DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 1 de xullo de 2024 Páx. 40134

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 18 de xuño de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 12 de xuño de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común de San Fiz e Louxeira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Éntoma, no concello do Barco de Valdeorras.

Unha vez examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) de San Fiz e Louxeira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da parroquia de Éntoma, no concello do Barco de Valdeorras, resulta o seguinte:

Feitos.

Primeiro. O 25.4.2023 a CMVMC da parroquia de Éntoma presentou unha solicitude (Rexel número 2023/1255539) de revisión de esbozo do MVMC San Fiz e Louxeira, no concello do Barco de Valdeorras.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do día 10.9.2022.

– Memoria e plano.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

– Informes de validación gráfica emitidos pola Dirección Xeral do Catastro.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 4 de agosto de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes lindeiras con particulares, así como tamén os tramos estremeiros co MVMC Pena Escrita (pertencente á CMVMC da parroquia do Barrio de Cascallás, no termo municipal de Rubiá) e co MVMC Ladeiras (pertencente á CMVMC da parroquia de Sobradelo, no termo municipal de Carballeda de Valdeorras).

A superficie do MVMC San Fiz e Louxeira, unha vez revisado o esbozo, sería de 183,67 ha fronte ás 167 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 10,0 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC San Fiz e Louxeira, de xeito que o perímetro quedaría revisado nas estremas con particulares e mais nas estremas cos MMVVMC Peña Escrita e Ladeiras, é dicir, na súa integridade.

Consideracións legais e técnicas.

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 4 de agosto de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 14 de maio de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC San Fiz e Louxeira, pertencente á CMVMC da parroquia de Éntoma, no concello do Barco de Valdeorras.

Ourense, 18 de xuño de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense