DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 23 de xullo de 2024 Páx. 44070

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 9 de xullo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 8 de xullo de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Fragoso, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Ramirás, no concello de Castrelo de Miño.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Fragoso, pertencente á CMVMC de Ramirás, no concello de Castrelo de Miño, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 8.9.2023, a CMVMC de Ramirás presentou unha solicitude (Rexel núm. 2023/2461626) de revisión de esbozo do MVMC Fragoso, no concello de Castrelo de Miño.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 28.5.2022.

– Informe e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 18 de outubro de 2023 en relación coa citada solicitude. A liña de revisión de esbozo presentada linda con tres montes veciñais: MVMC Costa do Machado e Fonte do Seixo, de Señorín; MVMC Xestosa, da parroquia de Xestosa, e MVMC de San Tomé, de San Tomé. Polo que se lle efectuou un requirimento o 2.10.2023 para que xustifique os acordos con estas comunidades de montes.

O 5.10.2023, a solicitante contesta o requirimento en que xustifica os lindes cos montes veciñais, resultando que:

– MVMC Costa do Machado e Fonte do Seixo, de Señorín; neste caso, non se acepta o tramo como revisado, pois a acta de deslindamento parcial presentada está asinada nunha data en que a xunta reitora da comunidade de montes de Señorín non estaba en vigor e, ademais non está confirmada esta acta pola asemblea xeral.

– MVMC Xestosa, da parroquia de Xestosa; neste caso, acéptase este tramo completo da revisión de esbozo, ao existir outra revisión de esbozo da comunidade de Xestosa coa súa aceptación en asemblea.

– MVMC de San Tomé, de San Tomé; neste caso, acéptase este tramo completo da revisión de esbozo, ao axustarse ao linde municipal actual do IXN.

A superficie final do MVMC Fragoso logo da revisión de esbozo resulta de 179,05 ha fronte ás 197 ha da clasificación, o que supón unha redución de superficie dun 9 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Fragoso.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 18 de outubro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 24 de xuño de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Fragoso, pertencente á CMVMC de Ramirás, no concello de Castrelo de Miño.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 9 de xullo de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense