DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 26 de xullo de 2024 Páx. 44256

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 15 de xullo de 2024 pola que se modifica a autorización do centro privado estranxeiro O Castro International School, de Mos (Pontevedra).

Por Orde do 5 de maio de 2021, autorizouse o centro privado estranxeiro O Castro International School, de Mos, para impartir as ensinanzas de Nursery (3 a 4 anos de idade) ata o curso Year 13 (17 a 18 anos de idade) do Currículo Nacional de Inglaterra, ata o 29 de novembro de 2023.

A titularidade do centro solicita a renovación da autorización das ensinanzas autorizadas e achega un certificado de acreditación do British Council no que consta que o centro reúne os requisitos do artigo 5.1 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España, para ser inscrito como colexio británico para impartir ensinanzas a alumnado desde Nursery (3 a 4 anos de idade) a Year 13 ( de 17 a 18 anos de idade) do Currículo Nacional de Inglaterra, con validez ata o 29 de novembro de 2027.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Autorizar a continuidade do centro privado estranxeiro O Castro International School, código 36024835, ata o 29 de novembro de 2027, para impartir as ensinanzas a alumnado desde Nursery (3 a 4 anos de idade) ata Year 13 (de 17 a 18 anos de idade), para un total de 1.112 postos escolares, do Currículo Nacional de Inglaterra.

Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveles equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 3. Profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 2 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Dirección Territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 4. Validez da acreditación

A acreditación do centro ten validez ata o 29 de novembro de 2027, conforme o certificado de acreditación emitido polo British Council.

Artigo 5. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa desta consellería, de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional