DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 28 de xuño de 2024 Páx. 39869

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2024 pola que se convoca un curso de formación sobre Patrimonio das entidades locais, Catastro e Rexistro da Propiedade.

De acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Concello de Pontevedra para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar o curso que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoal participante

Poderán participar nas accións formativas convocadas nesta resolución o persoal directivo, os funcionarios con habilitación de carácter nacional, o persoal da escala de Administración xeral e o persoal da escala de Administración especial cuxo posto de traballo teña relación coa materia impartida do Concello de Pontevedra, que se encontren en situación de servizo activo (incluído permiso por maternidade ou do proxenitor distinto da nai biolóxica por nacemento, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar) e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para estas actividades se indique na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web https://egap.xunta.gal

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes principiará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 12 de xullo de 2024.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de telepresenza, deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web actualizado.

Para as actividades impartidas na modalidade de telepresenza contarán, ademais, cun manual de usuario na páxina web da EGAP na seguinte ligazón <https://egap.xunta.gal/formulariosrecursos> onde se indica como acceder a esta plataforma de telepresenza e os compoñentes que o equipo necesita para un funcionamento básico da plataforma.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas).

Cuarta. Protección de datos persoais e comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación na acción formativa convocada a través desta resolución, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP) na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar nesta acción formativa serán publicados conforme o detallado na base sexta desta resolución. Así mesmo, os datos dos alumnos e alumnas relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

As sesións dos cursos impartidos na modalidade de telepresenza serán gravadas coa finalidade de ofrecer ao alumnado a posibilidade do seu visionado posterior como material de estudo, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o considera oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/ou micrófono e participar a través do chat de acordo coas indicacións da persoa docente. As devanditas gravacións conservaranse á disposición do alumnado e profesorado durante o tempo que dure a acción formativa ou, de ser o caso, ata que finalice a avaliación do alumnado. A retransmisión das sesións formativas, e a gravación destas, poderá ser accesible unicamente ao profesorado e alumnado a que van dirixidas e ao persoal da EGAP autorizado.

Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións, e particularmente a súa compartición en redes sociais xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual, e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.

As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso. Neste caso, a persoa interesada deberá indicalo incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar ademais unha copia dos documentos a cuxa consulta se opón a través do seguinte enderezo electrónico xestion.egap@xunta.gal

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico xestion.egap@xunta.gal

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Quinta. Criterios de selección

1. Os criterios de selección que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 10 de maio de 2023 (DOG núm. 96, do 23 de maio), corrección de erros (DOG núm. 130, do 10 de xullo, e DOG núm. 148, do 4 de agosto), sen prexuízo dos criterios específicos establecidos na epígrafe «persoal destinatario» de cada actividade formativa incluída no anexo II desta resolución.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo). Para o ano 2024 segundo a Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 31 de xaneiro (DOG núm. 29, do 9 de febreiro), comezarase pola letra «H».

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal unha relación das persoas admitidas, en reserva e excluídas para participar en cada curso, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Sétima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e o seguimento da actividade de telepresenza

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia.

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para formalizar a renuncia poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal

O prazo para presentar escrito de renuncia iniciarase ao día seguinte do remate do prazo de matrícula e finalizará tres días antes do inicio da actividade formativa.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

1º. Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

2º. Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

3º. Por razóns de conciliación familiar.

4º. Por outras causas xustificadas documentalmente.

O feito de non contar co software correspondente a cada actividade e indicado no anexo II desta resolución non se considerará causa xustificada para renunciar fóra de prazo á actividade formativa.

3. A asistencia e o seguimento das actividades formativas:

3.1. Seguimento das actividades presenciais e telepresenciais:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais ou telepresenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais ou telepresenciais, pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia ás sesións de telepresenza.

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final.

– Superar unha proba de avaliación que se realizará ao final dela.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP e o Concello de Pontevedra

1. A EGAP e o Concello de Pontevedra poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Concello de Pontevedra reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e Concello de Pontevedra garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV24073.

Patrimonio das entidades locais, Catastro e Rexistro da Propiedade.

1. Obxectivos.

Formar o persoal do Concello de Pontevedra na xestión do patrimonio, no funcionamento do Catastro e a súa relación cos tributos locais, así como da relación dos bens públicos co Rexistro da Propiedade.

2. Destinatarios/as.

Persoal directivo, funcionarios con habilitación de carácter nacional, persoal da escala de Administración xeral e persoal da escala de Administración especial cuxo posto de traballo teña relación coa materia impartida do Concello de Pontevedra.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: telepresenza.

Duración: 20 horas.

Edicións: unha.

Datas: 28 e 30 de outubro e 4, 6, 11 e 13 de novembro de 2024.

Prazas: 50.

4. Contido.

Día 28.10.24. Das 16.30 ás 19.30 horas (3 horas).

Réxime patrimonial das entidades locais. Clasificación dos bens. Adquisición de bens e dereitos.

Día 30.10.2024. Das 16.00 ás 19.30 horas (3,5 horas).

Alleamento de bens e concesións demaniais nas entidades locais.

Día 4.11.2024. Das 16.00 ás 19.30 horas (3,5 horas).

Xestión patrimonial nas entidades locais.

Día 6.11.2024. Das 16.30 ás 19.30 horas (3 horas).

O sistema de información catastral. O acceso á información catastral. A actualización e mantemento do Catastro. Alteracións catastrais. A colaboración coas entidades locais.

Día 11.11.2024. Das 16.00 ás 19.30 horas (3,5 horas).

Catastro e tributos locais.

Día 13.11.2024. Das 16.00 ás 19.00 horas (3 horas).

Bens públicos e Rexistro da Propiedade. Inmatriculación de leiras. Comunicacións e subministración de información por fedatarios públicos. Coordinación interadministrativa. Coordinación Castastro e Rexistro da Propiedade.

Día 13.11.2024. Das 19.00 ás 19.30 horas (0,5 horas).

Proba final.

5.Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 25 de xaneiro de 2022 (BOE núm. 26, do 31 de xaneiro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración de cursos de formación e perfeccionamento para efectos do baremo de méritos xerais do persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,40 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, corrección, DOG núm. 77, do 22 de abril) sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.