DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 23 de xullo de 2024 Páx. 44033

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2024 pola que se fai público o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos domésticos que deberá aplicar a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) para o ano 2024.

Antecedentes:

Primeiro. A disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, estableceu unha garantía de sustentabilidade financeira do sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos en Galicia.

Coa finalidade de garantir a devandita sustentabilidade estableceu no seu punto dous unha actualización anual do canon unitario de tratamento por tonelada no mes de xaneiro conforme o índice de prezos de consumo.

Igualmente, no punto tres da mencionada disposición adicional vixésimo primeira prevese a posibilidade dunha revisión da contía do canon unitario por tratamento de residuos cando concorran circunstancias extraordinarias que alteren a sustentabilidade económica do sistema.

Finalmente, o punto tres.bis da disposición adicional vixésimo primeira recolleu a posibilidade dun canon bonificado para a súa aplicación a aquelas entidades locais que cumprisen os requisitos establecidos na lei, aínda que a dita previsión estea condicionada ás circunstancias económicas de cumprimento dos obxectivos orzamentarios e as previsións do plan de viabilidade.

Segundo. Mediante a Resolución do 27 de xaneiro de 2023, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, emitida ao abeiro do punto dous da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, e publicada no Diario Oficial de Galicia número 20, do 30 de xaneiro de 2023, fíxose público o importe do canon unitario que percibirá a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) pola xestión de residuos domésticos ou urbanos para o ano 2023, que se fixa na suma de 66,00 euros por tonelada máis IVE de residuos xestionada, sen terse actualizado conforme o índice de prezos ao consumo, a teor do punto dous da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, polas circunstancias excepcionais de sustentabilidade financeira do sistema nese momento.

Terceiro. De acordo co establecido no punto tres.bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, estableceuse para o ano 2023 unha bonificación do canon por importe do 15 % do canon do ano anterior, resultando unha cantidade de 56,10 euros máis IVE como un canon bonificado que se aplicará a aquelas entidades locais que cumpran os requisitos establecidos na lei, non resultando posible o seu mantemento para o ano 2024 ao non concorreren as circunstancias económicas establecidas no mencionado punto tres.bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro.

Cuarto. De acordo cos orzamentos da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), aprobados para o ano 2024, existen circunstancias extraordinarias que alteran a sustentabilidade económica do sistema e fan necesario proceder a unha revisión extraordinaria do canon unitario por tonelada por encima do IPC, de conformidade co punto tres da mencionada disposición adicional vixésimo primeira, na cal se prevé a posibilidade dunha revisión da contía do canon unitario por tratamento de residuos cando concorran circunstancias extraordinarias que alteren a sustentabilidade económica do sistema.

Fundamentos xurídicos:

I. O Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, configuran esta consellería como o órgano da Administración da Comunidade Autónoma con competencias e funcións en materia, entre outras, de medio ambiente, e atribúe á Dirección Xeral de Calidade e Sostibilidade Ambiental, ben directamente ou a través das súas dependencias subordinadas, funcións e competencias en materia de avaliación e control do impacto no ambiente causado pola actividade humana e a promoción de sistemas e estratexias para corrixir a dita incidencia, incluíndo diversas atribucións en materia de residuos.

II. A disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, sinala que o sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos, xestionado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) ao abeiro da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, constitúe un modo de xestión colectiva dos residuos municipais cuxa finalidade de interese xeral é a de conseguir, en cooperación coas entidades locais adheridas ao sistema, o mellor resultado ambiental global no tratamento dos residuos domésticos, buscando a máxima eficiencia no uso dos recursos públicos.

A citada disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, establece como unha das súas finalidades alcanzar un custo homoxéneo e o máis reducido posible para todas as entidades locais adheridas ao sistema.

O punto dous da devandita disposición fixou o canon unitario de tratamento por tonelada de residuos que deberá percibir a citada entidade e sinala que este se actualizará anualmente no mes de xaneiro conforme o índice de prezos de consumo, e a súa contía publicarase no Diario Oficial de Galicia.

O punto terceiro da devandita disposición adicional recoñece á consellería competente en materia de residuos a facultade de revisar a contía dese canon unitario por tonelada de residuos domésticos para o seu tratamento no marco do sistema, cando resulte necesario en función das circunstancias extraordinarias de alteración da sustentabilidade económica do sistema, logo de informe favorable da Consellería de Facenda, de tal forma que non exceda dos custos totais que xere o tratamento dos residuos domésticos no marco do sistema.

O exercicio desa facultade require a aprobación dunha proposta de canon unitario polo órgano de administración de Sogama, tras a realización dos estudos pertinentes que xustifiquen os custos asociados ás operacións de tratamento e o desenvolvemento dunha fase de consulta coa entidade asociativa máis representativa das entidades locais co fin de que poida efectuar as alegacións oportunas en defensa dos intereses locais.

Durante o ano 2023 foron concorrendo circunstancias extraordinarias, especialmente pola incidencia da aplicación do novo imposto sobre o depósito de residuos en vertedeiros, a incineración e a coincineración de residuos (IDIRES) e a recuperación do imposto do 7 % do valor da electricidade producida nas instalacións prevista para o ano 2024. A iso súmase a modificación por parte do Goberno central do marco regulatorio do sector eléctrico (Orde TED/741/2023, BOE do 8 de xullo de 2023) que adianta a finalización da retribución ao investimento ao ano 2023, retribución que estaba previsto recibir ata o ano 2026 e que supón unha diminución de 18,8 millóns ao ano que se percibía por este concepto. Ademais, no ano 2024 está a producirse unha evolución á baixa do prezo da enerxía eléctrica, o que afecta tamén de forma negativa os resultados económicos do sistema.

De acordo co citado punto tres da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, todas estas circunstancias extraordinarias motivan e xustifican a necesidade de revisar o canon unitario, polo que o canon unitario medio para o ano 2024 resultante se establecerá en 78,00 euros, aplicando ás facturas correspondentes aos servizos prestados entre os meses de xullo a decembro de 2024 un canon de 88,05 euros, tras a publicación desta resolución.

Para os servizos prestados durante os meses de xaneiro a xuño de 2024 aplicarase un canon unitario correspondente ao importe do canon establecido para o ano 2023 incrementado co índice de prezos de consumo de 2023, o que supón un canon unitario por tonelada de 68,05 euros, de conformidade co establecido no punto dous da mencionada disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Facer público o importe do canon unitario por tratamento de residuos domésticos aplicable durante o ano 2024, no marco do sistema promovido pola Xunta de Galicia para a xestión institucional dos residuos de competencia municipal e xestionado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), que se fixa para os meses de xaneiro a xuño en 68,05 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido, e para os meses de xullo a decembro en 88,05 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido, resultando un canon medio para 2024 de 78,00 euros.

En exercicios posteriores, o novo canon unitario por tonelada revisado actualizarase anualmente no mes de xaneiro conforme o índice de prezos de consumo e a contía publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2024

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático