DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Martes, 9 de xullo de 2024 Páx. 41226

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 27 de xuño de 2024 pola que se aproba o Plan da inspección de servizos sanitarios para o período 2024-2027.

No capítulo III do título II da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, regúlanse as intervencións públicas que garanten os dereitos e os deberes da cidadanía, e no seu artigo 33 recoñécese o carácter de autoridade sanitaria ao persoal ao servizo da Administración autonómica e local que desenvolva actividades de inspección no exercicio das funcións que ten encomendadas.

O Decreto 144/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, atribúe, nos artigos 4.2.b) e 9, á Secretaría Xeral Técnica a función de inspección, a través da Subdirección Xeral de Inspección de Servizos Sanitarios, que a exercerá sobre todos os centros, servizos e establecementos sanitarios e prestacións sanitarias de titularidade pública ou privada da Comunidade Autónoma de Galicia.

No capítulo V, en concreto no artigo 23, do Decreto 53/2014, do 16 de abril, de ordenación da Inspección de Servizos Sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, establécese que a Inspección de Servizos Sanitarios planificará o desenvolvemento das súas actividades mediante de plans e programas de inspección, elaborados cunha periodicidade mínima de tres anos, de acordo cos obxectivos establecidos pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade. O plan será aprobado pola persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade, por proposta do centro directivo que teña atribuída a competencia en materia de inspección.

As liñas estratéxicas básicas de actuación dos efectivos da Inspección de Servizos Sanitarios recóllense no Plan de inspección, e establécense nel os programas e obxectivos que se desenvolverán en cumprimento das funcións que teñen encomendadas en relación co control das prestacións sanitarias, a tutela e garantía dos dereitos sanitarios da cidadanía, o control das prestacións do Sistema de Seguridade Social, as actuacións en materia de responsabilidade patrimonial e en materia de medicamentos e produtos sanitarios.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Obxecto

Aprobar o Plan da inspección de servizos sanitarios para o período 2024-2027.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2024

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Plan da inspección de servizos sanitarios para o período 2024-2027

1. Liñas de actuación.

As liñas de actuación da Inspección de Servizos Sanitarios para o período 2024-2027 son:

I. Avaliación e seguimento das prestacións sanitarias.

II. Tutela e garantía dos dereitos sanitarios dos/das pacientes e persoas usuarias.

III. Inspección e avaliación de centros, establecementos, servizos sanitarios.

IV. Inspección e avaliación da incapacidade temporal e outras prestacións sanitarias do Sistema de Seguridade Social.

V. Xestión e análise da responsabilidade patrimonial da Administración por danos derivados da asistencia sanitaria.

VI. Actuacións en materia disciplinaria: tramitación das informacións previas e expedientes disciplinarios ao persoal estatutario ou funcionario con funcións asistenciais no Servizo Galego de Saúde.

VII. Actuacións en materia sancionadora: tramitación das informacións previas e procedementos sancionadores aos centros, servizos e establecementos sanitarios.

VIII. Actuacións en materia de medicamentos e produtos sanitarios.

Para cada un dos programas de inspección establécense cales son os obxectivos que este desenvolverá, as accións que se van levar a cabo e os ámbitos de actuación sobre os cales se proxectarán as actividades que se van realizar.

2. Accións e ámbito das diferentes liñas de actuación.

I. Avaliación e seguimento das prestacións sanitarias.

Accións:

• Avaliación da xestión do transporte sanitario: verificar o cumprimento dos requisitos exixidos e as garantías de asistencia prestada en condicións de seguridade para o usuario de acordo coa normativa en vigor.

Ámbito de actuación: transporte sanitario terrestre.

• Avaliación e seguimento da prestación farmacéutica.

– Avaliación das sospeitas de desviacións na prescrición de medicamentos e produtos sanitarios.

Ámbito de actuación: prescricións de medicamentos e produtos sanitarios realizadas polos facultativos, así como a súa dispensación polas oficinas de farmacia.

– Control e seguimento da dispensación e facturación de receitas polas oficinas de farmacia: revisión das receitas en formato papel e das receitas electrónicas, presentadas para a facturación e que poidan estar incursas en causas de devolución.

Ámbito de actuación: oficinas de farmacia.

II. Tutela e garantía dos dereitos sanitarios dos/das pacientes e persoas usuarias.

II.I. Informes sobre denuncias e reclamacións presentadas polos/as cidadáns/ás en relación coa asistencia sanitaria, condicións de autorización, funcionamento dos centros, establecementos e servizos sanitarios.

Accións:

• Investigación e elaboración de informes derivados de denuncias e reclamacións relativas a dereitos que teñen os cidadáns en materia sanitaria e sobre as condicións de autorización e funcionamento dos centros, establecementos, servizos.

Ámbito de actuación: denuncias e reclamacións que presentan os usuarios.

II.II. Auditoría dos accesos á historia clínica.

Accións:

• Auditar o acceso e uso de información contida na historia clínica electrónica por parte do persoal médico avaliador do INSS.

Ámbito de actuación: accesos de médicos avaliadores das direccións provinciais do INSS.

III. Inspección e avaliación de centros, establecementos, servizos sanitarios.

III.I. Programas de auditoría de xestión de centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde:

Accións:

• Acreditación hospitalaria: verificar cumprimento de estándares e indicadores definidos.

• Avaliación da xestión que se leva a cabo sobre as reclamacións presentadas polos usuarios do Sistema Público de Saúde.

• Auditoría de listas de espera cirúrxica e diagnóstica: análise da lista de espera no relativo a intervencións cirúrxicas de prótese de cadeira e/ou xeonllo e valoración da súa adecuación ao protocolo clínico de inclusión.

• Control dos procesos de desinfección e esterilización nos servizos odontolóxicos dos centros de saúde.

Ámbito de actuación: centros sanitarios e unidades de saúde bucodental dos centros de saúde.

III.II. Programas de auditoría de xestión de centros sanitarios privados e centros sanitarios privados concertados co Servizo Galego de Saúde:

III.II.1. Programa de inspección de centros e servizos sanitarios privados.

Accións:

• Revisión do cumprimento de requisitos técnico-sanitarios nos servizos sanitarios autorizados con oferta asistencial de medicina estética.

• Avaliación do cumprimento das garantías mínimas na produción do plasma rico en plaquetas (PRP): verificación dos requisitos técnicos e de garantías de calidade, para a técnica cerrada e técnica aberta de obtención de PRP.

• Inspección das unidades sanitarias dos servizos de prevención.

• Verificación e avaliación dos requisitos de calidade dos centros, unidades e servizos que utilicen substancias de orixe humana:

– Inspección e avaliación das unidades asistenciais de reprodución humana.

– Inspección e avaliación das actividades realizadas coa utilización de células e tecidos humanos.

– Inspeccións á Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS).

Ámbito de actuación: centros, unidades e servizos sanitarios de Galicia.

III.II.2. Programas que se realizarán nos centros sanitarios: hospitais privados e centros concertados.

Accións:

• Visitas de auditoría e verificación do cumprimento de estándares e indicadores definidos en centros hospitalarios privados.

Ámbito de actuación: centros hospitalarios privados e centros concertados.

IV. Inspección e avaliación da incapacidade temporal e outras prestacións sanitarias do Sistema de Seguridade Social.

IV.I. Xestión e control dos procesos de incapacidade laboral e análise da demora asistencial na poboación xeral.

Accións:

• Citación presencial dos traballadores con procesos derivados de patoloxía osteoarticular: lumbalxia e lumbociatalxia.

• Analizar e valorar a demora asistencial dos procesos de lumbalxia e lumbociatalxia que se remiten desde a atención primaria á atención hospitalaria.

• Avaliación da demora en acceso a probas complementarias (TAC/RNM) solicitadas polo especialista de traumatoloxía dos procesos que se citen por lumbalxia e lumbociatalxia.

• Avaliación das propostas de alta das mutuas colaboradoras coa Seguridade Social.

• Análise da tramitación de sospeitas de enfermidade profesional.

Ámbito de actuación: poboación activa en situación de IT.

IV.II. Programa de control da situación de incapacidade temporal en colectivos con elevado índice de absentismo:

Accións:

• Analizar as solicitudes formuladas por empresas e valoración do proceso e, en caso de superar a duración estándar, citación presencial dos pacientes nas unidades de Inspección e Control de Saúde Laboral.

Ámbito de actuación: colectivos con elevado índice de absentismo e que superen a duración estándar.

IV.III. Apoio na xestión da prestación da incapacidade temporal. Colaboración co persoal médico de atención primaria na xestión dos procesos de incapacidade temporal e no seu seguimento.

Accións:

• Formación ao persoal médico de atención primaria nas novidades normativas de xestión e seguimento dos procesos de incapacidade temporal.

• Información ao persoal médico de atención primaria para seguimento da evolución da prestación de incapacidade temporal en Galicia, a través dos indicadores de incidencia, prevalencia, duración media e taxa global de absentismo.

• Seguimento da evolución dos procesos de incapacidade temporal conxuntamente co persoal médico prescritor.

• Apoio na xestión dos procesos de incapacidade temporal.

Ámbito de actuación: persoal médico de atención primaria.

IV.IV. Xestión na tramitación de expedientes de tráfico:

Accións:

Tramitar os informes sobre aptitudes psicofísicas en relación coas autorizacións administrativas para conducir.

Ámbito de actuación: solicitudes realizadas polas xefaturas provinciais de Tráfico.

V. Xestión e análise da responsabilidade patrimonial da Administración por danos derivados da asistencia sanitaria.

Accións:

• Elaboración de informes propostas na tramitación dos expedientes de responsabilidade patrimonial no prazo establecido.

• Estudo anual da casuística dos expedientes, reclamación e ditames de responsabilidade patrimonial.

• Análise dos expedientes de responsabilidade patrimonial: repercusión nos servizos asistenciais e custo dos procedementos no Servizo Galego de Saúde. Traslado dos resultados á Xerencia do Servizo Galego de Saúde e ás xerencias das áreas sanitarias.

Ámbito de actuación: reclamacións patrimoniais por danos derivados de asistencia sanitaria.

VI. Actuacións en materia disciplinaria: tramitación das informacións previas e expedientes disciplinarios ao persoal estatutario ou funcionario con funcións asistenciais no Servizo Galego de Saúde:

Accións:

• Realización de investigacións previas e proposta de inicio de expedientes disciplinarios.

• Instrución dos expedientes disciplinarios.

• Elaboración de acordos, de informes, de resolución de incidencias, de resolucións e de resolucións dos recursos presentados.

Ámbito de actuación: investigacións previas e expedientes disciplinarios do persoal estatutario ou funcionario con funcións asistenciais do Servicio Galego de Saúde.

VII. Programa de actuacións en materia sancionadora: tramitación das informacións previas e procedementos sancionadores aos centros, servizos e establecementos sanitarios.

Accións:

• Realización de investigacións previas e proposta de inicio de procedementos sancionadores.

• Instrución dos procedementos sancionadores.

• Elaboración de acordos, de informes, de resolución de incidencias, de resolucións e de resolucións dos recursos presentados.

Ámbito de actuación: investigacións previas e expedientes sancionadores sobre centros, servizos e establecementos sanitarios.

VIII. Actuacións en materia de medicamentos e produtos sanitarios.

VIII.I. Verificación e control dos requisitos e especificacións científico-técnicas nos procesos de fabricación e distribución (calidade) de forma que os produtos no mercado sexan seguros, presenten un balance beneficio-risco positivo e sexan eficaces para as indicacións autorizadas.

Accións:

• Inspección e verificación do cumprimento das boas prácticas clínicas (BPC) dos ensaios clínicos realizados en centros de investigación de Galicia.

• Inspección do cumprimento das normas de correcta fabricación en laboratorios fabricantes e/ou importadores de medicamentos e dos fabricantes e/ou importadores de principios activos para medicamentos de uso humano de Galicia.

• Inspección do cumprimento das normas de correcta fabricación ou das normas de correcta elaboración de preparacións extemporáneas de radiofármacos en unidades de radiofarmacia de Galicia.

• Inspección das boas prácticas de distribución de medicamentos e principios activos para medicamentos de uso humano das entidades de distribución de medicamentos de uso humano de Galicia.

• Control da verificación e desactivación dos identificadores únicos dos medicamentos por parte dos axentes obrigados polo Regulamento delegado (UE) 2016/161 da Comisión Europea, do 2 de outubro de 2015, que completa a Directiva 2001/83/CE do Parlamento Europeo e do Consello establecendo disposicións detalladas relativas aos dispositivos de seguridade que figuran no envase dos medicamentos de uso humano.

• Recollida de mostras dos medicamentos seleccionados, acondicionamento e remisión ao laboratorio oficial de control da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios.

• Control de produtos sanitarios no mercado.

• Detección de medicamentos ilegais.

Ámbito de actuación: centros de investigación de ensaios clínicos, laboratorios fabricantes de medicamentos e principios activos de medicamentos de uso humano, entidades de distribución de medicamentos, produtos sanitarios e principios activos de medicamentos de uso humano, establecementos de venda de produtos sanitarios, servizos de farmacias e oficinas de farmacia e calquera establecementos de venda ilegal de medicamentos.

VIII.II. Avaliación da calidade da asistencia prestada e detección de áreas de mellora nos establecementos e servizos de atención farmacéutica.

Accións:

• Revisión dos sitios web das oficinas de farmacia que realizaron comunicación da actividade de venda a distancia de medicamentos.

• Control dos requisitos aplicables á preparación e entrega de medicamentos en sistemas personalizados de dosificación (SPD) e verificación do cumprimento das normas de correcta elaboración de fórmulas maxistrais e preparados oficinais.

Ámbito de actuación: servizos de farmacia e oficinas de farmacia.

3. Seguimento e avaliación do plan.

A Subdirección Xeral de Inspección de Servizos Sanitarios realizará o seguimento das actuacións con carácter anual e valorará o grao de cumprimento destas, a efectividade dos seus resultados e o grao de consecución dos obxectivos, que se incluirá na memoria anual que se elevará á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade.

Para tal efecto, deseñaranse indicadores de cumprimento de cada un dos obxectivos e das actuacións planificadas. Sen prexuízo do seguimento anual do grao de consecución dos obxectivos, realizarase unha avaliación final deste plan.