DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Venres, 12 de xullo de 2024 Páx. 42053

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 2 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2024 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables (código de procedemento PE209B).

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, a da adopción de medidas de conservación, protección e rexeneración dos recursos mariños vivos e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.

Así mesmo, o Regulamento (UE) 2021/1139, do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004, recolle no artigo 3 e dentro do antedito obxectivo político, que o FEMPA contribuirá á prioridade 1 da Unión Europea (UE) relativa a fomentar unha pesca sostible e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos. Dentro desta prioridade regúlase no artigo 14 o obxectivo específico 1.6 de contribuír á protección e á recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños. Incluída neste obxectivo específico está o tipo de actividade 1.6.1 Medidas de protección do medio mariño. Ademais, o apoio no marco FEMPA contribuirá á consecución dos obxectivos ambientais e de mitigación do cambio climático.

Mediante a Decisión de execución da Comisión do 29 de novembro de 2022 aprobouse o programa para España do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura para o período 2021-2027, que inclúe as medidas que se desenvolverán para a consecución das prioridades e dos obxectivos do FEMPA en España mediante investimentos destinados a fomentar a pesca sostible e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos.

O litoral galego conta cunha abundante relación de hábitats naturais diversos que acollen unha rica representación de flora e fauna. A elevada variedade tradúcese nunha importante diversidade biolóxica mariña. A rede de espazos naturais protexidos ocupa o 13 % do territorio de Galicia. En particular, a Rede Natura 2000 suma 59 zonas especiais de conservación (ZEC) e 16 zonas de especial protección de aves (ZEPA). Ademais destes espazos, existen zonas de especial interese marisqueiro caracterizados pola súa alta sensibilidade e a difícil recuperación do seu equilibrio físico e ecolóxico.

Nos espazos e nas zonas mencionadas, a xestión sustentable dos recursos marisqueiros enmárcase en plans de explotación e xestión, nos cales se desenvolven medidas que melloran a protección, conservación e sustentabilidade dos recursos. Porén, para garantir a viabilidade económica, social e ambiental do sector, é preciso realizar actuacións dirixidas á conservación e recuperación dos hábitats e da biodiversidade. Estas actuacións tamén contribúen a acadar os obxectivos da Directiva marco sobre estratexia mariña (DMEM), trasposta ao ordenamento xurídico español pola Lei 41/2010, do 29 de decembro, de protección do medio mariño.

O obxecto da presente orde consiste na elaboración e no desenvolvemento de proxectos que teñan por obxecto recuperar hábitats mariños e costeiros en favor de poboacións de especies de interese marisqueiro ou que contribúan a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños, incluídas as actividades destinadas á redución da contaminación física e química, as medidas de conservación positivas cuxo obxectivo sexa protexer e conservar a flora e a fauna, as actuacións destinadas a previr, controlar ou eliminar especies exóticas invasoras que poñan en perigo a conservación destes hábitats e especies, e que se centren en hábitats costeiros de importancia para a reprodución dos organismos mariños.

Os investimentos realizados nos proxectos financiados por esta orde deben ser considerados non produtivos ao focalizarse na protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, non xerar un valor para a empresa e non buscar un maior valor na prestación dos servizos. Os proxectos velan polo desenvolvemento sustentable das zonas de pesca, evitando o risco de producións excedentarias e de sobreexplotación, e as operacións caracterizaranse polo seu interese e beneficiario colectivo.

Para lograr o desenvolvemento adecuado dos citados fins é necesario impulsar determinadas medidas que emprendan os coxestores dos recursos mariños mediante subvencións como as previstas na presente orde. Con estas axudas poderanse financiar medidas de interese público de maior alcance que as medidas que emprendan normalmente, que contribúan á consecución dos obxectivos específicos en virtude da prioridade da Unión establecida no artigo 6, número 1. Os posibles beneficiarios das subvenciones serán as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que sexan entidades titulares de plans marisqueiros en réxime de coxestión e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Coa finalidade de acadar estes obxectivos, dítase esta orde a través da cal se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2024 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMPA, para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2024 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMPA, para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables (código de procedemento PE209B).

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e a execución destas axudas observarase o disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como as normas seguintes:

• Regulamento (UE) 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados.

• Regulamento (UE) 2021/1139, do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004.

• Programa FEMPA aprobado pola Decisión da Comisión de aprobación do programa FEMPA en España (CCI 2021ES14MFPR001) o 29 de novembro de 2022.

• Regulamento (UE Euratom) 2018/1046, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión Europea, polo que se modifican os regulamentos (UE) núm. 1296/2013, (UE) núm. 1301/2013, (UE) núm. 1303/2013, (UE) núm. 1304/2013, (UE) núm. 1309/2013, (UE) núm. 1316/2013, (UE) núm. 223/2014 e (UE) núm. 283/2014 e a Decisión núm. 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE Euratom) núm. 966/2012.

• Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

• Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

• Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

• Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

• Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.

• Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

• Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

• Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

• Criterios de selección para a concesión de axudas do programa do FEMPA (documento consolidado xuño 2023).

• Calquera outra norma da Unión Europea, normativa nacional ou autonómica vixente que poida resultar de aplicación.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que, en cada un dos anos de vixencia do actual programa operativo FEMPA 2021-2027, sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dotadas con fondos do FEMPA (prioridade 1. Fomentar unha pesca sostible e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos, OE1.6 Contribuír á protección e á recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas acuáticos. Tipo de actividade 1.6.1 Medidas de protección do medio mariño).

2. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de 1.750.000 € distribuído en dúas anualidades, con cargo á aplicación orzamentaria: 46.03.723A.770.1, código de proxecto 2024 142 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

O detalle da distribución do crédito é o seguinte:

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

Anualidade 2024

Anualidade 2025

Total

46.03.723A.770.1

2024 142

1.000.000 €

750.000 €

1.750.000 €

3. Os importes consignados na convocatoria, así como as aplicacións ás cales se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, respectando sempre o disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

4. No caso de que se leve a cabo a modificación destas bases a través da correspondente convocatoria anual, para lograr unha máis áxil tramitación dos expedientes e mellor comprensión, as bases reguladoras coas modificacións feitas publicaranse integramente no Diario Oficial de Galicia.

5. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 70 % con fondos FEMPA e o 30 % con fondos da Comunidade Autónoma.

6. Poderán adquirirse compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas as seguintes entidades, sempre que teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Confrarías de pescadores e federacións destas.

b) Organizacións de produtores pesqueiros.

c) Entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector pesqueiro.

d) Entidades sen ánimo de lucro integradas exclusivamente polas sinaladas na letra a).

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades nas que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) As sinaladas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As persoas incursas nas circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) As que se atopen nalgún dos supostos establecidos no punto 1, letras a) e b), e punto 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) 2021/1139, do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo.

d) As que non cumpran coas obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas e constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

3. As entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades (proxecto conxunto). Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse unha entidade representante ou apoderada única da agrupación, que será unha das entidades que a constitúen, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de entidade representante ou apoderada única, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os/as beneficiarios/as integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometeron a realizar, ou solidariamente cando non for posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

5. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8.3, parágrafo segundo, desta lei.

Artigo 5. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias deberán:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, co cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria e demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a súa comprobación documental e material.

b) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades para as que se solicita axuda, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente á execución ou á consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

c) Aportar e actualizar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións concedidas, incluídos os datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa, para poder dar cumprimento ao artigo 42 do Regulamento (UE) 2021/1030 e ao artigo 46 do Regulamento (UE) 2021/1139, e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma de Galicia, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

d) Cumprir as condicións de admisión da solicitude establecidas no punto 1, letras a) e b), e punto 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) 2021/1139, durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final ao beneficiario.

No caso de incumprimento neste período, recuperarase a axuda concedida de conformidade co artigo 44 do Regulamento (UE) 2021/1139 e o artigo 103 do Regulamento (UE) 2021/1060.

No caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, recuperarase axuda concedida de conformidade co Regulamento (UE Euratom) 2018/1046.

e) Levar rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, de conformidade co artigo 74.1.a).i) do Regulamento (UE) 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados, para o caso de reembolso de custos, consonte o artigo 53, número 1, letra a) (custos reais).

f) Asegurarse de que todos os documentos xustificativos relacionados coas operacións que reciban axuda se conserven de xeito adecuado durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano no que se efectúe o derradeiro pagamento ao beneficiario. Esta documentación deberá poñerse a disposición do organismo concedente da axuda.

Os rexistros e documentos conservaranse, ben en forma de orixinais, ben en forma de copias de orixinais, ben en soportes de datos comunmente aceptados, entre eles versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes só en versión electrónica. Cando existan versións electrónicas, non serán necesarios orixinais, se ditos documentos cumpran cos requisitos legais para poder ser considerados equivalentes a orixinais e fiables para os efectos de auditoría.

g) Dar a coñecer a axuda prestada polos fondos á operación, de conformidade co establecido no artigo 50 do Regulamento (UE) 2021/1060, para o cal:

1º. Se o beneficiario dispón de web e redes sociais, realizarán unha breve descrición da operación en relación co nivel de axuda, dos seus obxectivos e resultados, e destacarán a axuda financeira da UE.

2º. En documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da operación destinados ao público ou participantes, incluirán unha declaración que destaque a axuda da UE.

3º. No caso de operacións que teñan un custo total superior a 100.000 euros, instalarán placas ou valos publicitarios en lugares ben visibles ao público nas que apareza o emblema da UE, de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1061, tan pronto como comece a execución física da operación que implique investimento físico ou na que se instalen equipos adquiridos.

4º. Para operacións non incluídas no punto 3º, exhibirán nun lugar ben visible para o público un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica con información sobre la operación destacando a axuda do FEMPA. Cando o/a beneficiario/a sexa unha persoa física, na medida do posible, destacará a axuda do FEMPA nun lugar visible para o público ou mediante unha pantalla electrónica.

En calquera actuación incluirán, así mesmo, o logotipo da Xunta de Galicia.

O emblema da Unión empregarase de conformidade co anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1061, cando se realicen actividades de visibilidade, transparencia e comunicación.

h) Facer mención á orixe do financiamento e velar por darlle visibilidade, en particular, cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público en xeral, de conformidade co artigo 60 do Regulamento (UE) 2021/1139.

i) Conservar o rexistro documental e gráfico que avale o cumprimento das obrigas de comunicación e visibilidade, que estará á disposición das autoridades do Programa e da Comisión Europea.

j) Non concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades afectadas polas situacións referidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Cumprir coa normativa comunitaria, nacional e rexional vixente segundo a normativa sectorial que resulte de aplicación.

l) Respectar a Carta dos dereitos fmentais da Unión Europea. Ter en conta a promoción e igualdade entre mulleres e homes e non discriminación. Evitar calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual e ter en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, de ser o caso.

m) Aportar e actualizar a información relativa ao proxecto. Por elo, en consonancia co artigo 47 do Regulamento (UE) 2021/1139, do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004 (en diante, Refempa), os/as beneficiarios/as notificarán os valores dos indicadores de resultados pertinentes unha vez finalizada a operación e, como moi tarde, con ocasión da solicitude do derradeiro pagamento.

n) Colaborar coas distintas autoridades implicadas na xestión e o seguimento do FEMPA.

o) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

p) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se atopan ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

q) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

2. De acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente. Se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade con esta orde, os proxectos colectivos que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan por obxecto recuperar hábitats mariños e costeiros en favor de poboacións de especies de interese marisqueiro ou que contribúan a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños. Serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) Actuacións de restauración da biodiversidade.

b) Actuacións de restauración dos ecosistemas mariños incluídos bancos naturais, zonas de cría e reprodución das especies.

2. Non serán obxecto de subvención aqueles proxectos que non sexan técnica ou economicamente viables.

3. Non serán obxecto de subvención as accións que resulten financiables segundo outras liñas de axudas convocadas pola Consellería do Mar, nin os labores propios da actividade pesqueira ou marisqueira ordinaria nas zonas de actuación propostas no proxecto.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior:

a) Os de redacción do proxecto técnico cando este resulte exixible pola normativa aplicable e sempre que a actuación a que se refira resulte subvencionable.

b) Os de contratación de empresas, profesionais ou entidades prestadoras de servizos para realizar algunha das seguintes accións:

i. Limpezas, remocións ou emendas do substrato.

ii. Dragaxes, achegas ou traslados de áridos.

iii. Eliminación de obstáculos que modifican as correntes.

iv. Prevención, control e eliminación de especies exóticas invasoras.

v. Rareos, traslados ou sementeiras de especies marisqueiras.

vi. Outras actuacións que contribúan á consecución dos obxectivos da orde referidos no artigo anterior.

c) Os de adquisición de equipos e material necesario para desenvolver as accións descritas no punto anterior. Porén, e de conformidade co establecido no artigo 108 da Lei 32/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido (BOE do 29.12.1992), os que teñan un importe igual ou superior a 3.005,06 € serán considerados coma bens de investimento e, por tanto, non se subvencionarán.

d) Os de adquisición de semente de especies marisqueiras autóctonas, coas seguintes condicións:

d.1) Soamente se poderán sementar zonas onde se teña constatado un fallo no recrutamento natural das especies obxectivo, polo menos no último ano.

d.2) A semente deberá proceder exclusivamente de criadeiro.

d.3) En calquera caso, requirirase permiso de inmersión segundo o establecido no Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños.

e) Ata un 20 % do orzamento do proxecto poderá destinarse a labores de restauración da biodiversidade realizadas directamente polas persoas con permiso de explotación marisqueira en vigor asociadas da entidade solicitante, sempre que non sexan labores propias da actividade marisqueira ordinaria, de acordo co establecido no artigo 6.3.

O importe máximo da axuda concedida por persoa traballadora referida no parágrafo anterior será de 10 €/hora por efectivo.

2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos polo/a perceptor/a dunha subvención e que se axustan aos seguintes requisitos xerais:

a) Que se contraesen ao longo da duración da acción, coa excepción dos custes relativos a informes finais e certificados de auditoría.

b) Que fosen pagados pola persoa beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación, e respondan de maneira indubidable á natureza da operación subvencionada.

c) Que se consignasen no orzamento estimado total do proxecto.

d) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

e) Que sexan identificables e verificables, en particular que consten na contabilidade do beneficiario e se inscribiran de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do beneficiario en materia de gastos.

f) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

g) Que sexan razoables e xustificados e cumpran co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e relación custo/eficacia.

3. Consideraranse subvencionables os gastos realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 10 de setembro de 2025, sen prexuízo dos prazos que se fixen nas distintas ordes de convocatoria. A data límite enténdese, en todos os casos, sen prexuízo do número de anualidades que se estableza en cada resolución de concesión de axuda. Non obstante as operacións non se seleccionarán para recibir axuda do FEMPA se concluíron materialmente ou se executaron integramente antes de que o/a beneficiario/a presente a solicitude de axuda; para os ditos efectos, será necesario realizar un acta de comprobación previa por parte dos servizos da Consellería do Mar, en caso de investimentos materiais. A non realización de investimentos inmateriais con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda, demostrarase mediante a data da factura correspondente. A realización da acta de comprobación previa, en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para os contratos menores segundo o establecido no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 do novembro, de contratos del sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa xustificación ou, de ser o caso, coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. O beneficiario poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.

Artigo 8. Gastos non subvencionables

Non serán subvencionables os gastos relativos a:

a) Alugamentos.

b) Adquisición de terreos e inmobles.

c) Adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.

d) Adquisición de vestiario e equipamento persoal.

e) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo.

f) Gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.

g) Gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.

h) Imposto sobre o valor engadido (IVE), excepto cando non sexa recuperable e sexa custeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios que non teñan a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13, punto 1, parágrafo primeiro, da Directiva 2006/112/CE, do Consello, do 28 de novembro, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

i) Modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipamentos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento cuxo financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

k) Custos indirectos.

l) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 9. Importes e intensidade da axuda

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionable en cada unha das accións, de acordo co previsto na presente orde e segundo o indicado no Regulamento (UE) 2021/1139, do Parlamento Europeo e do Consello, no seu artigo 41. Non obstante, a intensidade da axuda estará condicionada ás dispoñibilidades orzamentarias. Se o importe das solicitudes presentadas superase o crédito orzamentario asignado a esta convocatoria, a intensidade da axuda poderá axustarase a estas limitacións orzamentarias, respectando, en todo caso, os principios da concorrencia competitiva.

A Comisión de Avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

2. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

3. Manterase a axuda pero minorarase na fase de pagamento se o investimento material realizado é, por causa debidamente motivada, de contía inferior á que se considerou subvencionable, e na mesma proporción.

4. O importe máximo subvencionable por proxecto será de 75.000 € (sen IVE).

Artigo 10. Compatibilidade da axuda

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que o mesmo gasto ou investimento non teñan financiamento parcial ou total procedente doutro fondo EIE ou instrumento financeiro comunitario, nin polo mesmo fondo conforme un programa ou medida diferente e, ademais, que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

Artigo 11. Prazos de presentación de solicitudes, de resolución e de execución

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Enténdese como último día do prazo o correspondente ao mesmo día ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, enténdese que o prazo expira o último día de mes. No caso de que o último día sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. De non esgotarse o crédito orzamentario, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución, na que se terán en conta as solicitudes que formen parte da lista de reserva a que se refire o artigo 21.2 desta orde.

4. Na presente convocatoria considéranse subvencionables os gastos realizados e facturados dentro do período de execución, sempre que se xustifique o seu pagamento nos prazos e conforme o sinalado no artigo 26. O prazo máximo de execución será ata o 4 de setembro de 2025.

5. Cada entidade solicitante non poderá presentar máis de dúas solicitudes; de facelo só se terán en conta as dúas primeiras, segundo a orde de entrada no Rexistro da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Forma de presentación de solicitudes e declaracións responsables

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que esta contén e na cal se fan constar os seguintes aspectos:

a) Que cumpren os requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que non se atopan en ningún dos supostos establecidos no punto 1, letras a) e b), e punto 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) 2021/1139, do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, é dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) nº 1224/2009.

2º. Non ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non ter cometido fraude, tal e coma se define no artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371, no contexto do FEMP ou do FEMPA, e así o determinase a autoridade competente.

c) Que non foi sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) Que cumpre coas obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou coas obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

e) Que non é unha empresa en crise segundo a definición e as condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).

f) Que comunica o conxunto de todas as solicitudes formuladas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes.

g) Que está ao corrente no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Que non iniciou a actuación ou o investimento antes da data de presentación da solicitude.

i) A condición de poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

A presentación da solicitude de subvención por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores por calquera medio ou rexistro dispoñible.

2. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante. Se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo cal se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Esta certificación non será necesaria se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos da entidade e así se indica na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

a.2) Se a entidade solicitante non é unha confraría de pescadores ou unha federación de confrarías, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o que se presentou.

b) Memoria do proxecto técnico ou anteproxecto valorado, que permita determinar a viabilidade do proxecto e realizar a súa valoración, conforme os criterios establecidos no artigo 18 desta orde.

Esta memoria deberá conter, polo menos:

b.1) Descrición das accións emprendidas pola entidade solicitante nos últimos dous anos dirixidas á mellora da xestión ou da produtividade das zonas explotadas, indicando o custo de cada unha delas e o grao de consecución dos obxectivos esperados.

b.2) Explicación das necesidades que se pretenden cubrir e obxectivos perseguidos.

b.3) Descrición das accións que se pretenden acometer.

b.4) Calendario de realización das accións previstas.

b.5) Plano de localización de todas as accións previstas no proxecto coas coordenadas xeográficas dos vértices, utilizando preferentemente o sistema de coordenadas xeográficas UTM (Universal Tranverse Mercator). No caso de non poder utilizar este sistema UTM, deberase indicar o sistema de referencia empregado.

b.6) Información relativa aos indicadores de resultados conforme o previsto no artigo 47.1 do RFEMPA.

b.7) Datos complementarios, necesarios para a valoración do proxecto.

Para a realización desta memoria do proxecto deberá utilizarse como modelo o modelo A: memoria do proxecto PE209B que pode consultarse na páxina web https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/proxectos-colectivos da Consellería do Mar.

No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas por separado. En todo caso, cada anualidade deberá ser una fase susceptible de producir efectos independentes.

c) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, no cal o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II e xunto coa documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).

Se é o caso, tamén se deberá acreditar a petición de tres ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.4 desta orde.

d) Copia de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas, segundo o caso, ou da xustificación de telos solicitado aos organismos correspondentes, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos e a súa posterior posta en produción.

e) No caso das solicitudes en que se proxecte a execución de accións en zonas incluídas nun plan de explotación e xestión conxunto con outras entidades, escrito de conformidade co proxecto dos demais cotitulares do plan.

2. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude o anexo III e a documentación adicional que nel se especifica:

a) Acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

b) Distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

c) Documentación sinalada nas alíneas a.1), a.2), b.1) e b.2) do punto 1 deste artigo por cada un dos solicitantes. A documentación referida nestas alíneas b.1) e b.2) débese incluír na memoria do proxecto técnico ou anteproxecto valorado.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade representante.

c) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Concesións de subvencións e axudas.

f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) NIF da entidade solicitante (anexo I).

h) NIF da entidade declarante (anexo III).

i) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

No caso de solicitudes conxuntas, esta consulta realizarase para cada una das entidades.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado do anexo I ou anexo III, segundo o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos acreditativos correspondentes.

Artigo 15. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario, poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 5, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento o servizo xestor poderalle requirir á entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 16. Órganos de instrución, xestión e resolución

1. A tramitación, instrución e xestión dos expedientes será realizada polo Servizo de Xestión de Proxectos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar.

O órgano instrutor elevará ao órgano concedente as propostas de inadmisión das solicitudes nas cales:

• A entidade solicitante non poida ser beneficiaria da axuda, xa sexa por incumprir o sinalado no número 1 do artigo 4 ou por concorrer nela algunha das circunstancias recollidas no número 2 do artigo 4.

• O proxecto presentado se atope na situación sinalada no número 2 do artigo 6.

• A totalidade das accións solicitadas non sexan obxecto de subvención conforme o establecido no numero 3 do artigo 6.

Estas solicitudes xa non pasarán á fase de avaliación.

Tamén elaborará e presentará á Comisión de Avaliación un informe de cualificación das solicitudes sobre o cumprimento dos requisitos establecidos nas bases reguladoras.

2. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.

Artigo 17. Comisión de Avaliación

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos á Comisión de Avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan nos artigos 18, 19 e 20. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A Comisión de Avaliación estará formada polos seguintes membros:

Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico Técnico.

Vogais: dúas persoas do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e unha por cada un dos seus departamentos territoriais, designadas pola Presidencia.

Un dos vogais da comisión exercerá a Secretaría da Comisión.

En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da comisión poderán ser substituídos por quen designe a Presidencia.

A Comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.

3. A Comisión de Avaliación terá a condición de órgano colexiado e o seu funcionamento rexerase segundo o recollido no título I, capítulo I, sección 3ª da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 18. Criterios de elixibilidade e avaliación

Conforme o sinalado no documento dos criterios de selección para a concesión de axudas do programa do FEMPA, para a valoración das solicitudes utilizaranse catro categorías de criterios de selección: xerais, horizontais, ambientais e sociais, específicos de viabilidade técnica e/ou económicos, e, por último, específicos por tipo de actividade. O peso atribuído a cada categoría de criterios para establecer a orde de prelación e a selección de proxectos será o seguinte:

Categoría dos criterios de selección

Peso

Xerais

30 %

Horizontais ambientais e sociais

20 %

Específicos de viabilidade técnica e/ou económicos

20 %

Específicos do tipo de actividade

30 %

A fórmula para o cálculo do valor da puntuación de cada categoría de criterios será a seguinte:

a) Criterios de selección xerais:

Vsx = (Po sx / Pmax sx) × 30

b) Criterios de selección horizontais:

Vsh = (Po sh / Pmax sh) × 20

c) Criterios de selección específicos, de viabilidade técnica e/ou económicos:

Vsvt = (Po svt / Pmax svt) × 20

d) Criterios de selección específicos do tipo de actividade:

Vsta = (Po sta / Pmax sta) × 30

Onde,

Vsx, Vsh, Vsvt e Vsta sería o valor dos criterios de selección xerais, horizontais, específicos de viabilidade técnica e/ou económicos e específicos do tipo de actividade, respectivamente.

Po sx, Po sh, Po svt e Po sta sería a puntuación obtida da operación subvencionable dos criterios de selección xeral, horizontais, específicos de viabilidade técnica e/ou económicos e específicos do tipo de actividade, respectivamente.

Pmax sx, Pmax sh, Pmax svt e Pmax sería a puntuación máxima dos criterios de selección xeral, horizontais, específicos de viabilidade técnica e/ou económicos e específicos do tipo de actividade, respectivamente.

Para ter en conta a ponderación, os criterios de selección xeral, horizontais, específicos de viabilidade técnica e/ou económicos e específicos do tipo de actividade, multiplicaríanse por 30, 20, 20 e 30, respectivamente.

Unha vez obtidas as valoracións de cada un dos criterios sinalados, para calcular a puntuación final (PF) de cada proxecto empregaríase a seguinte fórmula:

PF = Vsx + Vsh + Vsvt + Vsta

Artigo 19. Criterios de selección xerais

1. Os criterios de selección xerais aplicaranse a todas as actuacións. Teñen por obxecto asegurar que as operacións elixibles vaian dirixidas ao logro dos obxectivos definidos no programa do FEMPA para España.

A puntuación máxima dunha operación nesta epígrafe será de 10 puntos.

O seu detalle é o seguinte:

1.1. Contribución á estratexia DAFO e tipo de actividade do programa (0-6 puntos).

En relación coa puntuación global, debe obter coma mínimo un punto en cada un dos subcriterios, por elo o valor mínimo para unha operación financiable particular debe acadar un mínimo de 3 puntos e un máximo de 6.

1.1.1. Adecuación á estratexia (0-2 puntos).

Comprobarase se a actuación está prevista na estratexia, de acordo coas liñas descritas no punto 1 do programa do FEMPA para España, e se é unha operación da lista de operacións de importancia estratéxica (apéndice 3, programa do FEMPA para España).

Unha operación que non encaixa coa estratexia no marco do FEMPA obterá neste subcriterio unha puntuación 0 e, polo tanto, non será financiable.

1.1.2. Adecuación ao DAFO (0-2 puntos).

Revisarase se a operación achega, contribúe ou recolle algún dos aspectos do DAFO da ficha nº 19, medidas de protección do medio mariño dos criterios de selección para a concesión de axudas do programa do FEMPA.

No caso de que se mencione de forma expresa a unha necesidade do DAFO, poderase outorgar a máxima puntuación.

1.1.3. Adecuación ao tipo de actividade (0-2 puntos).

Comprobarase que a actuación estea contemplada no tipo de actividade da ficha nº 19 sinalada anteriormente, tendo en conta que as liñas xerais do Programa non é unha listaxe exhaustiva das accións que se poden levar a cabo neste tipo de actividade co apoio do documento de criterios de selección.

1.2. Contribución aos indicadores de resultado (0-2 puntos).

Neste criterio xeral valorarase o aporte da operación aos indicadores de resultado correspondentes.

De acordo co Programa, todos os tipos de actividade teñen asociado, polo menos, un indicador de resultado. Polo tanto, terase en consideración, por defecto, que todas as operacións contribuirán aos indicadores de resultado. Non obstante, existen algúns tipos de actividades que poden contribuír a dous ou máis indicadores de resultado.

1.3. Contribución a plans e programas (0-2 puntos).

Neste punto avaliarase o grao de adecuación da operación a plans, políticas ou compromisos nacionais e internacionais, así como a aqueles plans ou programas autonómicos, rexionais e/ou locais relacionados.

Os de ámbito nacional e internacional poderán ser os sinalados, de xeito indicativo, no documento de criterios de selección para a concesión de axudas do programa do FEMPA.

2. A aplicación dos criterios xerais de valoración das operacións ten carácter obrigatorio e servirá para determinar se a operación é apta/non apta para ser cofinanciada polo FEMPA, e polo tanto, pola presente convocatoria de axudas.

Os proxectos que non acaden unha puntuación superior a 4 puntos nos criterios de selección xerais serán considerados non aptos e quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, non procedendo, polo tanto, a súa valoración específica.

Artigo 20. Criterios de selección horizontais e específicos

1. Unha vez aplicados os criterios de selección xerais, a Comisión de Avaliación procederá á valoración dos proxectos considerados aptos segundo os criterios de selección horizontais e específicos, salvo que exista crédito suficiente na convocatoria para atender todos os gastos subvencionables neses proxectos.

2. Criterios de selección horizontais, ambientais e sociais (0-4 puntos).

Valorarase cada un dos bloques (ambiental e social) tendo en conta a cantos dos apartados de cada criterio da resposta o proxecto.

O seu detalle é o seguinte:

2.1. Aspectos ambientais (0-2 puntos).

Este punto valorarase, en todo caso, cun máximo de 2 puntos. Os aspectos que se valorarán serán os seguintes:

2.1.1. Contribución a espazos con figuras de protección ou a plans de conservación e/ou recuperación (parque nacional, zona especial conservación, Rede Natura 2000, áreas mariñas protexidas, reservas de interese pesqueiros, etc.) da superficie afectada, así como a afectación positiva e/ou recuperación de especies protexidas, especies vulnerables ou sobreexprotadas integradas en plans de xestión, e ao control e erradicación de especies exóticas invasoras (0-1 puntos).

2.1.2. Relación coas estratexias mariñas e contribución ao bo estado ambiental dos ecosistemas acuáticos (0-1 puntos).

2.1.3. Valor natural como zona de cría de peixes e moluscos (0-1 puntos).

2.2. Aspectos sociais (0-2 puntos).

Os aspectos que se valorarán serán os seguintes:

2.2.1. Afección do proxecto á pesca costeira artesanal (0-1 puntos).

2.2.2. Interese colectivo do proxecto (0-1 puntos).

3. Criterios de selección de viabilidade técnica e/ou económicos (0-13 puntos).

O seu detalle é o seguinte:

3.1. Criterios de viabilidade técnica (0-13 puntos).

3.1.1. Relevancia e necesidade do proxecto (0-3 puntos).

3.1.1.a. Relevancia do proxecto. Valorarase se o investimento é de importancia xeral para as zonas obxecto do proxecto (0-1 puntos).

3.1.1.b. Necesidade do proxecto. Valorarase se o obxectivo do proxecto comprende accións de mellora dunha área cunha problemática importante respecto ao obxecto desta orde no eido da entidade solicitante. Se hai constatación da problemática nos dous últimos anos: 1 punto; constatación da problemática nun período de máis de dous anos: 2 puntos.

3.1.2. Calidade, detalle e coherencia da memoria do proxecto, orzamento e cronograma, así como a calidade científico-técnica do proxecto cando sexa pertinente (0-6 puntos).

3.1.3. Concreción dos obxectivos do proxecto (0-1 puntos).

Valorarase se se concretan axeitadamente os obxectivos do proxecto na memoria.

3.1.4. Traxectoria, capacidade técnica e de xestión do beneficiario (0-3 puntos).

3.1.4.a. Traxectoria do beneficiario. Valorarase a execución do/dos proxecto/s en que participou a entidade dentro do procedemento PE209B, no período 1.7.2021 a 30.6.2023. Para iso calcularase a porcentaxe de axuda xustificada con respecto á que se lle concedeu inicialmente (0-1 puntos).

3.1.4.b. Capacidade técnica do beneficiario. Valorarase se o solicitante ten persoal técnico suficiente para o desenvolvemento das actividades sinaladas nas bases reguladoras desta axuda e na memoria do proxecto que presentan (0-1 puntos).

3.1.4.c. Capacidade de xestión do beneficiario. Valorarase se o solicitante goza da infraestrutura administrativa e o equipamento necesario para levar a termo o proxecto presentado con suxeición ás bases reguladoras da convocatoria (0-1 puntos).

4. Criterios específicos dos tipos de actividade (0-5 puntos).

Dentro deste criterio valoraranse os seguintes aspectos:

4.1. Coordinación entre distintos participantes (0-3 puntos).

Valoraranse con 0 puntos as actuacións solicitadas nas que participe unha única entidade, 1 punto nas que participen 2 entidades e 3 puntos nas que participen 3 ou máis entidades.

4.2. Especies ás que afectan os plans de xestión e explotación (0-2 puntos).

Artigo 21. Proposta de resolución

1. Logo de deliberación, a Presidencia da Comisión de Avaliación formularalle ao órgano concedente a proposta de resolución que indicará, de xeito individualizado, os beneficiarios, os proxectos seleccionados e as accións para as que se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola comisión, non acadasen a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 3 paragrafo 3º, emitirase unha nova proposta na que se terán en conta a solicitudes da listaxe de reserva.

3. A Comisión de Avaliación poderá:

– Propoñer a non concesión ou minoración da axuda cando o custo proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado. Para estes efectos a Comisión de Avaliación poderá requirir a achega da valoración dos investimentos solicitados, efectuada mediante un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, sendo por conta do beneficiario os gastos que se ocasionen.

– Establecer, en vista das solicitudes presentadas, límites máximos de investimento subvencionable.

Artigo 22. Resolución

En vista da proposta de resolución, e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas. Esta resolución deberá ditarse dentro do ano orzamentario 2024.

Artigo 23. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme ao anexo IV. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada.

A aceptación da axuda, sexa de forma tácita ou expresa, implicará:

a) A autorización da inclusión da operación subvencionada na lista de operacións seleccionadas para recibir axudas do FEMPA, consonte o sinalado no artigo 49, puntos 3 e 5, do Regulamento (UE) 2021/1060.

b) A autorización do uso de materiais de comunicación e visibilidade da UE, previa solicitude, e a posibilidade de utilizalos sen que supoña custos adicionais significativos ou carga administrativa significativa para os beneficiarios nin para os órganos xestores.

Artigo 24. Recursos

As resolucións, expresas ou presuntas, que recaian ao abeiro desta orde, poñerán fin á vía administrativa e, contra elas, poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a persoa titular da conselleira do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo o caso.

Artigo 25. Modificacións

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente, e deberá ser posta en coñecemento deste, sempre con anterioridade á súa realización e antes de rematar o prazo de xustificación correspondente.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Non se poderá aprobar ningunha modificación que implique unha minoración de máis do 50 % da axuda concedida nin que supoña un reaxuste de anualidades de máis do 50 % da axuda concedida.

Artigo 26. Xustificación e pagamento

1. Con carácter xeral, agás que as ordes de convocatoria posteriores fixen outro prazo, os gastos correspondentes deberán pagarse e xustificarse antes do 10 de setembro de cada anualidade.

Estes prazos poderán prorrogarse, por causas debidamente motivadas, por resolución expresa do órgano concedente, de oficio ou logo de solicitude do beneficiario. No caso de solicitude por parte do beneficiario, esta deberá ser presentada cunha antelación de, polo menos, 10 días hábiles con respecto ao prazo límite de xustificación.

A ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación non poderá exceder da metade deste, sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiro.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación que se sinala a seguir, indicando o número de expediente da resolución de concesión da subvención, no prazo establecido no parágrafo anterior:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as que se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

a.1) Informe técnico no que se describa a realización das accións indicando a localización e coordenadas de todas as actuacións executadas (dragaxes, arados, etc.), así como as unidades de superficie rexenerada, volume de sedimento emendado e/ou número de individuos de especies autóctonas sementadas, segundo proceda. Incluiranse tamén os datos e incidencias máis significativas na súa execución, con reportaxe fotográfica cando sexa procedente, con especial referencia aos obxectivos acadados.

No caso de que fosen realizadas tarefas de rexeneración por persoas titulares de permisos de explotación vinculados á entidade solicitante, o informe conterá una descrición dos traballos realizadas por estas incluíndo, relación de persoas, horas de traballo realizadas e superficie rexenerada por este medio.

No caso de pagamento final proporcionarase información sobre os indicadores de resultados conforme ao previsto no artigo 47.1 do RFEMPA.

Deberá utilizarse como modelo o modelo B: avaliación final PE209B, que pode consultarse na páxina web https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/proxectos-colectivos da Consellería do Mar.

a.2) Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE.

a.3) Facturas correspondentes aos custos sinalados na relación, detalladas ao máximo posible e, polo menos, co mesmo nivel de desagregación dos investimentos que figuren na resolución de outorgamento da axuda, incluindo as destinadas a persoas referidas no artigo 7, parágrafo 1, punto e).

a.4) Extractos das contas, ordes de transferencia ou certificacións bancarias, que xustifiquen a efectiva realización dos gastos e, se é o caso, importe, procedencia e aplicación dos fondos propios ás actividades subvencionadas. Só se admitirán pagamentos por transferencia bancaria.

b) No caso de opoñerse expresamente á súa obtención polo órgano xestor: certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT, no pagamento á Seguridade Social e no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) No caso de proxectos solicitados conxuntamente por varias entidades, documento formalizado ante o órgano de xestión no cal se recollan os compromisos que correspondan a cada unha delas, así como o nomeamento de apoderado único.

d) Documentos de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos.

e) No caso das persoas referidas no artigo 7, parágrafo 1, alínea e), certificación do responsable de persoal da entidade especificando as horas efectivamente traballadas por cada persoa mariscadora.

3. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, así como unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario, conforme o anexo V.

4. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda, como aos xustificantes de gasto presentados. Para estes efectos, a entidade beneficiaria deberá comunicar, cun mínimo de 48 horas de antelación, a realización das actividades subvencionadas ao servizo correspondente da Consellería do Mar.

5. Poderán presentarse xustificacións parciais á medida que se vaian executando as accións. O importe conxunto dos pagamentos parciais e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá superar o 80 % do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade, e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención. Os pagamentos parciais están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 28. Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

6. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumprise cos requisitos exixidos estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 37 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. No caso de que o beneficiario teña a condición de poder adxudicador, nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, achegará a documentación relacionada co proceso de contratación.

Artigo 27. Pagamento anticipado

Mediante resolución motivada do órgano concedente e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 28. Así mesmo, están suxeitos ao prazo de xustificación fixado no artigo 26 desta orde dentro do ano do seu libramento.

Artigo 28. Garantías

1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos á conta, de acordo cos artigos 65 e seguintes do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.

b) Pagamentos parciais que excedan os 18.000 euros.

Os importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

2. A garantía depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia e deberá acadar, como mínimo, ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda. Constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que for o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

De acordo co artigo 67.4 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, por razóns xustificadas e por petición do beneficiario, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar a constitución da garantía por importe inferior ao antes indicado ou eximir da obriga de constituíla.

4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

Artigo 29. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e dos xuros de mora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de cumprimento parcial relativo á actividade subvencionada, procederase á redución proporcional da subvención concedida ou aboada.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe que se vai reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación de posibles incumprimentos das condicións impostas co motivo da concesión das subvencións:

a) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.1.b) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas fosen incompatibles, dará lugar ao reintegro total da axuda concedida e dos xuros de demora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

b) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.1.b) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento xunto cos xuros de demora, conforme o establecido no artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 5.1.g) dará lugar a un reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou unha codificación contable adecuada, segundo o establecido no artigo 5.1.e), dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

2. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 30. Infraccións e sancións

As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 32. Publicidade

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido nos artigos 15 da Lei de subvencións de Galicia e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da paxina web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal/) a relación de beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 33. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 34. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei, á cal se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 35. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados, total ou parcialmente, con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria, poderá poñer os ditos feitos no coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, que se pode consultar no enderezo web https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-es/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Disposición adicional primeira

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo).

Disposición adicional segunda

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2024

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file