DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 5 de xullo de 2024 Páx. 40727

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2024 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba a modificación da convocatoria das bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), publicadas pola Resolución do 17 de xaneiro de 2024, co incremento do crédito orzamentario para os exercicios 2024 e 2025 (código de procedemento IG535A).

No Diario Oficial de Galicia núm. 15, do 22 de xaneiro do 2024, publicouse a Resolución do 17 de xaneiro de 2024 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG535A).

Cos apoios financeiros habilitados, trátase de dar resposta ás necesidades de financiamento detectadas nas pemes galegas, combinando axudas en forma de garantía para facilitar o acceso ao crédito das pemes de Galicia con subvencións dos gastos financeiros, no actual contexto de elevados tipos de xuro. Para iso, no anexo I das ditas bases reguladoras, establécense dúas modalidades de operación financiables:

a) Préstamos avalados para o crecemento das pemes, co obxecto de favorecer, mediante reavais, o acceso a préstamos a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/ou circulante estrutural por parte das pemes galegas, e dando a posibilidade de aplicar os fondos, total ou parcialmente, ao pagamento e/ou reestruturación de débedas con entidades financeiras.

b) Garantías ante terceiros vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos, co obxecto de favorecer a capacidade das pemes para outorgar garantías fronte a terceiros, para garantir o cumprimento de contratos, tráfico comercial ou avais técnicos.

En ambas as modalidades, o apoio do Igape consiste nunha bonificación da comisión do aval e, se é o caso, do tipo de xuro, e a posibilidade, en aplicación da normativa vixente de avais do Igape, de reaval de, como máximo, o 25 % do risco asumido polas SGR.

O prazo para a presentación de solicitudes comezou o 23 de xaneiro de 2024, e atópase aberto o dito prazo ata o 30 de setembro de 2024 ou o esgotamento orzamentario. Neste período de tempo, estas liñas de financiamento tiveron moi boa acollida e recibíronse solicitudes que superan amplamente o orzamento previsto nesta convocatoria.

Por isto, o Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 27 de maio de 2024, acordou a modificación da convocatoria coa ampliación do crédito orzamentario para as anualidades do exercicio 2024 e 2025, de xeito que permitan incrementar o volume máximo de operacións financeiras no importe de 40.000.000 €, e elevar os importes máximos para reavalar en 10.000.000 €.

Por todo o anterior, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación de crédito

Modificar a Resolución do 17 de xaneiro de 2024 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG535A), en concreto o punto cuarto da convocatoria (dotación orzamentaria) pasará a ter a seguinte redacción:

a) Provisións para atender posibles falidos

Dotaranse provisións para atender posibles falidos do exercicio 2024 polo importe máximo de 3.000.000 € (partida orzamentaria 09.A1.741A.8900). As dotacións ao fondo de garantía de avais materializaranse cunha retención de crédito polo 10 % do importe máximo de cada reaval que conceda o Igape ante as SGR que subscriban o convenio asinado para o efecto no período de vixencia. Establécese un límite máximo total de operacións financeiras avaladas polas SGR estimado en 120.000.000 €, cun límite máximo de reavais do Igape ante SGR de 30.000.000 €, respectando, xunto cos restantes avais concedidos ou que poida conceder o Igape, o límite de risco establecido pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma. A concesión dos reavais previstos nesta convocatoria está condicionada a que en ningún momento se supere, xunto coa suma do risco vivo por avais e reavais previamente concedidos polo Igape, o límite de saldo efectivo vixente que se estableza na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma en vigor no momento da resolución. Anualmente, e mentres as operacións reavaladas estean en vigor, será rexistrada ao inicio de cada exercicio unha retención de crédito na partida orzamentaria indicada, aplicando a porcentaxe de provisión ao montante de reavais vivos. Durante o exercicio, esta retención de crédito será incrementada por cada reaval concedido e minorarase, de ser o caso, en proporción aos reavais minorados conforme a información trimestral de avais vivos facilitada para tal efecto polas SGR.

b) Compensacións ás SGR e subvención de gastos financeiros.

En relación coas compensacións económicas ás SGR, as subvencións ao tipo de xuro e comisións de aval financiaranse con cargo á partida orzamentaria 09.A1.741A.7700, cunha dotación de 750.000 € no exercicio 2024, 9.300.000 € no exercicio 2025 e 4.500.000 € no exercicio 2026, conforme o seguinte detalle:

2024

2025

2026

Fondo de garantía avais (09.A1.741A.8900)

3.000.000

 

 

Compensacións económicas SGR (09.A1.741A.7700)

375.000

405.000

Subvención xuros e comisión (09.A1.741A.7700)

375.000

8.895.000

4.500.000

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica