DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 28 de xuño de 2024 Páx. 39959

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á repotenciación do autotransformador AT-III da subestación Atios 220/132/15 kV, no termo municipal do Porriño (Pontevedra), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2023/420-4).

Feitos:

1. O 22.8.2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) presentou, ante a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial; actualmente, Dirección Territorial de Pontevedra; en diante, dirección territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á repotenciación do autotransformador AT-III da subestación Atios 220/132/15 kV, no termo municipal do Porriño (Pontevedra), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2023/420-4.

Esta solicitude acompañouse (ou completouse posteriormente) da seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado «Subestación Atios 220/132/15 kV-repotenciación autotransformador AT-III 220/132 kV 120 MVA», datado en agosto de 2023 e asinado polo enxeñeiro industrial Diego Berguño Suárez (colexiado nº 4.290 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias do Principado de Asturias); e en que figura un orzamento total de 186.645,90 euros.

• Declaración responsable asinada polo técnico proxectista e integrada no anexo II do proxecto, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

• Declaración asinada polo técnico proxectista o 25.9.2023, que recolle que o proxecto non está sometido a ningún trámite de avaliación de impacto ambiental.

• Separatas técnicas do proxecto de execución para as seguintes entidades afectadas por este: Concello do Porriño.

Segundo consta no proxecto de execución, na subestación Atios 220/132/15 kV proxéctase a substitución do actual autotransformador AT-III 220/132 kV de 100 MVA por un novo de 120 MVA.

2. O 30.10.2023, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica ás seguintes entidades: Concello do Porriño.

Esta entidade non contestou, polo que, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

3. O 27.5.2024, a dirección territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado del á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (en diante, DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, e incorporou os seguintes informes:

• Informe favorable sobre o proxecto de execución, emitido o 6.5.2024 polos servizos técnicos da dirección territorial.

• Informe favorable para a resolución do expediente, emitido o 24.5.2024 pola dirección territorial.

Consideracións legais e técnicas:

1. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

2. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, ao tratarse dunha subestación cunha potencia superior aos 75 MVA, de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b.2 para as autorizacións administrativas previa e de construción) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 73, do 14 de abril), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellería da Xunta de Galicia (DOG nº 81, do 24 de abril), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio).

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á repotenciación do autotransformador AT-III da subestación Atios 220/132/15 kV, no termo municipal do Porriño (Pontevedra), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, denominado «Subestación Atios 220/132/15 kV-repotenciación autotransformador AT-III 220/132 kV 120 MVA».

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado «Subestación Atios 220/132/15 kV-repotenciación autotransformador AT-III 220/132 kV 120 MVA», datado en agosto de 2023 e asinado polo enxeñeiro industrial Diego Berguño Suárez (colexiado nº 4.290 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias do Principado de Asturias); e en que figura un orzamento total de 186.645,90 euros.

2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, a dirección territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a dirección territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas