DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 3 de xullo de 2024 Páx. 40518

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial A Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada).

A Convención da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) para Salvagardar o Patrimonio Cultural Inmaterial define este como os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas –xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que son inherentes a eles– que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñecen como parte integrante do seu patrimonio cultural, e que se transmite de xeración en xeración, recreado constantemente polas comunidades e grupos en función do seu ambiente, a súa interacción coa natureza e a súa historia, introducindo un sentimento de identidade e continuidade e contribuíndo, deste xeito, ao respecto da diversidade cultural e á creatividade humana.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG).

O artigo 1.2 da citada LPCG establece que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

O artigo 8.2 da LPCG dispón que terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, e inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, despois da incoación e tramitación do expediente, segundo ditaminan o título I da LPCG e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural.

O artigo 9.3.a) da LPCG establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no ordinal 5º deste artigo inclúense «os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos».

O artigo 70.4 da LPCG dispón que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial requirirá a petición expresa previa das comunidades e organizacións representativas do ben, que será incorporada ao expediente que se tramite.

O artigo 70.5 da LPCG establece que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial recoñecerá o seu carácter vivo e dinámico.

O artigo 70.6 da LPCG expón que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial recollerá o marco temporal e espacial no cal o ben se manifesta, así como as condicións concretas en que se produce.

O artigo 91 da LPCG indica que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

A Rapa das Bestas de Sabucedo, declarada festa de interese turístico internacional en 2007, é o nome que recibe na actualidade o conxunto das operacións que se celebran, principalmente, na parroquia de Sabucedo, concello da Estrada, provincia de Pontevedra, durante catro días contados desde o primeiro venres do mes de xullo: venres, sábado, domingo e luns.

As operacións que conforman a manifestación inmaterial da Rapa das Bestas consisten en recoller os cabalos silvestres, denominados tradicionalmente «bestas», que viven durante todo o ano ceibos e divididos en diversas greas nunha extensión de sesenta quilómetros cadrados de monte, denominado xenericamente Montouto e pertencente a varias parroquias de varios concellos, e conducilas a Sabucedo. Isto realízase durante toda a xornada do venres e durante a mañá do sábado e recibe o nome de «baixa». Nela participan, xunto coa veciñanza, centos de persoas de toda Galicia e de fóra dela. O sábado á tarde, o domingo e o luns, as bestas son introducidas no recinto do curro para rapalas, é dicir, para cortarlles as crinas, ao tempo que se desparasitan. Dentro do recinto do curro, a rapa é realizada polos aloitadores e aloitadoras nunha loita corpo a corpo, denominada «aloita», na cal se inmobiliza o animal coa finalidade de rapalo.

Inserida no contexto histórico de cada momento, a rapa é, ademais, unha das festas máis antigas de Galicia, cunha antigüidade constatada documentalmente de como mínimo tres séculos, onde os valores de autenticidade, identidade e vontade colectiva converten a Sabucedo, unha aldea que durante o ano non supera os sesenta habitantes, no centro de atención de todos os medios do país e de fóra de Galicia.

A análise do contido da documentación que contén o expediente administrativo, realizada polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, conclúe que A Rapa das Bestas de Sabucedo se configura como unha manifestación inmaterial sobranceira da Comunidade Autónoma de Galicia e, por tanto, é susceptible de ser declarada ben de interese cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.

Tendo en consideración todo o exposto, e o contido da documentación do expediente, e por resultar A Rapa das Bestas de Sabucedo unha manifestación sobranceira do patrimonio cultural inmaterial de Galicia, a directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias establecidas no artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en virtude do disposto no título I da LPCG e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural A Rapa das Bestas de Sabucedo, como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia, segundo a descrición recollida no anexo I e as medidas de salvagarda establecidas no anexo II desta resolución. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses, contados a partir da data desta resolución. Se, transcorrido ese prazo, non se emite resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento administrativo.

Segundo. Inscribir de forma preventiva A Rapa das Bestas de Sabucedo como manifestación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicar a resolución ao Inventario Xeral do Patrimonio Cultural Inmaterial do Estado para a súa correspondente anotación preventiva.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Notificar esta resolución ao Concello da Estrada e á Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo.

Quinto. Abrir un período de información pública polo prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para que calquera persoa física ou xurídica poida consultar o expediente e presentar as alegacións e informacións que considere oportunas. O expediente poderase examinar no Servizo de Inventario (Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, bloque, 2º andar, Santiago de Compostela), con petición de cita previa.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición da manifestación inmaterial

1. Denominación: A Rapa das Bestas de Sabucedo.

2. Natureza e condición:

• Natureza: inmaterial.

• Condición: manifestación.

• Categoría: os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos (artigo 9.3.a).5 da LPCG).

• Interese: etnolóxico.

3. Contexto histórico da Rapa das Bestas de Sabucedo.

A existencia desde tempos inmemoriais de greas de cabalos en estado salvaxe nos montes que circundan a parroquia de Sabucedo queda demostrada nos abundantes petróglifos que se atopan na zona, do mesmo xeito que ocorre nalgúns dos lugares en que se seguen a celebrar curros e rapas, como os de Oia, o Baixo Miño ou Catoira. Estes gravados mostran, por tanto, a importancia simbólica que tiñan en época protohistórica, xunto cos cervos, os cabalos.

Na Idade Media, en concreto a comezos do século XIII, segundo as investigacións feitas ata o momento, é cando se teñen as primeiras novas da cría e aproveitamento dos cabalos que viven en liberdade nos montes de Sabucedo, como lugar dependente do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro.

Sabucedo pasa a depender desde 1410 do Cabido de Santiago, despois da anexión do mosteiro de Codeseda, co que se vai manter durante toda a Idade Moderna a dependencia eclesiástica, continuadora da anterior dependencia de Sabucedo dos mosteiros de Carboeiro e de Codeseda. Esta dependencia señorial comporta unha obriga secular que a veciñanza de Sabucedo ten cos seus señores e co aproveitamento das bestas, para cuxo fin as hai que coidar e manter.

Será neste contexto onde vai comezar a xurdir, durante o século XVIII, a historia concreta da celebración da rapa das bestas como acto que transcende os traballos tradicionais de manexo gandeiro que se dan noutros curros que aínda se celebran en Galicia para converterse nun evento fondamente identitario e festivo.

Como se desprende das anotacións dos libros parroquiais, parece que a rapa se realizaba cunha finalidade –a venda das sedas continuou ata os anos 70 do século XX– e nunha forma semellante á actual desde polo menos o primeiro terzo do século XVIII. No ano 1724, na orde do arcebispo Miguel Herrero Esgueva de que as sedas das bestas sexan para a Igrexa é onde figura a primeira noticia, que consta hoxe en día, referente ao feito de rapar as bestas, é dicir, cortarlles as crinas aos cabalos.

Os primeiros curros dos cales se ten constancia son os que se celebraban no adro da igrexa, que periodicamente era obxecto de danos e reformas. Así, na petición de licenza que fai en 1778 o párroco Felipe Carabeo para a construción do actualmente coñecido como «curro vello», explícanse todas as inconveniencias de celebrar o curro no espazo do adro da igrexa e as incomodidades que estas operacións causan e solicita permiso para construír un recinto nos terreos anexos pertencentes ao igrexario, de pouca utilidade. O curro vello estivo en uso desde a súa construción ata que no ano 1997 se inaugurou o curro novo.

O arraigo de que gozaba a festa desde antigo entre a veciñanza queda probado nos varios acontecementos en que interveñen os veciños e veciñas de Sabucedo para que esta teña continuidade, como o da «incautación das bestas» do ano 1862 en aplicación das leis de desamortización, a que a veciñanza se opuxo, ou o famoso episodio das rapas dos anos 1937 e 1938, en que, ante a ausencia de homes na aldea por mor da Guerra Civil, foron as mulleres as encargadas de xuntaren as bestas e realizaren os traballos de rapalas.

O proceso de apropiación identitaria da rapa das bestas desenvolvido pola veciñanza de Sabucedo ao longo do tempo é o que permitiu, malia todas as vicisitudes históricas, seguir adiante coa tradición e que chegara á actualidade.

4. Desenvolvemento da celebración da manifestación inmaterial: o seu marco temporal e espacial.

A celebración da Rapa das Bestas de Sabucedo engloba nesta denominación toda unha serie de operacións que se poden agrupar arredor de tres fases: a misa na alborada, a baixa e a rapa ou curro.

– A misa na alborada.

Malia as tensións existentes en determinados momentos do pasado entre a Igrexa –xa sexan os párrocos locais ou as instancias superiores– e a veciñanza de Sabucedo, a festa da rapa continúa tendo un certo compoñente relixioso, presente en determinados símbolos e espazos relacionados coa festa. Un exemplo disto é o feito de que os garañóns, cabalos xefes e protectores das diversas greas de bestas «do Santo» e «particulares», teñan que ser exclusivamente «do Santo».

Así mesmo, os primeiros momentos da celebración están intimamente ligados coa igrexa parroquial e os seus anexos. En efecto, o comezo da festa sinálao, no abrente mesmo do día, o estoupido dos foguetes, botados ao carón do templo, que anuncian simbolicamente a entrada nun tempo diferente. Isto ocorre cara ás seis e media, ao tempo que as campás da igrexa repenican con enerxía e, xunto co rebumbio dos foguetes, anuncian o momento de espertar. Esta é tamén a chamada á misa, que se celebra xusto a continuación e durante a que se lle pide protección a San Lourenzo para o desenvolvemento de todas as operacións que veñen a continuación. Desde o ano 2011, esta primeira xornada realízase o primeiro venres do mes de xullo, mentres que nos anos anteriores se celebraba o sábado.

– A baixa.

Logo da misa, a xente vaise xuntando no lugar coñecido como «O Celeiro», o punto de partida tradicional para realizar a subida ata as zonas altas do monte de Montouto, que abrangue as diversas zonas do monte en que se atopan as greas de bestas da eguada, cara ao solpor de Sabucedo, como os da Conla, do Cabeiro, de Corvos, Quintas, Cuíña, da Pranzadoira, de San Isidro, das Lamas, do Cádavo, etc., pertencentes a diversos concellos.

Existe un «atavío» para a subida ao monte e a posterior baixa. Ademais dun calzado e pantalón robustos, a xente do lugar porta o bocadillo colgando do cinto e, sobre todo, o «pau de moca», que unicamente se usa o día da subida ao monte. Este pau, de carácter ritual e festivo, caracterízase pola súa forma avultada nun extremo, que se utiliza ademais como apoio para afastar os toxos. Para a súa elaboración úsase normalmente un brote de cerquiño (Querqus pyrenaica), e o vulto da base é o engrosamento da raíz.

Xa no monte, vanse formando diversos grupos que, dirixidos pola veciñanza de Sabucedo, se encamiñan ata os lugares arriba citados, en que se localizan as diversas greas. Para recoller as diferentes mandas existen unhas rutas definidas ata os seus lugares de pastoreo. A distancia que se percorre pode variar dada a mobilidade das bestas. Todas estas rutas de «recollida» conflúen nunha serie de lugares como As Lamas, O Marco e, finalmente, O Peón. Desde aquí, partirán todas as greas xuntas cara a Sabucedo.

A dificultade radica en que as bestas non se van deixar capturar de bo grado e a súa velocidade e aptitudes para desprazarse polo monte superan en moito as capacidades das persoas, polo que estas operacións deben executarse co máximo sixilo, do seguinte xeito: o primeiro é localizalas, para isto é preciso coñecer as zonas en que se move cada unha, xa que cada grupo de animais ten un territorio definido. Normalmente, tenden a situarse en lugares elevados, desde onde manter un bo control visual. Así, trátase de ir establecendo un cerco coa finalidade de arrodealas desde lonxe procurando non inquietalas para que non dean en desbandada.

Unha vez reunidas as bestas condúcense ata O Peón, un lugar previamente acondicionado no alto do monte en que se xuntan todas as greas. Esta operación, a de conducir as bestas ao Peón, precisa de efectivos, coñecemento e organización. Establecido o cerco, o denominado «cordón», haberá que moverse de xeito coordinado para que os animais tamén se vaian desprazando na dirección axeitada.

Así mesmo, é precisa a comunicación entre a parte de diante e a traseira do cordón, pois os que van atrás son os responsables de que as bestas anden (para o que hai que «falarlles») e os primeiros, de que o fagan ao ritmo conveniente, sen que se aceleren demasiado nin decidan dar a volta. Para realizar esta operación a comunidade portadora emprega un código propio de expresións: «facede cordón», «non as apertedes», «faládelles ás bestas», «xente ao monte», «xente adiante», «tapade esa boqueira», «agachádevos», «abrídelles ás bestas», «abrídevos para fóra», «parade as bestas»... Para «falarlles ás bestas» emítese un berro característico coa finalidade de facelas andar: «ghou, ghou» ou «ghou, goupa ghou» e tamén «ghagha, ghagha, ghá».

Desde o ano 2011 a xornada no monte realízase o venres e a baixa das bestas reunidas no Peón ata Sabucedo divídese en dúas fases. Unha primeira, en que as bestas se conducen desde O Peón ata un lugar próximo a Sabucedo coñecido como Peche do Castelo, que se realiza o venres, e unha segunda fase, en que se remata a baixa das bestas desde o dito Peche do Castelo ata a aldea de Sabucedo, que se executa o sábado cara ao mediodía.

Na xornada do sábado, cara ás dúas da tarde, novamente os foguetes se encargan de anunciar a chegada das bestas, un dos momentos importantes da festa, en que toda a veciñanza se atopa un ano máis coas diferentes greas, símbolo da súa propia identidade. Neste preciso intre xúntase a mocidade cos maiores, que xa non van ao monte mais que son memoria viva da manifestación inmaterial e animan os máis novos a continuar coa tradición da rapa.

Despois do ritual da entrada das bestas na aldea, estas son conducidas ata o peche do chamado Monte de Arriba, en que son controladas para evitar posibles fugas ou roubos. Do mesmo xeito, entre curro e curro, as bestas descansan e son atendidas neste recinto.

– A rapa ou curro.

As operacións que se realizan no curro o sábado, domingo e luns da primeira fin de semana de xullo son, pola súa espectacularidade, a parte máis coñecida da festa. As imaxes dos aloitadores e aloitadoras de Sabucedo tratando de domear as bestas están presentes estes días nos máis diversos medios nacionais e internacionais.

É de interese subliñar que, mentres nas operacións que se desenvolven no monte participa activamente a veciñanza de Sabucedo xunto coa das parroquias lindeiras, no curro son os aloitadores ou aloitadoras quen realizan todas as tarefas; entre elas, «aloita-la besta», unha loita entre o home e a besta ou o garañón, que require práctica, gallardía e coraxe.

Para a realización da operación de «aloita-las bestas», en que se inmobiliza, desparasita e rapa a besta, é precisa a participación de varias persoas. Unha vez escollido o animal que se vai rapar, un primeiro aloitador salta sobre o seu lombo e agárrase ás crinas. A besta trata de fuxir e abrirse camiño entre as demais, o que proporciona o espazo suficiente para que outros dous aloitadores se aproximen ao animal. Postos de acordo de antemán, un dos aloitadores tratará de situarse á esquerda ou á dereita da cabeza do cabalo para agarralo cruzando os brazos sobre o pescozo e a cabeza, tapándolle a visión, mentres o terceiro agarra o rabo da besta. O aloitador que vai enriba da besta, ao aproximarse o seu compañeiro por un dos laterais, descenderá tamén dela agarrando a cabeza e o pescozo polo lado contrario. Isto faise da maneira máis coordinada posible. O motivo de agarrar a besta pola cabeza é taparlle o campo de visión, mentres o aloitador que colle o rabo realiza uns movementos laterais e cara a atrás, que desequilibran o animal, que así perde parte da súa forza. Estes movementos, xunto coa privación do campo de visión, permiten que os aloitadores inmobilicen o animal. Este xeito de dominar o cabalo non sempre resulta doado, pois as bestas, e aínda máis os garañóns, superan en peso e forza as tres persoas que participan na aloita.

Unha vez inmobilizado o animal, entran en xogo unha ou dúas persoas máis, normalmente de maior idade, que pola súa condición física, axilidade ou anos renuncian a participar na aloita, tarefa reservada aos máis novos, pero que continúan colaborando no curro cortándolles as crinas ás eguas. Rapado o animal, este libérase e continuará ceibo no curro entre o resto das bestas.

Algunhas das expresións que se utilizan no curro son: «apertádeas», «ollo, que treme!», «esta é unha bicicleta», «fasme un rabo?», «tesoiras!», «ollo, que ten as orellas para atrás!», «tápalle o ollo!».

5. Valoración cultural.

A rapa das bestas é a manifestación inmaterial máis clara que existe en Galicia da relación ancestral entre uns animais, neste caso, os cabalos, e os seres humanos, como xa se reflicte nos gravados rupestres de cuadrúpedes con escenas de monta existentes preto de Sabucedo. A celebración da Rapa das Bestas de Sabucedo, e doutras rapas, permitiu que esta emblemática especie silvestre, fundamental para a conservación dos ecosistemas de media montaña en Galicia, sobrevivise ao longo dos séculos sendo unha das máis representativa das que quedan en todo o mundo. A rapa é, por tanto, testemuña dunha actividade de manexo dun ecosistema, do cal forman parte as bestas do monte, a través dunha serie de prácticas ancestrais.

A loita entre os aloitadores e aloitadoras coas bestas, a tarefa denominada «aloita-la besta», require unha experiencia e un valor, e transmite unha espectacularidade, que fan que, hoxe en día, a manifestación inmaterial adquirise unha notoriedade que comporta que teña presenza, os días da súa celebración, nos medios de comunicación galegos, españois e internacionais, así como unha gran concorrencia de persoas no lugar chegadas das máis diversas procedencias.

A Rapa das Bestas de Sabucedo ten un valor cultural sobranceiro, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ao tratarse dunha manifestación inmaterial que mantén o respecto pola tradición e polos rituais, que foron e son transmitidos de xeración en xeración, ao menos durante os últimos tres séculos, que é reflexo da apropiación identitaria feita da manifestación inmaterial pola veciñanza de Sabucedo ao longo dos anos.

6. A comunidade portadora e as formas de transmisión.

Considérase portadora aquela persoa que posúe saberes, coñecementos, técnicas e métodos relacionados co estudo, memoria, e vivencia da Rapa das Bestas de Sabucedo. Por tanto, todas aquelas persoas que activan nas súas vidas a vivencia da rapa das bestas, co fin da súa reprodución, salvagarda e transmisión deben ser consideradas persoas pertencentes á comunidade portadora da manifestación inmaterial da Rapa das Bestas de Sabucedo.

A transmisión do misticismo, dos rituais, das lendas, das operacións e das tradicións que compoñen a manifestación inmaterial realizouse e realízase fundamentalmente de forma oral no marco familiar e veciñal en que participan habitualmente varias xeracións.

Un exemplo do anterior é a función iniciática que se desenvolve no curro. Trátase dun dos primeiros momentos que se producen tras o ingreso das bestas no recinto: a separación dos poldros ou, como se coñecen en Sabucedo, os «bichos». Encárganse destas tarefas, asistidos polos maiores, os nenos e as nenas da aldea, quedando así, simbolicamente, admitidos no grupo e como depositarios ou garantes da continuidade da tradición. A tensión do momento e o valor que deben ter os nenos e as nenas que se inician nos traballos do curro é notable, pois ao contrario que noutros curros de Galicia, en Sabucedo non hai costume de separar os garañóns e retiralos para evitar que se enfronten nas diferentes topadas, e que contribúen, coas súas pelexas, ao conxunto do espectáculo.

Na actualidade, a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo é a encargada da xestión da festa e de todos os asuntos que teñen que ver coas bestas. A asociación centra os seus recursos nas seguintes actividades principais:

1. Manter o rabaño das bestas que viven en liberdade nos montes e que a aldea de Sabucedo sexa historia viva dunha relación de interdependencia e respecto entre persoas, contorna natural e bestas.

2. A conservación e coidado en particular das mandas de bestas «do Santo». Esta actividade inclúe principalmente medidas de:

• Seguimento e monitorización.

• Marcación.

• Desparasitación.

• Defensa dos animais de roubos, ataques, incendios e agresións.

3. A organización da Festa de Interese Turístico Internacional Rapa das Bestas de Sabucedo, que ofreza ano tras ano actividades vinculadas coa cultura galega e o seu folclore. Esta organización abrangue:

• A baixa das bestas do monte.

• Celebración do curro.

• Organización da festa propiamente dita: actuacións musicais, contratación de seguridade, acondicionamento dunha zona de acampada…

4. Promoción da festa a través de actividades durante todo o ano, exposicións, xestión das redes sociais e comunicados de prensa.

5. Coidado das zonas do monte onde pacen as bestas, realizando os labores de roza e limpeza precisos.

6. Realización dos labores tendentes a asegurar un marco legal favorable aplicable no desempeño desta actividade.

ANEXO II

Medidas de salvagarda

O artigo 1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, ten como obxectivo a protección, conservación, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia constituído polos bens e manifestacións inmateriais que, polo seu valor, deban ser considerados como de interese para a cultura galega a través do tempo e, tamén por aqueles bens e manifestacións inmateriais de interese para Galicia en que concorra algún dos valores sinalados e que se atopen en Galicia, con independencia do lugar en que se creasen.

O artigo 9.3 da devandita lei establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no ordinal 5º deste artigo inclúense «os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos».

Así mesmo, o artigo 91 dispón que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

As medidas xerais de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial comprometen as administracións públicas, dentro das súas competencias e dispoñibilidades orzamentarias, a garantir a súa viabilidade, nomeadamente a súa identificación, documentación, rexistro, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización.

En consecuencia, é conveniente proceder ao arquivo e á sistematización dos documentos e demais materiais relacionados con este patrimonio cultural inmaterial para poder ter unha comprensión máis eficaz e completa del, e a súa difusión debe ser promovida, auspiciada e, na medida do posible, sería recomendable que se incorporase ao ensino tanto formal como non formal. Este traballo supón, de feito, apoiar a transferencia de coñecementos, técnicas e significados sen fixar ou fosilizar a manifestación, asegurando a súa viabilidade e promovendo o establecemento dun marco social e comunitario que permita unha constante recreación, valorización e transmisión do ben.