DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 24 de xullo de 2024 Páx. 44201

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2024, da Dirección Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Arzúa (expediente IN407A 2022/125-1).

Expediente: IN407A 2022/125-1.

Promotor: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Proxecto: instalación de telecontrol na LMT MEL707 apoio ATHSS3TD74-1.

Concello: Arzúa.

Feitos:

1. O día 13.4.2022, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de realizar obras de mellora da calidade da subministración dos clientes alimentados pola rede de distribución en media tensión na LMT MEL707 grupo escolar Arzúa, 7 (expediente APS 50019), no concello de Arzúa, proxéctase a instalación dun reconectador telecontrolado nun apoio existente que se vai substituír.

Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado instalación de telecontrol na LMT MEL707 apoio ATHSS3TD74-1, asinado o día 15.3.2022 por Rubén Fervenza Nicolás, enxeñeiro técnico industrial graduado en enxeñaría eléctrica, nº de colexiado 4.684 de Vigo; e a relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da instalación proxectada.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo publicado nos seguintes medios:

• Portal da transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

• DOG: 16.3.2023.

• BOP: 28.2.2023.

• Xornal La Voz de Galicia: 8.3.2023.

•Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 26.9.2023.

3. Durante o período en que o proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentou ningunha alegación, reclamación nin suxestión relacionada coa documentación obxecto de publicación.

4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Arzúa, Servizo do Patrimonio Cultural e Aguas de Galicia. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.

5. O día 20.6.2024 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

2. Lexislación de aplicación.

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

• Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. Características técnicas.

• As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas no lugar de Guldrís, concello de Arzúa, e as súas características técnicas son as seguintes:

• Retensado tramo LMTA, a 15 kV, cunha lonxitude de 185 m, coa orixe no apoio existente de formigón ATHDT8U4//74 da LMT MEL707 grupo escolar Arzúa, 7 (expediente APS 50019), en condutor tipo LA-30 mm2, e final no apoio existente de formigón ATIMHGNA//74-2 da mesma liña.

• Instalación dun reconectador telecontrolado no apoio con matrícula ATHSS3TD//74-1 da LMTA MEL707.

• Substitución do apoio de formigón existente APCGHXS//D23-A-21 por un novo apoio tipo celosía C-1000-16, e reténsanse os condutores dos vans adxacentes.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.

B) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da dita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.

A Coruña, 1 de xullo de 2024

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña

ANEXO:

Relación de bens e dereitos afectados–Concello de Arzúa

Instalación de telecontrol na LMT MEL-707, apoio ATHSS3TD/74-1

Parcela proxecto

Propietario/titular

Referencia catastral

Lugar

Afección pleno dominio (LMT aérea-apoios)

LMT aérea - voo

(servidume de paso de enerxía eléctrica)

Natureza do terreo

Nº do apoio

Superficie (m2)

Lonxitude

Superficie (m2)

1

Carmen Pena

Vázquez

Polígono 503, parcela 171

Caselle

74-1

2

Rústico agrario