DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Xoves, 18 de xullo de 2024 Páx. 43068

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 4 de xullo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 3 de xullo de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común de Albán, pertencente á CMVMC de Aldea do Muíño, no concello de Rairiz de Veiga.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Albán, pertencente á CMVMC de Aldea do Muíño, no concello de Rairiz de Veiga, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 4.5.2023, a CMVMC de Aldea do Muíño presentou unha solicitude (Rexel núm. 2023/1352403) de revisión de esbozo do MVMC Albán, en Rairiz de Veiga.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 11.2.2023.

– Memoria.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

– Demanda civil de deslindamento interposta pola CMMVVMC de Aldea do Muíño contra a CMVMC da Pereira e Sabariz e a da parroquia de Lampaza.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 13 de setembro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares, así como tamén o tramo estremeiro coa CMVMC da parroquia de Lampaza.

A este respecto, cómpre indicar que, segundo a carpeta-ficha correspondente co antecedente 1, a estrema común a ambos os montes se define como «subindo por unha lomba cara ao N, de fronte a Ludro ata Pena do Sapo». Porén, tal descrición (ao igual que a doutros lindeiros) adoece por natureza de certa indefinición, razón pola que a comunidade solicitante promoveu, o 2.2.2022, e segundo a documentación achegada, un procedemento civil de deslindamento contra as comunidades estremeiras da Pereira e Sabariz e da parroquia de Lampaza, perante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Xinzo de Limia.

Como contestación a este procedemento, a CMVMC da parroquia de Lampaza formulou, o 26.9.2022, un escrito de conformidade coa demanda a cal, segundo o informe pericial que lle serve de base, é coherente coa definición do lindeiro entre as comunidades da parroquia de Lampaza e de Aldea do Muíño que se inclúe na proposta de revisión de esbozo desta última.

A superficie do MVMC Albán, unha vez modificado o esbozo, sería de 122,36 ha fronte ás 103 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 18,8 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Albán.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 13 de setembro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 24 de xuño de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Albán, pertencente á CMVMC de Aldea do Muíño, no concello de Rairiz de Veiga.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 4 de xullo de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense