DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Mércores, 17 de xullo de 2024 Páx. 42640

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convocan diferentes procedementos para a obtención da acreditación da competencia dixital docente para o persoal docente non universitario dos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 1 de xuño de 2023 pola que se regula o procedemento para a acreditación da competencia dixital docente no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia recolle os procedementos e as súas características para obter a acreditación da competencia dixital docente (en diante, CDD), regula as diferentes convocatorias e as comisións, de ser o caso, de análise e valoración, e delimita o contido do certificado da acreditación e a súa inscrición e rexistro.

Tal e como se recolle no artigo 4 da citada orde, a acreditación polo desempeño de roles e postos docentes que determine a consellería será realizada de oficio por esta. O resto de procedementos sinalados levaranse a cabo mediante as oportunas convocatorias que, polo menos, serán unha por ano.

De acordo co establecido no artigo 5 da Orde do 1 de xuño de 2023, será a persoa titular da dirección xeral competente en materia de formación do profesorado quen realice as oportunas convocatorias e determine os aspectos organizativos delas.

Segundo recolle a Orde do 14 de maio de 2013 pola que se regulan a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado en Galicia, no seu artigo 29.2, o Rexistro Xeral de Actividades de Formación Permanente do Profesorado estará integrado nos sistemas informáticos de xestión da consellería competente en materia de educación; ademais, no artigo 4 establece que as acreditacións obtidas por este procedemento serán rexistradas no citado rexistro, que estará adscrito á dirección xeral competente en materia de formación do profesorado e dependerá do Servizo de Formación do Profesorado (actual Servizo de Programas de Formación), que será o responsable da súa organización, xestión e custodia, así como de garantir o acceso aos seus datos, de acordo coa normativa sobre protección de datos.

Polo anteriormente exposto, de conformidade coas competencias atribuídas polo Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer a convocatoria de acreditación da CDD polos diferentes procedementos de acreditación para as posibles persoas destinatarias, segundo a Orde do 1 de xuño de 2023 pola que se regula o procedemento para a acreditación da competencia dixital docente no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Persoas destinatarias

Poderá participar nesta convocatoria:

a) O persoal docente non universitario dos centros educativos sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (en diante, a Consellería) que imparta ensinanzas reguladas pola LOE.

b) O persoal docente de centros educativos galegos non dependentes da Consellería que impartan ensinanzas reguladas pola LOE (segundo a disposición adicional primeira da Orde do 1 de xuño de 2023).

Terceiro. Modalidades

As modalidades de acreditación son as seguintes:

3.1. O persoal docente non universitario dos centros educativos sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería que imparta ensinanzas reguladas pola LOE poderá acollerse ás seguintes modalidades:

a) Acreditación de oficio a través da observación do desempeño de roles e postos docentes.

O procedemento mediante a acreditación de oficio responde a un proceso de observación e análise das tarefas e funcións asociadas ao desempeño dos roles e postos docentes. Será realizado pola Consellería, segundo se recolle no punto 7 do artigo 4 da Orde do 1 de xuño, tendo en conta a información xa rexistrada e que figura en poder dela.

Os roles e postos docentes que se recoñecerán polo procedemento de acreditación de oficio cun dos niveis das etapas B e C son os que se detallan no anexo I desta resolución.

A Comisión de Acreditación da CDD asignará as áreas e os niveis da CDD, de conformidade co Marco de referencia da competencia dixital docente (en diante MRCDD), a cada un dos roles e postos docentes. O procedemento de acreditación de oficio realizarao a Administración tendo en conta a información xa rexistrada e que consta en poder da Consellería, e non será necesario presentar solicitude. Unha vez resolto este procedemento, a acreditación integrarase automaticamente no Sistema de xestión e rexistro da formación do profesorado, FProfe. No caso de non acreditar o nivel C1 completo, poderase recoñecer algunha das áreas dese nivel e quedará reflectido en Fprofe.

O persoal docente que non resultase recoñecido de oficio e que considere que ten dereito a ese recoñecemento poderá alegar o seu nivel polo proceso de análise e validación de evidencias.

b) Acreditación polo procedemento de recoñecemento de títulos oficiais que habiliten para a profesión docente.

Os títulos oficiais que habiliten para a profesión docente permitirán o recoñecemento do nivel A1 ou A2, sempre que cubran todas as áreas dun nivel A1 ou A2 no desenvolvemento das competencias do marco e, polo menos, o 80 % dos indicadores do MRCDD vixente. Estes títulos son: grao en mestre en educación infantil, grao en mestre en educación primaria, grao en pedagoxía, máster en psicopedagoxía, máster universitario en educación secundaria obrigatoria, bacharelato, FP e ensino de idiomas, e curso de especialización en formación pedagóxica e didáctica do profesorado técnico de formación profesional.

As persoas interesadas poderán presentar, no prazo establecido nesta convocatoria, a solicitude de acreditación, que irá acompañada da documentación xustificativa dos títulos, tal e como se describe no punto 4 desta convocatoria.

c) Acreditación por un proceso de análise e validación das evidencias.

O proceso de análise e validación das evidencias permitirá o recoñecemento dos niveis C1 completo e C2 por áreas.

– Acreditación por un proceso de análise e validación das evidencias compatibles cos indicadores do nivel C1 do MRCDD vixente en que se verifique que se cobren todas as áreas e, polo menos, o 80 % dos indicadores deste nivel.

Terán consideración de evidencias e deberán documentarse e estar especificamente relacionadas coas competencias dixitais docentes:

• Os premios nominais outorgados polas administracións educativas.

• As publicacións con NIPO e/ou ISBN, ISSN, DOI ou URL.

• A participación en proxectos colectivos de investigación e de innovación.

• A documentación xustificativa para os postos e roles recoñecidos de oficio pola Administración, e que esta non puidese realizar por carecer da documentación precisa.

• Calquera outra evidencia que acredite o nivel C1.

• Acreditación por un proceso de análise e validación das evidencias compatibles cos indicadores do nivel C2 do MRCDD vixente. Poderase acreditar o nivel C2 por áreas, sempre que cubra, polo menos, o 80 % dos indicadores desa área.

Terán consideración de evidencias e deberán documentarse e estar especificamente relacionadas coa CDD:

• Os premios nominais outorgados polas administracións educativas.

• As publicacións con NIPO e/ou ISBN, ISSN, DOI ou URL.

• A participación como relator/a en congresos de ámbito autonómico, nacional e internacional.

• A coordinación e autoría de proxectos de investigación e de innovación educativa.

• Os recoñecementos por parte das administracións educativas de implementar melloras significativas no ámbito educativo.

• Currículo para avaliar a traxectoria profesional.

• Calquera outra evidencia que acredite o nivel C2.

O persoal docente interesado na acreditación por un proceso de análise e validación das evidencias poderá presentar, no prazo establecido nesta convocatoria, a solicitude de acreditación, que irá acompañada da documentación xustificativa, tal e como se describe no punto 4 desta resolución.

Serán a Comisión de Acreditación da CDD e os equipos técnicos de análise e valoración os que analicen e valoren as evidencias e documentación entregadas para determinar o nivel de acreditación, C1 ou C2 completo ou por áreas, da persoa solicitante, de conformidade co MRCDD.

3.2. O persoal docente de centros educativos galegos non dependentes da Consellería que impartan ensinanzas reguladas pola LOE (segundo a disposición adicional primeira da Orde do 1 de xuño de 2023) poderán solicitar e achegar a documentación necesaria que permita obter a acreditación nalgún dos niveis establecidos como recolle a Orde do 1 de xuño de 2023, tal e como se explica no punto 4 desta resolución.

Serán a Comisión de Acreditación da CDD e os equipos técnicos de análise e valoración os que analicen e valoren a documentación entregada para determinar o nivel de acreditación da persoa solicitante, de conformidade co MRCDD.

Cuarto. Solicitudes e documentación

4.1. O profesorado que se encontre en exercicio activo da súa función docente nun centro sostido con fondos públicos dependente da Consellería realizará os seguintes trámites:

a) Para a acreditación de oficio pola Consellería dos niveis das etapas B e C, non se require formalizar solicitude nin entrega de documentación.

b) Para a acreditación polo procedemento de recoñecemento de títulos oficiais que habiliten para a profesión docente e para a acreditación por un proceso de análise e validación das evidencias, deberá facer a solicitude inscribíndose na actividade Acreditación CDD en Fprofe. Asociada a esta actividade habilitarase unha aula virtual para facilitar a entrega da documentación requirida e que se especifica a continuación:

• Para a acreditación polo procedemento de recoñecemento de títulos oficiais que habiliten para a profesión docente será a certificación académica da titulación acompañada dun documento, emitido pola universidade e asinado pola persoa reitora, vicerreitora ou secretaria da institución, que reflicta o nivel de CDD acadado coa dita titulación, especificando os indicadores de logro da CDD asociados ás áreas A1 ou A2 do MRCDD.

• Para a acreditación polo proceso de análise e validación das evidencias entregaranse evidencias e a documentación xustificativa que acredite a autoría das evidencias entregadas. A persoa solicitante deberá indicar en todas as evidencias presentadas a que área ou áreas do MRCDD se axustan, especificando os indicadores de logro do nivel que pretende acreditar.

4.2. O profesorado que se encontre en exercicio activo da súa función docente nun centro educativo non dependente da Consellería realizará os seguintes trámites:

• A persoa interesada presentará a solicitude (anexo II), xunto coa documentación que acredite que se encontra en exercicio activo na función docente (certificado da dirección do centro educativo que acredite que está a impartir ensinanzas reguladas pola LOE), por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) a través do formulario correspondente ao procedemento de presentación electrónico normalizado (código PR004A), que se deberá identificar coa denominación Acreditación CDD, dirixido á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional-Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

• Admitida a solicitude, daráselle permiso ao solicitante para acceder á aula virtual habilitada para facilitar a entrega da documentación requirida xustificativa que permita obter a acreditación nalgún dos niveis de CDD, de acordo co establecido na Orde do 1 de xuño.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2024.

Sexto. Comisión de acreditación

1. O procedemento de acreditación regulado nesta resolución será resolto por unha comisión formada polos seguintes membros:

Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Recursos Humanos ou a persoa en quen delegue.

Vogais: as persoas que ocupan os postos de xefatura do Servizo de Programas de Formación e do Servizo de Planificación e Coordinación da Inspección Educativa; dúas persoas asesoras do Servizo de Programas de Formación e unha persoa directora do CAFI ou CFR.

Secretaría: unha persoa funcionaria da Consellería, que actuará como secretaria, con voz e sen voto.

Os sindicatos integrantes da Mesa Sectorial de Persoal Docente non Universitario poderán nomear unha persoa representante para asistir ás sesións da Comisión, con voz e sen voto.

2. A Comisión poderá dispor a constitución de equipos técnicos de análise e valoración.

3. Os membros da Comisión e dos equipos técnicos de análise e valoración estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación establecidas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

4. Esta comisión estará incluída na categoría que corresponda para os efectos do previsto na Resolución do 24 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de novembro de 2023, polo que se actualizan os importes das axudas de custo por razón do servizo en territorio nacional para gastos por aloxamento e manutención e da indemnización por uso de vehículo particular para o persoal empregado público da Xunta de Galicia (DOG do 1 de decembro).

Sétimo. Resolución da convocatoria

1. Resolución de oficio de niveis de acreditación CDD.

Será a Comisión de Acreditación da CDD a que asigne as áreas e os niveis da CDD, de conformidade co MRCDD, a cada un dos roles e postos docentes anteriores que cumpran os requisitos exixidos; esta asignación farase pública no portal educativo. O procedemento de acreditación de oficio realizarao a Administración tendo en conta a información xa rexistrada e que está en poder da Consellería. As persoas que opten a esta acreditación non terán que presentar solicitude.

A acreditación de oficio dos niveis das etapas B e C de CDD será resolta no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e poderá consultarse no Rexistro de Acreditación da CDD, integrado no Rexistro Xeral de Actividades de Formación Permanente do Profesorado.

2. Resolución provisional dos outros procedementos.

A Comisión de Acreditación da CDD analizará e valorará as solicitudes presentadas e publicará unha resolución provisional. Logo da publicación desta resolución abrirase un prazo de 5 días hábiles para efectuar reclamacións ou renuncias ante a presidencia da comisión.

3. Resolución definitiva.

Transcorrido o prazo de reclamacións ou renuncias, a Comisión de Acreditación da CDD realizará a valoración destas e elevará a proposta definitiva ao director xeral de Centros e Recursos Humanos, que ditará unha resolución coa listaxe definitiva de persoas solicitantes acreditadas e non acreditadas.

A listaxe definitiva publicarase no portal educativo da Consellería: www.edu.xunta.gal. e no Diario Oficial de Galicia (DOG), nun prazo máximo de 6 meses contado desde o remate do prazo de presentación de solicitudes.

Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no DOG, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE núm. 167, do 14 de xullo). Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer o recurso que proceda.

Oitavo. Rexistro da acreditación da CDD

Para cumprir co obxecto da Orde do 1 de xuño de 2023, e segundo establece o artigo 29 da Orde do 14 de maio de 2013, a acreditación da CDD integrarase no Rexistro Xeral de Actividades de Formación Permanente do Profesorado.

Noveno. Información básica sobre protección de datos

1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia-Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa aplicable e as referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

3. As persoas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/ proteccion-datos-persoais

4. No caso de existiren diferentes referencias normativas en materia de protección de datos persoais neste procedemento, prevalecerán en todo caso aquelas relativas ao Regulamento (UE) nº 2016/679, xeral de protección de datos, ou á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Novena. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2024

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

ANEXO I

Roles e postos docentes que se recoñecerán polo procedemento de acreditación de oficio cun dos niveis das etapas B e C.

• Persoal docente que participase no proxecto eTwinning coa obtención do selo de calidade eTwinning desde 2020 e 18 puntos da rúbrica de avaliación pública.

• Persoal docente embaixador eTwinning.

• Persoal docente que exercese a coordinación TIC e similares no centro educativo durante, polo menos, 2 anos.

• Persoal docente que exercese a mentoría ADIX da rede DixitalGal durante, polo menos, 2 anos.

• Persoal docente que exercese a titorización de, polo menos, 75 horas de formación en cursos Platega ou participase como relator de, como mínimo, 75 horas de formación de cursos presenciais relacionados coa CDD.

• Persoal docente de centros integrados de FP, CIFP, que exercese a coordinación de programas internacionais, responsables de calidade ou de innovación e formación do profesorado, polo menos 2 anos.

• Persoal docente de centros de réxime especial que exerza a coordinación de programas internacionais ou a coordinación de formación de profesorado, polo menos, 2 anos.

• Persoal dos corpos de catedráticos/as, de profesorado de ensino secundario e de persoal técnico de formación profesional que exercese a docencia, polo menos 2 anos, nas seguintes especialidades: 513509 Deseño interiores, 513512 Deseño gráfico, 513515 Fotografía, 513521 Medios audiovisuais, 513522 Medios informáticos, 590019 Tecnoloxía, 590101 Administración de empresas, 590102 Análise e química industrial, 590104 Construcións civís e edificacións, 590107 Informática, 590113 Organización e proxectos sistemas enerxéticos, 590119 Procesos e medios de comunicación, 590122 Procesos e produtos en artes gráficas, 590124 Sistemas electrónicos, 590125 Sistemas electrotécnicos e automáticos, 590206 Instalacións electrotécnicas, 590210 Máquinas, servizos e produción, 590211 Mecanizado e mantemento de máquinas, 590212 Oficina de proxectos de construción, 590213 Oficina de proxectos de fabricación mecánica, 590215 Operación de procesos, 590221 Procesos comerciais, 590222 Procesos de xestión administrativa, 590223 Produción en artes gráficas, 590227 Sistemas e aplicacións informáticas, 590229 Técnicas e procedementos de imaxe e son, 590231 Equipamentos electrónicos, 591202 Equipamentos electrónicos, 593010 Composición, 593100 Tecnoloxía musical, 593115 Produción e xestión de música e artes escénicas, 594412 Fundamentos composición, 595509 Deseño interiores, 595510 Deseño de moda, 595511 Deseño de produto, 595512 Deseño gráfico, 595515 Fotografía, 595519 Materiais e tecnoloxía: conservación e restauración, 595520 Materiais e tecnoloxía: deseño, 595521 Medios audiovisuais, 595522 Medios informáticos, 596608 Fotografía e procesos de reprodución.

• Persoal docente que exercese a educación a distancia en centros autorizados pola Consellería durante, polo menos, 2 anos.

• Persoas directoras de centros educativos públicos que desempeñasen esta función, polo menos, 2 anos.

• Persoal docente que desempeñase outros cargos directivos en centros públicos: xefatura de estudos, vicedirección e secretaría, polo menos, 2 anos.

• Persoal pertencente ao corpo de Inspección educativa que exercese este cargo, polo menos, 2 anos.

• Persoas directoras e persoal asesor de formación da Rede de formación do profesorado e persoal asesor da Consellería que desempeñaran esta función, polo menos, dous anos.

• Persoal asesor de formación da Rede de formación do profesorado e persoal asesor da Consellería, de programas educativos institucionais relacionados coa Estratexia Educación Dixital 2030 da Consellería que desempeñasen esta función, polo menos, dous anos

• Persoal responsable da coordinación e implementación de programas educativos institucionais relacionados coa Estratexia Educación Dixital 2030 da Consellería que desempeñasen esta función, polo menos, dous anos.

missing image file