DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Martes, 2 de xullo de 2024 Páx. 40347

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, pola que se acorda o arquivamento do procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Carlos Llamosas Fernández.

Mediante a Resolución do 21 de xullo de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio (publicada no DOG nº 150, do 8 de agosto; BOE suplemento de notificacións nº 191, do 11 de agosto, e no taboleiro de anuncios dos concellos da Coruña e Barakaldo), acordouse a incoación do procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Carlos Llamosas Fernández (ABI/2018/0023).

Unha vez aberto o prazo para a presentación de alegacións, documentos ou outros elementos de xuízo que puidesen cuestionar a sucesión a favor da Administración autonómica, recibiuse un escrito de presuntos familiares do causante que alega mellor dereito a suceder ca o da Comunidade Autónoma, xuntado ademais a documentación acreditativa da súa parentela.

Examinado o escrito de alegacións presentado e a documentación a el unida, o Servizo de Protección e Defensa Patrimonial da Subdirección Xeral do Patrimonio emite informe no cal se propón o arquivamento do expediente de declaración, por considerar que existen persoas con mellor dereito a herdar.

O artigo 155.2 da Lei 6/2023, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que se acordará o arquivamento do procedemento se a sucesión non procedese a favor da Comunidade Autónoma.

Segundo o anterior, en exercicio das competencias atribuídas á Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio no artigo 4 da Lei 6/2023, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no seu título III, así como nos artigos 14 e 16 do Decreto 141/2024, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública,

RESOLVO:

Primeiro. Arquivar o procedemento incoado o 21 de xullo de 2023 para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Carlos Llamosas Fernández, con DNI 14556763V.

Segundo. Publicar a presente resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, área temática de patrimonio, anuncios, que se poderá consultar na seguinte ligazón: https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios

Unha copia desta resolución será remitida para a súa exposición pública por prazo non inferior a un mes no taboleiro de anuncios dos concellos da Coruña e Barakaldo.

Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, de conformidade cos artigos 112 e seguintes da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024

José María Barreiro Díaz
Director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio