DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 10 de setembro de 2024 Páx. 50024

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 2 de setembro de 2024 pola que se establece o procedemento de selección e o nomeamento de persoal interino do corpo de médicos forenses e se convoca a correspondente bolsa.

A Lei orgánica do poder xudicial 6/1985, do 1 de xullo, prevé no seu artigo 472.2 que por razóns de urxencia ou necesidade se poderán nomear funcionarios/as interinos/as que desenvolverán as funcións propias dos corpos de funcionarios/as ao servizo da Administración de xustiza, mentres non sexa posible o seu desempeño por funcionarios/as de carreira ou permanezan as razóns que motivaron o seu nomeamento.

O artigo 489.1 da dita lei orgánica determina que o Ministerio de Xustiza ou, se for o caso, os órganos competentes das comunidades autónomas que recibisen os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza serán competentes para o nomeamento de persoal funcionario interino, de acordo cos criterios obxectivos que se fixen na orde ministerial ou, se for o caso, na disposición da comunidade autónoma que recibise os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza.

En virtude do establecido no artigo 20.1 do Estatuto de autonomía de Galicia e da transferencia de funcións á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, realizada a través do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, e asumida pola Xunta de Galicia a través do Decreto 438/1996, o persoal funcionario dos corpos de médicos forenses e dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e mais de auxilio xudicial dependen organicamente da Comunidade Autónoma. Esta dependencia instruméntase a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, á cal corresponden as competencias nesta materia, de conformidade co Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Por outra parte, o Decreto 119/2005, do 6 de maio, de creación do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), establece, respecto do corpo de médicos forenses, que as subdireccións territoriais do dito instituto son os centros de traballo e de destino en que o persoal funcionario pertencente ao dito corpo prestarán os seus servizos.

Neste marco legal corresponde, por tanto, á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, regular con criterios obxectivos a selección e o nomeamento do persoal funcionario interino de medicina forense para prestaren os seus servizos no Imelga, así como a súa toma de posesión e o seu cesamento.

Polo anteriormente exposto, tras informe do Consello Xeral do Poder Xudicial e logo de negociación coas organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Xustiza, e no exercicio das atribucións conferidas segundo o artigo 38 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é a regulación do sistema de selección do persoal funcionario interino do corpo de médicos forenses que prestará servizos no Imelga e mais do réxime aplicable ao seu nomeamento e cesamento, así como a convocatoria da correspondente bolsa de persoal interino.

Artigo 2. Normas xerais

1. Poderase nomear persoal funcionario interino, por necesidades do servizo, cando non sexa posible, coa urxencia exixida polas circunstancias, a prestación dos servizos por persoal funcionario de carreira, de acordo cos criterios obxectivos que se fixan na presente orde.

2. Tamén se poderá acordar o nomeamento de persoal interino de reforzo como medida de apoio cando, por causas obxectivas de carácter urxente e temporal, sexa necesario reforzar os cadros de persoal.

3. O nomeamento de persoal funcionario interino producirase de acordo coas necesidades do servizo e as dispoñibilidades orzamentarias.

4. A selección do persoal funcionario interino realizarase mediante convocatoria pública en que se garantirán os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e celeridade.

5. Ao persoal funcionario interino seralle de aplicación o réxime de dereitos do persoal funcionario de carreira na medida en que sexa adecuado á natureza da súa condición, e quedan integrados, para efectos de seguridade social, no réxime xeral da Seguridade Social.

CAPÍTULO II

Selección e nomeamento do persoal funcionario interino

Artigo 3. Procedemento de selección de persoal funcionario interino

1. Co obxecto de dispoñer dunha relación de persoas que desexen traballar no Imelga, mediante a publicación desta orde constituirase unha bolsa de selección de persoal interino para a cobertura temporal das prazas do corpo de médicos forenses.

A dita bolsa terá ámbito autonómico e os/as candidatos/as deberán optar por unha zona de preferencia. A bolsa estará integrada polas persoas candidatas seleccionadas, ordenadas nunha lista en función da puntuación que obtivesen de conformidade co previsto no artigo 19 desta orde, na cal figurará, así mesmo, a zona de preferencia indicada na súa solicitude.

2. De se esgotar a bolsa indicada no número anterior, e sempre que as necesidades do servizo o xustifiquen, procederase á cobertura dos postos de traballo solicitados recorrendo ás listaxes do servizo público de emprego da Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Órgano competente

A dirección xeral competente en materia de xustiza levará a cabo a xestión da bolsa de persoal interino do corpo de médicos forenses.

Artigo 5. Criterios para o nomeamento de persoal funcionario interino

1. Poderá nomearse persoal funcionario interino para ocupar temporalmente postos vacantes ou que provisionalmente non poidan ser desempeñados pola/o seu titular.

2. Tamén se poderá acordar o nomeamento de persoal funcionario interino de reforzo como medida de apoio cando, por causas obxectivas de carácter urxente e temporal, sexa necesario reforzar os cadros de persoal.

3. En todo caso, o nomeamento de persoal funcionario interino terá un carácter excepcional e subsidiario, ao cal se poderá recorrer cando non exista outra medida máis efectiva para paliar as consecuencias de situacións de ausencia de funcionarias/os titulares ou cando haxa necesidade de nomear reforzos.

Artigo 6. Procedemento de solicitude de nomeamento de persoal funcionario interino

Cando se produza a necesidade de cubrir interinamente un posto, a solicitude debe ser formulada pola persoa titular da dirección ou subdirección do Imelga a través da OPAX (http://opax.xunta.es), seleccionando a opción que corresponda e gravándoa, tras cubrir todas as súas partes (en caso contrario, a solicitude será rexeitada sen máis trámites). Unha vez gravada a solicitude, pasará automaticamente a estar dispoñible na bandexa de entrada da correspondente dirección territorial, que a rexistrará e dará continuidade ao trámite. O estado de tramitación de todas as peticións desde a súa gravación estará dispoñible para o órgano solicitante na parte de consulta de solicitudes da persoa titular da dirección ou subdirección do Imelga na OPAX.

Artigo 7. Peticións e nomeamento de persoal funcionario interino de reforzo

1. Cando, por circunstancias conxunturais, un órgano, servizo ou unidade da Administración de xustiza soporte unha carga de traballo extraordinaria, ou unha demora excepcional nos procedementos que non aconsellen acordar prolongacións de xornada aceptadas voluntariamente polo persoal funcionario, a dirección xeral competente en materia de xustiza poderá acordar o nomeamento de persoal funcionario interino de reforzo, sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

2. A solicitude de persoal funcionario interino de reforzo deberá ser formulada pola/o superior funcional do órgano ou servizo peticionario a través da OPAX. Na solicitude deberá cubrirse un plan de actuación, no cal se indicarán expresamente os obxectivos para cumprir e mais o tempo de duración estimado do reforzo.

3. Para os efectos de valorar a concesión da medida de reforzo, a dirección xeral competente en materia de xustiza utilizará principalmente os seguintes criterios:

a) Xustificación da carga de traballo que soporta a unidade solicitante e comparanza con outro órgano equivalente.

b) Acreditación dunha específica situación conxuntural que xustifique a medida.

c) Existencia de indicadores de verificación que permitan avaliar os resultados da medida de reforzo.

d) Existencia de anteriores medidas de reforzo e resultado destas.

O plan de actuación do órgano solicitante deberá expoñer, como mínimo, o indicado nas letras a), b) e c).

4. Tamén se poderá nomear provisionalmente persoal interino de reforzo namentres se tramita o proceso de aumento do cadro de persoal dun órgano, servizo ou unidade, sempre que tal nomeamento estea xustificado en causas estruturais e non meramente conxunturais ou esporádicas. Este nomeamento terá, en todo caso, un carácter excepcional.

5. O nomeamento do persoal interino de reforzo será por unha duración máxima de seis meses, con posibilidade de prórroga para o suposto de que non se cumpran os obxectivos fixados no plan de actuación, o que deberá ser xustificado debidamente polo/a responsable funcional do órgano, servizo ou unidade. En todo caso, solicitarase do/da director/a do Instituto de Medicina Legal un informe semestral dos reforzos existentes, para valorar a súa continuidade ou non.

En ningún caso a duración do reforzo, incluídas as posibles prórrogas, poderá superar o prazo de 3 anos.

6. O nomeamento de persoal de reforzo farase de igual modo ca o nomeamento de persoal interino do artigo 8.

Artigo 8. Procedemento para o nomeamento do persoal funcionario interino

1. A dirección xeral competente en materia de xustiza procederá, se é o caso, á autorización do nomeamento de persoal funcionario interino de acordo coas necesidades do servizo e as dispoñibilidades orzamentarias.

2. O procedemento de selección e chamamento de candidatas/os, así como da aceptación das prazas ofertadas, será telemático. Este procedemento divídese en tres fases:

a) Anuncio da oferta de prazas e chamamento de candidatos/as. Cada mércores –ou, de non poder ser, o día seguinte hábil–, ata as 13.00 horas, publicarase a relación de prazas autorizadas para a dotación con persoal interino coa indicación de se se trata dunha praza vacante, de reforzo ou desocupada, así como tamén do motivo da desocupación. Así mesmo, publicarase a relación de persoas preseleccionadas para cubrir aquelas segundo a orde de prelación que resulta do artigo 19 desta orde, cunha ratio de dúas persoas por cada praza ofertada, sempre e cando sexa posible atendendo ao número de persoas dispoñibles na bolsa.

Non serán preseleccionadas aquelas persoas que están traballando como médico forense interino na Administración de xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, que conservarán o mesmo posto na bolsa, e serán preseleccionadas as seguintes persoas dispoñibles na bolsa segundo a orde de prelación.

A ratio de dúas persoas só se respectaría no caso de que haxa polo menos un candidato/a da zona de preferencia correspondente para cada unha das prazas ofertadas. Nos demais casos, e para garantir a cobertura das prazas, o sistema informático seleccionará as seguintes persoas dispoñibles dentro da bolsa de acordo coa súa posición, ata chegar á primeira que asegure o chamamento.

De non existir ou de se esgotaren os/as integrantes dunha zona concreta de preferencia, ofertaranse as prazas os/as candidatos/as pertencentes ás restantes zonas de preferencia que poderán voluntariamente aceptar o chamamento que se produza, agás que a Comisión Paritaria de Interinos, atendendo ás necesidades do servizo, á efectividade da bolsa ou ao número de solicitudes, estableza a obrigatoriedade de aceptar o chamamento das restantes zonas de preferencia ata que se regularice a situación.

A publicación realizarase a través do portal de servizos web OPAX, accesible desde a páxina web da consellería competente en materia de xustiza na forma prevista no punto 2 deste artigo. As persoas preseleccionadas recibirán un aviso por SMS da publicación da oferta. A falta deste aviso non escusará o incumprimento da obriga de comunicación e aceptación das prazas a través da OPAX, nos casos en que a súa aceptación sexa obrigatoria.

b) Aceptación de prazas ofertadas. As persoas incluídas na relación de preseleccionadas disporán dun prazo, que irá desde a publicación ata as 14.00 horas do día seguinte hábil, para cumpriren coa obriga de comunicar a aceptación de prazas (establecendo entre elas a orde de preferencia no caso de aceptaren varias) ou para manifestar expresamente o seu rexeitamento da oferta. A comunicación de cada participante deberá conter, como mínimo, todas as prazas que sexan da súa zona de preferencia. A aceptación será obrigatoria para a zona de preferencia e soamente será posible modificar a orde de preferencia na elección. Se non comunica a súa participación, aínda que as prazas fosen cubertas polas outras persoas participantes, entenderase que rexeita a oferta e, por tanto, será excluída/o da bolsa cunha penalización de 6 meses. Esta comunicación realizarase a través do portal de servizos web OPAX, accesible desde a páxina web da consellería competente en materia de xustiza na forma prevista no punto 2 deste artigo. Se non se efectúa a comunicación da aceptación antes de que venza o dito prazo, considerarase que a persoa preseleccionada non acepta ningunha das prazas ofertadas.

c) Publicación da lista das persoas seleccionadas. Cada luns –ou, no seu defecto, o día seguinte hábil–, ata as 13.00 horas, publicarase, na forma prevista no punto 2 deste artigo, a relación de prazas aceptadas e as persoas seleccionadas.

3. Para o desenvolvemento do procedemento previsto no punto anterior, tanto as publicacións que realicen as direccións territoriais coma as comunicacións que lles dirixan as persoas interesadas realizaranse a través do portal de servizos web OPAX, accesible desde a páxina web da consellería competente en materia de xustiza. Para tal fin, a todas as persoas compoñentes da bolsa de persoal interino facilitaráselles, de non o teren xa, un/unha usuario/a de acceso. Os códigos de identificación da conta de usuario/a e do contrasinal serán de uso persoal e intransferible.

Os/as usuarios/as poderán obter da aplicación informática confirmación da realización dos trámites.

Segundo o permita o desenvolvemento da tecnoloxía que soporta este procedemento, a dirección xeral competente en materia de xustiza poderá aprobar o establecemento doutros mecanismos de acceso electrónico e telecomunicación.

4. As direccións territoriais da consellería competente en materia de xustiza notificarán electronicamente a exclusión da bolsa de persoal interino ás persoas que a través do dito procedemento fosen chamadas para aceptar todas as prazas da súa zona e non as aceptaran expresamente. As prazas non cubertas serán incluídas na seguinte oferta de prazas, salvo que se considere necesario aplicar o previsto no punto 6 deste artigo.

5. Desde a publicación da lista das persoas seleccionadas, estas disporán dun prazo máximo de tres días hábiles para tomaren posesión ante a dirección territorial competente, e nese momento presentarán, como requisito inescusable, os documentos que se relacionan a seguir, agás causa de forza maior apreciada, de ser o caso, pola Administración, e tendo en conta que a falta de presentación supón a renuncia ao nomeamento e a exclusión automática da bolsa cun período de penalización de 6 meses:

a) Declaración responsable ou documento xustificativo de que non foron condenadas por delito doloso a penas privativas de liberdade maiores de tres anos, a non ser que se obtivese a cancelación dos antecedentes penais ou a rehabilitación.

b) Declaración responsable ou documento xustificativo de que non foron separadas mediante expediente disciplinario do servizo de calquera Administración pública e de non estaren inhabilitadas para o desempeño das funcións públicas, salvo que fosen debidamente rehabilitadas.

c) Declaración de non se acharen incursas en causa de incompatibilidade para o exercicio da función pública na Administración de xustiza.

d) Certificado médico, emitido en data non anterior aos tres meses precedentes, que acredite que posúe a capacidade funcional para o desempeño do cargo.

e) Para aqueles postos en que así se determine, declaración responsable de que non foron condenadas en sentenza firme por ningún delito contra a liberdade e indemnidade sexual. A dita declaración debe ou ben comprender a autorización expresa para que a Administración poida comprobar en calquera momento a súa veracidade ou ben estar acompañada da certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.

6. Nos supostos en que a necesidade de cobertura dun posto non sexa previsible coa anticipación suficiente, ou cando polas circunstancias concorrentes no procedemento de chamamentos debidamente acreditadas sexa necesaria a súa cobertura de forma urxente para evitar graves prexuízos no funcionamento e/ou prestación do servizo público, o chamamento poderase realizar telefonicamente desde o momento en que se produza a necesidade.

O chamamento seguirá a orde da bolsa e efectuarase nos mesmos termos ca os chamamentos ordinarios, sendo o prazo para tomar posesión nestes nomeamentos urxentes de 24 horas desde a comunicación telefónica coa persoa interesada. Esta deberá presentar, no prazo de tres días contados desde a toma de posesión, a documentación a que fai referencia o punto 5 deste artigo; de non cumprir con este requisito, poderá ser cesada e excluída da bolsa, cunha penalización de 6 meses.

Na seguinte publicación das adxudicacións dos últimos chamamentos ordinarios realizados na provincia figurarán tamén os chamamentos urxentes efectuados.

Na OPAX quedarán rexistrados os datos das chamadas efectuadas, incluíndo o número de reintentos de chamada á mesma persoa, respecto dos cales se gardará o día e hora da chamada. O sistema permitirá a consulta de todos os nomeamentos urxentes realizados, con indicación da causa que os motivou.

Artigo 9. Cesamento

1. Os nomeamentos que se efectúen ao abeiro da presente orde terán carácter temporal, e a relación de servizos extinguirase por calquera das seguintes causas, ademais das previstas no apartado 2 deste artigo sen dereito a compensación algunha:

– Cando desapareza a urxencia, necesidade ou causa que determinou a cobertura do posto.

– Cando se reincorpore de forma efectiva a/o funcionaria/o titular con dereito a reserva do posto de traballo que estea a ser cuberto en réxime de interinidade.

– Cando o posto de traballo sexa cuberto de forma efectiva por persoal funcionario de carreira por calquera dos sistemas legalmente establecidos.

– Por finalización do prazo autorizado expresamente recollido no seu nomeamento.

O cesamento terá efectos no momento da incorporación efectiva do/da funcionario/a de carreira, de ser o caso.

No suposto de persoal interino nomeado en prazas vacantes, estas prazas deberán ser obxecto de cobertura mediante calquera dos mecanismos de provisión ou mobilidade previstos na normativa vixente. Non obstante, transcorridos tres anos desde o nomeamento do persoal funcionario interino producirase o fin da relación de interinidade e a vacante só poderá ser ocupada por persoal funcionario de carreira, agás que o correspondente proceso selectivo quede deserto, en ese caso poderase efectuar outro nomeamento de persoal funcionario interino.

Excepcionalmente, o persoal funcionario interino poderá permanecer na praza que ocupe temporalmente sempre e cando se publicase a correspondente convocatoria dentro do prazo de tres anos a contar desde a data do nomeamento do persoal interino e se resolva conforme aos prazos establecidos no artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público. En este suposto poderá permanecer ata a resolución da convocatoria, sen que o seu cesamento dea lugar a compensación económica.

No caso de se reducir unha medida de reforzo nun órgano no cal haxa máis dun funcionario interino de reforzo con idéntica data de finalización de nomeamento, aplicaranse os seguintes criterios de orde de cesamento:

a) As persoas que non formen parte das respectivas bolsas cesarán con preferencia aos/ás integrantes das ditas bolsas.

b) Se hai funcionarios/as interinos/as que leven máis de 18 meses traballando, cesará aquel que leve un tempo superior.

c) Se non hai ningún funcionario/a interino/a que leve máis de 18 meses traballando, cesará o que leve un tempo inferior.

En caso de producirse un empate na aplicación dos criterios anteriores, cesará a persoa que teña peor posición na bolsa no momento de producirse o cesamento.

2. Tamén constituirán causas de cesamento as seguintes:

a) Por falta ou falsidade inicial ou sobrevida dalgún dos requisitos exixidos ou das circunstancias alegadas para a súa inclusión na bolsa.

b) Por sanción por falta grave ou moi grave imposta por vía disciplinaria, de acordo co previsto na Lei orgánica do poder xudicial e no Regulamento xeral de réxime disciplinario do persoal ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 796/2005, do 1 de xullo. O persoal funcionario interino que se atope nunha situación diferente á de servizo activo pero forme parte das bolsas, pode incorrer en responsabilidade disciplinaria nos mesmos supostos que o persoal funcionario de carreira, por faltas cometidas cando se atopaba en servizo activo. Nestes casos, poderá incoarse o expediente disciplinario ata a súa finalización. De non ser posible o cumprimento da sanción no momento no que se dite a resolución, por atoparse o persoal funcionario interino en situación que o impida, a sanción farase efectiva cando o cambio de situación o permita, agás que transcorrera o prazo de prescrición.

c) Por cumprimento da idade forzosa de xubilación, excepto que se acordase a prolongación de permanencia no servizo activo.

d) Por declaración de incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez.

e) Por renuncia do/da interesado/a.

f) Por falta de reincorporación da/do funcionaria/o interina/o, unha vez esgotada a duración máxima da situación de incapacidade temporal ou cando se emitise informe do servizo de inspección competente en que se acorde a súa incorporación.

g) Por expiración do prazo, ou cando desaparezan as razóns de necesidade ou urxencia polas que foi nomeado/a.

h) Por supresión da praza desempeñada.

i) Por desdotación orzamentaria.

j) Por non superar o período de prácticas.

k) Por non presentación da certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais ou non autorización á Administración para obtela, no caso de que para o posto sexa necesaria.

l) Por supostos de violencia sobre a muller, acoso e de acoso laboral acreditado.

m) Por calquera outra causa prevista nesta orde e no resto de normativa vixente.

O cesamento do persoal funcionario interino polas causas indicadas neste artigo, agás nas alíneas g), h) e i) suporá, así mesmo, a súa exclusión definitiva da bolsa de selección de persoal interino.

3. As persoas integrantes da bolsa non perderán a posición que en cada momento lles corresponda nela ata que prestasen servizos durante un ano. Mentres isto non ocorra, retornarán á posición que lles corresponda na bolsa de acordo coa súa puntuación.

As persoas integrantes da bolsa que prestasen servizos durante un ano pasarán a ocupar a última posición na bolsa durante catro meses ao remate do nomeamento. Transcorridos os catro meses volverán automaticamente á posición que lles corresponda na bolsa de acordo coa súa puntuación.

Artigo 10. Causas de exclusión da bolsa de selección de persoal interino

1. Serán causas de exclusión as indicadas no artigo 9.2, agás nas alíneas g), h) e i) desta orde.

No caso das causas de cesamento indicadas no artigo 9.2 e) e f), as persoas serán excluídas das bolsas cunha penalización dun período de 6 meses. Unha vez remate a penalización, poderán presentar unha nova solicitude de inclusión nas bolsas de conformidade co artigo 22.

2. Así mesmo, cando a persoa a quen corresponde o chamamento para un posto concreto coincidente coa zona de preferencia non acepte o seu nomeamento, non presente en prazo a documentación prevista nesta orde ou non se presente para tomar posesión, entenderase que renuncia ao nomeamento e quedará excluída da bolsa cunha penalización dun período de 6 meses.

Igualmente serán excluídas da bolsa cunha penalización dun período de 6 meses as persoas preseleccionadas que non cumpran coa obriga de comunicar a súa participación na oferta de prazas da súa zona de preferencia, aínda que as prazas ofertadas sexan cubertas polas outras persoas preseleccionadas, xa que neste caso se entenderá que rexeita o chamamento.

Transcorrido o período de 6 meses de exclusión, as persoas excluídas poderán reincorporarse á bolsa presentando unha nova solicitude de conformidade co artigo 22.

3. Non obstante, non procederá a exclusión da bolsa cando a persoa seleccionada demostre e poña en coñecemento da correspondente dirección territorial, de conformidade co previsto no punto 4 deste artigo, as seguintes situacións:

a) Incapacidade temporal, mediante parte de baixa médica, ou documento similar, expedido por un facultativo da Seguridade Social que acredite a situación de incapacidade o día que se produce o chamamento.

b) Maternidade, se a renuncia se produce entre o quinto mes de embarazo e o fin do período de permiso que recoñeza para estes efectos a lexislación vixente.

Persoa proxenitora diferente á nai biolóxica, se a renuncia se produce durante o período de permiso que recoñeza para estes efectos a lexislación vixente.

c) Coidado de fillas/os menores de tres anos de idade ou de familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que por razóns de idade, enfermidade ou accidente non se poidan valer por si mesmos/as e non desempeñen actividade retribuída, sempre que se acredite a convivencia coas/cos ditas/os fillas/os ou familiares.

d) Adopción ou acollemento, se a renuncia se produce durante o período de permiso que recoñeza para estes efectos a lexislación vixente.

e) Mulleres vítima de violencia de xénero acreditada de conformidade co previsto no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

f) Actividade profesional no sector público ou privado.

4. En todos os supostos relacionados no punto anterior, agás no caso previsto na alínea a), para evitar a exclusión da bolsa cunha penalización dun período de 6 meses, a persoa interesada deberá ter solicitada e autorizada a suspensión de chamamentos con anterioridade a que estes se produzan, para o que deberá presentar na dirección territorial correspondente a documentación acreditativa necesaria.

Os efectos da suspensión produciranse desde o día seguinte hábil ao da presentación da correspondente solicitude electrónica ante a dirección territorial correspondente, momento en que, de non ter denegada expresamente a súa solicitude, entenderase autorizada.

As persoas en situación de suspensión temporal previstas nas alíneas a) e f) deberán acreditar cada tres meses que persiste a situación que xustificou a suspensión, de non o faceren, serán expulsadas da bolsa cunha penalización dun período de 6 meses, o que se lles comunicará mediante o sistema de notificación electrónica.

Unha vez finalizada a causa xustificativa da suspensión de chamamentos, a persoa interesada comunicarao electronicamente á dirección territorial no prazo máximo de cinco días hábiles contados desde a referida finalización, para a súa reincorporación ao seu posto na bolsa. O incumprimento desta obriga implicará a exclusión da bolsa cunha penalización dun período de 6 meses. Esta reincorporación producirase de modo efectivo ao quinto día seguinte hábil ao da presentación da correspondente solicitude electrónica.

5. Serán excluídas da bolsa as persoas integrantes que o soliciten, cunha penalización dun período de 6 meses. Así mesmo, agás que concorra causa xustificada alegada que sexa acollida pola correspondente comisión, en calquera momento durante a vixencia daquela, as persoas que deixen de reunir as condicións previstas nesta orde, así como as que soliciten o cesamento voluntario no posto onde estean traballando, salvo que o dito cesamento sexa para desempeñar actividade profesional no sector público ou privado, suposto este no cal, a solicitude de cesamento non implicará a exclusión da bolsa senón a suspensión de chamamentos, sendo de aplicación as previsións establecidas no número anterior respecto da obriga de comunicación da finalización da dita causa de suspensión.

Artigo 11. Período de prácticas

1. Os/as aspirantes da bolsa que non teñan completados, ao menos, seis meses de servizos efectivos no respectivo corpo durante os cinco anos inmediatamente anteriores á data do nomeamento, e que sexan nomeados terán a consideración de interinos en prácticas.

2. O período de prácticas terá unha duración de tres meses desde o nomeamento, computándose o dito período de forma continuada ou en períodos acumulables. Durante este período de prácticas terán os mesmos dereitos retributivos que o resto do persoal funcionario interino.

3. Finalizado o período de prácticas, a persoa titular da dirección ou subdirección do Imelga, nas súas funcións de colaboración coa dirección xeral competente en materia de xustiza, emitirá un informe sobre o rendemento da persoa interina. O informe favorable implicará a superación do período de prácticas e a persoa aspirante quedará integrada con carácter definitivo na bolsa e, no caso de que continúe prestando servizos, producirase a renovación automática do seu nomeamento como funcionario/a interino/a.

4. No momento en que se formalice un novo nomeamento sen ter transcorrido o período máximo de seis meses, a correspondente dirección territorial procederá a comunicar á persoa titular da dirección ou subdirección do Imelga a existencia do dito período de prácticas, coa extensión e alcance destas.

5. En caso de que o informe da persoa titular da dirección ou subdirección do Imelga sexa desfavorable, a dirección territorial iniciará o correspondente expediente contraditorio, no cal se poderán solicitar outros informes e a persoa aspirante a interina/o afectada/o poderá presentar as alegacións e propor as probas que ao seu dereito conveñan no prazo de cinco días hábiles desde que se lle notificou o inicio do expediente. Se a dirección territorial está conforme co informe da persoa titular da dirección ou subdirección do Imelga, resolverá a non superación do período de prácticas, co conseguinte cesamento no posto e a exclusión definitiva da bolsa.

Artigo 12. Participación, información e seguimento

1. Os sindicatos presentes na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal ao Servizo da Administración de Xustiza en Galicia participarán en todo o proceso de elaboración e selección das persoas integrantes da bolsa de persoal funcionario interino a través dunha comisión paritaria integrada por unha persoa representante de cada sindicato e da dirección xeral competente en materia de xustiza, que velará pola súa aplicación e desenvolvemento. A Comisión Paritaria de Interinos será a encargada da vixilancia, control e seguimento da correcta aplicación do contido na presente orde. Así mesmo, resolverá as cuestións interpretativas que poidan xurdir, coa finalidade de aplicar criterios homoxéneos e evitar posibles contradicións.

2. En cada dirección territorial constituirase unha comisión de selección das persoas integrantes da bolsa, que se deberá reunir tan sequera unha vez ao mes para analizar as peticións e levar o control da correspondente bolsa. Estas comisións estarán compostas por unha persoa representante da dirección territorial e por unha persoa representante de cada un dos sindicatos que conformen a Mesa Sectorial de Xustiza.

3. As xuntas de persoal, como órganos colexiados, poderán solicitar a información que consideren necesaria sobre os criterios seguidos nos expedientes de proposta e nomeamento de persoal funcionario interino, así como ter acceso informático á bolsa ou, no caso de non poder ser así, obter as copias correspondentes.

4. Nas comisións a que se refire o presente artigo procurarase alcanzar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Artigo 13. Vinculación e eficacia temporal dos nomeamentos

1. A vinculación xurídica e económica do persoal funcionario interino coa consellería competente en materia de xustiza comeza desde o momento da súa toma de posesión e extinguirase na data do seu cesamento.

CAPÍTULO III

Convocatoria da bolsa

Artigo 14. Convocatoria da bolsa de persoal interino

Coa publicación da presente orde procédese á convocatoria da bolsa de selección de persoal interino do corpo de médicos forenses.

Artigo 15. Requisitos xerais para a integración na bolsa de selección de persoal interino do corpo de médicos forenses

1. Os/as aspirantes a formar parte da bolsa de selección de persoal interino do corpo de médicos forenses deberán reunir na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, de acordo coa convocatoria, os seguintes requisitos:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ter un mínimo de 16 anos de idade e non ter alcanzada a idade de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión, ou estar en condicións de o obter para a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, do título de licenciado/a ou graduado/a en medicina. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, débese estar en posesión da documentación que acredita a homologación.

d) Non ter sido condenado/a por delito doloso a penas privativas de liberdade maiores de tres anos, a non ser que se obtivese a cancelación de antecedentes penais ou a rehabilitación.

e) Non estar inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas, salvo que fose debidamente rehabilitado.

f) Non ser separado/a mediante procedemento disciplinario do servizo dunha Administración pública, bardante de que fose debidamente rehabilitado.

g) Non estar incurso/a en causa de incompatibilidade para o exercicio da función pública na Administración de xustiza.

h) Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do corpo.

Os requisitos exixidos para formar parte da bolsa de interinos serán exixibles, así mesmo, desde o nomeamento, e ata o cesamento, como funcionario/a interino/a.

No suposto de que non se reúnan estes requisitos, producirase o cesamento do/da interino/a e a exclusión da correspondente bolsa.

2. O persoal integrante da bolsa que teña acreditada unha discapacidade deberá acreditar a compatibilidade para o desempeño das funcións que corresponden ao corpo de médicos forenses mediante certificado ou informe expedido para o efecto polo órgano competente como condición indispensable para poder ser nomeado como persoal funcionario interino.

Artigo 16. Solicitudes de integración na bolsa

1. As solicitudes para participar nesta convocatoria deberán presentarse en todo caso telematicamente a través da Oficina Virtual do Persoal da Administración de Xustiza (OPAX: http://opax.xunta.es), no prazo de quince (15) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As persoas solicitantes deberán contar cos mecanismos de identificación e sinatura electrónica admitidos pola Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia (Notifica.gal: https://www.xunta.gal/notifica).

3. Para acceder ao formulario normalizado e presentar a solicitude, deberase dispor dunha/dun usuaria/o rexistrado na OPAX e dun certificado electrónico cualificado (DNI electrónico, tarxeta de identificación de persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia ou outro considerado válido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia).

Para o suposto de non contar con usuaria/o, farase uso da opción habilitada na OPAX para o rexistro de novos/as usuarios/as. No dito sitio web disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, as persoas interesadas poderanse dirixir á dirección xeral competente en materia de xustiza, a través do correo electrónico servicio.persoal.xustiza@xunta.gal

4. Unha vez que se acceda á OPAX, a persoa solicitante deberá seleccionar a opción correspondente á solicitude de inclusión nas bolsas de persoal interino e cubrir todos os campos requiridos, indicando a zona de preferencia.

5. Os datos que, de ser o caso, consten no sistema informático de xestión de persoal da Administración de xustiza en Galicia aparecerán precargados.

6. As persoas solicitantes deberán pagar a taxa que estea vixente no momento de presentar a solicitude que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da presentación da solicitude e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

– As vítimas do terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados neste apartado, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acreditasen mediante sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade ou cónxuxe do/da falecido/a e os/as fillos/as dos/das feridos/as e falecidos/as.

As persoas solicitantes exentas do pagamento da taxa marcarán esta opción na solicitude.

As persoas que non estean exentas de pagamento poderán aboar as taxas:

– De forma electrónica desde a aplicación OPAX. Finalizado correctamente o proceso de pagamento debe finalizarse o procedemento de inscrición presentando a solicitude.

– De forma presencial nas entidades financeiras autorizadas.

Para tal efecto, poderá descargar o impreso na páxina web da Axencia Tributaria de Galicia (Consellería de Facenda e Administración Pública), epígrafe «Cidadáns» premendo na epígrafe «Pagamento de taxas e prezos», «Iniciar taxa», e optará ou ben por descargar o modelo en branco ou por cubrilo informaticamente.

Unha vez feito o pago presencial, deberá accederse á solicitude en OPAX e continuar o proceso de inscrición.

A presentación do xustificante do ingreso das taxas en que non figure o selo da entidade bancaria con indicación da data determinará a exclusión da persoa solicitante.

Na OPAX pode consultarse o Manual de pagamento de taxas.

7. A persoa solicitante, despois de comprobar que todos os datos son correctos, deberá asinar e presentar a solicitude e xuntar, de ser o caso, a documentación acreditativa dos requisitos e méritos alegados e, no seu caso, do pago da taxa ou a documentación xustificativa da exención do pago total ou parcial da taxa.

Para poder asinar e presentar a solicitude, deberase dispor dun certificado electrónico cualificado (DNI electrónico, tarxeta de identificación de persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia ou outro considerado válido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia).

O sistema asignará un código que acreditará a presentación electrónica, e será posible obter do sistema un xustificante desta.

8. Non se admitirán as solicitudes que sexan presentadas por outro medio distinto ao sinalado neste artigo. Tampouco se admitirán as solicitudes en estado de borrador.

9. Unha vez presentada a solicitude, se a persoa solicitante non está conforme cos datos presentados pode, se o desexa, presentar unha nova solicitude dentro do prazo de presentación sinalado no número 1 deste artigo; neste caso, só será válida a última das solicitudes presentadas de conformidade con este artigo e quedará anulada calquera outra solicitude presentada anteriormente.

10. Todas as persoas aspirantes a formar parte das bolsas de persoal funcionario interino deberán presentar a correspondente solicitude, con independencia de que formen parte de bolsas anteriores ou de que estean prestando servizos nos órganos da Administración de xustiza de Galicia. En caso contrario, non serán incluídas de oficio pola Administración nas novas bolsas.

Artigo 17. Documentación complementaria

1. As persoas solicitantes, no prazo establecido no artigo 16 desta orde, deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de persoas con discapacidade, presentarase un documento acreditativo no que conste o grao de discapacidade (só no caso de que a discapacidade fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia).

Así mesmo, será necesaria unha certificación ou informe de compatibilidade para o desempeño das funcións do corpo de médicos forenses, expedidos polo equipo de valoración e orientación correspondente ou órgano competente.

b) Copia da xustificación do pagamento dos dereitos de expedición da titulación correspondente (no caso de non estar en posesión do título).

c) De ser o caso, copia da homologación ou validación do título pola Administración educativa española no caso de presentar un título académico estranxeiro.

d) Documento acreditativo dos servizos prestados como médico forense da Administración de xustiza (só no caso de que estes non estivesen recoñecidos pola Comunidade Autónoma de Galicia ou no caso de non estar conforme cos datos precargados).

Documento acreditativo dos servizos como médico en institucións sanitarias públicas españolas.

e) Documento acreditativo da superación de exercicios nas dúas últimas oposicións do corpo de médicos forenses (só no caso de non estar conforme cos datos precargados).

f) Documentación acreditativa da especialidade en medicina legal e forense; especialidade en psiquiatría, traumatoloxía, anatomía patolóxica, medicina do traballo, radioloxía, medicina interna e medicina familiar e comunitaria e outras especialidades.

g) Documentación acreditativa de cursos de formación complementaria (só no caso de que non estivesen certificados pola Escola Galega de Administración Pública).

h) Documentación acreditativa do coñecemento da lingua galega (só no caso de que non estivese certificado pola Escola Galega de Administración Pública ou expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística).

i) Documentación acreditativa do coñecemento de linguas estranxeiras mediante certificados expedidos por centros oficiais no Marco Europeo de Referencia.

j) Documentación acreditativa do pago da taxa se o pagamento se realizou de forma presencial.

k) Documentación acreditativa da condición de familia numerosa de carácter especial ou xeral.

l) Vítimas do terrorismo, sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, conforme o establecido no artigo 16.6.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente a través da opción de achega de documentación xustificativa dispoñible na OPAX.

Os documentos que se xunten deberanse escanear en formato PDF, sen que se admita ningún outro formato.

Carecerán de validez os documentos achegados con emendas ou riscadas, ou aqueles que non resulten lexibles.

3. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Non será necesario presentar documentación acreditativa para aquelas persoas solicitantes que estean conformes cos datos precargados na aplicación informática ao cubriren a solicitude. No caso de non estaren conformes con estes datos, poderanos modificar, para o cal terán que presentar a correspondente documentación acreditativa na forma establecida no número 2 deste artigo.

No suposto de que a persoa solicitante non estea conforme cos datos que reflicte a aplicación informática respecto dos servizos prestados, deberá achegar a documentación de todos aqueles que alegue e non só daqueles sobre os cales discrepe.

5. Teranse en conta unicamente aqueles requisitos e méritos que as persoas interesadas fagan constar expresamente na súa solicitude de incorporación á bolsa e que estean acreditados de conformidade co previsto no número anterior.

Artigo 18. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Títulos oficiais universitarios.

c) Servizos prestados como persoal funcionario de Xustiza (só no caso de que estes fosen recoñecidos pola Comunidade Autónoma de Galicia).

d) Datos de exercicios aprobados nas oposicións para o acceso ao corpo de médicos forenses.

e) Cursos de formación certificados pola Escola Galega de Administración Pública.

f) Celga 4, ou titulación equivalente, se están expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

g) Cursos de linguaxe xurídica de nivel medio e de linguaxe xurídica de nivel superior, certificados pola Escola Galega de Administración Pública.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Acreditación da condición de discapacidade igual ou superior ao 33 %, só no caso de estar recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acreditación de familia numerosa de carácter especial ou xeral.

c) Acreditación de figurar como demandante de emprego, ininterrompidamente, desde polo menos os seis meses anteriores á data da presentación da solicitude de inscrición.

d) Acreditación de que á data da presentación da solicitude non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado na solicitude e achegar a documentación acreditativa do mesmo xeito que se establece no artigo anterior para a documentación complementaria.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

A inexactitude ou falsidade nos datos alegados poderá dar lugar á exclusión da bolsa correspondente, logo de audiencia da persoa interesada.

Artigo 19. Valoración de méritos e ordenación das persoas interesadas na bolsa de persoal interino

1. Constituirase a bolsa de persoal interino do corpo de médicos forenses atendendo á puntuación outorgada ás solicitudes admitidas segundo o criterio de valoración de méritos que a seguir se especifica, referidos á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

I. Tempo de servizos prestados.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto dos méritos previstos nesta epígrafe será de 32 puntos, en función de:

a) Servizos como médico forense na Administración de xustiza: 2 puntos por cada ano completo de servizos. Os períodos inferiores ao ano computaranse proporcionalmente a razón de 0,0055 por día, establecéndose os meses como de trinta (30) días.

b) Servizos como persoal médico en institucións sanitarias públicas españolas: 1 punto por cada ano completo de servizos. Os períodos inferiores ao ano computaranse proporcionalmente a razón de 0,0027 por día, establecéndose os meses como de trinta (30) días.

II. Probas de acceso superadas.

A puntuación máxima posible por esta epígrafe será de 30 puntos, en función de:

a) Pola superación de exercicios do último proceso selectivo concluso para o corpo de médicos forenses: 15 puntos por exercicio superado.

b) Pola superación de exercicios do penúltimo proceso selectivo concluso para o corpo de médicos forenses: 10 puntos por exercicio superado.

III. Formación académica.

A puntuación máxima posible por esta epígrafe será de 20 puntos, en función de:

a) Especialidade en medicina legal e forense: 10 puntos.

b) Especialidade en psiquiatría, traumatoloxía, anatomía patolóxica, medicina do traballo, radioloxía, medicina interna e medicina familiar e comunitaria: 8 puntos por especialidade.

c) Outras especialidades: 2 puntos por especialidade.

d) Título de Doutoramento: 8 puntos.

e) Máster, experto universitario ou especialista en disciplinas relacionadas coa actividade: 4 puntos.

IV. Formación específica e formación informática.

a) Pola asistencia a cursos de formación médico-xurídico nos cales se impartisen materias relacionadas coa actividade da medicina forense, incluída a formación en materia de igualdade, e fosen convocados e organizados polo Sistema universitario español, institutos ou escolas oficiais, colexios oficiais de médicos, polo Ministerio de Xustiza, Dirección Xeral de Xustiza ou consellerías competentes en materia de xustiza, Instituto Nacional da Administración Pública, Escola Galega de Administración Pública ou polos órganos competentes en formación das comunidades autónomas, por outros axentes promotores dentro do marco do Acordo de formación para o emprego ou polos servizos públicos de emprego así como por outros organismos cando fosen homologados por unha Administración pública: 0,01 puntos por cada hora, ata un máximo de 6 puntos.

b) Pola asistencia a cursos de formación informática convocados e organizados polo Sistema universitario español, institutos ou escolas oficiais, colexios oficiais de médicos, polo Ministerio de Xustiza, Dirección Xeral de Xustiza ou consellerías competentes en materia de xustiza, Instituto Nacional da Administración Pública, Escola Galega de Administración Pública ou polos órganos competentes en formación das comunidades autónomas, por outros axentes promotores dentro do marco do Acordo de formación para o emprego ou polos servizos públicos de emprego, así como por outros organismos cando fosen homologados por unha Administración pública: 0,01 puntos por cada hora, ata un máximo de 4 puntos.

Non se valorarán os cursos cunha antigüidade superior aos 5 anos.

Os cursos de igual ou similar contido só se computarán unha vez e non se valorarán outros cursos da mesma área de coñecemento coa mesma ou similar denominación ou o mesmo ou similar contido, aínda que se trate de convocatorias diferentes.

Non se valorarán os cursos respecto dos cales non conste o número de horas, os de duración igual ou inferior a 10 horas lectivas, nin os derivados de procesos selectivos, diplomas de participación en xornadas, simposios, seminarios e similares.

V. Coñecementos de lingua galega.

A acreditación de coñecementos da lingua galega mediante os certificados de aptitude emitidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e pola Dirección Xeral de Xustiza, ou certificados ou diplomas equiparados segundo a normativa vixente, só se valorará o curso de maior nivel dos presentados, conforme un dos seguintes apartados:

– Certificado Celga 4 ou equivalente: 6 puntos.

– Curso de linguaxe xurídica de nivel medio: 12 puntos.

– Curso de linguaxe xurídica superior: 18 puntos.

VI. Idiomas.

A acreditación de coñecementos de linguas estranxeiras mediante certificados expedidos por centros oficiais no Marco Europeo de Referencia, só se valorará o curso de maior nivel dos presentados, ata un máximo de 2 puntos por idioma e 6 puntos en total, conforme un dos seguintes apartados:

– Coñecementos de nivel C1 ou C2: 2 puntos.

– Coñecementos de nivel B1 ou B2: 1 punto.

No suposto de empate, desfarase pola maior puntuación obtida seguindo a orde establecida neste apartado. De continuar o empate, terase en conta a puntuación obtida no primeiro exercicio das últimas oposicións realizadas para o corpo de médicos forenses, e, na súa falta, ou de persistir o empate, observarase a prioridade alfabética comezando pola letra correspondente á última oferta de emprego para os corpos da Administración de xustiza.

Artigo 20. Formación das listas e aprobación da bolsa

1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a dirección xeral con competencias en materia de xustiza puntuará as solicitudes conforme o baremo establecido no artigo 19 desta orde.

2. Publicárase unha lista provisional das persoas admitidas e das non admitidas seguindo a orde alfabética na cal figurará a puntuación da baremación. No caso da lista de persoas non admitidas indicarase a causa da exclusión.

3. As listas provisionais publicaranse na web da consellería competente en materia de xustiza (http://cpapx.xunta.gal) e mais na intranet de Xustiza (http://intranet.xustiza.gal/), mediante resolución asinada electronicamente.

4. As persoas interesadas terán dez días hábiles desde a publicación das listas provisionais para reclamar, de conformidade co establecido nesta orde, sobre calquera dos datos contidos na lista ante o órgano que realizou a convocatoria, pero sen poder invocar nin acreditar outros méritos distintos aos alegados na solicitude. As devanditas alegacións deberán presentarse de xeito electrónico a través do formulario dispoñible na aplicación informática.

As persoas non admitidas e que non emenden o defecto que motivou a súa exclusión teranse por desistidas na súa solicitude.

5. Cando finalice o prazo previsto no punto 4, a dirección xeral competente en materia de xustiza aprobará as bolsas definitivas de persoas admitidas e excluídas, ordenadas por puntuación, que se publicarán no sitio web da consellería competente en materia de xustiza e mais na intranet de Xustiza.

6. As listas definitivas da bolsa de persoal interino citadas no número anterior entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación e substituirán as listas vixentes, que quedarán anuladas nesa mesma data, sen que isto supoña ningún dereito para os/as integrantes delas.

Os nomeamentos de persoal funcionario que estean vixentes no momento da constitución das novas bolsas manteranse ata que se produza o seu cesamento. Se o persoal funcionario que cesa forma parte dunha nova bolsa constituída ao abeiro da presente orde, pasará a ocupar o posto que lle corresponda nesta, de acordo coa puntuación obtida na baremación de méritos.

Artigo 21. Actualización dos méritos

Mediante resolución da persoa titular da dirección xeral de Xustiza, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, abrirase periodicamente o prazo para a actualización dos méritos das persoas integrantes na bolsa. Na dita resolución establecerase o procedemento para proceder á actualización.

Artigo 22. Solicitudes de integración na bolsa vixente

1. Unha vez publicada a lista definitiva, calquera persoa interesada poderá presentar a súa solicitude de integración na bolsa.

2. As persoas interesadas deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 15 no momento da presentación da súa solicitude, que se presentará a través da OPAX conforme o recollido no artigo 16 desta orde.

3. Unha vez recibida a solicitude, a dirección xeral con competencias en materia de xustiza examinará o cumprimento dos requisitos e baremará a solicitude segundo o recollido no artigo 19. Neste caso, os méritos valoraranse á data da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ou á data da última actualización de méritos realizada.

4. No sitio web da consellería competente en materia de xustiza e mais na intranet de Xustiza publicarase a puntuación e, no seu caso, a causa de exclusión da persoa interesada que terá dez días hábiles desde a publicación para reclamar, de conformidade co establecido nesta orde, sobre calquera dos datos contidos na lista, pero sen poder invocar nin acreditar outros méritos distintos aos alegados na solicitude. As devanditas alegacións deberan presentarse de xeito electrónico a través do formulario dispoñible na aplicación informática.

As persoas non admitidas e que non emenden o defecto que motivou a súa exclusión teranse por desistidas na súa solicitude.

5. Transcorrido o prazo anterior, as listaxes actualizadas coa inclusión das novas persoas integrantes das bolsas se publicarán no sitio web da consellería competente en materia de xustiza e mais na intranet de Xustiza. Estas entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación e substituirán as listas vixentes.

6. Aquelas persoas que xa sexan integrantes das bolsas, non poderán presentar unha nova solicitude durante a vixencia destas. Tampouco poderán presentar unha nova solicitude aquelas persoas que sexan excluídas das bolsas, agás naqueles casos en que se estableza a exclusión con penalización de 6 meses nos que, unha vez rematado o período de penalización, poderán presentar unha nova solicitude de inclusión.

Artigo 23. Vixencia e novas convocatorias

1. A bolsa de persoal interino do corpo de médicos forenses definitivamente constituída manterá a súa vixencia ata a constitución dunha nova bolsa.

Disposición adicional primeira. Zonas de preferencia

1. Establécense as seguintes zonas de preferencia, ás cales deben optar as persoas solicitantes sinalando unha delas na súa solicitude, xa que en caso contrario a dita solicitude será rexeitada sen máis trámites:

Zona 1: A Coruña.

Zona 2: Santiago de Compostela.

Zona 3: Ferrol.

Zona 4: Lugo.

Zona 5: Ourense.

Zona 6: Pontevedra.

Zona 7: Vigo.

2. Para garantir que non se produzan desequilibrios nas bolsas, durante a vixencia destas só se permitirá unha vez ao ano o cambio da zona de preferencia por petición do persoal interesado. No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero de conformidade co previsto no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, poderán cambiar de zona de preferencia cando diso dependa a súa protección en calquera momento que se precise.

Disposición adicional segunda. Obrigatoriedade de relacionarse coa Administración a través de medios electrónicos

O persoal interino e as persoas que figuren incluídas na bolsa estará obrigado a relacionarse coa Administración a través de medios electrónicos, así como a recibir por medios electrónicos as notificacións e comunicacións que se lles dirixan, para o que deberá formalizar as correspondentes altas nos sistemas habilitados pola Administración para estes efectos.

Para dar cumprimento ás obrigas derivadas desta orde, tanto o persoal interino que estea prestando servizos coma as persoas que figuran incluídas na vixente bolsa disporán do prazo de 10 días, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta norma no Diario Oficial de Galicia, para formalizaren a alta no sistema Notifica.gal. Finalizado o dito prazo, a Administración creará, de oficio, o enderezo habilitado único daquel persoal que non tramitase a alta no sistema Notifica.gal

Disposición transitoria única. Réxime de nomeamento de persoal interino

Mentres non sexa aprobada e publicada a bolsa de selección de persoal funcionario interino definitiva con suxeición ás normas contidas nesta orde, seguirase nomeando persoal funcionario interino para postos do corpo de médicos forenses consonte a normativa e convocatoria anterior.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 29 de setembro de 2014 pola que se establece o procedemento de selección e nomeamento de persoal interino do corpo de médicos forenses e se convoca a correspondente bolsa (Diario Oficial de Galicia núm. 193, do 9 de outubro).

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de xustiza para ditar cantas instrucións e resolucións sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Normativa supletoria

Para o non previsto nesta orde aplicarase supletoriamente, cando así sexa posible, o disposto na Orde do 4 de outubro de 2018 pola que se regula a selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios/as nos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, modificada por última vez a través da Orde do 30 de novembro de 2021.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes