DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 1 de xullo de 2024 Páx. 40130

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 18 de xuño de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 11 de xuño de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común de Rebordondo, Chaos, Peimouro e Chairas, no concello de Nogueira de Ramuín.

Unha vez examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) de Rebordondo, Chaos, Peimouro e Chairas, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Santa Cruz de Rubiacós, no concello de Nogueira de Ramuín, resulta o seguinte:

Feitos.

Primeiro. O 20.9.2022 a CMVMC de Santa Cruz de Rubiacós presentou unha solicitude (Rexel número 2022/2306861) de revisión parcial de esbozo do MVMC Rebordondo, Chaos, Peimouro e Chairas, no concello de Nogueira de Ramuín.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 10.7.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 18 de xullo de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe o perímetro lindeiro con particulares. Non se modifican tampouco os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC Rebordondo, Chaos, Peimouro e Chairas, unha vez revisado o esbozo, resulta de 340,42 ha fronte ás 355 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 4 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Rebordondo, Chaos, Peimouro e Chairas.

Consideracións legais e técnicas.

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con el, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 18 de xullo de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 14 de maio de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Rebordondo, Chaos, Peimouro e Chairas, pertencente á CMVMC de Santa Cruz de Rubiacós, no concello de Nogueira de Ramuín.

Ourense, 18 de xuño de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense