DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Luns, 8 de xullo de 2024 Páx. 40922

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 25 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para fomentar a innovación, a mellora tecnolóxica e a competitividade no sector da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PE205I).

BDNS (Identif:): 772185.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas acuícolas e as súas entidades asociativas con ámbito de actuación local ou autonómico, legalmente constituídas e inscritas no correspondente rexistro, que desenvolvan proxectos de innovación en colaboración con organismos científicos ou técnicos recoñecidos polo Estado ou pola la Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos desta orde, considéranse empresa acuícola as persoas físicas ou xurídicas, titulares de establecementos que se dedican á realización de actividades de acuicultura en calquera ou todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia, incluídos os que teñan carácter experimental.

Segundo. Finalidade

Esta orde, con código de procedemento PE205I, ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2024 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas á realización de proxectos que teñan como obxecto:

a) Desenvolver coñecementos técnicos, científicos ou organizativos nas explotacións acuícolas que, en particular: reduzan o impacto no ambiente, avalíen o impacto e a adaptación ao cambio climático, melloren o aproveitamento do espazo e a optimización da alimentación e a nutrición; impulsen un uso sustentable dos recursos na acuicultura; optimicen os procesos, os recursos e o aproveitamento dos residuos a través da economía circular; melloren a sanidade e o benestar dos animais; melloren a seguridade alimentaria; faciliten novos métodos de produción sustentable; incorporen melloras nas especies (xenéticas e fisiolóxicas); melloren a rastrexabilidade.

b) Desenvolver ou introducir no mercado: novas especies acuícolas con bo potencial de mercado; produtos novos ou substancialmente perfeccionados; procesos novos ou perfeccionados, ou sistemas de xestión e organización das explotacións novos ou perfeccionados.

c) Estudar a viabilidade técnica ou económica de produtos, ou procesos e servizos innovadores, que acheguen coñecementos no ámbito económico ou sociolóxico.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 25 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para fomentar a innovación, a mellora tecnolóxica e a competitividade no sector da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PE205I).

Cuarto. Importe

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria que figura no cadro que se insire dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2024. O importe máximo das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderá á seguinte contía:

Aplicación orzamentaria

Proxecto

Ano 2024

Ano 2025

Total

46.02.723A.770.3

2023 00189

428.571,00 €

400.000,00 €

828.571,00 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2024

Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar