DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 28 de xuño de 2024 Páx. 39882

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2024, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de museos, convocado pola Resolución do 30 de marzo de 2022 pola que se dá publicidade de diversos acordos.

Na sesión que tivo lugar o 18 de xuño de 2024, tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de museos, convocado pola Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 30 de marzo de 2022 (DOG núm. 65, do 4 de abril),

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, anular a pregunta número 150 do primeiro exercicio. O seu lugar pasa a ser ocupado pola pregunta 161. Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, superarán o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obteñan unha puntuación mínima de quince puntos (15 puntos). Para estes efectos, de conformidade coas bases da convocatoria, mediante a Resolución deste tribunal do 9 de abril de 2024 estableceuse que superan o exercicio as persoas aspirantes que acaden o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. Unicamente de darse o caso de que ningunha das persoas aspirantes supera este exercicio se rebaixará ao mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. Cada resposta incorrecta desconta un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Unha vez feita a corrección na sesión do 13 de xuño de 2024, acadou o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, unha única aspirante. Así, a valoración de 15 puntos correspóndese con 80 respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. A persoa declarada apta ten unha cualificación distribuída entre os 15 e os 30 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de museos, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024

María del Carmen Calviño Rodríguez
Presidenta do tribunal