DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Luns, 22 de xullo de 2024 Páx. 43538

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións sobre a ordenación e a organización dos graos D e E de formación profesional para o curso 2024/25.

Na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, establécese a ordenación dun sistema único e integrado de formación profesional que, servindo ao fortalecemento, a competitividade e a sustentabilidade da economía, sexa capaz de responder con flexibilidade aos intereses, ás expectativas e ás aspiracións de cualificación profesional das persoas, e ás competencias demandadas polas novas necesidades produtivas e sectoriais tanto para o aumento da produtividade como para a xeración de emprego. A oferta de formación profesional articúlase nun sistema de graos de formación profesional (A, B, C, D e E) que, caracterizándose pola súa amplitude e a súa duración, permiten deseñar itinerarios progresivos e acumulables, desde as microformacións (grao A) ata os títulos e os cursos de especialización (graos D e E), e na obtención dunha acreditación, certificación ou titulación.

No título III da Lei orgánica 3/2022 establécese o carácter dual da formación profesional a as súas modalidades. O carácter dual da formación profesional desenvolverase mediante unha distribución adecuada dos procesos formativos entre os centros de formación profesional e as empresas ou organismos equiparados, contribuíndo ambos ao logro das competencias previstas en cada oferta de formación. A formación na empresa ou organismo equiparado pasa a estar integrada co resto dos módulos profesionais das ensinanzas, o que contribúe á adquisición dos resultados de aprendizaxe destes. As ofertas de formación profesional poderanse desenvolver no réxime xeral e no réxime intensivo. A formación na empresa pasa a ter a consideración de formación curricular, xa que contribúe á adquisición dos resultados de aprendizaxe do currículo. Esta formación na empresa poderase levar a cabo xa desde o primeiro curso.

Como desenvolvemento da citada lei, apróbase o Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, e incorpora na formación as transformacións froito da dixitalización, a transición ecolóxica e a sustentabilidade en todos os sectores económicos, como vectores clave da economía, o emprego e o benestar social.

Seguindo o establecido na citada normativa, establécense módulos vinculados ás habilidades e ás capacidades transversais, á orientación laboral e ao emprendemento e á mellora das competencias lingüísticas profesionais: Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo, Dixitalización aplicada aos sectores produtivos, Itinerario persoal para a empregabilidade e Inglés profesional. Tamén introduce como novidade os módulos optativos nos ciclos de grao medio e de grao superior, o proxecto intermodular de aprendizaxe colaborativa nos ciclos de grao básico e o proxecto intermodular nos ciclos de grao medio.

No curso escolar 2024/25, na Comunidade Autónoma de Galicia incluiranse nos primeiros cursos dos ciclos formativos de grao medio e de grao superior, ademais do módulo de Itinerario persoal para a empregabilidade I (que vén substituír o módulo de Formación e orientación profesional), o módulo de Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo e o módulo de Inglés profesional. Nos primeiros cursos dos ciclos de grao básico incluirase o módulo de Itinerario persoal para a empregabilidade.

A sustentabilidade, entendida como a capacidade de satisfacer as nosas necesidades presentes sen comprometer a capacidade das futuras xeracións para satisfaceren as súas, converteuse nunha prioridade global. A introdución do módulo de Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo no primeiro curso dos ciclos permite que o alumnado traballe a sustentabilidade de xeito transversal con outros módulos: a xestión eficiente dos recursos naturais, a redución de residuos e emisións, a adopción de prácticas laborais e empresariais que minimicen o impacto ambiental, a promoción da economía circular, o desenvolvemento da innovación e da tecnoloxía verde, xunto á responsabilidade social corporativa das empresas.

O módulo de Inglés profesional permite que o alumnado desenvolva as competencias que o capacitan para a comunicación e o desenvolvemento profesional en ámbitos profesionais moi diversos. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional incorporou esta formación no primeiro e no segundo curso dos ciclos formativos implantados a partir do curso 2019/20, e segue a apostar por esta formación como medida que favorece a inserción laboral do alumnado.

O Real decreto 278/2023, do 11 de abril, polo que se establece o calendario de implantación do Sistema de formación profesional establecido pola Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, determina no seu artigo 11 que no curso académico 2024/25 se implantará a ordenación académica derivada da citada lei nos primeiros cursos dos ciclos formativos e tamén nos cursos de especialización.

Recentemente publicáronse catro reais decretos que modifican os reais decretos de establecemento dos títulos de formación profesional e os cursos de especialización, en concreto:

– O Real decreto 498/2024, do 21 de maio, polo que se modifican determinados reais decretos polos que se establecen títulos de formación profesional de grao básico e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

– O Real decreto 499/2024, do 21 de maio, polo que se modifican determinados reais decretos polos que se establecen títulos de formación profesional de grao medio e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

– O Real decreto 500/2024, do 21 de maio, polo que se modifican determinados reais decretos polos que se establecen títulos de formación profesional de grao superior e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

– O Real decreto 497/2024, do 21 de maio, polo que se modifican determinados reais decretos polos que se establecen, no ámbito da formación profesional, cursos de especialización de grao medio e superior, e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

Na consideración de que, mentres que non se publique a normativa que desenvolva a regulación das ensinanzas de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, a comunidade educativa debe estar informada das cuestións esenciais para a planificación e a organización do vindeiro curso escolar 2024/25 e, de conformidade co exposto, en atribución das competencias establecidas no artigo 14.1 do Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a Dirección Xeral de Formación Profesional

DISPÓN:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto ditar as instrucións para a implantación dos primeiros cursos da oferta ordinaria dos graos D e E para o curso 2024/25 da nova ordenación derivada da Lei 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional.

Segundo. Ámbito de aplicación

Será de aplicación nos centros docentes públicos e privados do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia autorizados para impartir ensinanzas de formación profesional do sistema educativo.

Terceiro. Organización das ofertas

As ofertas de formación profesional do sistema educativo organízanse polo tipo de oferta, pola modalidade e polo réxime:

1. Tipo de oferta:

a) Oferta ordinaria. A que se organiza por cursos de acordo co recollido nos currículos que son de aplicación en Galicia para as distintas ensinanzas de formación profesional.

b) Oferta modular. A que se organiza por módulos independentes, a agrupación deles ou unidades de menor duración.

2. Modalidade:

a) Presencial. As actividades de ensino e aprendizaxe teñen lugar de xeito presencial.

b) Semipresencial e a distancia. As actividades de ensino e aprendizaxe teñen lugar mediante o uso combinado de ferramentas telemáticas e presenciais.

3. Réxime:

a) Xeral. Cando a formación na empresa ou organismo equiparado teña unha duración a partir do 20 % da duración nos ciclos de grao básico, e entre o 25 % e o 35 % da duración nos ciclos de graos medio e superior e nos cursos de especialización. En todos os casos incluirá entre o 10 % e o 20 % dos resultados de aprendizaxe dos módulos profesionais.

b) Intensivo. Cando a formación na empresa ou organismo equiparado teña unha duración de entre o 35 % e o 50 % da duración total das ensinanzas e inclúa, polo menos, un 30 % dos resultados de aprendizaxe. No réxime intensivo, a formación na empresa estará remunerada ben a través dun contrato en alternancia ou ben mediante bolsa por formación.

Cuarto. Implantación no curso 2024/25

De acordo co establecido na disposición primeira desta resolución, a nova ordenación implantarase no curso académico 2024/25:

1. No primeiro curso dos ciclos formativos (grao D) da oferta ordinaria, modalidade presencial e réxime xeral, agás os establecidos ao abeiro da Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

2. Nos cursos de especialización (grao E).

Quinto. Currículo dos ciclos formativos

Durante o curso escolar 2024/25, o currículo para o primeiro curso dos ciclos formativos de oferta ordinaria, presencial e no réxime xeral será o establecido nos decretos de currículo que son de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia para os diferentes títulos destas ensinanzas, coas seguintes consideracións:

1. Nos ciclos formativos de grao básico incorporarase o módulo profesional de Itinerario persoal para a empregabilidade. O currículo deste módulo aterase ao establecido no anexo A) desta resolución.

2. Nos ciclos formativos de grao medio e de grao superior:

a) Incorporaranse os seguintes módulos profesionais:

i. O módulo de Itinerario persoal para a empregabilidade I, agás nos ciclos establecidos ao abeiro da Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e no ciclo de Mantemento Aeromecánico de Avións con Motor de Turbina. O currículo deste módulo aterase ao establecido no anexo B) desta resolución.

ii. O módulo de Inglés profesional. O currículo deste módulo aterase ao establecido no anexo C) desta resolución.

iii. O módulo de Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo. O currículo deste módulo aterase ao establecido no anexo D) desta resolución.

b) Deixarase de impartir o módulo profesional de Formación e orientación laboral.

c) O módulo profesional dos ciclos de grao medio MP0156 Inglés e o módulo profesional dos ciclos de grao superior MP0179 Inglés pasan a denominarse Inglés profesional, e manteñen a súa codificación e a súa duración.

d) O módulo profesional de carácter autonómico de Lingua estranxeira profesional I, con independencia da súa codificación, nos ciclos formativos que o incluísen, será substituído polo módulo profesional MP0156 Inglés profesional, nos ciclos de grao medio, e MP0179 Inglés profesional, nos ciclos de grao superior.

3. Os contidos dos módulos estarán dispoñibles na aplicación informática de programacións de formación profesional e no portal www.edu.xunta.gal/fp, na epígrafe «Currículos».

Sexto. Ámbitos de Comunicación e ciencias sociais, e de Ciencias aplicadas

Segundo o artigo 87, punto 4, do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, a carga horaria total dos ámbitos de Comunicación e ciencias sociais, e de Ciencias aplicadas representará, con carácter xeral, entre o 30 % e o 35 % da duración total do ciclo, incluída polo menos unha hora de titoría semanal. Xa que logo:

a) A duración mínima do ámbito de Ciencias aplicadas I establécese en 146 horas anuais.

b) A duración mínima do ámbito de Comunicación e ciencias sociais I establécese en 175 horas. A duración das unidades formativas deste ámbito serán as seguintes:

i. MP3011_13 Comunicación en linguas galega e castelá I: 88 horas.

ii. MP3011_23 Comunicación en lingua inglesa I: 59 horas.

iii. MP3011_33 Sociedade I: 28 horas.

Sétimo. Módulo profesional de Itinerario persoal para a empregabilidade dos ciclos de grao básico

O módulo profesional de Itinerario persoal para a empregabilidade dos ciclos de grao básico terá como finalidades:

a) Preparar o alumnado para a súa inserción laboral, proporcionándolle as ferramentas necesarias para se desenvolver de xeito efectivo no ámbito profesional.

b) Fomentar a adquisición de competencias clave para a empregabilidade e o emprendemento.

c) Desenvolver habilidades fundamentais no mercado laboral actual, como a comunicación efectiva, o traballo en equipo, a resolución de problemas e a adaptabilidade a contornos cambiantes.

Oitavo. Módulo profesional de Inglés profesional

1. O módulo de Inglés profesional terá como finalidade o desenvolvemento de competencias que capaciten para a comunicación e o desenvolvemento profesional en contextos progresivamente plurinacionais e de mobilidade.

2. O currículo do módulo deberá contextualizarse no perfil profesional do título correspondente e deseñar as actividades de ensino e aprendizaxe, tendo en conta as situacións profesionais habituais do sector produtivo de referencia.

3. A consellería con competencias en materia de educación, co obxectivo de fomentar a aprendizaxe de idiomas e preparar o alumnado para a inserción laboral nun mercado globalizado, promoverá a implementación de metodoloxías innovadoras con estratexias e técnicas didácticas que favorezan a aprendizaxe do alumnado e a aplicación práctica das competencias lingüísticas.

Noveno. Módulo de Sustentabilidade aplicada ao sector produtivo

1. O módulo de Sustentabilidade aplicada ao sector produtivo terá como finalidade o desenvolvemento de coñecementos e competencias básicas en economía verde, sustentabilidade e impacto ambiental da actividade, así como as condicións en que as exixencias da transición ecolóxica modifican os procesos produtivos do sector correspondente a cada ciclo formativo.

2. O currículo do módulo deberá contextualizarse no perfil profesional do título correspondente e establecer as actividades e os recursos que permitan alcanzar os resultados de aprendizaxe marcados con metodoloxías activas e innovadoras que integren e harmonicen as prácticas empresariais co ambiente e a sociedade, e que lle proporcionen ao alumnado ferramentas prácticas para implementar estratexias sustentables en calquera organización, avaliando o impacto ambiental das operacións industriais, desenvolvendo plans de acción para a redución da pegada de carbono e promovendo prácticas de produción responsables.

Décimo. Módulo profesional de Itinerario persoal para a empregabilidade I

O módulo profesional de Itinerario persoal para a empregabilidade I, dos ciclos de grao medio e de grao superior, terá como finalidades:

a) Coñecer as variables individuais que se poden desenvolver ao longo da vida e que contribuirán á mellora da empregabilidade, así como as posibilidades de inserción laboral nun contorno socioprodutivo que, malia estar en constante cambio, debe garantir sempre unhas condicións laborais fundamentadas na normativa laboral e sectorial vixente.

b) Coñecer os itinerarios formativos e profesionais que axuden ao alumnado a adaptar o proceso de aprendizaxe ás súas vocacións, ás súas necesidades e aos seus intereses propios de cara á súa futura inserción laboral ou para continuar coa súa formación.

c) Adquirir as competencias necesarias para a desempeño das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais.

Décimo primeiro. Formación en materia de prevención en riscos laborais

1. O módulo profesional de Itinerario persoal para a empregabilidade, dos ciclos de grao básico, inclúe unha unidade formativa denominada Prevención de riscos laborais, que abranguerá a formación necesaria para acadar as competencias para o desempeño das funcións de nivel básico de prevención de riscos laborais consonte o establecido na normativa de prevención de riscos laborais vixente. Esta unidade formativa terá unha duración de 30 horas.

2. O módulo profesional de Itinerario persoal para a empregabilidade I, dos ciclos de grao medio e de grao superior, inclúe unha unidade formativa denominada Prevención de riscos laborais, que abranguerá a formación necesaria para a obtención das competencias para o desempeño das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais. Esta unidade formativa terá unha duración de 50 horas.

3. Coa finalidade de que o alumnado dispoña da formación necesaria en materia de prevención de riscos laborais que permita a súa incorporación á formación na empresa, a formación asociada á unidade formativa de Prevención de riscos laborais será impartida ao inicio do curso escolar ao tratarse dun requisito indispensable para a súa incorporación á formación na empresa ou no organismo equiparado.

4. Do mesmo xeito, os outros módulos profesionais do primeiro curso que teñan incorporados resultados de aprendizaxe relacionados coa prevención de riscos laborais darán prioridade para a súa impartición ao inicio do curso escolar.

5. Para estes efectos, o equipo docente que imparta en primeiro curso do ciclo programará as actividades de ensino e de aprendizaxe que garantan a adquisición destas competencias.

6. Tendo en conta a formación recibida dentro da unidade formativa Prevención de riscos laborais como no conxunto dos outros módulos profesionais, o equipo docente do ciclo, en calquera momento ou, en todo caso, antes da incorporación do alumnado á empresa, determinará se este ten acreditada a formación de nivel básico en Prevención de riscos laborais, segundo o recollido no seguinte punto.

7. Ao alumnado de ciclos de grao básico expediráselle un certificado de formación de nivel básico en Prevención de riscos laborais de trinta horas de duración (30 horas), mentres que para o alumnado de ciclos de grao medio e de grao superior a certificación será de 50 horas ou de 60 horas nos ciclos formativos cuxos perfís profesionais así o requiran.

8. Segundo o artigo 7 da Orde do 15 de xaneiro de 2020 pola que se establece o procedemento para a expedición da certificación da formación de nivel básico en Prevención de riscos laborais para o alumnado dos ciclos formativos de formación profesional inicial da Comunidade Autónoma de Galicia, a certificación da formación para desenvolver as funcións de nivel básico en Prevención de riscos laborais será expedida polos titulares da dirección dos centros docentes onde o alumnado estivese matriculado. Nos centros de titularidade privada, serán emitidos polos/as directores/as dos centros públicos de adscrición.

Décimo segundo. Aspectos xerais do período de formación na empresa ou organismo equiparado

1. Os ciclos formativos de oferta ordinaria, modalidade presencial polo réxime xeral, incorporarán no primeiro curso un período de formación na empresa ou organismo equiparado como parte integrada do currículo dos módulos profesionais, contribuíndo á adquisición de resultados de aprendizaxe. A formación na empresa ou organismo equiparado no primeiro curso destas ensinanzas representará, como máximo, 80 horas nos ciclos de grao básico e 200 horas nos ciclos de grao medio e de grao superior. Con carácter xeral, no número de horas establecido anteriormente incluiranse as horas correspondentes ás reunións de titoría e seguimento da formación.

2. O alumnado poderá ser incorporado a este período formativo nos seguintes casos:

a) Cando a persoa sexa maior de dezaseis anos.

b) Cando a persoa conte co certificado en prevención de riscos laborais.

c) Cando existan prazas dispoñibles nas empresas cun perfil adecuado ao currículo do ciclo formativo.

d) Cando a persoa teña adquiridas as competencias profesionais necesarias para abordar con garantías as actividades formativas na empresa. Será o equipo docente, de xeito colexiado, o que tome a decisión do alumnado que poida ser incorporado, de acordo coas normas de organización, funcionamento e convivencia aprobadas polo centro docente.

3. O alumnado non incorporado a este período formativo na empresa seguirá coa súa formación no centro educativo segundo o establecido no currículo correspondente a cada ensinanza e na Orde do 12 de abril de 2024 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2024/25 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. A formación na empresa ou organismo equiparado recollerá entre o 10 % e 20 % dos resultados de aprendizaxe dos módulos profesionais do ciclo:

a) No caso dos ciclos formativos de grao medio e superior, todos os módulos poderán ser susceptibles de incorporaren formación na empresa ou organismo equiparado.

b) No caso dos ciclos formativos de grao básico, só se considerarán os resultados de aprendizaxe do ámbito profesional.

5. En ningún caso poderá desenvolverse un módulo profesional do currículo na súa totalidade na empresa, nin asignarse á estadía o equivalente a máis do 65 % das horas de duración total dun módulo profesional.

Décimo terceiro. Alumnado repetidor de primeiro curso de oferta ordinaria

1. O alumnado que cursase o primeiro curso dun ciclo formativo no curso escolar 2023/24 e que non cumpra os requisitos de promoción a segundo curso do ciclo formativo correspondente incorporarase no curso 2024/25 coa consideración de alumnado repetidor, adaptándose á nova ordenación académica.

Os requisitos de promoción a segundo curso nos ciclos de grao medio e de grao superior son os recollidos no artigo 4 da Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial, e para os ciclos de grao básico, no artigo 22 da Orde do 13 de xullo de 2015 pola que se regulan as ensinanzas de formación profesional básica na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o acceso e a admisión nestas ensinanzas.

2. Os módulos profesionais ou ámbitos superados con anterioridade conservarán a cualificación previa.

3. O alumnado poderá solicitar as seguintes validacións:

a) O módulo profesional de Itinerario persoal para a empregabilidade I dos ciclos de grao medio e de grao superior poderase validar:

Achegando o módulo de Formación e orientación laboral (FOL) correspondente a calquera título ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE).

Achegando o módulo de Formación e orientación laboral (FOL) correspondente a calquera título ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo. Neste suposto, cumprirá acreditar a formación establecida para o desempeño das funcións de nivel básico da actividade preventiva, expedida de acordo co disposto no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención, con indicación expresa dos contidos superados.

Aplicando calquera outro suposto previsto no Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro, polo que se establecen validacións de módulos profesionais dos títulos de formación profesional do sistema educativo español e as medidas para a súa aplicación, e se modifica o Real decreto 1147/2011, do 29 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, que dese como resultado a validación do módulo de Formación e orientación laboral (LOE).

b) O módulo profesional de Inglés profesional será obxecto de validación, sempre que se trate da mesma lingua, con módulos profesionais ou as certificacións académicas oficiais de nivel avanzado B2, para ciclos formativos de grao superior, de nivel intermedio B1 ou superior, para ciclos formativos de grao medio, e titulacións universitarias oficiais en Filoloxía ou Tradución e Interpretación da especialidade de Inglés.

c) Calquera outra que estea recollida na normativa de aplicación.

4. Os módulos que teñan os mesmos códigos e a mesma denominación consideraranse módulos idénticos, independentemente do ciclo formativo a que pertenzan, de acordo co previsto no artigo 3.2 do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro.

Décimo cuarto. Alumnado de segundo curso de oferta ordinaria con módulos pendentes de primeiro

No curso académico 2024/25, o alumnado matriculado en segundo curso con módulos pendentes de primeiro recibirá os plans de reforzo que estableza o equipo docente e deberá superar as avaliacións correspondentes a estes módulos, de acordo co currículo do plan de estudos a extinguir.

Décimo quinto. Cursos de especialización no réxime xeral

1. Os cursos de especialización de Audiodescrición e subtitulación, de Cultivos celulares, de Fabricación intelixente, de Mantemento de vehículos híbridos e eléctricos, de Mantemento e seguridade en sistemas de vehículos híbridos e eléctricos, e de Sistemas de sinalización e telecomunicacións ferroviarias, prevén un período de formación na empresa ou organismo equiparado que será parte integrada no currículo previsto en cada oferta formativa. Nestes casos, a formación na empresa ou organismo equiparado terá unha duración de entre o 25 % e o 35 % da duración total prevista da oferta formativa, e incluirá entre o 10 % e o 20 % dos resultados de aprendizaxe dos módulos profesionais, segundo se indica nos artigos 159.2 e 159.4 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.

2. A formación en empresa ou organismo equiparado poderase realizar en calquera momento do desenvolvemento do curso de especialización, nun único período ou en períodos fraccionados, alternándoa coa formación no centro.

3. O alumnado que cursase previamente un curso de especialización dos indicados no punto 1 e se matricule no curso escolar 2024/25 no mesmo curso de especialización incorporarase coa consideración de alumnado repetidor, adaptándose á nova ordenación académica.

Décimo sexto. Profesorado

1. As especialidades establecidas para impartir nos módulos profesionais dos ciclos formativos e cursos de especialización nos centros públicos, e as titulacións e os requisitos que debe cumprir o profesorado de centros de titularidade privada ou de titularidade pública doutras administracións distintas das educativas, serán os indicados no correspondente real decreto que estableza o título e fixe os aspectos básicos do currículo.

2. Os ámbitos de Comunicación e ciencias sociais, e de Ciencias aplicadas serán impartidos polas especialidades docentes asignadas no anexo IV do Real decreto 286/2023, do 18 de abril, polo que se regula a asignación de materias en educación secundaria obrigatoria e en bacharelato ás especialidades de distintos corpos de funcionarios docentes, e se modifican diversas normas relativas ao profesorado de ensinanzas non universitarias.

3. Nos centros privados, os ámbitos de Comunicación e ciencias sociais, e de Ciencias aplicadas serán impartidos polas especialidades docentes asignadas no artigo único, punto cinco, do Real decreto 187/2023, do 21 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 860/2010, do 2 de xullo, polo que se regulan as condicións de formación inicial do profesorado dos centros privados para exercer a docencia nas ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato, e se establece, para os efectos de continuidade da actividade docente nestes centros, a correspondencia entre determinadas materias.

4. Para os efectos dunha mellor organización dos centros educativos, optimización dos recursos humanos e configuración dos horarios do persoal docente, será de aplicación o establecido no artigo 8 da Orde do 23 de xuño de 2011 pola que se regula a xornada de traballo do persoal funcionario e laboral docente que imparta as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. No caso do módulo de Inglés profesional, a competencia docente ou a afinidade entenderase demostrada polo profesorado con atribución docente no ciclo formativo que posúa a habilitación lingüística en Inglés que corresponda ao nivel C1 ou superior do Marco común europeo de referencia para as linguas ou, excepcionalmente, ao B2.

Disposición derradeira primeira. Difusión

As direccións dos centros docentes que impartan estas ensinanzas arbitrarán as medidas necesarias para que esta resolución sexa coñecida por todos os membros da comunidade educativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2024

María Eugenia Pérez Fernández
Directora xeral de Formación Profesional

ANEXO

Currículos

a.i.A) Currículo do módulo Itinerario persoal para a empregabilidade.

Módulo profesional: Itinerario persoal para a empregabilidade.

Nivel: primeiro curso dos ciclos de grao básico.

Código: MP3159.

Duración: 60 horas.

Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

Unidade formativa 1: Prevención de riscos laborais.

* Código: MP3159_12.

** Duración: 30 horas.

R.A.1. Adquire as competencias necesarias para o desempeño das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais consonte o establecido no Real decreto 39/1997.

– CA1.1. Valorouse a importancia da cultura preventiva en todos os ámbitos e as actividades da empresa ou do organismo equiparado, relacionando as condicións laborais coa saúde da persoa traballadora, identificando e clasificando os factores de risco na actividade e os danos derivados destes, especialmente as situacións de risco máis habituais nos contornos de traballo do sector profesional relacionado co título.

– CA1.2. Clasificáronse e describíronse os tipos de danos profesionais relacionados co perfil profesional do título, con especial referencia a accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

– CA1.3. Determináronse os principais dereitos e deberes en materia de prevención de riscos laborais.

– CA1.4. Identificáronse as técnicas de prevención e de protección que se deben aplicar para evitar os danos na súa orixe e minimizar as súas consecuencias, con especial atención ao sector produtivo do ciclo formativo.

– CA1.5. Analizáronse os protocolos de actuación en caso de emerxencia.

– CA1.6. Clasificáronse as formas de xestión da prevención e de participación das persoas traballadoras na empresa ou no organismo equiparado, en relación coa prevención de riscos laborais.

– CA1.7. Identifícanse as primeiras intervencións para realizar en caso de emerxencias e primeiros auxilios, así como a composición e o uso da caixa de primeiros auxilios.

Unidade formativa 2: Autocoñecemento, orientación cara á vida adulta e empregabilidade.

* Código: MP3159_22.

** Duración: 30 horas.

RA2. Desenvolve actividades de autocoñecemento que lle permitan orientarse a campos profesionais motivadores en que poida despregar todas as súas capacidades.

– CA2.1. Avaliáronse as motivacións, as habilidades, as destrezas e os intereses propios no marco dun proceso de autocoñecemento.

– CA2.2. Determináronse as competencias persoais e sociais con valor para o emprego.

– CA2.3. Valorouse o concepto de autoestima no proceso de procura de emprego.

– CA2.4. Identificáronse as fortalezas, as debilidades, as ameazas e as oportunidades propias para a inserción profesional, así como as estratexias para lles sacar o maior proveito.

– CA2.5. Identificáronse expectativas de futuro para a inserción profesional, analizando competencias, intereses e destrezas persoais.

RA3. Desenvolve habilidades sociais concretas que se demostraron fundamentais á hora de atopar un emprego e mantelo.

– CA3.1. Valorouse a importancia das competencias persoais e sociais na empregabilidade.

– CA3.2. Aplicáronse estratexias para canalizar as emocións de xeito asertivo nas relacións con outras persoas, diferenciándoas de condutas agresivas e/ou pasivas.

– CA3.3. Puxéronse en práctica técnicas de presentación orais e escritas para unha comunicación efectiva e afectiva, e valorouse a súa importancia como recurso persoal para a empregabilidade.

– CA3.4. Identificáronse os beneficios do traballo en equipo, así como as diferentes formas de levalo a cabo.

– CA3.5. Reaccionouse de xeito flexible e positivo ante conflitos e situacións novas, aproveitando as oportunidades e xestionando as dificultades, e facendo uso de estratexias relacionadas coa intelixencia emocional.

RA4. Accede á información dos posibles itinerarios académicos e/ou profesionais que teña ao seu alcance a través da investigación e a reflexión libre de estereotipos vocacionais.

– CA4.1. Determinouse a realidade do contorno sociolaboral actual.

– CA4.2. Identificáronse os itinerarios académicos e profesionais afíns aos seus intereses e valoráronse as opcións que mellor se axusten aos seus perfís profesionais e ás súas preferencias.

– CA4.3. Valorouse a importancia da formación permanente como factor clave para o emprego e a adaptación ao cambio.

RA5. Pon en marcha un itinerario propio analizando as opcións educativas e profesionais, valorando as vantaxes e os inconvenientes de cada unha delas e examinando as que mellor se axusten ás súas posibilidades e ás súas preferencias.

– CA5.1. Valoráronse as vantaxes e os inconvenientes de cada unha das opcións posibles.

– CA5.2. Analizáronse e seleccionáronse as opcións que máis se axusten aos seus perfís profesionais.

– CA5.3. Realizouse un proceso de toma de decisións identificando o itinerario académico e profesional persoal, a partir das súas preferencias profesionais, dos seus intereses e das súas metas, no marco dun proxecto profesional.

RA6. Coñece as estratexias de acceso ao mercado de traballo por conta allea e utiliza as ferramentas necesarias para o proceso de inserción laboral.

– CA6.1. Analizouse a procura de emprego como un proceso.

– CA6.2. Identificáronse as fontes de información de acceso ao emprego.

– CA6.3. Analizáronse as técnicas utilizadas para a procura de emprego por conta allea.

– CA6.4. Puxéronse en práctica as ferramentas que permitan unha procura de emprego óptima.

Orientacións pedagóxicas.

A finalidade deste módulo é contribuír a que o alumnado coñeza as variables individuais que pode desenvolver ao longo da vida e que contribúen á mellora da súa empregabilidade.

Por outro lado, adquírense as competencias necesarias para se incorporar ao período de formación na empresa ou no organismo equiparado respectando a normativa de prevención de riscos laborais, e para o desempeño alí das funcións de nivel básico en PRL establecidas na normativa reguladora vixente.

Espérase que esta formación, situada na intersección entre a educación e o mundo laboral, facilite a inserción de xente nova e adulta no mercado de traballo, así como a súa progresión profesional.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten acadar os obxectivos do módulo están relacionadas con:

– Uso de distintos métodos que favorezan no alumnado a capacidade de aprender por si mesmo e promovan o traballo en equipo, con perspectiva de xénero.

– Realización de proxectos significativos para o alumnado e resolución colaborativa de problemas, reforzando a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade.

– Manexo de diferentes fontes de información para a elaboración de itinerarios formativo-profesionalizadores, en especial no referente ao perfil profesional do ciclo formativo cursado.

– Uso de estratexias para traballar transversalmente a comunicación audiovisual, a competencia dixital e o fomento da creatividade e do espírito científico.

– Desenvolvemento dunha perspectiva teórico-práctica, suscitando o coñecemento de xeito gradual e iterativo.

– Superación de calquera forma de discriminación no acceso ao emprego e no desenvolvemento profesional.

– Coñecemento da normativa de prevención de riscos laborais que lle permita ao alumnado avaliar os principais riscos derivados das actividades desenvolvidas no sector produtivo e as principais medidas de prevención.

– Afondamento do alumnado nos contidos e nas competencias de xeito que reforce a súa adquisición progresivamente e sexa quen de empregalos para elaborar os plans que forman o proxecto persoal, académico-profesional e de aproximación á procura activa de emprego.

O correcto desenvolvemento deste módulo exixe:

– Procura, manexo e procesamento da información dispoñible nas fontes oficiais, polo que se fai imprescindible dispor de computadores conectados á internet na aula, así como contar con dúas sesións de clase seguidas, polo menos, unha vez á semana.

– Fomento de espazos de comunicación e participación na aula que contribúan ao desenvolvemento de actitudes e aptitudes relevantes para a súa inserción laboral.

– Promoción da aprendizaxe autónoma, esencialmente co uso e o aproveitamento das ferramentas e recursos didácticos dixitais dispoñibles.

– Traballo coordinado co profesorado dos módulos profesionais do ciclo, sinaladamente para a abordaxe dos contidos relacionados coa prevención de riscos laborais.

– Deseño de contido curricular contextualizado ao contorno produtivo e socioeconómica do título, e considerando as perspectivas de futuro deste.

– Elaboración de actividades eminentemente prácticas que supoñan un grao correcto de desafío para xerar ideas e reforzar habilidades que redunden na mellora da empregabilidade do alumnado.

– Facilitar a interacción cos organismos oficiais, sinaladamente os relacionados co emprego e a formación, entre outros.

– Secuenciación dos contidos de xeito que o alumnado se poida incorporar ao período de formación na empresa ou no organismo equiparado en condicións de seguridade.

a.i.B) Currículo do módulo Itinerario persoal para a empregabilidade I.

Módulo profesional: Itinerario persoal para a empregabilidade I.

Nivel: primeiro curso dos ciclos de grao medio e superior.

Código: MP1709.

Duración: 107 horas.

Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

Unidade formativa 1: Prevención de riscos laborais.

* Código: MP1709_12.

** Duración: 50 horas.

RA1. Adquire as competencias necesarias para o desempeño das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais consonte o establecido na normativa de prevención de riscos laborais vixente.

– CA1.1. Valorouse a importancia da cultura preventiva en todos os ámbitos e as actividades da empresa ou do organismo equiparado, relacionando as condicións laborais coa saúde da persoa traballadora, e identificando e clasificando os factores de risco na actividade e os danos derivados destes, especialmente as situacións de risco máis habituais nos contornos de traballo do sector profesional relacionado co título.

– CA1.2. Clasificáronse e describíronse os tipos de danos profesionais relacionados co perfil profesional do título, con especial referencia a accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

– CA1.3. Determinouse a avaliación de riscos na empresa ou no organismo equiparado e definíronse as técnicas de prevención e de protección que deben aplicarse para evitar os danos na súa orixe e minimizar as súas consecuencias.

– CA1.4. Analizáronse os protocolos de actuación en caso de emerxencia.

– CA1.5. Determináronse os principais dereitos e deberes en materia de prevención de riscos laborais.

– CA1.6. Clasificáronse as formas de xestión da prevención na empresa ou no organismo equiparado, en función dos criterios establecidos na normativa sobre prevención de riscos laborais, e determináronse as formas de representación das persoas traballadoras na empresa ou no organismo equiparado en materia de prevención de riscos.

– CA1.7. Valorouse a importancia da existencia dun plan preventivo na empresa ou no organismo equiparado que inclúa a secuencia de actuacións que se deben realizar en caso de emerxencia, e reflexionouse sobre o contido deste.

– CA1.8. Determináronse os requisitos e as condicións para a vixilancia da saúde da persoa traballadora e a súa importancia como medida de prevención.

– CA1.9. Identificáronse as técnicas básicas de primeiros auxilios que se deben aplicar no lugar do accidente ante distintos tipos de danos, así como a composición e o uso da caixa de primeiros auxilios.

Unidade formativa 2: Empregabilidade e relacións laborais.

* Código: MP1709_22.

** Duración: 57 horas.

RA2. Distingue as características do sector produtivo e define os postos de traballo, relacionándoos coas competencias profesionais expresadas no título.

– CA2.1. Analizáronse as principais oportunidades de emprego e de inserción laboral no sector profesional, identificando as posibilidades de emprego e analizando os seus requisitos actuais para o perfil profesional.

– CA2.2. Comparáronse os requisitos exixidos polo mercado laboral coas exixencias para o traballo na función pública relacionados co sector privado.

– CA2.3. Reflexionouse sobre as actitudes e as aptitudes requiridas actualmente para a actividade profesional relacionadas co título, así como as competencias persoais e sociais máis relevantes para o sector, identificando a zona de desenvolvemento próximo.

RA3. Analiza e avalía o seu potencial profesional, a súa vocación e os seus intereses para se guiar no proceso de autoorientación, e elabora unha folla de ruta para a inserción profesional con base na análise das competencias, dos intereses e das destrezas persoais.

– CA3.1. Avaliáronse as motivacións, as habilidades, as destrezas e os intereses propios no marco dun proceso de autocoñecemento.

– CA3.2. Analizáronse as calidades e as competencias persoais afíns á actividade profesional relacionada co perfil do título.

– CA3.3. Determináronse as competencias persoais e sociais con valor para o emprego.

– CA3.4. Sinaláronse as preferencias profesionais, os intereses e as metas no marco dun proxecto profesional.

– CA3.5. Valorouse o concepto de autoestima no proceso de procura de emprego.

– CA3.6. Identificáronse as fortalezas, as debilidades, as ameazas e as oportunidades propias para a inserción profesional.

– CA3.7. Identificáronse expectativas de futuro para a inserción profesional analizando competencias, intereses e destrezas persoais.

– CA3.8. Valoráronse fitos importantes na traxectoria vital con valor profesionalizador.

– CA3.9. Identificáronse os itinerarios formativos profesionais relacionados co perfil profesional.

– CA3.10. Formuláronse obxectivos profesionais e determináronse metas persoais e profesionais para a mellora da empregabilidade e as condicións de inserción laboral.

– CA3.11. Trazouse un plan de acción para desenvolver as áreas de mellora e potenciar as fortalezas persoais con valor para o emprego.

RA4. Aplica as estratexias para a aprendizaxe autónoma recoñecendo o seu valor profesionalizador, deseñando e optimizando a súa propia contorna de aprendizaxe con uso das tecnoloxías dixitais como ferramentas de aprendizaxe autónoma, sendo coherente coa súa identidade dixital e cos seus propios obxectivos profesionais, expostos no seu plan de desenvolvemento individual.

– CA4.1. Tomouse conciencia da responsabilidade individual no desenvolvemento profesional, valorando a actitude de aprendizaxe permanente para o desenvolvemento das propias e das novas competencias.

– CA4.2. Identificouse a empregabilidade como capacidade de adaptación ao contorno laboral.

– CA4.3. Coñecéronse e utilizáronse ferramentas, fontes de información, conexións e actividades para a configuración dun contorno persoal de aprendizaxe para a empregabilidade.

– CA4.4. Púxose en práctica a competencia dixital para configurar un contorno persoal de aprendizaxe para a empregabilidade.

– CA4.5. Analizouse o concepto de identidade dixital e o seu impacto na empregabilidade.

– CA4.6. Xustificouse o deseño do seu contorno de aprendizaxe baseada en como esta mellora a empregabilidade.

– CA4.7. Elaborouse o seu plan de desenvolvemento individual como ferramenta para a mellora da empregabilidade.

– CA4.8. Aplicáronse as ferramentas de aprendizaxe autónoma para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

– CA4.9. Deseñouse o contorno de aprendizaxe que permite alcanzar o plan de desenvolvemento individual.

RA5. Analiza as súas condicións laborais como persoa traballadora por conta allea e identifícaas nos principais tipos de cambios e vicisitudes relevantes que se poden presentar na relación laboral, na normativa laboral e, especialmente, no convenio colectivo do sector.

– CA5.1. Analizáronse as obrigas e os dereitos derivados da relación laboral, así como as condicións de traballo pactadas nun convenio colectivo aplicable ao sector profesional relacionado co título.

– CA5.2. Comparáronse as principais modalidades de contratación e localizáronse os modelos nas fontes oficiais.

– CA5.3. Identificáronse as características definitorias dos novos contornos de organización do traballo e os dereitos que levan consigo.

– CA5.4. Identificáronse os compoñentes do recibo de salario.

– CA5.5. Identificáronse os recursos laborais existentes ante as vicisitudes que se poden dar na relación laboral.

– CA5.6. Analizouse o papel da Seguridade Social como piar esencial para a mellora da calidade de vida da cidadanía.

– CA5.7. Analizáronse as principais prestacións derivadas da extinción da relación laboral.

Orientacións pedagóxicas.

A finalidade deste módulo é a de contribuír a que o alumnado coñeza as variables individuais que pode desenvolver ao longo da vida e que redunden na mellora da súa empregabilidade, así como as posibilidades de inserción laboral nun contorno socioprodutivo que, malia estar en constante cambio, debe garantir sempre unhas condicións laborais fundamentadas na normativa laboral e sectorial vixente, que se pretende que o alumnado coñeza.

Por outro lado, adquírense as competencias necesarias para se incorporar ao período de formación na empresa ou organismo equiparado, respectando a normativa de prevención de riscos laborais, e para o desempeño alí das funcións de nivel básico en PRL establecidas na normativa reguladora vixente.

Espérase que esta formación, situada na intersección entre a educación e o mundo laboral, facilite a inserción da xente nova e adulta no mercado de traballo, así como a súa progresión profesional.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo están relacionadas con:

– Uso de distintos métodos que favorezan no alumnado a capacidade de aprender por si mesmo e promovan o traballo en equipo, con perspectiva de xénero.

– Realización de proxectos significativos para o alumnado e resolución colaborativa de problemas, reforzando a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade.

– Manexo de diferentes fontes de información para a elaboración de itinerarios formativo-profesionalizadores, en especial no referente ao perfil profesional do ciclo formativo cursado.

– Uso de estratexias para traballar transversalmente a comunicación audiovisual, a competencia dixital e o fomento da creatividade e do espírito científico.

– Desenvolvemento dunha perspectiva teórico-práctica que suscite o coñecemento de xeito gradual e iterativo.

– Estudo das condicións de traballo do sector profesional en que se encadre o ciclo formativo cursado a través do manexo da normativa laboral, dos contratos máis comunmente utilizados e do convenio colectivo de aplicación no sector correspondente.

– Superación de calquera forma de discriminación no acceso ao emprego e no desenvolvemento profesional.

– Análise da normativa de prevención de riscos laborais que lle permita ao alumnado a avaliación dos riscos derivados das actividades desenvolvidas no sector produtivo, así como a colaboración na definición dun plan de prevención para a empresa e das medidas necesarias para a súa posta en práctica.

– Afondamento do alumnado nos contidos e nas competencias de xeito que reforce a súa adquisición progresivamente e sexa quen de empregalos para elaborar os plans que forman o proxecto persoal, académico-profesional e de aproximación á procura activa de emprego.

O correcto desenvolvemento deste módulo exixe:

– Procura, manexo e procesamento da información dispoñible nas fontes oficiais, polo que se fai imprescindible dispor de computadores conectados á internet na aula, así como contar con dúas sesións de clase seguidas, polo menos, unha vez á semana.

– Fomento de espazos de comunicación e participación na aula, que han contribuír ao desenvolvemento de actitudes e aptitudes relevantes para a súa inserción laboral.

– Promoción da aprendizaxe autónoma, esencialmente co uso e o aproveitamento das ferramentas e dos recursos didácticos dixitais dispoñibles.

– Traballo coordinado co profesorado dos módulos profesionais do ciclo, sinaladamente para a abordaxe dos contidos relacionados coa prevención de riscos laborais.

– Deseño de contido curricular contextualizado ao contorno produtivo e socioeconómica do título, e considerando as perspectivas de futuro deste.

– Elaboración de actividades eminentemente prácticas que supoñan un grao correcto de desafío para xerar ideas e reforzar habilidades que redunden na mellora da empregabilidade do alumnado.

– Facilitación da interacción cos organismos oficiais relacionados co ámbito laboral, co emprego, coa seguridade e a saúde laboral, e coa protección social, entre outros.

– Secuenciación dos contidos de xeito que o alumnado se poida incorporar ao período de formación na empresa ou no organismo equiparado en condicións de seguridade.

a.i.C) Currículo do módulo de Inglés profesional.

Módulo profesional: Inglés profesional (GM).

Nivel: primeiro curso dos ciclos de grao medio.

Código: MP0156.

Duración: 60 horas.

Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

RA1. Comprende información de índole profesional e cotiá contida en discursos orais sinxelos, emitidos en lingua estándar, descifrando o contido global da mensaxe e relacionándoo cos recursos lingüísticos correspondentes.

– CA1.1. Situouse a mensaxe no seu contexto por medio da análise das súas características textuais e contextuais.

– CA1.2. Identificouse o fío argumental de mensaxes orais e determináronse os roles que aparecen nestes.

– CA1.3. Recoñeceuse a finalidade da mensaxe, tanto directa como telefónica ou en calquera outro medio auditivo.

– CA1.4. Extraeuse información específica contida en discursos orais, en lingua estándar, relacionados coa vida social, profesional ou académica.

– CA1.5. Secuenciáronse os elementos constituíntes da mensaxe.

– CA1.6. Identificáronse e resumíronse con claridade as ideas principais dun discurso sobre temas coñecidos, transmitido polos medios de comunicación e emitido en lingua estándar.

– CA1.7. Recoñecéronse as instrucións orais e seguíronse as indicacións, e foi quen de concluír se precisan unha resposta verbal ou unha non verbal.

– CA1.8. Tomouse conciencia da importancia de comprender globalmente unha mensaxe sen necesidade de entender todos os seus elementos.

– CA1.9. Serviuse da análise da entoación e dos elementos visuais para identificar os diversos significados e as intencións comunicativas do emisor.

RA2. Comprende información profesional contida en textos escritos sinxelos, analizando de forma comprensiva o seu contido.

– CA2.1. Seleccionáronse os materiais de consulta e dicionarios técnicos para a comprensión do texto.

– CA2.2. Léronse de forma comprensiva textos claros en lingua estándar.

– CA2.3. Relacionouse o texto co ámbito do sector a que se refire.

– CA2.4. Recoñecéronse as ideas principais dun texto escrito identificando a información relevante, sen necesidade de entender todos os elementos do devandito texto.

– CA2.5. Identificouse a terminoloxía utilizada, así como as estruturas gramaticais e demais elementos característicos de cada tipoloxía discursiva.

– CA2.6. Realizáronse traducións de textos en lingua estándar utilizando material de apoio en caso necesario.

– CA2.7. Interpretouse a mensaxe recibida a través de soportes telemáticos ou de calquera outro tipo.

– CA2.8. Recoñeceuse a finalidade de distintos textos escritos en calquera soporte, en lingua estándar e relacionados coa actividade profesional.

– CA2.9. Extraeuse información específica de textos de diferente natureza, relativos á súa profesión e contidos en distintos soportes.

RA3. Produce mensaxes orais sinxelas, claras e estruturadas, participando como axente activo en conversas profesionais.

– CA3.1. Determináronse os rexistros máis adecuados para a emisión da mensaxe.

– CA3.2. Comunicouse utilizando fórmulas, nexos, marcadores discursivos e estratexias de interacción acordes á situación de comunicación.

– CA3.3. Describíronse feitos breves e imprevistos relacionados coa súa profesión.

– CA3.4. Utilizouse correctamente a terminoloxía da profesión.

– CA3.5. Expresáronse sentimentos, ideas ou opinións.

– CA3.6. Enumeráronse as actividades propias da tarefa profesional.

– CA3.7. Describiuse e secuenciouse un proceso de traballo da súa competencia.

– CA3.8. Xustificouse a aceptación ou non de propostas realizadas facendo uso de normas de cortesía e de modais apropiados.

– CA3.9. Intercambiouse con relativa fluidez información específica e detallada, utilizando frases de estrutura sinxela e diferentes soportes telemáticos.

– CA3.10. Realizáronse de xeito claro presentacións breves e preparadas sobre un tema dentro da súa especialidade, facendo uso dos protocolos adecuados.

– CA3.11. Comunicouse espontaneamente adoptando un nivel de formalidade adecuado ás circunstancias.

– CA3.12. Respondéronse preguntas relativas á súa vida socioprofesional, incluídas as propias dunha entrevista de traballo.

– CA3.13. Solicitouse a reformulación do discurso ou a aclaración de parte deste cando se considerou necesario, para unha mellor comprensión.

RA4. Redacta textos sinxelos en lingua estándar, relacionando as regras gramaticais coa finalidade destes.

– CA4.1. Seleccionáronse as estratexias, as estruturas, o vocabulario e as convencións máis adecuadas para o tipo de texto que se vaia crear (fax, nota, carta, correo electrónico, etc.).

– CA4.2. Redactáronse textos breves relacionados con aspectos cotiáns e/ou profesionais.

– CA4.3. Organizouse a información de maneira coherente e con cohesión.

– CA4.4. Realizáronse resumos de textos relacionados coa súa contorna profesional, identificando as ideas principais destes.

– CA4.5. Cubriuse documentación específica do seu campo profesional, aplicando as fórmulas establecidas e o vocabulario específico.

– CA4.6. Cubriuse un texto dado con apoios visuais e claves lingüísticas achegadas.

– CA4.7. Utilizáronse as fórmulas de cortesía propias do documento que se vaia elaborar.

– CA4.8. Escribiuse correspondencia formal básica en formato físico ou dixital destinada principalmente a pedir información, solicitar un servizo ou levar a cabo unha reclamación ou outra xestión sinxela, sempre atendendo ás convencións da tipoloxía textual.

– CA4.9. Tomáronse notas e mensaxes, con información sinxela sobre aspectos propios do seu labor profesional.

– CA4.10. Solicitouse de forma escrita información referente a aspectos relacionados co seu campo profesional (páxina web, correo electrónico, etc.).

RA5. Aplica actitudes e comportamentos profesionais en situacións de comunicación, describindo as relacións típicas características do país da lingua estranxeira.

– CA5.1. Definíronse os trazos máis significativos dos costumes e dos usos da comunidade onde se fala a lingua estranxeira.

– CA5.2. Describíronse os protocolos e as normas de relación social propios do país.

– CA5.3. Identificáronse os valores e as crenzas propios da comunidade onde se fala a lingua estranxeira.

– CA5.4. Identificáronse os aspectos socioprofesionais propios da área profesional, en calquera tipo de texto.

– CA5.5. Aplicáronse os protocolos e as normas de relación social propios do país da lingua estranxeira.

Orientacións pedagóxicas.

Este módulo profesional contén a formación necesaria para que o alumnado obteña as competencias que lle permitan comunicarse en inglés no desenvolvemento das actividades profesionais propias do nivel formativo deste técnico neste sector.

Trátase dun módulo eminentemente procedemental en que se desenvolve a competencia comunicativa en inglés necesaria no contorno profesional, tanto a nivel oral como a nivel escrito.

A competencia comunicativa en inglés ten que ver tanto coas relacións interpersoais como co manexo da documentación propia do sector.

A formación do módulo contribúe a acadar os obxectivos xerais que lle permitan ao alumnado desenvolver as destrezas de comunicación específicas do sector profesional ou do ámbito produtivo en que estea a formarse.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten acadar os obxectivos do módulo están relacionadas con:

– Utilización da lingua inglesa tanto a nivel oral como a nivel escrito, en todo o desenvolvemento deste módulo.

– Introdución do vocabulario inglés correspondente á terminoloxía específica do sector.

– Selección e execución de estratexias didácticas que incorporen o uso do idioma inglés en actividades propias do sector profesional.

– Utilización das técnicas de comunicación para potenciar o traballo en equipo.

Módulo profesional: Inglés profesional (GS).

Nivel: primeiro curso dos ciclos de grao superior.

Código: MP0179.

Duración: 60 horas.

Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

RA1. Comprende información de índole profesional, académica e cotiá contida en todo tipo de discursos orais, emitidos por calquera medio de comunicación en lingua estándar, interpretando con precisión o contido da mensaxe.

– CA1.1. Identificouse a idea principal de mensaxes en lingua estándar relacionadas coa vida social, profesional ou académica.

– CA1.2. Recoñeceuse a finalidade de mensaxes directas ou emitidas en calquera soporte en lingua estándar.

– CA1.3. Extraeuse información específica contida en distintos discursos orais en lingua estándar, relacionada coa vida social, profesional ou académica.

– CA1.4. Identificáronse o punto de vista e a actitude do falante.

– CA1.5. Identificouse o fío argumental de mensaxes orais e determináronse os roles que aparecen nas devanditas mensaxes.

– CA1.6. Comprendéronse adecuadamente mensaxes en lingua estándar en ambientes con contaminación acústica.

– CA1.7. Extraéronse as ideas principais de conferencias, charlas e informes, e outras formas de presentación académica e profesional lingüisticamente complexas.

– CA1.8. Tomouse conciencia da importancia de comprender globalmente unha mensaxe sen entender todos os seus elementos.

RA2. Comprende mensaxes escritas de natureza profesional, académica e cotiá, de relativa dificultade, analizando de forma comprensiva o seu contido.

– CA2.1. Identificouse a idea principal de textos específicos do seu ámbito social, profesional ou académico.

– CA2.2. Recoñeceuse a finalidade de distintos textos escritos en calquera soporte, en lingua estándar e relacionados coa actividade profesional.

– CA2.3. Extraeuse información específica de textos de diferente natureza relativos á súa profesión e contidos en distintos soportes.

– CA2.4. Tomouse conciencia da importancia de comprender globalmente un texto sen entender todos os seus elementos.

– CA2.5. Léronse e comprendéronse de xeito autónomo textos relacionados co sector, coa velocidade e o estilo de lectura propios do nivel competencial.

– CA2.6. Interpretouse a correspondencia relativa á súa especialidade e captouse doadamente o significado esencial.

– CA2.7. Interpretáronse textos extensos e de certa complexidade, relacionados ou non coa súa especialidade, podendo realizar varias lecturas destes.

– CA2.8. Identificouse con rapidez o contido e a importancia de noticias, artigos e informes sobre unha ampla serie de temas profesionais.

– CA2.9. Interpretáronse instrucións, con distintos niveis de dificultade, e mensaxes técnicas recibidas a través de soportes dixitais.

– CA2.10. Traducíronse textos de certa complexidade, utilizando material de apoio en caso necesario.

RA3. Produce mensaxes orais claras e ben estruturadas, analizando o contido da situación e adaptándose ao rexistro lingüístico do interlocutor.

– CA3.1. Emitíronse mensaxes xerais propias de sector e da vida cotiá, utilizando nexos e estratexias de interacción.

– CA3.2. Intercambiouse con fluidez información específica e detallada utilizando estruturas dunha complexidade acorde ao nivel competencial.

– CA3.3. Seleccionáronse e aplicáronse os rexistros adecuados para a emisión da mensaxe, así como protocolos e normas de relación social propios do país.

– CA3.4. Realizáronse presentacións ben estruturadas sobre temas do seu ámbito profesional, facendo uso dos protocolos establecidos.

– CA3.5. Utilizouse correctamente a terminoloxía da profesión.

– CA3.6. Describiuse e secuenciouse oralmente un proceso de traballo da súa competencia.

– CA3.7. Solicitouse a reformulación do discurso ou parte deste cando se considerou necesario.

– CA3.8. Interactuouse espontaneamente, adoptando un nivel de formalidade adecuado ás circunstancias.

– CA3.9. Expresouse con fluidez, precisión e eficacia sobre unha ampla serie de temas xerais, académicos, profesionais ou de lecer, marcando con claridade a relación entre as ideas.

– CA3.10. Expresáronse e defendéronse puntos de vista con claridade, proporcionando explicacións e argumentos adecuados.

– CA3.11. Respondeuse a preguntas relativas á súa vida socioprofesional, incluídas as propias dunha entrevista de traballo.

RA4. Redacta documentos e informes propios do sector ou da vida académica e cotiá, relacionando os recursos lingüísticos co propósito destes.

– CA4.1. Escribíronse textos claros e detallados sobre unha variedade de temas relacionados coa súa profesión, sintetizando e avaliando información e argumentos procedentes de varias fontes.

– CA4.2. Cubriuse documentación específica do seu campo profesional, utilizando vocabulario específico e protocolos e normas de relación social propios do país.

– CA4.3. Organizouse a información con corrección, precisión, cohesión e coherencia, solicitando e/ou facilitando información de tipo xeral ou detallada.

– CA4.4. Cubríronse textos mediante apoios visuais e claves lingüísticas.

– CA4.5. Elaboráronse informes, destacando os aspectos significativos e ofrecendo detalles relevantes que sirvan de apoio.

– CA4.6. Describíronse cartas formais e informais, empregando as fórmulas de cortesía establecidas e o vocabulario específico para a súa elaboración.

– CA4.7. Resumíronse diferentes tipos de documentos escritos, utilizando os seus propios recursos lingüísticos.

– CA4.8. Utilizáronse as fórmulas de cortesía propias do documento que se vaia elaborar.

RA5. Aplica actitudes e comportamentos profesionais en situacións de comunicación, e describe as relacións típicas características do país da lingua estranxeira.

– CA5.1. Definíronse os trazos máis significativos dos costumes e dos usos da comunidade onde se fale a lingua estranxeira.

– CA5.2. Describíronse os protocolos e as normas de relación social propios do país.

– CA5.3. Identificáronse os valores e as crenzas propios da comunidade onde se fale a lingua estranxeira.

– CA5.4. Identificáronse os aspectos socioprofesionais propios da actividade profesional, en calquera tipo de texto.

– CA5.5. Aplicáronse os protocolos e as normas de relación social propios do país da lingua estranxeira.

– CA5.6. Recoñecéronse os marcadores lingüísticos da procedencia rexional.

Orientacións pedagóxicas.

Este módulo profesional contén a formación necesaria para que o alumnado obteña as competencias que lle permitan comunicarse en inglés no desenvolvemento das actividades profesionais propias do nivel formativo deste técnico neste sector.

Trátase dun módulo eminentemente procedemental en que se desenvolve a competencia comunicativa en inglés necesaria no contorno profesional, tanto a nivel oral como a nivel escrito.

A competencia comunicativa en inglés ten que ver tanto coas relacións interpersoais como co manexo da documentación propia do sector.

A formación do módulo contribúe a acadar os obxectivos xerais que lle permitan ao alumnado desenvolver as destrezas de comunicación específicas do sector profesional ou do ámbito produtivo en que estea a formarse.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten acadar os obxectivos do módulo están relacionadas con:

– Utilización da lingua inglesa tanto a nivel oral como a nivel escrito, en todo o desenvolvemento do módulo.

– Introdución do vocabulario inglés correspondente á terminoloxía específica do sector.

– Selección e execución de estratexias didácticas que incorporen o uso do idioma inglés en actividades propias do sector profesional.

– Utilización das técnicas de comunicación para potenciar o traballo en equipo.

a.i.D) Currículo do módulo de Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo.

Módulo profesional: Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo.

Nivel: primeiro curso dos ciclos de grao medio e superior.

Código: MP1708.

Duración: 30 horas.

Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

RA1. Identifica os aspectos ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) relativos á sustentabilidade tendo en conta o concepto de desenvolvemento sustentable e os marcos internacionais que contribúen á súa consecución.

– CA1.1. Describiuse o concepto de sustentabilidade, establecendo os marcos e os acordos internacionais asociados ao desenvolvemento sustentable.

– CA1.2. Identificáronse os piares ambientais, sociais e de gobernanza que inflúen no desenvolvemento sustentable das organizacións empresariais.

– CA1.3. Relacionáronse os obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) coa súa importancia para a consecución da Axenda 2030.

– CA1.4. Analizouse a importancia de identificar os aspectos ASG máis relevantes para os grupos de interese das organizacións, relacionándoos cos riscos e coas oportunidades que supoñen para a propia organización.

– CA1.5. Identificáronse os principais estándares de métricas para a avaliación do desempeño en sustentabilidade, os seus indicadores e o seu papel, segundo a lexislación vixente e as futuras regulacións en desenvolvemento.

– CA1.6. Describiuse o investimento socialmente responsable (ISR) e o papel que desempeñen os analistas financeiros e investidores.

RA2. Caracteriza os retos ambientais e sociais describindo os impactos sobre as persoas e os sectores produtivos, e propón accións para os minimizar.

– CA2.1. Identificáronse os principais retos ambientais e sociais.

– CA2.2. Relacionáronse os retos ambientais e sociais co desenvolvemento da actividade económica.

– CA2.3. Analizouse o efecto dos impactos ambientais e sociais sobre as persoas e os sectores produtivos.

– CA2.4. Identificáronse as medidas e as accións encamiñadas a minimizar os impactos ambientais e sociais.

– CA2.5. Analizouse a importancia de establecer alianzas e de traballar de maneira transversal e coordinada para abordar con éxito os retos ambientais e sociais, e lograr os obxectivos de desenvolvemento sustentable.

RA3. Establece a aplicación de criterios de sustentabilidade na actividade profesional e no contorno persoal.

– CA3.1. Identificáronse os ODS máis relevantes para a actividade profesional que realizan.

– CA3.2. Analizáronse os impactos reais e potenciais relacionados cos ODS.

– CA3.3. Analizáronse as actitudes persoais na consecución dos ODS.

– CA3.4. Identificáronse as prácticas sustentables no ámbito profesional que contribúan ao cumprimento dos ODS.

RA4. Propón produtos e servizos responsables tendo en conta os principios da economía circular.

– CA4.1. Determináronse os modelos de produción e consumo actual.

– CA4.2. Analizouse o ciclo de vida do produto.

– CA4.3. Identificáronse os principios da economía verde e circular.

– CA4.4. Contrastáronse os beneficios da economía verde e circular fronte ao modelo clásico de produción.

– CA4.5. Aplicáronse principios de ecodeseño.

– CA4.6. Identificáronse os procesos de produción e os criterios de sustentabilidade aplicados.

RA5. Realiza actividades sustentables minimizando o seu impacto no ambiente.

– CA5.1. Caracterizouse o modelo de produción e consumo actual.

– CA5.2. Identificáronse os principios da economía verde e circular.

– CA5.3. Contrastáronse os beneficios da economía verde e circular fronte ao modelo clásico de produción.

– CA5.4. Avaliouse o impacto das actividades persoais e profesionais.

– CA5.5. Aplicáronse principios de ecodeseño.

– CA5.6. Aplicáronse estratexias sustentables.

– CA5.7. Analizouse o ciclo de vida do produto.

– CA5.8. Identificáronse os procesos de produción e os criterios de sustentabilidade aplicados.

– CA5.9. Aplicouse a normativa ambiental.

RA6. Analiza un plan de sustentabilidade dunha empresa do sector, identificando os seus grupos de interese e os aspectos ASG materiais, e xustifica accións para a súa xestión e a súa medición.

– CA6.1. Identificáronse os principais grupos de interese da empresa.

– CA6.2. Analizáronse os aspectos ASG materiais, as expectativas dos grupos de interese e a importancia dos aspectos ASG en relación cos obxectivos empresariais.

– CA6.3. Definíronse accións encamiñadas a minimizar os impactos negativos e aproveitar as oportunidades que presentan os principais aspectos ASG identificados.

– CA6.4. Determináronse as métricas de avaliación do desempeño da empresa de acordo cos estándares de sustentabilidade máis amplamente utilizados.

– CA6.5. Elaborouse un informe de sustentabilidade co plan e os indicadores propostos.

Orientacións pedagóxicas.

Este módulo profesional proporciónalle ao alumnado os coñecementos, as competencias, as actitudes e os valores necesarios para tomar decisións fundamentadas e levar a cabo accións responsables en favor da integridade do ambiente, a viabilidade da economía e unha sociedade xusta.

Espérase que esta formación, situada na intersección entre a educación e o mundo laboral facilite a inserción da xente nova e das persoas adultas no mercado de traballo, así como a súa progresión profesional.

A formación do módulo é de carácter transversal e, por conseguinte, contribúe a alcanzar os obxectivos xerais do ciclo formativo e as competencias xerais do título.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo están relacionadas con:

– Manexo das fontes de información para a elaboración de prácticas sustentables, en especial no referente ao sector profesional.

– Posta en práctica de técnicas activas de desenvolvemento sustentable.

– Identificación dos procesos de produción e criterios de sustentabilidade aplicados.

– Manexo de fontes de información, incluídos os recursos da internet para a procura de estratexias de sustentabilidade no contorno do sector profesional.

– Preparación e realización de plans de sustentabilidade, identificando os seus grupos de interese e os aspectos ASG materiais, e xustificando accións para a súa xestión e a súa medición no sector de referencia.

– Familiarización coas métricas de avaliación do desempeño da empresa de acordo cos estándares de sustentabilidade máis amplamente utilizados.

– Formación de equipos na aula para a realización de actividades que permitan a elaboración dun informe de sustentabilidade co plan e os indicadores propostos.

– Análise dos principais marcos e acordos internacionais da sustentabilidade. Obxectivos do desenvolvemento sustentable máis relevantes do sector profesional.