DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 3 de xullo de 2024 Páx. 40389

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

DECRETO 163/2024, do 24 de xuño, polo que se modifica o Decreto 89/2013, do 13 de xuño, polo que se fixan os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de música e artes escénicas, de idiomas, deportivas, de conservación e restauración de bens culturais e nos estudos superiores de deseño.

O Decreto 89/2013, do 13 de xuño, polo que se fixan os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de música e artes escénicas, de idiomas, deportivas, de conservación e restauración de bens culturais e nos estudos superiores de deseño estableceu os prezos públicos correspondentes aos devanditos estudos e, no seu artigo 7, as bonificacións e exencións destes.

Co obxecto de atenuar o esforzo das familias, así como primar a excelencia do alumnado que cursa estudos de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Arte Dramática, Conservación e Restauración de Bens Culturais, Deseño e Música nos centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, recóllese unha bonificación do 99 % do importe da matrícula dos créditos correspondentes, en cada caso.

O novo sistema de bonificacións en ningún caso vén substituír o sistema nacional de bolsas, polo que o alumnado beneficiario deste, ou que poida chegar a selo, estará obrigado a solicitar as ditas bolsas mentres poida ser beneficiario delas. Deste xeito, a bonificación regulada neste decreto poderá beneficiar o alumnado que non obteña a bolsa de matrícula estatal.

Este mecanismo, que se aplica independentemente do nivel de renda e de patrimonio familiar, ten como obxectivo promover a retención do talento xove na nosa comunidade e fomentar o rendemento académico.

Desde a promulgación da antedita norma ata a actualidade implantáronse na Comunidade Autónoma de Galicia os estudos de máster en Ensinanzas Artísticas, polo que cómpre fixar os prezos públicos correspondentes a estas ensinanzas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en exercicio das facultades outorgadas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, tras o informe da Consellería de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e catro de xuño de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 89/2013, do 13 de xuño, polo que se fixan os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de música e artes escénicas, de idiomas, deportivas, de conservación e restauración de bens culturais e nos estudos superiores de deseño

O Decreto 89/2013, do 13 de xuño, polo que se fixan os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de música e artes escénicas, de idiomas, deportivas, de conservación e restauración de bens culturais e nos estudos superiores de deseño, queda modificado como segue:

Un. Engádese o número 8 ao artigo 7, que queda redactado como segue:

8. Bonificación de prezos públicos nas ensinanzas conducentes ao título de grao en ensinanzas artísticas superiores.

a) Alumnado de novo ingreso.

O alumnado que se matricule por primeira vez no primeiro curso das ensinanzas conducentes ao título de grao en ensinanzas artísticas superiores nun centro público da Comunidade Autónoma de Galicia terá dereito á bonificación do 99 % dos prezos públicos da totalidade dos créditos (60 ECTS) nos seguintes casos:

– Alumnado que accedeu aos estudos superiores logo da superación das probas específicas de acceso na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Alumnado que accedeu directamente aos estudos superiores de grao en Deseño ou de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais sen necesidade de realizar a proba específica de acceso ao ter acadado un título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño.

b) Alumnado de continuidade con matrícula completa.

O alumnado que se matricule en condición de continuidade (de 2º a 4º curso) nas ensinanzas conducentes ao título de grao en ensinanzas artísticas superiores na totalidade dos créditos (60 ECTS) do curso que corresponda, poderá optar á bonificación do 99 % dos prezos públicos nun número de créditos igual aos aprobados en primeira matrícula no curso anterior ao que se matricule, cando cumpra os seguintes requisitos:

– Estar matriculado nas ensinanzas conducentes ao título de grao en ensinanzas artísticas superiores nun centro público da Comunidade Autónoma de Galicia no curso anterior ao que se matricule na totalidade dos créditos correspondentes (60 ECTS).

– Ter superado en primeira matrícula no curso anterior ao que se matricule, como mínimo, o 90 % da totalidade dos créditos (60 ECTS).

c) Alumnado de continuidade con matrícula parcial.

O alumnado que se matricule en condición de continuidade (de 2º a 4º curso) nas ensinanzas conducentes ao título de grao en ensinanzas artísticas superiores que non se matricule na totalidade de créditos do curso que corresponda, poderá optar á bonificación do 99 % dos prezos públicos nun número de créditos igual aos créditos aprobados en primeira matrícula no curso anterior ao que se matricule, cando cumpra os seguintes requisitos:

– Estar matriculado nas ensinanzas conducentes ao título de grao en ensinanzas artísticas superiores nun centro público da Comunidade Autónoma de Galicia no curso anterior ao que se matricule nun número inferior á totalidade dos créditos correspondentes.

– Ter superada a totalidade dos créditos matriculados no curso anterior ao que se matricule.

d) Alumnado beneficiario das bolsas do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

Sen prexuízo do cumprimento do disposto nos puntos anteriores, o alumnado que reúna os requisitos para optar ás bolsas do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes terá en conta o seguinte:

– Se o alumnado foi beneficiario da bolsa deste ministerio durante o curso anterior ao que se matricule, deberá achegar a solicitude de bolsa para o curso no que se matricule, presentada en prazo e en forma.

– Se o alumnado non foi beneficiario da bolsa deste ministerio durante o curso anterior ao que se matricule, deberá, ou ben acreditar a solicitude da citada bolsa para o curso no que se matricule nos termos do punto anterior, ou ben presentar, no momento de formalización da matrícula, unha declaración responsable de non cumprir os requisitos económicos para a súa obtención, segundo o establecido no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Ao alumnado que resulte beneficiario das bolsas do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes e presente a súa credencial de bolseiro no centro onde se atope matriculado seralle de aplicación o establecido no punto 1 do artigo 7 do Decreto 89/2013, do 13 de xuño.

O alumnado que non resulte beneficiario das bolsas do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes ou que presente unha declaración responsable de non cumprir os requisitos económicos para a súa obtención terá dereito á bonificación establecida no número 8 do presente decreto, sempre e cando cumpra os requisitos establecidos nas letras a), b) ou c) do presente decreto, segundo corresponda en cada caso.

As persoas solicitantes que non acheguen a solicitude ou incorran en falsidade, inexactitude ou omisión de datos na súa declaración responsable, deberán reintegrar os ingresos indebidos da parte do prezo público considerada bonificada, cos xuros e as recargas que procedan.

e) Créditos con dereito a bonificación.

Unicamente serán obxecto de bonificación os créditos que sexan necesarios para a obtención dun só título de grao en ensinanzas artísticas superiores por estudante.

f) Recoñecemento e transferencia de créditos.

O alumnado que cumpra os requisitos establecidos nas letras a), b) ou c) do presente decreto, terá dereito a bonificación do 99 % dos prezos que correspondan ao recoñecemento e transferencia de créditos nos seguintes casos:

– Recoñecemento de créditos por ter cursado un ciclo formativo de grao superior.

– Recoñecemento de créditos por ter cursado estudos de grao no mesmo centro ou en distintos centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Recoñecemento de créditos por estudos realizados en programas de mobilidade estudantil.

g) Cálculo da bonificación.

O prezo de referencia para o cálculo da bonificación para o alumnado que curse estudos de grao en ensinanzas artísticas superiores en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia será o establecido neste decreto para os créditos en primeira matrícula dos estudos de grao en que se matricule.

O importe da bonificación será o 99 % da contía da totalidade dos créditos matriculados, no caso de alumnado de novo ingreso. Para o alumnado de continuidade, o importe da bonificación será o 99 % do prezo dos créditos aprobados en primeira matrícula, segundo o establecido nas letras b) e c) do presente decreto.

A bonificación aplicarase, como máximo, aos prezos públicos correspondentes ao número de créditos en primeira matrícula, sen que poida dar lugar, en ningún caso, á devolución de importes.

Esta bonificación efectuarase logo de aplicar calquera outra bonificación e/ou exención recollida no presente decreto ou no resto de normativa vixente.

h) Información ao alumnado.

O alumnado será informado de que se trata dunha bonificación concedida pola Xunta de Galicia do 99 % dos prezos públicos do número de créditos que corresponda en cada caso e da contía total desta bonificación.

Dous. Engádese a letra c) ao anexo, na súa epígrafe segunda, que queda redactada como segue:

Ensinanzas artísticas superiores

c) Máster en ensinanzas artísticas:

Proba de acceso: 64 €.

Apertura de expediente académico: 22 €.

Servizos xerais: 13 €.

En 1ª matrícula, por crédito ECTS: 7,8 €.

En 2ª ou sucesivas matrículas, por crédito ECTS: 11,5 €.

Recoñecemento de créditos ECTS, por crédito: 1 €.

Disposición transitoria única. Aplicación ao curso académico 2024/25

No que respecta ao curso académico 2024/25, resultará de aplicación o previsto no presente decreto aínda que a súa matrícula se teña iniciado con anterioridade á entrada en vigor.

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xuño de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional