DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Xoves, 18 de xullo de 2024 Páx. 42897

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 9 de xullo de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras do Programa de apoio para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas e para a adaptación de espazos nas empresas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR349W).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, para o exercicio orzamentario de 2024, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas a fomentar a creación de emprego de calidade e a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego. A presente orde busca pois impulsar a contratación indefinida das mulleres, por ser aínda un colectivo vulnerable no que ao acceso ao emprego indefinido se refire.

Os datos de incorporación das mulleres ao mundo laboral en España e en Galicia seguen estando por detrás da media europea, por causas socialdemográficas estruturais que dificultan o seu acceso a este mercado ou as afastan do tecido produtivo. Ademais, os contextos de crise económica como a xerada pola recente pandemia da COVID19 poñen en risco a estabilidade e a calidade no emprego, tanto de homes como de mulleres, sendo estas as máis prexudicadas, dados os obstáculos que xa de por si enfrontan e sendo tamén as que maiores taxas de expulsión presentan, converténdose nun dos colectivos máis afectados, polo que se fai preciso articular medidas específicas que melloren o seu acceso ao mercado de traballo.

O artigo 117 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, establece que a consellería competente en materia de emprego e de relacións laborais promoverá a contratación de mulleres en ámbitos laborais tradicionalmente ocupados por homes, co fin de eliminar neles a infrarrepresentación laboral feminina. Entre esas medidas incluiranse axudas económicas dirixidas a fomentar a contratación por conta allea de mulleres.

Por outra banda, o VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 recolle esta actuación de forma transversal no seu ámbito 1. Empregabilidade, emprendemento e eliminación da fenda salarial, e establece entre as súas prioridades de actuación a de contribuír a que se garantan a igualdade de mulleres e homes nas condicións laborais. Ademais da constatada desigualdade salarial, cómpre desenvolver accións dirixidas a promover a eliminación doutros atrancos na dinámica das empresas, como os sistemas de selección, a promoción, o acceso á formación ou a conciliación da esfera profesional e a vida privada.

A través desta orde de axudas tamén se pretende incrementar a presenza de mulleres profesionais en sectores tecnolóxicos e industriais de alto valor engadido, como información e comunicación ou actividades profesionais científicas e técnicas. Desta forma contribuirase a atraer e reter o talento, onde a diversidade é unha fonte de riqueza e unha forza competitiva, ao mesmo tempo que se contribuiría a diminuír a fenda salarial entre mulleres e homes incrementando a renda das mulleres e a súa promoción profesional.

Estas axudas ampáranse, segundo o sector a que pertenzan as persoas empregadoras e empresas beneficiarias e o ámbito da súa actividade, no Regulamento (UE) nº 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L), no Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE do 24.12.2013, L352/9), e no Regulamento (UE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE do 28.6.2014, L190/45).

O procedemento de concesión non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e co obxecto deste réxime, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións desta orde axustaranse ao disposto nesta orde e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xuño, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 e, no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Consecuentemente con todo o anterior, unha vez informado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade e da Intervención Delegada e, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Ámbito e réxime das axudas e disposicións comúns de procedemento

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar para o ano 2024 as axudas establecidas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para favorecer a contratación de mulleres desempregadas na empresa ordinaria en ocupacións masculinizadas, coa finalidade de contribuír a incrementar as baixas taxas de ocupación feminina nas ditas ocupacións.

Con este fin establécense dúas liñas de axudas:

1. Liña de incentivos á contratación por conta allea de mulleres desempregadas.

2. Liña de axudas para a adaptación dos espazos ou dos postos de traballo na empresa, de carácter opcional, coa finalidade de eliminar barreiras e/ou obstáculos que impidan ou dificulten o acceso e o desempeño profesional das mulleres en ocupacións masculinizadas.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, e no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e o disposto nesta orde.

Estas axudas ampáranse, segundo o sector a que pertenzan as persoas empregadoras e empresas beneficiarias e o ámbito da súa actividade, no Regulamento (UE) nº 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L), no Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE do 24.12.2013, L352/9), e no Regulamento (UE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE do 28.6.2014, L190/45).

A aplicación do réxime de minimis implica que non se poderán superar os seguintes límites máximos:

a) A axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.

b) A axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, non pode ser superior a 20.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais.

c) A axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 717/2014, non pode ser superior a 40.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Estes límites máximos aplícanse a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecida no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias: 44.04.322C.470.3, código de proxecto 2024 00192, cun crédito de 1.225.000 €, e 44.04.322C.770.0, código de proxecto 2024 00192, cun crédito de 430.255,67 €.

Esta contía está recollida na Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

2. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais o esgotamento da partida orzamentaria asignada.

3. O dito crédito poderá ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego.

4. Poderase ampliar a contía máxima do crédito dispoñible para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, e dunha transferencia de crédito, ao tratarse dunha convocatoria de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30.2 do seu regulamento de desenvolvemento.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos de esta orde considérase:

1. Muller desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e que, pola súa vez, careza de ocupación.

Considérase persoa inscrita aquela que figure como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia con anterioridade ou no mesmo día da contratación que se subvenciona.

Considérase persoa que carece de ocupación aquela que non estea en situación de alta no día anterior á contratación que se subvenciona, segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional. Se o día anterior á contratación que se subvenciona coincide coa data de baixa da persoa traballadora que se contrata, considerase que non carece de ocupación.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego e da vida laboral realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia no caso de mulleres que se atopen nalgún dos casos contemplados no artigo 4.1.a) do Real decreto lei 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.

2. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZPD) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

3. Ocupacións masculinizadas ou con infrarepresentación feminina na contratación: tomando como referencia as persoas contratadas por xénero no período 2019-2023 nos grupos ocupacionais segundo a Clasificación Nacional de Ocupacións (CNO-11) aprobada no Real decreto 1591/2010, do 26 de novembro, téñense en conta os grupos ocupacionais que en 2023 reflicten unha diferenza porcentual de polo menos 20 puntos entre os valores de contratación masculina e feminina, e segundo o cal se elabora unha lista de ocupacións con subrepresentación feminina por ocupacións.

4. Persoa con discapacidade: aquela que teña recoñecida, pola Administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.

Segundo o artigo 4.2 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, modificado pola Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, tamén se considera que presentan unha discapacidade de grao igual ou superior ao 33 por cento as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao total, absoluta ou gran invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

A comprobación da condición de persoa con discapacidade ou dependencia realizaraa directamente o órgano xestor das axudas; no caso de oposición da persoa interesada ou de que a discapacidade ou a dependencia fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá presentar a documentación acreditativa da discapacidade ou da dependencia.

5. Persoa emigrante retornada: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de persoa galega retornada as persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei, asimílanse a persoas galegas retornadas, os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os fillos e fillas das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os requisitos, con carácter xeral, para adquirir a condición de persoa galega retornada son os seguintes:

1) Ser persoa galega nacida en Galicia.

2) Acreditar ou ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal.

3) Estar en posesión da nacionalidade española e estar vinculada a un concello galego no padrón de residentes no exterior antes do retorno.

4) Estar empadroada nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para adquirir esta condición de persoa emigrante retornada non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta orde.

6. Persoa estranxeira: aquela que careza de nacionalidade española e estea en posesión de autorización ou permiso de residencia e traballo en España.

7. Persoa trans: persoa cuxa identidade sexual non se corresponde co sexo asignado ao nacer.

Artigo 6. Persoas empregadoras e entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten mulleres por conta allea en ocupacións masculinizadas, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas, deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas, cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.

As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, na súa falta, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, e as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 7. Persoas destinatarias finais

1. Poderán ser persoas destinatarias finais destas axudas as mulleres que sexan contratadas en ocupacións masculinizadas e que cumpran o requisito de estar desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior á data de inicio do contrato) e inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.

Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia no caso de mulleres que se atopen nalgún dos casos contemplados no artigo 4.1.a) do Real decreto ley 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.

Artigo 8. Gastos subvencionables

Serán subvencionables ao abeiro deste programa:

1. As contratacións por conta allea de mulleres en ocupacións masculinizadas ou con infrarepresentación feminina na contratación, segundo o disposto no artigo 5.3 desta orde. A dita ocupación e a súa codificación deberá constar no contrato de traballo.

Na sede electrónica da Xunta atópase dispoñible para a súa consulta a relación de ocupacións en que as mulleres están infrarepresentadas, segundo o informe do Instituto Galego das Cualificacións.

1.1. Os contratos subvencionables deberán ser de duración indefinida, ben con xornada a tempo completo, ben a tempo parcial. No caso de contratacións a tempo parcial, a xornada será como mínimo do 50 %. Inclúense os contratos de traballo indefinidos para a prestación de servizos fixos descontinuos, que deberán ser a tempo completo e cunha duración mínima de 6 meses.

1.2. O período durante o que se teñen que producir os contratos para que sexan subvencionables será desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 20 de outubro de 2024.

1.3. No caso de novas contratacións, o período máximo para realizalas rematará aos vinte días hábiles da recepción da notificación de concesión da axuda, e en todo caso o 20 de outubro de 2024.

1.4. O número máximo de contratos que se van a subvencionar por persoa ou entidade beneficiaria establécese en 7.

2. Igualmente, serán subvencionables ao abeiro deste programa os gastos derivados de obras de adaptación dos espazos ou dos postos de traballo na empresa, coa finalidade de eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o acceso e o desempeño profesional das mulleres na empresa (aseos, vestiarios, espazos para menores, etc.).

2.1. O período durante o que se teñen que producir obras de adaptación dos espazos ou dos postos de traballo subvencionables será desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 20 de outubro de 2024.

Artigo 9. Contía das axudas

1. Incentivos á contratación.

a) As contratacións indefinidas iniciais a tempo completo de mulleres desempregadas incentivaranse cunha contía base de 15.000 €. No caso de redución de xornada por calquera causa, a contía reducirase en proporción á xornada realizada.

b) As contratacións indefinidas iniciais a tempo parcial (mínimo 50 %) e as contratacións indefinidas fixas-descontinuas (mínimo 6 meses) incentivaranse cunha contía base de 7.500 €.

As contías indicadas anteriormente incrementaranse nun 15 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

I. No suposto de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

II. Se a muller contratada é unha persoa con discapacidade.

III. Se a muller contratada é maior de 45 anos.

IV. Se a muller contratada é emigrante retornada ou estranxeira.

V. Se a muller contratada é persoa trans.

A contía máxima posible que se vai subvencionar por cada persoa contratada con carácter indefinido é de 26.250 €.

c) As contratacións deberán estar comunicadas a través da aplicación Contrat@ no prazo de 10 días hábiles desde o seu inicio.

1.1. A contía das axudas concedidas aboarase ás persoas empregadoras ou empresas beneficiarias logo de presentada a documentación xustificativa establecida no artigo 24 desta orde.

1.2. As subvencións previstas neste programa serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para o mesmo obxecto e finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, coas bonificacións ou reducións de cotizacións á Seguridade Social.

1.3. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa empregadora ou empresa beneficiaria.

2. Gastos derivados de obras de adaptación dos espazos ou dos postos de traballo.

2.1. O importe máximo da axuda será de 10.000 €.

2.2. Os gastos de obras de adaptación dos espazos ou dos postos de traballo deberán estar realizados e pagados a data 20 de outubro de 2024.

2.3. As subvencións previstas neste programa serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para o mesmo obxecto e finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

2.4. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa empregadora ou empresa beneficiaria.

Artigo 10. Exclusións

Quedan excluídas dos beneficios desta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de persoas traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

b) Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou do empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea aos fillos e as fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas, e contrate a un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

c) Os contratos de traballo realizados coas persoas socias ou administradoras da entidade solicitante da axuda.

d) Os contratos de traballo que se realicen con mulleres que nos 6 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido, ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal, excepto que dita relación finalizase por causa dun despido recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas no artigo 49.1.g), 51 e 52.c) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación nos casos de sucesión de empresas previstos no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

Artigo 11. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, mediante o formulario normalizado dispoñible (anexo I).

Deberán cubrirse, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, e serán válidas unicamente as solicitudes que se presenten no modelo establecido.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

b) As axudas concedidas en réxime de minimis.

c) Que ten domicilio fiscal e/ou centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

e) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Que cumpre os requisitos establecidos para obter a condición de persoa empregadora ou empresa beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

i) Que coa presentación da solicitude acepta a subvención.

3. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2024.

4. A presentación das solicitudes implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras e supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda.

5. Será causa de desestimación da solicitude non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I), a seguinte docu-mentación:

a) Cando se actúe mediante representación, deberá anexarse acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna dela. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas empregadoras ou empresas inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.

b) No caso de solicitar a axuda para contratar unha muller con discapacidade, documentación acreditativa da discapacidade recoñecida fóra de Galicia, se for o caso, da muller contratada.

c) No caso de solicitar a axuda para contratar unha muller emigrante retornada, documentos xustificativos do nacemento en Galicia da muller contratada e ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vinculo con esta.

d) No caso de solicitar a axuda para contratar unha muller emigrante retornada, certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España.

e) No caso de solicitar a axuda por persoa trans, documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.

2. No caso de solicitar a axuda prevista no artigo 1.2 para a adaptación dos espazos ou dos postos de traballo na empresa presentarán ademais:

a) Memoria explicativa da reforma para a adaptación dos espazos ou dos postos de traballo na empresa.

b) Proxecto de obra para a adaptación, asinado por unha persoa profesional ou entidade especializada na materia, no que se incluirán as distintas actuacións para as que se solicita a subvención.

c) Fotografías ou documentos gráficos do espazo antes de iniciar as actuacións.

d) Facturas ou outros documentos acreditativos e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polas persoas provedoras e acredoras dos gastos necesarios para a realización da adaptación. Non terán a consideración de orzamento as meras estimacións de gastos efectuadas pola persoa ou entidade solicitante e que carezan do soporte da oferta da persoa provedora ou da tarifa oficial do gasto.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código do procedemento (TR349W) e o órgano responsable, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento, o órgano xestor da axuda consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa ou empresa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Consulta de todos os códigos conta de cotización.

e) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións.

k) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

l) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos últimos 12 meses da persoa traballadora contratada.

m) Certificado de inscrición da persoa traballadora contratada como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación.

n) Contrato de traballo da persoa traballadora contratada.

2. Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade recoñecida pola Xunta de Galicia da persoa traballadora contratada.

b) Consulta de datos de residencia con data da última variación padroal da persoa traballadora contratada.

3. No caso de que as persoas empregadoras ou empresas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Do mesmo xeito se actuará no caso de oposición á comprobación de datos das mulleres traballadoras contratadas.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou empresa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas empregadoras ou empresas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. A persoa ou a entidade beneficiaria someterase ás actuacións de comprobación e control que correspondan e facilitará toda a información requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa estatal ou comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

6. A persoa ou entidade solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude que dispón dos documentos asinados pola persoa ou persoas contratadas, en que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo III. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.

Así mesmo, no caso de que algunha persoa contratada pola cal se solicita subvención se opoña á comprobación de datos, farase constar na dita declaración responsable e consecuentemente presentaranse os documentos que os acrediten.

Artigo 14. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirán a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, indicándolle que, se así non o fixer, se dará por desistida da súa solicitude, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e a finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego.

3. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se tiver presentado a documentación completa requirida nestas bases reguladoras, ata esgotar o crédito.

4. Entenderase que a persoa solicitante desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda, continuando a tramitación para o resto das persoas contratadas.

Neste caso non resultará de aplicación o procedemento de substitución establecido para os supostos de baixas de traballadores con contrato subvencionado.

Artigo 17. Resolución

1. A competencia para a resolución dos expedientes das subvencións reguladas na presente orde correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais quen, tras a fiscalización da proposta do órgano instrutor pola Intervención Delegada, resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada.

2. O prazo máximo de resolución e notificación será de dous meses contados a partir do día seguinte ao remate do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación da persoa empregadora ou da empresa beneficiaria e a contía da subvención. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscritas pola persoa que as realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Na resolución de concesión informarase as persoas beneficiarias de que estas axudas se someten ao Regulamento (UE) nº 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e aos regulamentos (UE) núm. 717/2014, do 27 de xuño (sector de pesca e acuicultura), e núm.1408/2013, do 18 de decembro (sector agrícola).

4. Xa que os requisitos para ser persoa ou entidade beneficiaria desta axuda deben cumprirse con anterioridade á presentación da solicitude e que as obrigas asumidas pola persoa ou empresa beneficiaria se recollen na presente orde no artigo 26, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e enténdese aceptada coa presentación da solicitude.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. No caso de que unha solicitude de axudas comprenda varias contratacións e non exista crédito suficiente para atendelas, poderase estimar parcialmente a solicitude e conceder a axuda para aquelas contratacións para as que exista crédito. Así mesmo, no caso de que o remanente de crédito existente sexa inferior ao importe que correspondería conceder segundo as contías establecidas no artigo 9, poderase conceder a axuda polo importe do remanente existente, logo da aceptación pola persoa ou empresa solicitante.

7. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da persoa empregadora ou empresa beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia. De ser o caso, a Administración poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta.

Artigo 22. Selección de persoas candidatas

1. A selección e a contratación das mulleres participantes no programa pode realizarse directamente pola persoa empregadora ou empresa beneficiaria, ou a través da presentación de oferta de emprego na oficina de emprego que corresponda.

2. En todos os casos, o centro de traballo deberá estar localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 23. Contratación das persoas traballadoras

1. Efectuada a selección das persoas traballadoras segundo o disposto nesta orde, a persoa empregadora ou empresa beneficiaria procederá á súa contratación.

2. Será a persoa empregadora ou empresa beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento de inicio da relación laboral a persoa seleccionada cumpre os requisitos recollidos nesta convocatoria.

3. Os novos contratos subvencionados ao amparo desta orde comenzarán no prazo máximo de 20 días hábiles desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución de concesión, e en todo caso a data máxima será o 30 de outubro de 2024.

Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderá autorizar o inicio dos contratos con posterioridade ao devandito prazo.

4. A persoa empregadora ou empresa beneficiaria dará de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

5. A persoa empregadora ou empresa beneficiaria asume a súa condición de empregadora respecto da traballadora ou traballadoras contratadas e o compromiso de cumprir coa normativa laboral.

6. Os contratos de traballo subscritos coas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse necesariamente, a través da aplicación Contrat@.

7. A persoa empregadora ou empresa beneficiaria comunicará á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais o inicio dos contratos no prazo máximo de 10 días hábiles desde o dito inicio, con indicación do número de mulleres contratadas, e presentará a documentación xustificativa para o pagamento recollida no artigo 24.

8. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas, e se é o caso, darán lugar á perda do dereito ao cobramento ou reintegro da axuda.

9. Cando se produza a extinción do contrato antes de que finalice o período de 36 meses de mantemento do emprego, a persoa empregadora ou empresa beneficiaria deberá proceder ao reintegro total da axuda, agás no caso de baixa voluntaria, xubilación ou falecemento da persoa traballadora contratada, caso no que a persoa empregadora ou empresa beneficiaria poderá optar preferentemente por substituíla no prazo máximo de 15 días polo tempo que reste para cumprir coa obriga de mantemento do emprego de 36 meses, por outra muller que cumpra os requisitos establecidos nesta orde co mesmo tipo de contrato e de perfil análogo a aquel para o que se solicitou a subvención, ou, de non ser así, optar por devolver voluntariamente a contía proporcional da subvención.

De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo fose inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da axuda, procederase á redución ou reintegro da axuda concedida polo importe proporcional correspondente.

Permítese unha única substitución da persoa contratada inicialmente.

No caso de que se produzan substitucións, a persoa beneficiaria deberá dispor dos documentos asinados pola muller contratada, no que autoriza ou se opón á comprobación dos seus datos, conforme ao modelo do anexo III. No caso de que se opoña á consulta deberá comunicalo e presentar a correspondente documentación.

Artigo 24. Xustificación e pagamento

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e no que lle sexa de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. O pagamento do incentivo á contratación farase efectivo dunha soa vez, unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida: a contratación de mulleres desempregadas en ocupacións masculinizadas, o que se xustificará mediante a presentación da documentación indicada no punto 5 deste artigo. A presentación da xustificación realizarase unicamente a través de medios electrónicos, dentro dos prazos establecidos na resolución de concesión da subvención e, en todo caso, con data límite de xustificación o 10 de novembro de 2024.

3. O pagamento da contía da subvención concedida para apoiar os gastos derivados de obras de adaptación dos espazos ou dos postos de traballo na empresa farase efectivo dunha soa vez, unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da documentación indicada no punto 6 deste artigo. A presentación da xustificación realizarase unicamente a través de medios electrónicos, dentro dos prazos establecidos na resolución de concesión da subvención e, en todo caso, con data límite de xustificación o 10 de novembro de 2024.

4. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa firme da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

5. Documentación xustificativa para o pagamento do incentivo á contratación.

a) Anexo II: declaración complementaria e actualizada do conxunto de todas as axudas ou subvencións solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas, na cal se declara así mesmo que se dispón do documento asinado polas persoas contratadas (segundo o modelo do anexo III), no cal autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento. No caso de contratos preexistentes, non será preciso achegalo.

b) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 26.

O prazo máximo para a presentación da documentación prevista neste punto será de 10 días hábiles desde o inicio dos contratos e, en todo caso, rematará o 10 de novembro de 2024. A falta de presentación no prazo pode comportar a perda do dereito ao cobramento da subvención.

6. Documentación xustificativa da adaptación dos espazos ou dos postos de traballo.

a) Anexo II: declaración complementaria e actualizada, do conxunto de todas as axudas ou subvencións solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas.

b) Fotografías ou documentos gráficos do espazo logo de rematadas as actuacións.

c) Facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento, onde se identifique de xeito claro as características e o custo do investimento, así como o receptor e o emisor do pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da subvención. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. As facturas que se presenten deberán ser por un importe mínimo de 300 €, IVE excluído.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas a nome da persoa ou entidade solicitante, e pagadas con data máxima o 20 de outubro de 2024. As facturas presentaranse en calquera das linguas oficiais de Galicia ou, na súa falta, acompañadas da tradución oficial.

A persoa beneficiaria está obrigada a conservar toda a documentación e presentala de ser requirida para iso en calquera control financeiro posterior.

A documentación xustificativa sinalada neste apartado deberá presentarse como data máxima o 10 de novembro de 2024.

7. A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función da xustificación presentada e de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

Artigo 25. Devolución voluntaria da subvención

1. No caso de que o contrato subvencionado se extinga antes de 36 meses a persoa empregadora ou empresa beneficiaria poderá devolver a axuda recibida na súa totalidade, ou nunha contía proporcional no caso de que extinción do contrato fose por baixa voluntaria, xubilación ou falecemento da persoa traballadora e non se optase pola substitución. A devolución deberá realizarse con carácter voluntario e sen o requirimento previo da administración, conforme o disposto no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. A devolución da axuda, farase mediante o ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención-procedemento TR349W.

En todo caso, a persoa empregadora ou empresa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente (incluíndo o código do procedemento) e denominación da subvención concedida.

Artigo 26. Obrigas das persoas empregadoras ou empresas beneficiarias

As persoas empregadoras ou empresas beneficiarias dos incentivos regulados nesta orde, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención de acordo co previsto na solicitude e na resolución de concesión, nesta orde e, de ser o caso, no documento de instrucións operativas que se poida poñer á disposición das persoas ou entidades beneficiarias na sede electrónica da Xunta de Galicia.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Comunicar a través da aplicación Contrat@ os contratos realizados no prazo máximo de 10 días desde que se realizan.

e) Aboarlles ás mulleres contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.

f) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e mediante transferencia bancaria as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

g) Obriga de mantemento do emprego: manter no seu cadro de persoal a muller traballadora contratada durante un período mínimo de 36 meses, agás baixa voluntaria, xubilación ou falecemento da persoa traballadora, caso en que a persoa ou a entidade beneficiaria poderá optar preferentemente por substituíla no prazo máximo de 15 días, polo tempo que reste para cumprir coa obriga de mantemento do emprego, por outra muller que cumpra os requisitos establecidos nesta orde e de perfil análogo a aquel para o que se solicitou a subvención, ou, de non ser así, optar por devolver voluntariamente a contía proporcional calculada conforme se establece na letra h) do artigo 27.

No suposto de que, durante o período subvencionable, se produza unha suspensión do contrato de traballo por un período máximo de 6 meses, esta dará lugar á suspensión do computo do período de mantemento do emprego previsto, retomándoo desde a data de restitución da xornada completa ata completar o período de 36 meses.

No suposto de que a suspensión se produza por un período superior a seis meses, será de aplicación o suposto de reintegro parcial establecido na letra h) do artigo 28.

Se as causas do incumprimento do mantemento do emprego son outras diferentes ás sinaladas nesta letra, procederá a devolución total do incentivo.

A contratación da persoa substituta comunicarase no prazo de 10 días desde que se produce, a través da aplicación Contrat@ e tamén mediante a sede electrónica, ao órgano xestor da axuda.

As baixas voluntarias, xubilacións ou falecementos deberán comunicarse por medios telemáticos ao órgano xestor das axudas no prazo de cinco (5) días desde que se produzan, achegando o motivo da baixa.

h) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

i) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e colocar e manter durante un mínimo de 12 meses un cartel, en cor e formato A3, nun lugar visible do centro de traballo segundo o modelo que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

k) Deberá manter no seu poder as autorizacións (ou a oposición) para a comprobación dos datos das persoas traballadoras obxecto de subvención, segundo o modelo do anexo III. Estes documentos poderán ser requiridos pola Administración pública en calquera momento.

Así mesmo, deberá informar as persoas cuxos contratos laborais se subvencionan ao abeiro desta orde dos seguintes aspectos:

– Da comunicación dos datos á Administración para o seu tratamento no ámbito das competencias e de acordo cos fins do procedemento administrativo.

– Da posibilidade de que a Administración realice as consultas precisas para comprobar, entre outros aspectos, a súa veracidade.

– Do dereito de oposición que as asiste a que a Administración trate os seu datos, suposto en que deberá comunicar a súa oposición á Administración para os efectos oportunos.

l) Comunicarlle ao órgano concedente a solicitude e/ou concesión doutras axudas, con indicación daquelas sometidas ao réxime de minimis en que se encadra esta orde, e debe sinalar ademais cales destas foron obtidas para a mesma finalidade.

m) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Seguimento

1. A Secretaría de Emprego e Relacións Laborais procederá a realizar cantas comprobacións sexan precisas para verificar o cumprimento das obrigas recollidas nesta orde e poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o cumprimento exacto.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

2. A Secretaría de Emprego e Relacións Laborais realizará, de oficio, para efectos de seguimento das axudas, a comprobación do cumprimento do período de contratación, mediante o correspondente acceso á vida laboral das persoas contratadas e/ou á conta de cotización da persoa empregadora ou empresa contratante, deixando constancia documental do seu cumprimento no expediente.

Artigo 28. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se vaia reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas ás persoas empregadoras ou empresas beneficiarias para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Non proceder á devolución voluntaria da subvención segundo o previsto nos artigos 25 e 26: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

d) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 24: reintegro do 50 %; así mesmo procederá o reintegro proporcional no caso de que a documentación presentada ao abeiro do dito artigo non xustifique a totalidade da subvención percibida.

e) Incumprimento das obrigas en materia de comunicación establecidas no artigo 26: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

f) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a persoa empregadora ou empresa beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

g) Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

h) No caso de incumprimento do mantemento do emprego por un período mínimo de 36 meses: reintegro total da axuda, agás no caso de baixa voluntaria, xubilación ou falecemento da persoa traballadora que procederá á devolución parcial da axuda concedida de non optar a persoa empregadora ou empresa beneficiaria pola substitución da persoa contratada, de xeito que a contía que se vaia reintegrar será a que corresponda ao período en que o posto estivo vacante.

Igual criterio de reintegro parcial procederá no caso de que se realizase a substitución nun prazo superior ao establecido na letra g) do artigo 26.

O cálculo da contía que se vai reintegrar parcialmente farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre 36 meses o importe da subvención concedida.

ii. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante. Computarase para estes efectos o prazo que se concede para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considérase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

iii. Multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses en que o posto de traballo estivese vacante.

3. As obrigas do reintegro establecidas nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 29. Comunicación de feitos constitutivos de fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

Disposición adicional única. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Secretaría Xeral Emprego e Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta convocatoria, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2024

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file