DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Mércores, 17 de xullo de 2024 Páx. 42711

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2024 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba a ampliación da convocatoria das bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia, publicadas pola Resolución do 22 de decembro de 2023, co incremento do crédito orzamentario para o exercicio 2024 (código de procedemento IG408B).

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) é o instrumento básico de acción da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, planifica e executa as actuacións do Goberno autónomo para o apoio aos investimentos considerados estratéxicos no ámbito de Galicia.

O Decreto 133/2002, do 11 de abril (DOG nº 78, do 23 de abril), modificado polos decretos 174/2007, do 6 de setembro (DOG nº 186, do 25 de setembro); 45/2009, do 12 de febreiro (DOG nº 48, do 10 de marzo), e 155/2019, do 28 de novembro (DOG nº 234, do 10 de decembro), habilita o Igape para conceder, no ámbito das súas funcións, préstamos ou créditos a favor de empresas de acordo cos requisitos e coas características establecidos nos programas que con carácter xeral para ese efecto aprobe.

No Diario Oficial de Galicia núm. 10, do 15 de xaneiro de 2024, publicouse a Resolución do 22 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras dos préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Na devandita convocatoria habilitáronse cinco modalidades de préstamos:

1. Préstamos para investimentos estratéxicos. Nesta modalidade fináncianse actuacións consistentes en proxectos de novos investimentos, intervencións de ampliación da capacidade produtiva e/ou mellora de instalacións existentes, valorando especialmente o aliñamento dos proxectos cos sectores prioritarios da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0 e coa RIS3 Galicia. O importe mínimo do préstamo ou da participación do Igape no sindicato bancario será de 500.000 €, cun límite máximo de 5.000.000 de €. Non se aplicarán os límites de importe anteriores nos casos de proxectos industriais estratéxicos ou proxectos incluídos no Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais, ou proxectos que formen parte dun proxecto global que conte con algunha das declaracións anteriores, así como aqueles considerados de especial interese social e/ou económico para Galicia polo Consello de Dirección do Igape.

2. Préstamos para financiar a operativa de centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan actividades económicas, actividades de I+D ou presten servizos de interese para o tecido empresarial galego. Permite o financiamento de actuacións que van desenvolver centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan ou proxecten desenvolver actividades económicas, de investigación e desenvolvemento ou presten servizos de interese para o tecido empresarial galego. As actuacións para desenvolver en Galicia deberán presentar un custo financiable igual ou superior a 100.000 € máis impostos. O importe mínimo do préstamo será de 75.000 € e o máximo de 1.500.000 €. En ningún caso superará o 75 % do custo da actuación financiable.

3. Préstamos para financiar a operativa da industria auxiliar naval. Apoian financeiramente empresas que desenvolven actividades no sector da industria auxiliar da construción naval, para permitirlles financiar a longo prazo pagamentos operativos, dispoñer dun fondo de manobra suficiente e/ou dispoñer de garantías pignoraticias para acceder aos avais técnicos e financeiros necesarios para a súa actividade na subministración de bens e servizos para proxectos concretos de construción naval, para desenvolver en Galicia. O importe mínimo do préstamo será de 300.000 € e o máximo de 1.000.000 de €.

4. Préstamos para financiar circulante enmarcados nun proceso de reestruturación de débedas, para as empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, e para a industria manufactureira. Apoian financeiramente empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, e a industria manufactureira, financiando capital circulante naquelas situacións en que se manifeste a necesidade de afrontar coas entidades financeiras a prestamización de operacións de circulante, reestruturación de pasivos, negociación de carencias, etc. para acomodar as obrigas de reembolso dos pasivos aos fluxos de efectivo xerados polas operacións da empresa. Os préstamos do Igape achegarán nova liquidez complementaria, sen aplicarse a cancelar débeda bancaria. O importe mínimo do préstamo será de 300.000 € e o máximo de 1.000.000 de €.

5. Préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior. Apoia financeiramente empresas con centros de traballo maioritariamente situados en Galicia, que poñan en marcha novos establecementos permanentes, sucursais e/ou filiais en determinados países. A actuación deberá encadrarse no marco dun plan de expansión internacional da empresa no cal se recolla o mantemento do emprego en Galicia. O importe mínimo do préstamo será de 300.000 € e o máximo de 1.000.000 de €.

O prazo para a presentación de solicitudes comezou o 16 de xaneiro e está aberto ata o 29 de novembro ou ata o esgotamento orzamentario. Neste curto período de tempo, estas liñas de financiamento tiveron moi boa acollida, en especial a liña de financiamento para investimentos estratéxicos.

Por isto, o Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 14 de maio de 2024, acordou a modificación da convocatoria coa ampliación do crédito orzamentario para a anualidade do exercicio 2024 no importe de 20.000.000 €, que se xuntan aos inicialmente previstos por importe de 13.000.000 de € na dita anualidade.

Por todo o anterior, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación de crédito

Modificar a Resolución do 22 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408B), en concreto, o punto cuarto da convocatoria (dotación orzamentaria) pasará a ter a seguinte redacción:

Os créditos dispoñibles para a concesión nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual, logo da existencia de crédito adecuado e suficiente:

Partida orzamentaria

Ano 2024

Ano 2025

Total

09.A1-741A-8310

33.000.000 €

17.000.000 €

50.000.000 €

A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2024

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica