DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 10 de setembro de 2024 Páx. 50022

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

EXTRACTO da Resolución do 9 de setembro de 2024 pola que se convocan as axudas de contratación para o Programa de retención de talento investigador para o ano 2024.

BDNS (Identif.): 783288.

De acordo co disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria, cuxo texto completo se pode atopar na Base de datos nacional de subvencións https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/783288

Primeiro. Requisitos dos solicitantes

a) Ser ou ter sido persoal investigador a tempo completo da Universidade de Vigo na modalidade Marie Curie Individual Fellowship, contratos de proxectos de Jóvenes Investigadores do Ministerio (JIN), Margarita Salas, María Zambrano, Juan de la Cierva-Incorporación, axudas posdoutorais da Xunta de Galicia na modalidade B, e que a data de finalización do seu contrato estea comprendida entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de decembro de 2024 (sen considerar as posibles prórrogas a que tivese dereito).

b) Dispoñer da acreditación da ANECA ou da ACSUG como profesor/a contratado/a doutor/a ou profesor/a permanente laboral (PPL) ou ben como profesor/a titular de universidade.

c) Presentar a acreditación R3/I3, no caso de posuíla (non é un requirimento excluínte).

d) Non ter avaliación negativa na convocatoria correspondente ao seu contrato.

Non poderán participar aquelas persoas que finalizasen voluntariamente a súa relación contractual coa Universidade de Vigo antes da data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto

A presente convocatoria ten como obxecto a realización dun proceso selectivo para a contratación como persoal laboral temporal de investigadoras ou investigadores doutoras/es, que desenvolvesen a súa actividade investigadora posdoutoral na Universidade de Vigo no cadro de determinados programas competitivos internacionais, nacionais e autonómicos.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 9 de setembro de 2024 pola que se convocan as axudas de contratación para o Programa de retención de talento investigador da Universidade de Vigo para o ano 2024.

Cuarto. Contía

A contía total do crédito destinado a estas axudas será de trescentos tres mil cento vinte euros (303.120 €), con cargo á aplicación orzamentaria 0000 421S 140.09 de cada un dos exercicios en que se desenvolva, no marco das dispoñibilidades orzamentarias da Universidade de Vigo.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Desde o 11 ao 24 de setembro de 2024.

Vigo, 9 de setembro de 2024

O reitor da Universidade de Vigo
P.D. (Resolución do 30.5.2024; DOG do 10 de xuño)
María Belén Rubio Armesto
Vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación