor da puntuación de cada categoría de criterios será a seguinte:

a) Criterios de selección xerais:

Vsx = (Po sx/Pmax sx) x 30

b) Criterios de selección horizontais:

Vsh = (Po sh/Pmax sh) x 20

c) Criterios de selección específicos viabilidade técnica e/ou económicos:

Vsvt = (Po svt/Pmax svt) x 20

d) Criterios de selección específicos do tipo de actividade:

Vsta = (Po sta/Pmax sta) x 30

Onde,

Vsx, Vsh, Vsvt e Vsta sería o valor dos criterios de selección xerais, horizontais, específicos de viabilidade técnica e/ou económicos e específicos do tipo de actividade, respectivamente.

Po sx, Po sh, Po svt e Po sta sería a puntuación obtida da operación subvencionable dos criterios de selección xeral, horizontais, específicos de viabilidade técnica e/ou económicos e específicos do tipo de actividade, respectivamente.

Pmax sx, Pmax sh, Pmax svt e Pmax sería a puntuación máxima dos criterios de selección xeral, horizontais, específicos de viabilidade técnica e/ou económicos e específicos do tipo de actividade, respectivamente.

Para ter en conta a ponderación, os criterios de selección xeral, horizontais, específicos de viabilidade técnica e/ou económicos e específicos do tipo de actividade, multiplicaríanse por 30, 20, 20 e 30 respectivamente.

Unha vez obtidas as valoracións de cada un dos criterios sinalados, para calcular a puntuación final (PF) de cada proxecto empregaríase a seguinte fórmula:

PF = Vsx + Vsh + Vsvt + Vsta

Artigo 19. Criterios de selección xerais

1. Os criterios de selección xerais aplicaranse a todas as actuacións. Teñen por obxecto asegurar que as operacións elixibles vaian dirixidas ao logro dos obxectivos definidos no Programa do FEMPA para España.

A puntuación máxima dunha operación nesta epígrafe será de 10 puntos.

O seu detalle é o seguinte:

1.1. Contribución á Estratexia, DAFO e tipo de actividade do Programa (0-6 puntos).

En relación coa puntuación global, debe obter como mínimo un punto en cada un dos subcriterios; por iso o valor mínimo para unha operación financiable particular debe acadar un mínimo de 3 puntos e un máximo de 6.

1.1.1. Adecuación á Estratexia (0-2 puntos).

Comprobarase se a actuación está prevista na Estratexia, de acordo coas liñas descritas no número 1 do Programa do FEMPA para España, e se é unha operación da «lista de operacións de importancia estratéxica» (apéndice 3, Programa do FEMPA para España).

Unha operación que non encaixa coa Estratexia no marco do FEMPA obterá neste subcriterio unha puntuación de «0» e, polo tanto, non será financiable.

1.1.2. Adecuación ao DAFO (0-2 puntos).

Revisarase se a operación aporta, contribúe ou recolle algún dos aspectos do DAFO da ficha núm. 1 «Xestión sustentable dos recursos pesqueiros» dos criterios de selección para a concesión de axudas do Programa do FEMPA.

No caso de que se mencione de forma expresa a unha necesidade do DAFO, poderase outorgar a máxima puntuación.

1.1.3. Adecuación ao tipo de actividade (0-2 puntos).

Comprobarase que a actuación estea recollida no tipo de actividade da Ficha núm. 1 sinalada anteriormente, tendo en conta que as liñas xerais do Programa non son unha listaxe exhaustiva das accións que se poden levar a cabo neste tipo de actividade e o apoio do documento de criterios de selección.

1.2. Contribución aos indicadores de resultado (0-2 puntos).

Neste criterio xeral valorarase a achega da operación aos indicadores de resultado correspondentes.

De acordo co programa, todos os tipos de actividade teñen asociado, polo menos, un indicador de resultado. Polo tanto, terase en consideración, por defecto, que todas as operacións contribuirán aos indicadores de resultado. Non obstante, existen algún tipos de actividade que poden contribuír a dous ou máis indicadores de resultado.

1.3. Contribución a plans e programas (0-2 puntos).

Nesta epígrafe avaliarase o grao de adecuación da operación a plans, políticas ou compromisos nacionais e internacionais, así como a aqueles plans ou programas autonómicos, rexionais e/ou locais relacionados.

Os de ámbito nacional e internacional poderán ser os sinalados, de xeito indicativo, no documento Criterios de selección para a concesión de axudas do Programa do FEMPA.

2. A aplicación dos criterios xerais de valoración das operacións ten carácter obrigatorio e servirá para determina se a operación é apta/non apta para ser cofinanciada polo FEMPA e, polo tanto, pola presente convocatoria de axudas.

Os proxectos que non alcancen unha puntuación superior a 4 puntos nos criterios de selección xerais serán considerados non aptos e quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, non procedendo, polo tanto, a súa valoración específica.

Artigo 20. Criterios de selección horizontais e específicos

1. Unha vez aplicados os criterios de selección xerais, a Comisión de Avaliación procederá á valoración dos proxectos considerados aptos segundo os criterios de selección horizontais e específicos, salvo que exista crédito suficiente na convocatoria para atender todos os gastos subvencionables neses proxectos.

2. Criterios de selección horizontais ambientais e sociais (0-4 puntos).

Valorarase cada un dos bloques (ambiental e social) tendo en conta cantas das epígrafes de cada criterio da resposta o proxecto.

O seu detalle é o seguinte:

2.1. Aspectos ambientais (0-2 puntos).

Esta epígrafe valorarase, en todo caso, cun máximo de 2 puntos. Os aspectos que se valorarán serán os seguintes:

2.1.1. Contribución a espazos con figuras de protección ou a plans de conservación e/ou recuperación (parque nacional, zona especial conservación, Rede Natura 2000, áreas mariñas protexidas, reservas de interese pesqueiros, etc.) da superficie afectada, así como a afectación positiva e/ou recuperación de especies protexidas, especies vulnerables ou sobreexprotadas integradas en plans de xestión, e ao control e erradicación de especies exóticas invasoras (0-1 puntos).

2.1.2. Relación coas estratexias mariñas e contribución ao bo estado ambiental dos ecosistemas acuáticos (0-1 puntos).

2.1.3. Valor natural como zona de cría de peixes e moluscos (0-1 puntos).

2.2. Aspectos sociais (0-2 puntos).

Os aspectos que se valorarán serán os seguintes:

2.2.1. Afección do proxecto á pesca costeira artesanal (0-1 puntos).

2.2.2. Interese colectivo do proxecto (0-1 puntos).

3. Criterios de selección de viabilidade técnica e/ou económicos (0-15 puntos).

O seu detalle é o seguinte:

3.1. Criterios de viabilidade técnica (0-15 puntos).

3.1.1. Relevancia e necesidade do proxecto (0-4 puntos).

3.1.1.a) Relevancia do proxecto. Valorarase se o investimento é de importancia xeral para as zonas obxecto do proxecto (0-2 puntos).

3.1.1.b) Necesidade do proxecto: valorarase se o obxectivo do proxecto comprende accións de mellora dunha área cunha problemática importante respecto ao obxecto desta orde no eido da entidade solicitante. Se hai constatación da problemática nos dous últimos anos: 1 punto; constatación da problemática nun período de máis de dous anos: 2 puntos.

3.1.2. Calidade, detalle e coherencia da memoria do proxecto, orzamento e cronograma, así como a calidade científico-técnica do proxecto cando sexa pertinente (0-7 puntos).

3.1.3. Concreción dos obxectivos do proxecto (0-1 puntos).

Valorarase se se concretan axeitadamente os obxectivos do proxecto na memoria.

3.1.4. Traxectoria, capacidade técnica e de xestión do beneficiario (0-3 puntos).

3.1.4.a) Traxectoria da entidade beneficiaria. Valorarase a execución do/dos proxecto/s nos que participou a entidade dentro do procedemento PE209C, no período 1.7.2021 a 30.6.2023. Para iso calcularase a porcentaxe de axuda xustificada con respecto a que se lle concedeu inicialmente (0-1 puntos).

3.1.4.b) Capacidade técnica da entidade beneficiaria. Valorarase se o solicitante ten persoal técnico suficiente para o desenvolvemento das actividades sinaladas nas bases reguladoras desta axuda e na memoria do proxecto que presentan (0-1 puntos).

3.1.4.c) Capacidade de xestión da entidade beneficiaria. Valorarase se o solicitante goza da infraestrutura administrativa e o equipamento necesario para levar a termo o proxecto presentado con suxeición ás bases reguladoras da convocatoria (0-1 puntos).

4. Criterios específicos dos tipos de actividade (0-5 puntos).

Dentro deste criterio valoraranse os seguintes aspectos:

4.1. Coordinación entre distintos participantes (0-3 puntos).

Valoraranse con 0 puntos as actuacións solicitadas en que participe unha única entidade, 1 punto nas que participen 2 entidades e 3 puntos en que participen 3 ou máis entidades.

4.2. Desenvolvemento de medidas de vixilancia polos/as pescadores/as ou mariscadores/as (0-1 puntos).

4.3. Especies a que afectan os plans de xestión e explotación (0-1 puntos).

Artigo 21. Proposta de resolución

1. Logo de deliberación, a presidencia da Comisión de Avaliación formularalle ao órgano concedente proposta de resolución que indicará, de xeito individualizado, as entidades beneficiarias, os proxectos seleccionados e as accións para as que se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola Comisión, non acadasen a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 3.2, emitirase unha nova proposta na que se terán en conta as solicitudes da listaxe de reserva.

Artigo 22. Resolución

1. Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

2. A resolución de concesión emitirase e notificarase aos interesados no prazo máximo de catro (4) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e, en todo caso, o prazo límite de resolución será o 30 de novembro de 2024. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución, na cal se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 21.2 desta orde.

Artigo 23. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme o anexo V. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada.

A aceptación da axuda, sexa de forma tácita ou expresa, implicará:

a) A autorización da inclusión da operación subvencionada na lista de operacións seleccionadas para recibir axudas do FEMPA, consonte o sinalado no artigo 49, números 3 e 5, do Regulamento (UE) núm. 2021/1060.

b) A autorización do uso de materiais de comunicación e visibilidade á UE, logo de solicitude, e a posibilidade de utilizalos sen que supoña custos adicionais significativos ou carga administrativa significativa para as entidades beneficiarias nin para os órganos xestores.

Artigo 24. Recursos

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que recaian ao abeiro desta orde, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta xurisdición, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 25. Modificacións

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente e deberá ser posta no coñecemento deste cunha anterioridade de, polo menos, dez (10) días hábiles á súa realización, e, en todo caso, antes de rematar o prazo de xustificación correspondente.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Non se poderá aprobar ningunha modificación que implique unha minoración de máis do 50 % da axuda concedida nin que supoña un reaxuste de anualidades.

Artigo 26. Xustificación e pagamento

1. Os gastos para os que se conceda axuda deberán pagarse e xustificarse ata o 10 de decembro, inclusive, de cada anualidade.

Non obstante, no caso de que as accións obxecto de subvención sexan de realización periódica e sucesiva, correspondan ao último trimestre do exercicio e/ou supoñan gastos de persoal, obrigas tributarias e de Seguridade Social, que non se poidan facer efectivos na data límite de xustificación, eses gastos poderanse xustificar no primeiro trimestre do exercicio seguinte.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar, xunto co anexo VII (solicitude de pagamento do importe solicitado da subvención concedida) debidamente cuberto e asinado polo representante da entidade beneficiaria, a documentación que se sinala a seguir, indicando o número de expediente que figura na resolución de concesión da subvención, no prazo establecido no punto anterior:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as que se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

a.1) Informe técnico en que se describa a realización das accións e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, que inclúa reportaxe fotográfica, cando sexa procedente, con especial referencia aos obxectivos acadados. No caso de pagamento final, proporcionarase información sobre os indicadores de resultados conforme o previsto no artigo 47.1 do RFEMPA.

a.2) Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE.

a.3) Facturas correspondentes aos custos sinalados na relación.

a.4) No caso de gastos de persoal:

– Contrato formalizado, se é o caso, polos servizos públicos de Emprego (antes INEM), nóminas, modelos RNT e RLC da Seguridade Social e documento de declaración e liquidación do IRPF correspondente, coa xustificación do seu pagamento, se é o caso.

– Documentación acreditativa do cumprimento das condicións de habilitación e capacitación do persoal que realice os labores establecidos no artigo 6.2.

– Certificación conforme as persoas contratadas dedican a totalidade da súa xornada de traballo obxecto de axuda, durante todo o período da súa execución, á realización das tarefas definidas no proxecto subvencionado; non pertencen aos órganos de goberno da entidade e non tiñan vinculación de parentesco no primeiro grao de consanguinidade ou afinidade con persoas membros dos órganos de goberno no momento da primeira contratación.

a.5) Extractos das contas, ordes de transferencia ou certificacións bancarias que xustifiquen a efectiva realización dos gastos. Na citada documentación deberá acreditarse o importe, a data de pagamento e a procedencia dos recursos utilizados para o pagamento. No caso de que as operacións se financien con máis dun fondo ou recurso, deberán acreditar tamén o importe, a procedencia e aplicación de cada un destes fondos ou recursos. Non se admitirán talóns bancarios nin pagamentos en efectivo.

a.6) Listaxe coas datas nas que foi actualizada no servidor ftp.intecmar.gal, ou plataforma que o substitúa, a documentación sinalada na letra h) do artigo 6.2.1, así como o obxecto da citada actualización.

b) No caso de denegar expresamente a súa obtención polo órgano xestor, certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

c) No caso de proxectos conxuntos presentados por unha agrupación de entidades, documento formalizado ante o órgano de xestión en que se recolla a ratificación dos compromisos que correspondan a cada unha delas, así como nomeamento da entidade representante ou apoderada única, se non o achegou previamente.

d) Os tres orzamentos que, de acordo co artigo 7.4 desta orde, e en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria, se non os presentou con anterioridade.

3. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, a entidade beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, así como unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario, conforme o anexo VI.

4. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda como aos xustificantes de gasto presentados.

5. Para o pagamento das axudas, no caso de gastos de persoal, terase en conta a porcentaxe de dedicación efectiva ao proxecto subvencionado en cada mes do período que se xustifique.

6. Poderán presentarse xustificacións parciais a medida que se vaian executando as accións. O importe conxunto dos pagamentos parciais e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen, non poderá superar o 80 % do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade, e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención. Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

7. A realización da xornada de divulgación establecida na letra r) do artigo 5.2 deberá xustificarse cunha reportaxe fotográfica, xunto co parte de asistencia asinado polos participantes, segundo o modelo G dispoñible na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

8. O pagamento da primeira anualidade terá carácter de ingreso a conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 32 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Para a elaboración dos informes e demais documentos deberán utilizarse os modelos dispoñibles na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

10. No caso de que a entidade beneficiaria teña a condición de poder adxudicador, nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, achegará a documentación relacionada co proceso de contratación.

Artigo 27. Pagamento anticipado

Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 28. Así mesmo, están suxeitos ao prazo de xustificación fixado no artigo 26.1 desta orde, dentro do ano do seu libramento.

Artigo 28. Garantías

1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos, de acordo cos artigos 65 e seguintes do Regulamento da Lei de subvencións, cando superen o importe de 18.000,00 euros. Este importe enténdese referido á cantidade acumulada dos pagamentos realizados anticipadamente.

2. A garantía depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia e deberá acadar, como mínimo, ata os dous (2) meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda. Constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades anticipadas calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

5. Non será obrigatoria a prestación de garantías para a realización de pagamentos á conta, en aplicación do establecido nos artigos 62 e 67.4 do Regulamento da Lei de subvencións, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 29. Perda do dereito ao cobramento e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda no suposto de falta de xustificación do cumprimento da actuación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da axuda e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

3. En concreto, as seguintes actuacións producirán a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda, e, se é o caso, darán lugar á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes:

a) Obtención da axuda falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) A non adopción dos comportamentos e/ou o incumprimento total ou parcial das obrigas sinaladas no número 2 do artigo 6. En particular, o incumprimento da obriga sinalada na letra h) (manter actualizado o servidor ftp.intecmar.gal ou plataforma que o substitúa) dará lugar a unha perda do dereito ao cobramento de ata o 10 % da axuda concedida.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ante o órgano concedente da actividade ou do proxecto para o que se concedeu a axuda, ou xustificación insuficiente.

d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Cuentas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, ou non achegar canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Incumprimento da obriga de estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

g) Incumprimento da obriga de comunicar a obtención doutras axudas, conforme o sinalado no artigo 5.2.b), cando estas fosen incompatibles. Neste caso procederá o reintegro total da axuda concedida e dos xuros de demora que se teña dereito a percibir, desde o momento do seu pagamento e ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro.

h) Incumprimento da obriga de comunicar a obtención doutras axudas, conforme o sinalado no artigo 5.2.b), cando estas fosen compatibles. Neste caso, procederá o reintegro parcial polo exceso de financiamento xunto cos xuros de demora, conforme o establecido no artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Incumprimento das obrigas de comunicación e visibilidade establecidas nas letras g) e h) do artigo 5.2, o que dará lugar unha perda do dereito ao cobramento de ata o 3 % da axuda concedida e, se é o caso, ao reintegro dos importes xa cobrados.

j) Incumprimento da obrigas de organizar a xornada informativa establecida na letra r) do artigo 5.2, ou a falla de xustificación desta na forma sinalada no artigo 26.7. Este incumprimento dará lugar a unha perda do dereito ao cobramento de ata o 2 % da axuda concedida, e, se é o caso, ao reintegro dos importes xa cobrados.

k) Incumprimento da obriga de manter un sistema de contabilidade separado ou unha codificación contable adecuada, conforme o establecido no artigo 5.2.e), o que poderá dar lugar a unha perda do dereito ao cobramento do 2 % da axuda concedida e, se é o caso, ao reintegro dos importes xa cobrados.

l) A execución inferior ao 50 % do gasto total subvencionado, que poderá dar lugar a unha perda do dereito ao cobramento total da axuda concedida, e, se é o caso, ao reintegro dos importes xa cobrados.

m) O cumprimento parcial relativo á actividade subvencionada sinalado no artigo 26.5, que dará lugar a unha redución proporcional da subvención concedida.

4. A pesar de que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o órgano concedente poderá apreciar, obxectivamente, un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

Artigo 30. Infraccións e sancións

As actuacións das entidades beneficiarias en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 32. Publicación dos actos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido nos artigos 15 da Lei de subvencións de Galicia e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/) a relación de entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 33. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 34. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 35. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos no coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, que se pode consultar no enderezo web https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-es/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Disposición adicional primeira

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo).

Disposición adicional segunda

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición adicional terceira

Para a tramitación destas axudas a Consellería do Mar elaborou uns modelos de memorias e informes que facilitan o traballo de presentación e xustificación documental das entidades solicitantes. Poderase acceder a esta documentación no enderezo electrónico https://mar.xunta.gal

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2024

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file