DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Venres, 19 de xullo de 2024 Páx. 43264

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 9 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha Rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento IN223A).

BDNS (Identif.): 775528.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.go.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras:

a) Os concellos galegos que conten cun mercado co selo de Mercado Excelente outorgado de conformidade coa Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 13, do 19 de xaneiro de 2017), ou aqueles que estean no proceso para a súa obtención.

Os concellos deberán cumprir co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) As federacións e asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de asociacións de vendedores de prazas de abastos, o número de membros asociados deberá supoñer, como mínimo, o 50 % dos postos ocupados na praza de abastos. Para estes efectos, contarán como unha unidade os postos ocupados polo mesmo/a praceiro/a.

As federacións e asociacións deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde e atoparse ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola xunta directiva nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

Segundo. Obxecto

A concesión de subvencións para o impulso dunha rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente na convocatoria.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de 1.280.000,00 €, que será imputado da seguinte forma:

a) Concellos:

Destinarase un crédito total de 1.000.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 44.06.751A.761.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

b) Federacións e asociacións de prazas de abastos e mercados:

Destinarase un crédito total de 280.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 44.06.751A.781.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, do seguinte xeito:

Federacións de asociacións de prazas de abastos

35.000 €

Asociacións de prazas de abastos

245.000 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2024

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración