DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 10 de xullo de 2024 Páx. 41714

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorga autorización administrativa previa e de construción da modificación da central hidroeléctrica de Maceira que Central Eléctrica Maceira, S.L. promove no concello de Covelo.

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Central Eléctrica Maceira, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da modificación da central hidroeléctrica de Maceira, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 22 de febreiro de 1988, a Delegación Provincial da Consellería de Industria, Comercio e Turismo de Pontevedra emitiu a acta de posta en marcha da central hidroeléctrica de Maceira situada no concello de Covelo (Pontevedra), a cal foi autorizada o 15 de maio de 1987, coas seguintes características principais:

• Turbina Vevey nº 2.055, salto neto nominal 48 m, caudal m × 1,3 m3/seg, potencia nominal 547 kW, velocidade 1.000 rpm.

• Alternador Alcanza nº 1748622, asincrónico, tipo D-4000L2-6, 525 kW 380 V 1.009 rpm cos φ = 0,89, 50 Hz , Aisl. el F.

• Aparellaxe:

– Seccionador saídas Piñeiro e La Graña Metran NERB BA224-4, 24 kV 400 A.

– Interruptor Metron tipo F24 saída grupo, ISODEL RID5s 17,5/23 kV 400 A.

– Transformador principal OASA tipo 800/24, de 800 kVA RT 380/15-20 kV nº 28.714, servizos auxiliares Siemens KOU 165/20, de 30 kVA nº LCL 72204.

• Proteccións:

– Sobretensións 3 xogos de saídas a Ponteareas, Piñeiro e La Graña ION Valve 24 kV.

– Transformador lado AT fusibles 24 kV 40 A, do grupo Siemens Simatic S5 en cadro mando e interruptor.

– Transformador lado B.T. int. Metrón, batería condensadores.

• Instalacións posta a terra.

Segundo. Con data do 26 de xuño de 1996, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu inscribir a central hidroeléctrica de Maceira situada no concello de Covelo (Pontevedra) no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido no Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, a nome de Central Eléctrica Maceira, S.L. cunha potencia de 547 kW outorgándolle o número de rexistro RE-96-24.

Terceiro. Con data do 8 de marzo de 2023 Central Hidroeléctrica Maceira, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e de construción da modificación da central hidroeléctrica de Maceira situada no concello de Covelo (Pontevedra).

Cuarto. Con data do 4 de abril de 2023, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Pontevedra remitiu ao Servizo Provincial de Patrimonio Natural de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), á Confederación Hidrográfica del Miño-Sil, O.A., ao concello de Covelo, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e á Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural, respectivamente, unha separata do proxecto técnico da renovación da central hidroeléctrica de referencia co fin de que se formule o condicionado técnico procedente de acordo co recollido no artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Quinto. Con data do 19 de abril de 2023 o concello de Covelo emitiu un informe desfavorable en resposta á remisión por parte da xefatura territorial da separata mencionada no antecedente de feito cuarto indicando que a documentación achegada é incompleta ao non incluír as autorizacións sectoriais correspondentes. O 21 de abril de 2023 deuse traslado á empresa promotora do citado informe.

Sexto. Con data do 12 de maio de 2023 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural emitiu un informe en resposta á remisión por parte da xefatura territorial da separata mencionada no antecedente de feito cuarto no cal se recolleu principalmente:

«Revisada a separata do proxecto, a memoria ambiental deste e segundo os datos existentes no Rexistro de Montes Veciñais de Pontevedra, parte das obras (plataformas, vías de acceso e tubaxes) afectan terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Maceira, en solo clasificado segundo o Plan xeral de ordenación municipal do concello de Covelo, como solo rústico común (Ordenanza 6).

A Comunidade de Montes de Maceira presenta un proxecto de ordenación vixente con nº de rexistro 3600079-01 nunha superficie de 663 ha, e cun cuartel protector de frondosas na zona de afección das dúas plataformas de montaxe e vías de acceso».

Así mesmo, a resolución recolleu medidas protectoras e correctoras sobre as especies de arboredo autóctono, conservación do solo nas superficies ocupadas e para evitar os procesos erosivos e de arrastre de sedimentos.

O 15 de maio de 2023 deuse traslado á empresa promotora do citado informe.

Sétimo. Con data do 22 de maio de 2023 a empresa promotora presentou unha alegación en relación co informe desfavorable emitido polo concello de Covelo citado no antecedente de feito quinto. O 24 de maio de 2024 remitiuse ao concello de Covelo unha copia da mencionada alegación sen que este achegue resposta.

Oitavo. Con data do 29 de maio de 2023 o Servizo Provincial de Patrimonio Natural de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda emitiu un informe en resposta á remisión por parte da xefatura territorial da separata mencionada no antecedente de feito cuarto no cal se recolleu:

«1. O proxecto queda fóra do ámbito de protección da Rede Natura 2000, así como doutros espazos naturais protexidos recollidos na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

2. As obras están dentro da zona de distribución potencial do sapoconcho común (Emysorbicularis), aínda que non está descrita a presenza desta especie na zona.

3. Na zona do proxecto non hai descritos hábitats de interese comunitario.

E, por tanto, non se prevén alteracións importantes do medio que afecten espazos ou especies protexidos nin hábitats de interese comunitario coa execución do proxecto.

Porén, dada a proximidade da zona especial de conservación (ZEC) río Tea, deberán tomarse cantas medidas sexan necesarias para evitar a chegada de calquera material de obra á ZEC».

O 30 de maio de 2023 deuse traslado á empresa promotora do citado informe.

Noveno. Con data do 31 de maio de 2023 a empresa promotora manifestou a aceptación do recollido no informe emitido polo Servizo Provincial de Patrimonio Natural de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda citado no antecedente de feito oitavo.

Na mesma data a empresa promotora manifestou a aceptación do recollido no informe emitido polo Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural citado no antecedente de feito sexto, indicando a súa intención de acadar un acordo coa Comunidade de Montes de Maceira para o arrendamento por tempo definido dos terreos que ocupará durante a realización das obras (plataformas e vías de acceso á tubaría forzada). De non acadar o devandito acordo, iniciarase un expediente de ocupación temporal ante o Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural.

Décimo. Con data do 16 de xuño de 2023 o concello de Covelo emitiu un novo informe no cal se establecen as condicións, as obras e instalacións para realizar nomeadas a seguir:

«1. Non poderán modificarse as rasantes lonxitudinais e transversais orixinais nin os peches existentes.

2. Deixaranse os camiños nas condicións iniciais ás existentes antes das obras.

3. Adoptaranse as necesarias medidas de seguridade e sinalización nas vías mentres duren as obras.

4. Amortecerase en todo o posible o impacto das obras para executar sobre a contorna no relativo a fauna, flora e terreo natural. En caso de atravesar zonas doutras afeccións tales como hidrográfico, estradas, etc., deberá solicitar autorización ao organismo sectorial correspondente.

5. As construcións auxiliares que se realizarán, tales como centros de transformación, almacéns ou outras, deberán situarse nos lugares que permitan unha maior integración coa contorna. Adoptaranse todas as medidas necesarias, en canto a plantación de vexetación autóctona ou enterramento de elementos, que supoñan un amortecemento do impacto sobre a paisaxe natural».

Así mesmo, o citado informe recolle que deberán obterse as autorizacións sectoriais correspondentes ao atoparse as obras da tubaría forzada dentro do ámbito das seguintes afeccións:

«–Patrimonio cultural, xacemento arqueolóxico da Cidade de Maceira, GA 36013018.

– Protección de canles, Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

– Estradas, Organismo de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra EP-5105».

O 14 de xullo de 2023 deuse traslado á empresa promotora do citado informe.

Undécimo. Con data do 20 de xuño de 2023 á Confederación Hidrográfica del Miño-Sil, O.A. emitiu un informe en resposta á remisión por parte da xefatura territorial da separata mencionada no antecedente de feito cuarto no cal se recolle:

«Polo exposto, esta Confederación Hidrográfica non ten inconveniente en que por parte dese organismo, se continúe coa tramitación da solicitude de referencia, sempre que á dita aprobación do proxecto da instalación indicada estea condicionada á solicitude de autorización das obras e instalacións epigrafadas por parte de Central Eléctrica Maceira, S.L., actualmente en tramitación, e a súa correspondente resolución de autorización por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, de acordo co establecido no lexislación de augas, en que se establecerá o condicionado técnico correspondente».

O 23 de xuño de 2023 deuse traslado á empresa promotora do citado informe.

Duodécimo. Con data do 26 de xuño de 2023 a empresa promotora manifestou a aceptación do recollido no informe emitido pola Confederación Hidrográfica del Miño-Sil, O.A. citado no antecedente de feito undécimo.

Décimo terceiro. Con data do 18 de xullo de 2023 a empresa promotora manifestou a aceptación do recollido no informe emitido pola concello de Covelo citado no antecedente de feito décimo, sempre que se teña en conta o seguinte:

«Que, o citado informe contén un erro na descrición das afeccións, pois indícase que a estrada afectada polo proxecto é a EP-5105; competencia da Deputación de Pontevedra, cando en realidade é a PO-255; competencia da Axencia Galega de Infraestruturas, Xunta de Galicia. III...».

O 19 de xullo de 2023 deuse traslado áo concello de Covelo da resposta do promotor descrita anteriormente para que, no prazo de quince días, mostre a súa conformidade ou reparos á citada contestación de acordo co recollido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, sen que o devandito remita contestación polo que se entende a súa conformidade coa resposta efectuada.

Décimo cuarto. Con data do 21 de setembro de 2023 o Servizo de Coordinación Cultural da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en resposta á remisión por parte da xefatura territorial da separata mencionada no antecedente de feito cuarto, resolveu autorizar a modificación da central hidroeléctrica de Maceira non presentándose ningún condicionado.

O 21 de decembro de 2023 deuse traslado á empresa promotora da citada resolución.

Décimo quinto. Con data do 6 de outubro de 2023 a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) resolveu autorizar a Central Eléctrica Maceira, S.L., no que respecta á competencia sectorial en materia de estradas, a execución das obras de mantemento dun treito de tubaxe subterránea, comprendidas no proxecto «Renovación da central hidroeléctrica Maceira», afectando a estrada PO-255, no punto quilométrico 29+580, no concello de Covelo, establecendo, así mesmo, unha serie de condicionados.

Décimo sexto. Con data do 9 de xaneiro de 2024 a empresa promotora manifestou a aceptación do recollido na resolución emitida polo Servizo de Coordinación Cultural da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades citado no antecedente de feito décimo cuarto.

Décimo sétimo. Con data do 23 de decembro de 2023 requíreselle a Central Hidroeléctrica Maceira, S.L. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A empresa achegou a documentación requirida con data do 10 de xaneiro de 2024.

Décimo oitavo. Con data do 25 de setembro de 2023, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación de Pontevedra informou que non se observa impedimento para a continuación do procedemento de autorización previa e de construción das instalacións definidas no proxecto denominado «Renovación da central hidroeléctrica de Maceira» situado no concello de Covelo (Pontevedra), asinado o 7 de marzo de 2023 polo enxeñeiro de camiños, C. e P. José Ángel Núñez Ares, colexiado nº 9373 do CICCP.

Décimo noveno. A modificación da central hidroeléctrica de referencia conta cun certificado emitido o 28 de decembro de 2023 pola empresa titular da rede de distribución á cal verte a enerxía producida no cal se recolle que a citada central conta con dereitos e acceso e conexión vixentes para unha capacidade de 547 kW.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, de 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, correspondéndolle, neste caso, o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. A modificación da central hidráulica de Maceira non precisa someterse a trámite de avaliación ambiental ao non atoparse establecida nos supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Cuarto. Segundo o recollido no artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, así como na súa disposición transitoria cuarta, a modificación da central hidráulica de Maceira está exenta do trámite de información pública, así mesmo, o promotor non solicitou a declaración de utilidade pública.

Quinto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, de 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Central Eléctrica Maceira, S.L. para a modificación da central hidráulica de Maceira situada no concello de Covelo (Pontevedra) segundo o correspondente proxecto.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción para a modificación da central hidráulica de Maceira situada no concello de Covelo (Pontevedra) segundo o proxecto de execución denominado «Renovación central hidroeléctrica Maceira» asinado o 7 de marzo de 2023 polo enxeñeiro de camiños, C. e P. José Ángel Núñez Ares, colexiado nº 9373 do CICCP.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Central Eléctrica Maceira, S.L.

Denominación do proxecto: «Renovación da central hidroeléctrica de Maceira»

Concello afectado: Covelo (Pontevedra).

Potencia instalada evacuable: mantense a potencia instalada evacuable autorizada inicialmente de 547 kW.

Produción neta anual estimada: 3.072,75 MWh/ano.

Orzamento (execución material): 780.236,16 €.

Características técnicas recollidas no proxecto:

• Renovación total do tramo aéreo da tubaría forzada existente, mantendo os bloques de formigón de apoio da tubaría. O tramo soterrado mantense na súa totalidade.

• Equipamiento electromecánico: substitución do turbogrupo e equipamentos auxiliares, incluíndo todo o conexionado e cables eléctricos. A unidade de xeración a instalar será de eixo horizontal composta por unha turbina Francis e un xerador síncrono (o existente é un xerador asíncrono), para unha potencia da turbina de 547 kW e unha potencia do xerador de 780 kVA (547 kW cun factor de potencia de 0,80 determina un xerador mínimo de 658 kVA, polo que se proxecta un xerador de potencia normalizada de 780 kVA).

• Transformador de potencia: transformador de 400 V (tensión de xeración) a 20.000 V (tensión de interconexión), cunha potencia nominal de 800 kVA.

• A renovación do equipamento de 20 kV non é obxecto deste proxecto.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referidos no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto, será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Dirección Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación, de acordo co establecido no artigo 49 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, perante a Dirección Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, co fin de que esta proceda a efectuar a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Central Eléctrica Maceira, S.L. e dos condicionados impostos nesta resolución para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de catro meses contados a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se, transcorrido o dito prazo, aquela non tivo lugar, poderá producirase a caducidade destas autorizacións.

6. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

7. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2024

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático