DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 24 de xullo de 2024 Páx. 44173

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANUNCIO do 10 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de xestión do monumento natural a Costa de Dexo.

O espazo natural da Costa de Dexo, no concello de Oleiros (provincia da Coruña), foi declarado monumento natural mediante o Decreto 101/2000, do 31 de marzo.

O artigo 25 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, establece que os monumentos naturais son espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza e beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial. Considéranse tamén monumentos naturais as árbores senlleiras e monumentais, as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e mineralóxicos, os estratotipos e os demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos, sempre que fosen expresamente declarados como tales.

Segundo indica o artigo 59 desta mesma lei, os monumentos naturais contarán cun instrumento de planificación propio, denominado plan de xestión, no cal se establecerá o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación da xeodiversidade, dos hábitats e das especies.

O artigo 61 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, establece que a tramitación do plan de xestión correspóndelle á consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, e a súa aprobación realizarase de acordo co disposto nos artigos 40 e 41 da propia lei.

Segundo o recollido na disposición transitoria segunda da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a tramitación dos plans de xestión en espazos naturais protexidos declarados ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que carezan dos citados instrumentos de planificación e que non iniciasen a súa tramitación con anterioridade á data de entrada en vigor desta lei, realizarase tras o acordo de inicio da persoa titular da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, mediante o procedemento sinalado no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, axustándose o contido do instrumento de planificación ao previsto no artigo 60.1, no caso dos plans de xestión.

O instrumento de planificación aprobarase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural.

Dado que ese espazo foi declarado monumento natural mediante o Decreto 101/2000, do 31 de marzo, unicamente corresponde desenvolver a tramitación e aprobación do seu instrumento de planificación específico.

Como paso previo para a elaboración do seu plan de xestión, redactouse unha memoria inicial que foi sometida a participación pública en virtude do establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, polo que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, e no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O dito documento expúxose ao público na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático durante un período dun (1) mes.

A Lei 5/2019, do 2 de agosto, establece no seu artigo 40.5 que o proxecto de norma someterase durante o prazo dun mes aos trámites de audiencia ás persoas interesadas e información pública.

O artigo 133.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, regula que, sen prexuízo da consulta previa, cando a norma afecte dereitos e intereses lexítimos das persoas, o centro directivo competente publicará o texto no portal web correspondente, co obxecto de dar audiencia ás persoas afectadas e conseguir cantas achegas adicionais poidan facerse por outras persoas ou entidades.

A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, indica no seu artigo 9.1.c) que se publicará a relación dos procedementos de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral que estean en tramitación, a partir da aprobación do proxecto de decreto, indicando o seu obxecto e estado de tramitación. Así mesmo, informarase da posibilidade que, de ser o caso, teñan as persoas de participar nos trámites de audiencia e información pública.

Visto o anterior e en virtude do establecido no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, así como no artigo 9 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de información pública do proxecto de decreto polo que se aprobará o plan de xestión deste espazo protexido durante o prazo dun (1) mes, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Durante o citado prazo poderase consultar o proxecto de decreto na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia:

https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions

Así como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza:

https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

1. A través do formulario disposto para este fin na ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado no punto segundo deste anuncio.

2. Mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «Plan de xestión monumento natural da Costa de Dexo».

3. Mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2024

María Sol Díaz Mouteira
Directora xeral de Patrimonio Natural