DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 23 de xullo de 2024 Páx. 44068

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 8 de xullo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 5 de xullo de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Monte Cerengo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia das Cabanas, no concello de San Xoán de Río.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Monte Cerengo, pertencente á CMVMC da parroquia das Cabanas, no concello de San Xoán de Río, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 19.7.2023 a CMVMC da parroquia das Cabanas presentou unha solicitude (Rexel núm. 2023/2109323) de revisión de esbozo do MVMC Monte Cerengo, en San Xoán de Río.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 21.6.2023.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 29 de setembro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares situadas no seu extremo NO, en concreto, nos terreos ocupados polas parcelas 32071A06600531, 32071A06600532, 32071A06600533 e 32071A06701037.

A superficie do MVMC Monte Cerengo, unha vez modificado o esbozo, sería de 408,80 ha fronte ás 280 ha do acordo de clasificación, o que supón un anormal incremento do 46,0 %. Porén, tendo en conta que a dixitalización do esbozo inicial do monte revela unha superficie de 384,23 ha, moito máis próxima ao valor revisado, enténdese que se debeu producir un erro material no momento de medir a superficie oficial do esbozo, polo que quedou infradimensionado.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Monte Cerengo.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 29 de setembro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 24 de xuño de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Monte Cerengo, pertencente á CMVMC da parroquia das Cabanas, no concello de San Xoán de Río.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 8 de xullo de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense