DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 26 de xullo de 2024 Páx. 44325

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO /2024, do 15 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Outeiro de Rei do treito da estrada provincial LU-P-3907 Arcos (LU-P-1109)-Vilar-Ceao, desde o punto quilométrico 3+165 ao punto quilométrico 5+510.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Outeiro de Rei solicita á Deputación Provincial de Lugo o cambio de titularidade dun treito da estrada provincial LU-P-03907, o cal se inicia na estrada provincial LU-P-3906, e chega ata o Ceao.

A Deputación Provincial de Lugo na sesión ordinaria levada a cabo o día 26 de marzo de 2024 aceptou a proposta de transferencia a prol do concello do segundo tramo da estrada LU-P-03907 desde o punto quilométrico 3+165 ata o punto quilométrico 5+510.

A estrada provincial LU-P-3907 pasa polos concellos de Outeiro de Rei e Lugo e está dividida en dous tramos, o primeiro entre os puntos quilométricos 0+000 e 3+165 e o segundo entre os puntos quilométricos 3+165 e 8+890. O tramo solicitado sitúase no inicio do segundo treito, no límite municipal entre Outeiro de Rei e Lugo e atopase integramente no termo municipal de Outeiro de Rei. Este treito cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes ‹‹só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente».

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de xullo de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Outeiro de Rei do seguinte treito de estrada:

Estrada

Denominación da estrada

PQi

PQf

LU-P-3907

Arcos (LU-P-1109)-Vilar-Ceao

3+165

5+510

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Outeiro de Rei, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de xullo de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas