DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 26 de xullo de 2024 Páx. 44387

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2024, da Dirección Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Mondariz (expediente IN407A 2023/386-4).

Expediente: IN407A 2023/386-4.

Promotora: Central Eléctrica Sestelo y Compañía.

Denominación: LMT, CT Fontán.

Concello: Mondariz.

Feitos:

1. O 10.7.2023, a empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica denominada LMT, CT Fontán.

O proxecto de execución que acompaña a solicitude foi asinado polo enxeñeiro técnico industrial José L. Giráldez Cortegoso, colexiado 2853 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Santiago de Compostela, e en que figura un orzamento total de 38.317,16 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións no barrio de Fontán, no concello de Mondariz (Pontevedra):

Instalación dun centro de transformación en caseta prefabricadas de 160 kVA e dun apoio 4ES1920.

Liña de media tensión aérea (LMTA) de 84 metros desde o apoio existente 4ES1146 ata o apoio proxectado 4ES1920.

Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 45 metros entre o apoio proxectado 4ES1920 e o CT proxectado.

2. Con base no Real decreto 445/2023, do 13 de xuño, que modificou os anexos I, II e III da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, concretamente, a alínea b) do grupo 4 do anexo II, a empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía solicitou o inicio da avaliación de impacto ambiental simplificada.

Conforme o artigo 45 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, este departamento territorial remitiu á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o estudo de impacto ambiental simplificado para o proxecto LMT, CT Fontán no concello de Mondariz (Pontevedra) para que se emitise o oportuno informe de avaliación de impacto ambiental simplificada.

O 19.4.2024, o Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático comunicou que á vista das características do proxectado presentado se considera que se trata da modificación dunha instalación xa existente, e non procede, polo tanto, a tramitación da avaliación de impacto ambiental, segundo o indicado no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro.

3. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Mondariz. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.

Consideracións legais e técnicas.

1. A Dirección Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

LMTA a 20 kV, con condutor LA-56, de 84 metros de lonxitude, coa orixe no existente 43S1146 da LMTA subderivación Fontán e final no apoio proxectado 4ES1920.

LMTS a 20 kV, con condutor RHZ1, de 45 metros de lonxitude, coa orixe no apoio proxectado 4ES1920 e final no centro de transformación proxectado.

Centro de transformación en caseta prefabricada a 160 kVA, con relación de transformación 20 kV/400 V, situado en Fontán.

A instalación está situada en Fontán, no concello de Mondariz (Pontevedra).

Conforme o indicado,

Resolvo:

1. Outorgar á empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMT, CT Fontán, expediente IN407A 2023/386-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. A empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 28 de xuño de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra