DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Martes, 30 de xullo de 2024 Páx. 44832

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

INSTRUCIÓN 4/2024, do 17 de xullo de 2024, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, pola que se regula a presentación telemática da Conta Xeral da Comunidade Autónoma.

O artigo 121.1 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (en diante TRLRFOG), regula a remisión da Conta Xeral da Comunidade Autónoma (en diante Conta Xeral) ao Consello de Contas de Galicia e ao Tribunal de Contas.

Segundo este artigo, a Conta Xeral de cada ano remitirase, logo de acordo do Consello da Xunta de Galicia, ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas, antes do 30 de setembro do ano seguinte a aquel a que se refire.

Desde a creación da Xunta de Galicia, a Conta Xeral vén sendo elaborada e remitida en soporte papel para dar cumprimento á obriga do artigo 121.1 do TRLRFOG. Co obxecto de facilitar o seu estudo, xa hai anos que se incorporou á Conta Xeral o envío dos datos en soporte informático, primeiro mediante a súa gravación en CD e, posteriormente, en USB.

Nos últimos exercicios, o Consello de Contas vén recomendando de forma reiterada á Administración a realización de avances encamiñados á presentación telemática da Conta Xeral. Neste sentido, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma (en diante Intervención Xeral) e o Consello de Contas veñen traballando asiduamente no marco da Comisión Mixta creada pola Lei 8/2015, do 7 de agosto, de reforma da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas (en diante Comisión Mixta), para avanzar cara a este obxectivo.

De común acordo entre ambas as partes, realizáronse probas encamiñadas á validación dun procedemento que, tendo en conta a situación tecnolóxica actual tanto da Xunta de Galicia coma da sede electrónica do Consello de Contas, permita o uso dos medios telemáticos para o traslado da información. Nestas probas tiveron que solucionarse diferentes problemas, debido principalmente ao elevado volume dos ficheiros implicados. Finalmente, o resultado das probas realizadas foi considerado satisfactorio tanto pola Intervención Xeral como polo Consello de Contas, o que permite implantar un procedemento de transmisión da información entre as dúas partes para a remisión telemática da Conta Xeral.

Á vista destes resultados, procede regular a presentación da Conta Xeral de forma telemática, avanzando no camiño recomendado polo Consello de Contas e acadando un fito máis na eliminación do papel nos trámites administrativos.

O artigo 121.1 do TRLRFOG recolle que a Conta Xeral debe ser remitida tamén ao Tribunal de Contas. Esta remisión vén sendo realizada por conduto do Consello de Contas, de forma que a Intervención Xeral entrega ao Consello de Contas un exemplar da Conta Xeral destinado ao Tribunal de Contas, e o Consello de Contas é o que remite a Conta Xeral ao Tribunal de Contas, no marco das relacións e intercambios de información que operan entre ambas as institucións.

Á vista do cambio definitivo cara a unha presentación telemática da Conta Xeral, a Comisión Mixta analizou cal debe ser a mellor forma en que se debe render a conta ao Tribunal de Contas, e chegou á conclusión de que o mellor é prescindir da intermediación do Consello de Contas e que a presentación sexa realizada directamente pola Xunta de Galicia na sede electrónica do Tribunal de Contas.

Aínda que o artigo 121.1 do TRLRFOG non recolle ningunha obriga de remisión da Conta Xeral ao Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia, unha vez cumprida a obriga de presentar a Conta ante o Consello de Contas, remite todos os anos un exemplar dela ao Parlamento.

A regulación, recollida na instrución cuarta, non altera a posibilidade desta remisión. Ao contrario, recolle a posibilidade de continuar realizándoa en soporte papel ou de realizala en soporte informático ou mediante un envío telemático.

En función das competencias reguladas nos decretos de estrutura da Xunta de Galicia, o envío da Conta Xeral ao Parlamento de Galicia debe ser realizado a través da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Corresponde a esta Dirección Xeral, en contacto co Parlamento de Galicia, apreciar cal é a mellor forma de enviar a información comprendida na Conta Xeral. En función de cal sexa en cada momento a opción elixida, a Intervención Xeral facilitará á Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias a documentación no soporte necesario para este envío.

A Conta Xeral publícase na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública e está dispoñible para a cidadanía a través do Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia, en cumprimento da normativa sobre transparencia e bo goberno. A instrución quinta recolle o necesario cumprimento desta obriga por parte da Intervención Xeral, limitando o prazo máximo para a publicación.

O artigo 111 do TRLRFOG regula as competencias da Intervención Xeral como centro directivo da contabilidade e atribúelle a competencia de ditar circulares e instrucións relativas á tramitación e rendición de contas, informes e demais documentos relativos á contabilidade pública.

Á vista do exposto, e con base nas competencias que o artigo 111 do TRLRFOG atribúe á Intervención Xeral, dito as seguintes instrucións:

Primeira. Obxecto

O obxecto destas instrucións é regular a presentación telemática da Conta Xeral da Comunidade Autónoma.

Segunda. Rendición telemática da Conta Xeral ao Consello de Contas

Logo da aprobación, no Consello da Xunta de Galicia, da remisión da Conta Xeral ao Consello de Contas, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma remitirá a dita Conta, seguindo o seguinte procedemento:

1. A Intervención Xeral situará os ficheiros que conforman a Conta Xeral nunha zona especificamente habilitada para a súa descarga por parte do Consello de Contas.

2. A Intervención Xeral presentará no Rexistro Electrónico do Consello de Contas o oficio acreditativo da rendición da Conta Xeral. A presentación deste oficio e a posta á disposición dos ficheiros que figuran no anexo desta instrución determina o cumprimento da obriga de rendición da Conta Xeral regulada no artigo 121.1 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Os ficheiros da Conta Xeral estarán dispoñibles, como mínimo, un mes para a súa descarga por parte do Consello de Contas.

A Intervención Xeral e o Consello de Contas poderán acordar o uso deste procedemento para a remisión de documentación adicional relacionada coa Conta Xeral.

No anexo a estas instrucións recóllese unha relación dos ficheiros que comprenden a Conta Xeral. A Intervención Xeral pode realizar modificacións na estrutura dos ficheiros cando razóns técnicas así o aconsellen, que serán comunicadas ao Consello de Contas. O formato da información rendida será acordado na Comisión Mixta Intervención Xeral-Consello de Contas.

Terceira. Remisión telemática da Conta Xeral ao Tribunal de Contas

1. Unha vez rendida a Conta ao Consello de Contas, a Intervención Xeral porá a Conta Xeral á disposición do Tribunal de Contas seguindo o mesmo procedemento regulado na instrución segunda.

2. A presentación no Rexistro Electrónico do Tribunal de Contas do oficio acreditativo da rendición da Conta Xeral e a posta á disposición dos ficheiros que figuran no anexo desta instrución verifica o cumprimento da obriga de rendición da Conta Xeral regulada no artigo 121.1 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Cuarta. Remisión da Conta Xeral ao Parlamento de Galicia

Dentro dos quince días posteriores á súa presentación ante o Consello de Contas, a Intervención Xeral porá a Conta Xeral á disposición da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias para a súa remisión ao Parlamento de Galicia.

A Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias remitirá a Conta Xeral ao Parlamento de Galicia no soporte máis adecuado, atendendo ás circunstancias tecnolóxicas e operativas específicas da sede electrónica do Parlamento e á normativa reguladora da remisión a este de documentos administrativos.

Quinta. Publicación na web

No prazo máximo de quince días desde a presentación da Conta Xeral ante o Consello de Contas, a Intervención Xeral realizará as actuacións necesarias para a súa publicación na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública.

A Conta Xeral estará dispoñible para a cidadanía a través do Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2024

Almudena Chacón Pichel
Interventora xeral da Comunidade Autónoma

ANEXO

Relación de ficheiros incluídos na Conta Xeral da
Comunidade Autónoma de cada exercicio

Ficheiro

Contido

AX_cx_XXXX.pdf

Conta da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Tomo I: estados de execución

AX_Memoria_XXXX.pdf

Conta da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Tomo II: memoria

AX_p_XXXX.pdf

Conta da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Tomo III: conta do Patrimonio

Execución_organismos autónomos_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo. Contas dos organismos autónomos. Tomo I: estados de execución

Contas anuais_organismos autónomos _XXXX.pdf (*)

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo. Contas dos organismos autónomos. Tomo II: contas anuais

SE_cx_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo. Contas dos organismos autónomos. Sergas. Tomo I: estados de execución

SE_Memoria_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo. Contas dos organismos autónomos. Sergas. Tomo II: memoria

SE_p_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo. Contas dos organismos autónomos. Sergas. Tomo III: conta do Patrimonio

Execución_Axencias Públicas_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo. Contas das axencias públicas. Tomo I: estados de execución

Contas anuais_Axencias Públicas_XXXX.pdf (*)

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo. Contas das axencias públicas. Tomo II: contas anuais

Execución_Entidades Públicas Instrumentais_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo. Contas das entidades públicas instrumentais de consulta ou asesoramento. Tomo I: estados de execución

Contas anuais_Entidades Públicas Instrumentais_XXXX.pdf (*)

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo. Contas das entidades públicas instrumentais de consulta ou asesoramento. Tomo II: contas anuais

Contas anuais_Consorcios_XXXX.pdf (*)

Conta das entidades en réxime de orzamento estimativo. Contas dos consorcios

Contas anuais_Entidades Públicas Empresariais_XXXX.pdf (*)

Conta das entidades en réxime de orzamento estimativo. Contas das entidades públicas empresariais

Contas anuais_Sociedades Públicas_XXXX.pdf (*)

Conta das entidades en réxime de orzamento estimativo. Contas das sociedades públicas

Contas anuais_Fundacións Públicas_XXXX.pdf (*)

Conta das entidades en réxime de orzamento estimativo. Contas das fundacións públicas

Memoria Conta Xeral_XXXX.pdf

Memoria da Conta Xeral da Comunidade Autónoma

Estados_memoria_ AX_XXXX.xlsx

Conta da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Follas de cálculo dos cadros da memoria da Administración Xeral

Estados_memoria_ Conta xeral XXXX.xlsx

Memoria da Conta Xeral da Comunidade Autónoma. Follas de cálculo dos cadros da memoria da Conta Xeral

Estados_anexos_memoria_ Conta Xeral_XXXX.xlsx

Memoria da Conta Xeral da Comunidade Autónoma. Follas de cálculo dos anexos da memoria da Conta Xeral (unha por cada anexo)

(*) Por motivos técnicos pode ser necesario realizar tomos separados por cada entidade

(**) XXXX é o exercicio a que corresponde a Conta