DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 16 de setembro de 2024 Páx. 50786

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2024 pola que se convoca o Curso superior de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) para o ano 2024, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, e de acordo co convenio de colaboración subscrito entre a EGAP e a Consellería de Política Social e Igualdade para a organización do Curso superior de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais,

RESOLVO:

Convocar o Curso superior de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais, que se desenvolverá consonte as seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

Este curso superior pretende capacitar o persoal que opta ou desempeña postos de inspección de servizos sociais cos coñecementos específicos dos diferentes ámbitos de actuación, así como coas habilidades necesarias para o correcto desenvolvemento destas funcións.

Segunda. Contidos

Este curso superior abordará os seguintes temas:

1. Os servizos sociais. Regulación. A protección de datos no ámbito dos servizos sociais.

2. As garantías do sistema galego de servizos sociais. O Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. A Inspección. A carteira de servizos sociais de inclusión.

3. As actas de inspección. Denuncias.

4. O procedemento sancionador. Recursos contra a violencia de xénero en Galicia.

5. O sistema de atención á dependencia.

6. Os servizos sociais comunitarios. A calidade na prestación dos servizos sociais residenciais. O modelo residencial.

7. As escolas infantís.

8. Infancia e familia.

9. Apoio ás persoas con discapacidade.

10. Maiores e discapacidade.

Terceira. Número de prazas

Vinte e cinco (25).

Cuarta. Persoas destinatarias

Persoal inspector de servizos sociais dos subgrupos A1, A2 e C1 da Administración autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia, en situación de servizo activo ou asimilada.

De non cubrirse todas as prazas polo persoal inspector de servizos sociais, poderá participar outro persoal funcionario público dos subgrupos A1, A2 e C1 da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional.

Quedarán excluídas da selección as solicitudes das persoas que xa completasen en anteriores convocatorias da EGAP o Curso sobre a capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais, así como o persoal pertencente a corpos da Administración especial.

Quinta. Desenvolvemento

1. Modalidade de desenvolvemento: mixta.

2. Duración: 120 horas lectivas: (45 horas lectivas presenciais e 75 horas en liña).

3. Datas: do 3 de outubro ao 19 de novembro de 2024.

4. As clases presenciais desenvolveranse os días e nos horarios seguintes:

• Xoves 3 de outubro: das 16.00 ás 19.00 horas.

• Venres 4 de outubro: das 8.30 ás 14.30 horas.

• Xoves 10 de outubro: das 16.00 ás 19.00 horas.

• Venres 11 de outubro: das 8.30 ás 14.30 horas.

• Xoves 17 de outubro: das 16.00 ás 19.00 horas.

• Venres 18 de outubro: das 8.30 ás 14.30 horas.

• Xoves 24 de outubro: das 16.00 ás 19.00 horas.

• Venres 25 de outubro: das 8.30 ás 14.30 horas.

• Xoves 31 de outubro: das 16.00 ás 19.00 horas.

• Luns 4 de novembro: das 8.30 ás 14.30 horas.

5. A proba ou exame final do curso será presencial, na EGAP, o día 19 de novembro de 2024 ás 17.00 horas.

6. O desenvolvemento da parte presencial do curso será na EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

7. A parte de teleformación (en liña) desenvolverase a través da aula virtual da EGAP: https://egap.xunta.gal/aulavirtual/

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e criterios de selección establecidos nas bases cuarta e oitava respectivamente desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en «nome do curso»: Curso superior de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 25 de setembro de 2024.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, desde as 9.00 ata as 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección, consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta, deberá indicalo expresamente e incluír os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos para cuxa consulta se opón que indiquen a súa situación administrativa, o tipo de persoal e a antigüidade na Administración, a través do seguinte correo: <novas.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de admisión

A orde de admisión, unha vez excluídas as solicitudes das persoas que xa completaron este curso en exercicios anteriores, realizarase de acordo co establecido na base cuarta desta resolución.

Dentro de cada un dos grupos indicados na devandita base, a orde de selección virá determinada pola data e a hora de inscrición.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas e, de ser o caso, das persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección; renuncia, asistencia e seguimento

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia deberá ser comunicada por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo o día 1 de outubro de 2024, antes das 12.00 horas, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia ás sesións presenciais da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da falta de asistencia. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

4. Seguimento das actividades de teleformación:

Cómpre ter feitas e superadas todas as actividades e tarefas propostas pola titoría na modalidade de teleformación, a través da aula virtual da EGAP, para ter dereito a realizar o exame final presencial.

As persoas que non completen o 50 % das actividades de teleformación pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado electrónico de aproveitamento

Ao final do curso emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/) a aquelas persoas rexistradas que completasen a asistencia mínima requirida do 90 % das horas lectivas presenciais, completasen e superasen todas as actividades propostas na modalidade de teleformación nos prazos establecidos na programación didáctica do curso e obtivesen a cualificación de apto/a na proba presencial final. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, as datas e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP e da Consellería de Política Social e Igualdade

1. A EGAP e a Consellería de Política Social e Igualdade reservan para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización; nese caso empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP e a Consellería de Política Social e Igualdade garantirán na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública